Portal educativo IGE

ver o mapa do portal

O sector público
Definicións e conceptos teóricos


¿Que é o sector público?

O sector público é o conxunto de organismos administrativos, entidades e institucións das que emana o poder político dun país. No terceiro apartado imos analizar como se organiza o sector público en España. Pero primeiro convén analizar que funcións cumpre o dito sector público na economía, é dicir, cal é a súa razón de ser.

O papel do sector público na economía

Hoxe en día o sector público desempeña un papel moi importante na economía, pero non sempre foi así. O seu rol como axente económico foi variando co paso dos séculos, alternándose etapas nas que o seu desempeño económico foi escaso con outras de maior intervención. Nas sociedades desenvolvidas dos nosos días ao sector público recoñécenselle as seguintes funcións:

  • Fiscal: establece e cobra unha serie de impostos aos cidadáns, os cales utiliza para financiar os servizos públicos dos que gozamos na actualidade, tales como a defensa nacional, a construción das infraestruturas viarias, etc.
  • Reguladora: establece e fai cumprir unha serie de normas de actuación en materia económica, que se consideran necesarias para o correcto funcionamento dos mercados, como por exemplo a regulación da competencia empresarial, a protección dos consumidores, a lexislación sobre salario mínimo, etc.
  • Produtora de bens e provedora de servizos: produce ou presta unha serie de bens e servizos destinados a satisfacer necesidades que se consideran básicas para a cidadanía, tales como a ensinanza, a sanidade, etc. Tamén paga pensións e outro tipo de prestacións sociais.
  • Redistributiva: ten a acometida de lograr que o reparto da riqueza entre os cidadáns dun país, ou entre as distintas rexións do mesmo, sexa o máis igualitario posible, de tal forma que todos gocemos dun nivel de vida aceptable.
  • Control económico: trata de controlar a evolución das macromagnitudes económicas, para evitar que estas flutúen demasiado; tamén trata de paliar os efectos negativos destas flutuacións, pondo en marcha políticas que contrarrestan os ditos efectos.

Estas cinco funcións van encamiñadas a conseguir uns fins últimos, que se poderían resumir nos tres seguintes:

  • A eficiencia na asignación dos recursos: nunha economía a asignación dos recursos é eficiente cando se consigue o máximo aproveitamento deles, é dicir, non existen recursos ociosos, nin mal utilizados, e a produción que se consegue con eles é máxima. O sector público intervén nos mercados para solucionar as posibles situacións de ineficiencia nos mercados: provén produtos que estes non ofrecen en cantidade suficiente ou cuxos prezos impiden o seu acceso a unha parte da poboación, evitan que determinadas prácticas empresariais (o caso dos monopolios) ocasionen subidas inxustificadas dos prezos, etc.
  • A equidade na distribución da renda: os mercados distribúen os bens e servizos segundo a capacidade adquisitiva para adquirilos, non segundo as necesidades dos cidadáns; iso orixina que moitas persoas non teñan acceso a determinados bens que se consideran de primeira necesidade; para evitar isto, o sector público transfire unha parte dos ingresos dos que máis teñen aos que menos teñen.
  • A estabilidade macroeconómica: os dous apartados anteriores considéranse metas de curto prazo, é dicir, obxectivos que deben estar presentes na labor diaria, semanal e mensual do sector público. No longo prazo, ademais destas dúas, os obxectivos da política económica encamíñanse cara a consecución do pleno emprego, a estabilidade dos prezos e o crecemento económico do país.

A organización do sector público en España

En España a organización do sector público responde a unha estrutura descentralizada; así, poden distinguirse tres niveis dentro da mesma: o sector público estatal ou central, o sector público autonómico e o sector público local. Cada un dos tres niveis anteriores é competente nun ámbito territorial distinto. O sector público estatal ten a potestade de lexislar e executar todas aquelas normativas que afecten á totalidade do territorio nacional. O sector público autonómico é competente en materias que afecten única e exclusivamente ao ámbito da Comunidade Autónoma, e o sector público local ao ámbito territorial correspondente (provincial se se trata dunha deputación, ou municipal se se trata dun concello). Na táboa seguinte tes máis información sobre a organización do sector público en España:

Sector público ESTATAL ou CENTRAL
Sector público AUTONÓMICO
Sector público LOCAL
  • Órganos constitucionais (Coroa, Cortes Xerais e Tribunal de Contas)
  • Administración Xeral do Estado (integrada polos Ministerios e os seus órganos adscritos)
  • Seguridade Social
  • Organismos autónomos (por exemplo, Museo del Prado, Instituto Nacional de Estatística, Xefatura Superior de Tráfico, etc.)
  • Entidades públicas empresariais (Lotarías, Correos, Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), etc.)
  • Outros organismos públicos (Axencia Tributaria, Comisión Nacional do Mercado de Valores, etc.)
  • Fundacións e outras institucións sen ánimo de lucro do sector público estatal
  • Sociedades mercantís estatais (RENFE, RTVE, Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, etc.)
  • 17 Comunidades Autónomas e as Cidades Autónomas de Ceuta e Melilla




  • Organismos autónomos, entes públicos, sociedades mercantís, fundacións e outras institucións sen ánimo de lucro dependentes das comunidades e cidades autónomas (por exemplo, os servizos autonómicos de saúde, as televisións autonómicas, etc.)
  • Máis de 8.000 concellos


  • Ao redor de 50 deputacións e cabildos (nas Illas Canarias) ou consellos (nas Illas Baleares) insulares


  • Entidades locais supramunicipais (comarcas e mancomunidades de municipios) e inframunicipais (as parroquias e aldeas)


  • Organismos autónomos, entes públicos, sociedades mercantís, fundacións e outras institucións sen ánimo de lucro dependentes da Administración local
  • Nas seguintes ligazóns tedes acceso ao inventario completo de organismos e entes que se encadran dentro de cada nivel do sector público:

    Na nosa Comunidade Autónoma o sector público estrutúrase en torno a dous entes: o Parlamento, que é a institución da que emanan as leis autonómicas, e a Xunta de Galicia, encargada de executar os ditames parlamentarios. A Xunta é o órgano de goberno en Galicia e está integrada polas consellerías, cada unha delas competente nunha materia distinta. Na órbita das consellerías intégranse unha serie de entes e organismos autónomos, entre eles o Instituto Galego de Estatística IGE (adscrito á Consellería de Facenda), cuxas competencias derivan das atribucións que lles outorguen as consellerías. A misión principal do IGE, por exemplo, é promover o desenvolvemento do sistema estatístico da Comunidade Autónoma galega.

    O sector público autonómico conta tamén con outro conxunto de institucións, encadradas á marxe da Xunta e das súas consellerías, que presentamos no cadro de abaixo baixo a rúbrica de Institucións de Galicia. Entre elas atópase a figura do Valedor do Pobo, o Consello de Contas, etc., cuxas funcións aparecen delimitadas no Estatuto de Autonomía de Galicia. Por último, e aínda que no cadro non aparecen, no sector público autonómico tamén debemos incluír as sociedades mercantís públicas, entre as que se atopan algunhas moi coñecidas como a Radio Televisión de Galicia (RTVG).

    Se queres saber máis da organización do sector público galego tamén podes acudir á páxina web da Xunta de Galicia: Xunta de Galicia

    XUNTA DE GALICIA
    INSTITUCIÓNS DE GALICIA
    Presidencia Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza Consellería de Facenda Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas
    Consellería de Economía e Industria Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Consellería de Sanidade Consellería de Traballo e Benestar Consellería do Medio Rural e do Mar
  • Parlamento
  • Tribunal Superior de Xustiza
  • Consello de Contas
  • Real Academia Galega
  • Valedor do Pobo
  • Consello Consultivo de Galicia
  • Consello da Cultura Galega
  • Os orzamentos

    Anualmente, cada entidade pública elabora un orzamento onde se recolle a previsión dos seus ingresos e gastos para o exercicio económico.

    O procedemento para a elaboración dos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia é o seguinte:

    • Antes do día 1 de xullo as consellerías e órganos estatutarios teñen que remitir á Consellería de Facenda os seus estados de gastos.
    • No mesmo prazo cada consellería remite os anteproxetos dos orzamentos de gastos e ingresos dos organismos autónomos, entes públicos e sociedade públicas que teñan adscritos.
    • A Consellería de Facenda elabora o anteproxecto do orzamento de ingresos da Comunidade Autónoma no que se recolle a estimación dos recursos derivados das súas fontes de financiamento.
    • O Consello da Xunta aproba o anteproxecto da lei de orzamentos.
    • O proxecto de lei de orzamentos envíase ao Parlamento de Galicia antes do 20 de outubro para o seu debate e aprobación.
    • Se a lei non é aprobada polo Parlamento antes do primeiro día do exercicio económico no que deba aplicarse, prorróganse automaticamente os do exercicio anterior.

    A Intervención Xeral é o órgano encargado do control interno da actividade económica e financeira da Comunidade Autónoma.

    O gasto público

    A continuación desagrégase o orzamento consolidado de gastos da Administración xeral, dos organismos autónomos e axencias públicas autonómicas de Galicia para o ano 2015. A clasificación faise segundo a distribución funcional do gasto.

    Distribución funcional do orzamento consolidado de gastos da Administración xeral, dos organismos autónomos e axencias públicas autonómicas. Galicia. Ano 2015
    Miles de euros

    Fonte: Consellería de Facenda. Orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia

    O 34,8% do orzamento consolidado de gasto da administración da comunidade autónoma de Galicia irá destinado a sanidade e o 20,9% a educación. A débeda pública suporá o 15,5% do orzamento.

    Os ingresos públicos

    Na seguinte táboa móstrase o estado de ingresos do orzamento consolidado da Administración xeral, dos organismos autónomos e axencias públicas autonómicas de Galicia para o ano 2015.

    Orzamento consolidado de ingresos da Administración xeral, dos organismos autónomos e axencias públicas autonómicas. Galicia. Ano 2015
    Miles de euros

    Impostos

    Son tributos que as administracións públicas lles esixen aos individuos e ás empresas sen contraprestación. O pago de impostos realízase ao obter rendas (por traballo, pola realización dunha actividade económica, polo aluguer dunha vivenda, etc.), pola posesión de patrimonio e polo consumo que se realiza.

    Os impostos son a principal fonte de financiamento dos orzamentos das administracións públicas. De feito, para o ano 2012, aproximadamente o 50,6% da previsión de ingresos do orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia é por impostos (directos e indirectos).

    IMPOSTOS DIRECTOS
    IMPOSTOS INDIRECTOS
    Son os que gravan directamente a capacidade económica do individuo, como a posesión de patrimonio ou a obtención de renda. Gravan a circulación e o consumo de riqueza
    • Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF)
    • Imposto sobre sociedades (IS)
    • Imposto sobre a renda dos non residentes
    • Imposto sobre sucesións e doazóns
    • Imposto sobre o patrimonio
    • Imposto sobre bens inmobles (IBI)
    • Imposto sobre actividades económicas (IAE)
    • Imposto sobre vehículos de tracción mecánica
    • Imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana
    • Imposto sobre o valor engadido (IVE)
    • Impostos especiais
    • Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados
    • Impostos sobre as primas de seguros
    • Tráfico exterior
    • Imposto sobre construcións, instalacións e obras
    • Imposto sobre as vendas polo miúdo de determinados hidrocarburos

    Segundo como se fixe o tipo de gravame en función da capacidade económica , os impostos clasifícanse en:

    PROPORCIONAIS
    PROGRESIVOS
    REGRESIVOS
    O tipo impositivo (a porcentaxe pagada) é constante A porcentaxe pagada é crecente en función da renda e do patrimonio do suxeito A porcentaxe pagada é decrecente
    Exemplos:
    • IVE
    • Imposto de sociedades
    • Imposto sobre actividades económicas
    Exemplos:
    • IRPF
    • Imposto sobre sucesións e doazóns
    Non hai en España

    Principais impostos en Galicia:

    Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF)
    Imposto sobre o valor engadido (IVE)
    Imposto sobre sociedades (IS)
    ¿Que grava? A renda das persoas de acordo coas súas circunstancias familiares e persoais. Compoñen dita renda: os rendementos do traballo, do capital, de actividades económicas, e as ganancias e perdas patrimoniais. Recae sobre o consumo e grava as entregas de bens e as prestacións de servizos efectuadas por empresarios ou profesionais A renda das sociedades
    Tipo de tributo Directo e progresivo Indirecto e proporcional Directo e proporcional
    Tipo impositivo Progresivo Tipo xeral do 21% Tipo xeral do 30%

    Taxa

    Son tributos que se esixen pola utilización de servizos públicos ou pola realización de actividades públicas. Por exemplo, se unha persoa quere obter unha licenza de pesca marítima de lecer terá que pagar a correspondente taxa.

    Transferencias correntes

    Son operacións que non teñen contrapartida directa por parte de quen as recibe, destinadas a financiar operacións correntes. A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia recibe transferencias correntes da participación no sistema de financiamento, da Seguridade Social, de organismos autónomos do Estado, subvencións da administración xeral e do Fondo Social Europeo.

    Ingresos patrimoniais

    Son ingresos que proveñen do rendemento do patrimonio: xuros de contas bancarias, dividendos e participación en beneficios de empresas, concesións administrativas, aproveitamentos agrícolas e forestais e outros ingresos patrimoniais.

    Alleamento de investimentos reais

    Son os ingresos derivados da venda de bens de capital.

    Transferencias de capital

    Operacións sen contrapartida directa destinados a financiar operacións de capital. Entre as transferencias de capital destacan o programa operativo FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) e o FEADER/FEAGA (Fondo Europeo Agrícola para o Desenvolvemento Rural e Fondo Europeo Agrícola de Garantía)

    Activos financeiros

    Son activos financeiros o diñeiro en efectivo, os depósitos transferibles, o ouro monetario, os dereitos financeiros (outorgan aos propietarios o dereito a recibir un ingreso futuro por parte dos debedores), as accións, etc.

    Pasivos financeiros

    Son pasivos financeiros as débedas por operacións comerciais e non comerciais, as obrigacións, os bonos, os pagarés, etc.

    Déficit e débeda pública

    Nos apartados anteriores analizamos como se distribúe o orzamento xeral da Comunidade Autónoma galega en ingresos e gastos. En concreto, observamos que o orzamento de ingresos se clasifica en operacións correntes, de capital e financeiras. Polo lado do gasto, ademais da categorización funcional presentada arriba, tamén é posible realizar unha desagregación dos gastos similar á dos ingresos, atendendo a se se trata de gastos correntes, de capital e financeiros. Pois ben, se ao montante total dos ingresos correntes e de capital (ingresos non financeiros) lle restamos o dos gastos correntes e de capital (gastos non financeiros), obtemos a capacidade ou necesidade de financiamento do sector público.

    Na teoría, o saldo non financeiro debe ser nulo, situación que se presenta cando o total dos ingresos correntes e de capital é quen de sufragar os gastos correspondentes. Non obstante, a dita situación rara vez se presenta, xa que existen determinados gastos que, polo seu volume (por exemplo, as grandes infraestruturas públicas, como a construción da rede ferroviaria), son imposibles de abarcar cos ingresos obtidos no exercicio orzamentario anual. Cando isto sucede, o sector público vese na obriga de recorrer ao endebedamento con outros axentes, solicitando préstamos ás entidades bancarias, emitindo bonos e obrigacións de débeda, etc. Neste caso, dise que o saldo orzamentario é deficitario ou ben, que existe déficit público: o sector público necesita financiar unha parte dos gastos realizados e, para elo, contrae pasivos financeiros; ou o que é o mesmo, pide prestado cartos aos cidadáns e ás empresas, que terá que devolver ao cabo dun tempo cos xuros correspondentes. O montante total de todas as débedas que o sector público contraeu co paso do tempo e ten pendente de devolución coñéceselle co nome de débeda pública.

    Tamén é posible que o saldo orzamentario presente superávit, situación que ocorre cando os ingresos correntes e de capital superan aos gastos do mesmo tipo. Neste caso, o sector público conta cun excedente monetario que pode utilizar ben para facer fronte a débedas contraídas en exercicios anteriores (é dicir, para minorar a súa débeda pública), ou ben, para prestar fondos a outros axentes públicos ou privados (contraendo activos financeiros).

    Na seguinte táboa preséntase a débeda pública do sector público central e da Comunidade Autónoma galega nos dez últimos trimestres:

    Débeda pública (en miles de euros). España e Galicia