Portal educativo IGE

ver o mapa do portal

Economía. Macromagnitudes
Definicións e conceptos teóricos


As variables macroeconómicas

A macroeconomía céntrase no comportamento global do sistema económico; non se detén en reaccións individuais, senón que pretende estudar a realidade económica de forma global, reflectida nun número reducido de macromagnitudes ou variables económicas (valores dos bens e servizos que se producen, dos ingresos ou rendas que perciben os diferentes axentes da economía, do consumo e aforro das familias, do investimento das empresas, etc.).

O enfoque macroeconómico esixe, pois, a medición de certos agregados coma o Produto Interior Bruto (PIB), a Renda Nacional Bruta Dispoñible (RNBD), co obxecto de dispor dunha serie de indicadores que nos ofrezan unha representación cuantificada dunha determinada economía que sexa sistemática, comparable e completa. Elaborar esas macromagnitudes é o resultado da Contabilidade Nacional.

Criterio de agregación dos bens e servizos producidos: o prezo de mercado

A agregación dos distintos bens e servizos, coa fin de dispor das macromagnitudes precisas para analizar o funcionamento da economía (PIB, RNBD), faise mediante a súa valoración aos prezos de mercado, de xeito que poidamos sumar bens e servizos tan distintos como a produción de leite, a de mobles ou os servizos prestados por un economista.

A produción "non de mercado" é un servizo prestado polas administracións públicas de xeito gratuíto ou semigratuíto aos cidadáns (a sanidade pública, por exemplo), polo que non é posible utilizar o prezo como criterio de medición. Este tipo de servizos valórase polo seu custo de produción, que agrupa todos os custos nos que se incorre para poder prestar o servizo (soldos dos médicos, dos enfermeiros, compra de material cirúrxico, desgaste sufrido polos bens de capital, etc.)

O PIB como magnitude de síntese da actividade económica

O Produto Interior Bruto é a macromagnitude de síntese do resultado da actividade económica dun país. Resume pois nun só valor a dimensión económica do país, permitindo a súa análise, a comparación con outras economías, etc.

O PIB defínese como a corrente de bens e servizos finais producidos no territorio económico dun país durante un período de tempo determinado e valorada en unidades monetarias.

Da definición anterior cómpre salientar as seguintes consideracións:

  • A agregación dos distintos bens e servizos faise mediante a súa valoración aos prezos de mercado, na moeda nacional ou en calquera outra (euros, dólares, etc.).
  • É unha corrente, é dicir, é un fluxo ou renda xerada e non o patrimonio ou riqueza do país (que é un fondo ou variable stock).
  • Contabiliza bens e servizos finais, deixando fóra aos intermedios, xa que serán obxecto de transformación produtiva posterior.
  • Os bens e servizos finais deberán producirse no interior do país, é dicir, dentro do seu territorio económico, independentemente de que na súa obtención participaran unidades residentes e/ou non residentes.
  • Por convenio, o período de tempo considerado soe ser o ano natural (a efecto das comparacións internacionais), aínda que tamén se realizan contabilidades trimestrais.

O desenvolvemento das devanditas consideracións nos seguintes apartados permitirannos unha achega aos tres métodos de estimación do PIB.

Distinción entre variables fluxo e variables stock

Os termos de renda (variable fluxo) e riqueza (variable stock) empréganse, con frecuencia, coma se fosen sinónimos, o que constitúe un erro, xa que definen realidades distintas ao non ser a mesma a súa referencia temporal.

As variables fluxo sempre teñen unha dimensión temporal e expresan un valor que é o resultado do ocorrido ao longo dun período de tempo determinado (ano, mes, etc.), coma poden ser as vendas dunha empresa nun mes, o consumo dunha familia nun trimestre ou as importacións dunha empresa nun ano.

As variables stock carecen de tal dimensión temporal e reflicten unha cantidade acumulada nunha data concreta, como o patrimonio familiar ou a poboación existente ao día 01-01-2018.

O PIB sería pois un fluxo ou corrente de xeración tanto de bens e servizos coma de rendas para os factores produtivos, pero non sería o patrimonio ou a riqueza do país. A riqueza do país consistiría no volume de activos de diversa natureza da súa propiedade nunha data concreta.

A orixe do PIB ou da Renda Nacional

Como se pode ver reflectido na imaxe superior, o fluxo circular da renda é un xeito moi sinxelo de representar como se crea o produto ou renda nacional e como pode ser medida.

Recolle as transaccións que están a ter lugar entre dous grupos de xente: os consumidores (familias) e os produtores (empresas).

Toda economía está formada por moitas unidades independentes: miles de familias, miles de empresas e numerosos organismos e entidades públicas. As familias deciden canto desexan mercar e traballar, mentres que as empresas deciden canto producir e cantas persoas van contratar. Se esquecemos polo de agora o comportamento do sector público, resulta que as decisións conxuntas de todas as familias determinan o gasto total da economía, mentres que as decisións de todas as empresas determinan o nivel total de produción da economía. As economías domésticas son propietarias dos factores de produción (é dicir, do traballo, da terra e do capital) e ofrecénllelos ás empresas, que os empregan para producir bens e servizos. Como contraprestación polo uso dos factores de produción, as empresas pagan ás familias unhas certas cantidades en forma de salarios, beneficios e rendas da terra. Estas cantidades denomínanse, xenericamente, rendas. As familias gastan estas rendas en bens e servizos producidos e ofrecidos polas empresas.

En consecuencia, da análise do esquema do fluxo circular da renda, obtemos que o produto ou renda nacional pode medirse por dous camiños:

  • Mediante o gasto. Na metade superior recóllense as compras ou gastos de consumo que realizan as familias coas empresas. Situacións de este tipo son, por exemplo, a compra dun coche ou a contratación cunha axencia de viaxes. A familia dá cartos á empresa e a cambio esta entrégalle o ben ou servizo requirido.
  • Mediante as rendas obtidas na produción. Na metade inferior recóllense os ingresos ou rendas que as familias reciben polos factores produtivos, xa sexa o traballo, a terra ou o capital, que empregan as empresas na produción. Representa situacións coma o salario que reciben os traballadores, os xuros que reciben os accionistas, etc. Estas remuneracións, en mans das familias, irán de novo, en forma de gasto, ás empresas, pechándose deste xeito o círculo.

Ambos camiños, correspondentes á metade superior e inferior do esquema, respectivamente, son equivalentes e o resultado, polo tanto, debe ser o mesmo. Por este motivo poderemos coñecer o PIB medindo o que gastan todos os consumidores dun país, ou ben as rendas que se reparten entre os factores produtivos empregados na produción.

Distinción entre produción e VEB

Aparentemente, se atendemos ao apartado A orixe do PIB ou da Renda Nacional, o método máis directo para determinar o valor total da produción de bens e servizos dunha economía durante un período de tempo determinado sería localizar todas as empresas que produciron algo durante ese período, calcular o valor do producido e sumar as cifras de todas as empresas. Non obstante este método non pode empregarse como indicador do resultado da actividade económica (o PIB), xa que estaríamos a contabilizar varias veces todos aqueles produtos que atravesan distintas etapas no proceso de produción, de xeito que se venden varias veces antes de chegar a mans do usuario final. Para evitar esta dobre contabilización, ao medir o PIB dun país teranse en conta só os bens e servizos finais e non se incluirán os bens e servizos intermedios (que son empregados para producir outros bens e servizos e que a Contabilidade Nacional denomina Consumos Intermedios).

Supoñamos que unha fábrica de bicicletas merca as cubertas das rodas a un fabricante de pneumáticos. Ao calcular o PIB, se empregáramos o procedemento antes sinalado, contaríamos as cubertas incorporadas nas bicicletas dúas veces, nunha ocasión dentro do produto total da fábrica de pneumáticos e, por segunda vez, ao contabilizar as bicicletas vendidas aos consumidores.

De xeito alternativo, a actividade económica pode considerarse coma un proceso mediante o cal as empresas engaden valor aos bens e servizos mercados a outras unidades (Consumos Intermedios) mediante a aplicación do traballo e capital, obtendo outros produtos novos (o produto final). Segundo este punto de vista, en cada proceso produtivo estase a computar como resultado da actividade económica o valor engadido aos produtos xa existentes que, por outra parte, é o que permite calcular a remuneración dos factores produtivos.

O Valor Engadido Bruto (VEB) calcúlase por diferenza entre o valor da produción (Pbs) e os consumos intermedios (CI) empregados para obter dita produción.

VEB = Pbs - CI

Por iso, o PIB tamén pode obterse como suma dos valores engadidos brutos obtidos nos distintos procesos produtivos. Verémolo mellor coa axuda do seguinte exemplo:

Supoñamos unha economía na que só existen dúas actividades produtivas: a agricultura obtén trigo por valor de 100 unidades monetarias (u.m.) e a industria agroalimenticia elabora a partir do trigo a pasta alimenticia (único ben que chega ao consumidor) valorada en 1.000 u.m.

O valor da produción será a suma do valor do trigo (100) e da pasta (1.000), é dicir, 1.100 u.m. Pero o valor do trigo está incluído dentro da pasta alimenticia, polo que a produción contabiliza dúas veces o ben intermedio.

Se ao valor da produción lle descontamos o valor dos consumos intermedios, obtemos o valor engadido por cada actividade, que para a agricultura sería de 100 u.m. (100-0) e para a industria agroalimenticia 900 u.m. (1.000-100).

O resultado global da actividade económica é a suma dos valores engadidos brutos en cada actividade (100+900=1.000) ou, o que é o mesmo, o valor dos bens e servizos finais (a pasta alimenticia=1.000).

Magnitudes interiores e magnitudes nacionais

Para poder comprender a distinción entre as magnitudes interiores e as magnitudes nacionais cómpre ter presente o que se considera por residente. Un axente considérase residente do país se realiza a súa actividade propia (consumir, se é unha familia; producir, se se trata dunha empresa, etc.) dentro do territorio económico de dito país por un período de tempo igual ou superior a un ano. Aqueles axentes económicos que, participando na actividade económica do país, non cumpren o criterio de residencia denomínanse non residentes.

Deste xeito, a distinción entre o produto "interior" e o produto "nacional" débese ao feito de que, mentres no produto interior valórase toda a produción de bens e servizos finais realizada no interior do país (independentemente de que na súa produción participaran axentes económicos residentes ou non no país), no produto nacional inclúese unicamente a produción levada a cabo polas persoas que gozan da condición de residente no país (independentemente de que a dita produción teña lugar dentro ou fóra do territorio).

Así, o PIB é unha macromagnitude interior, polo que na súa cuantificación integrarase o valor do producido polas multinacionais estranxeiras dentro de Galicia, e non se terá en conta o valor do producido polas empresas nacionais instaladas no estranxeiro. Pola contra, o Produto Nacional Bruto (PNB), ao tratarse dunha macromagnitude nacional, cuantifica o valor do producido polas empresas nacionais instaladas no estranxeiro e non ten en conta o que producen as multinacionais estranxeiras dentro de Galicia.

As tres vías de estimación do PIB

Como xa sabemos,o Produto Interior Bruto (PIB) é a magnitude de síntese do resultado da actividade económica dun país. Tal e como se expuxo nos apartados A orixe do PIB ou da Renda Nacional e Distinción entre produción e VEB , son tres os métodos ou vías alternativas que se empregan para calcular o PIB, e que se corresponden cos distintos fluxos que se xeran como consecuencia da actividade económica. Polo tanto, a obtención da mesma macromagnitude por estas tres vías permítenos cuantificar unha mesma realidade económica en distintos momentos do circuíto económico:

  • Pola vía da produción ou oferta, medimos o PIB no momento en que se produce a xeración do valor engadido nas diferentes actividades económicas.
  • Pola vía da renda, cuantificamos o PIB no momento no que o valor engadido xerado se reparte entre os factores produtivos participantes.
  • Pola vía do gasto ou demanda, obtemos o PIB no momento no que os individuos realizan o gasto da súa renda na adquisición dos bens e servizos finais.

1. A vía da produción ou oferta

Pola vía da oferta, o PIB representa a suma das contribucións de cada rama de actividade (agricultura, industria, construción e servizos) á creación de valor engadido.

Calcúlase como a suma do valor engadido bruto de cada rama ou, o que é o mesmo, como a diferenza entre a produción obtida e os consumos intermedios empregados con este fin. Ao VEB total hai que sumar unha cantidade adicional para obter a cifra do PIB, que representa os impostos menos as subvencións que pagamos os consumidores cando mercamos os bens ou contratamos os servizos (como por exemplo, o IVA ou os impostos especiais sobre o tabaco ou o alcohol). Estes impostos son pagados polos consumidores, non polos produtores e, por este motivo, non se integran dentro do valor engadido xerado polos distintos sectores de actividade:

PIB = Pbs - CI = S VEB por ramas de actividade + Impostos netos sobre os produtos

Por esta vía obtense o PIB na fase na que a aplicación de traballo e capital a un conxunto de inputs permite obter produtos de maior valor que posteriormente serán vendidos no mercado.

Na seguinte ligazón tes acceso aos datos do cálculo do PIB galego pola vía da oferta para os tres últimos anos dispoñibles: Vía da produción ou oferta

A vía da oferta ou do valor engadido infórmanos da distribución sectorial da renda. Así, poderemos saber que actividades son as que xeran máis renda, e polo tanto teñen un maior peso no PIB.

1.- Na seguinte ligazón tes a distribución sectorial do valor engadido para o ano 2011. Con estes datos poderás saber cal é a actividade que ten máis peso no PIB en Galicia:

PIB por sectores

  • Representa graficamente os datos, nun diagrama de barras ou nun gráfico de sectores. Para elo consulta o apartado de Representacións gráficas

    Distribución sectorial do PIB. Galicia. Ano 2018

    Fonte: IGE. Contabilidade trimestral

2. A vía da renda

Pola vía da renda, o PIB obtense como suma das remuneracións aos propietarios dos factores produtivos (traballo e capital) que interviron nos procesos produtivos.

O feito de que na produción se xere valor engadido permite que os factores produtivos sexan remunerados:

  • Remuneración de asalariados (RA). Representa o conxunto de rendas percibidas polos traballadores asalariados.
  • Excedente bruto de explotación (EBE). Recolle o resto de rendas xeradas e que non remuneran o traballo asalariado, tales coma xuros, dividendos, rendas da terra ou beneficios non distribuídos.
  • Rendas mixtas (RM). Comprenden as remuneracións do factor capital no caso dos empregados autónomos.

A expresión do PIB pola vía da renda é, polo tanto, a seguinte:

PIB = S VEB = RA + EBE + RM

Na seguinte ligazón tes acceso aos datos do cálculo do PIB galego pola vía da renda para os últimos tres anos dispoñibles: Vía da Renda

3. A vía da demanda ou gasto

Dende o punto de vista da demanda, o PIB rexistra as utilizacións dos bens e servizos finais producidos.

Os bens e servizos finais poden ser utilizados en operacións de consumo ou de investimento:

  • Consumo final (CF). Representa o valor dos bens e servizos empregados para satisfacer directamente as necesidades humanas (tanto individuais coma colectivas) dos cidadáns: é o caso dos alimentos, os automóbiles ou os servizos sanitarios. Exceptúanse as vivendas.
  • Formación bruta de capital (FBC). Está composta polos bens de uso duradeiro, adquiridos no período, e que son empregados coma medios de produción (factor capital) durante varios exercicios económicos (anos). Inclúense as fábricas, a maquinaria, os medios de transporte, etc., que foron adquiridos para ser empregados nalgún proceso produtivo.

A suma do consumo final e a formación bruta de capital dá lugar á Demanda Nacional, que cuantifica o gasto realizado en bens e servizos finais polas persoas residentes.

Ademais, hai unha parte dos bens e servizos producidos no interior que son adquiridos por non residentes:

  • Exportacións de bens e servizos (X). Comprenden o valor de todos os bens e servizos vendidos polos residentes ao resto do mundo.

Finalmente, posto que a Demanda Nacional contabiliza o total de bens e servizos adquiridos polos residentes e unha parte dos mesmos non foron producidos no territorio, senón que proceden do resto do mundo, cómpre descontar o valor dos mesmos para que o resultado final sexa o PIB, é dicir, o producido dentro do territorio:

  • Importacións de bens e servizos (M). Mide o valor de todos os bens e servizos mercados polos residentes ao resto do mundo.

A diferenza entre exportacións e importacións denomínase Saldo Exterior de bens e servizos (SEbs). En resumo, o PIB polo lado do gasto obtense da expresión:

PIB = Consumo + Formación Bruta de Capital + Exportacións - Importacións = DN + SEbs

O total de recursos empregados por unha economía é igual ao total de empregos:

Recursos Empregos
PIB
Consumo (C)
Investimento (FBC)
Importacións (M)
Exportacións (X)

Na seguinte ligazón tes acceso aos datos do cálculo do PIB galego pola vía do gasto para os últimos tres anos dispoñibles: Vía Gasto

As tres vías de cálculo do PIB teñen que coincidir no seu resultado final.

Na seguinte ligazón tes acceso ao cálculo do PIB galego polas tres vías:

PIB de Galicia

O feito de dispor de tres métodos para chegar a un mesmo resultado permite non só obter información complementaria dunha determinada realidade económica, senón tamén que o valor final obtido sexa máis fiable que se estivese calculado por unha soa, dado que se están a empregar diferentes fontes de información.

Outras macromagnitudes económicas e as súas interrelacións

A Contabilidade Nacional, ademais do PIB, estima outras macromagnitudes de síntese que pretenden perfeccionar a medida da renda xerada, coma a Renda Nacional Bruta (RNB) ou a Renda Nacional Bruta Dispoñible (RNBD).

1. Do PIB ao PNB

Como xa dixeramos, o PIB, ao tratarse dunha magnitude interior, valora a renda xerada dentro do territorio económico, independentemente de que na produción de bens e servizos participen residentes e/ou non residentes. Non obstante, cando se quere informar do nivel de renda do que dispoñen os habitantes do país temos que referirnos á renda xerada polos residentes, tanto no interior do país coma no resto do mundo. A macromagnitude que reflicte esta realidade é o Produto Nacional Bruto (PNB) ou o que é o mesmo, a Renda Nacional Bruta (RNB).

Para poder transformar a renda interior en renda nacional temos que considerar as remuneracións (do traballo e do capital) que obteñen en España os non residentes e as que obteñen os residentes españois no resto do mundo:

  • Rendas do traballo. Inclúen as rendas do traballo recibidas por residentes habituais en España que traballan temporalmente no estranxeiro, e a retribución a traballadores non residentes que temporalmente realizan traballos por conta allea no noso país.
  • Rendas da propiedade. Son a parte do excedente bruto de explotación que se destina a remunerar o capital produtivo cuxos propietarios non residen en España, e á inversa, cando as rendas son percibidas por residentes españois que prestan recursos ao resto do mundo.

A diferenza entre as remuneracións percibidas do resto do mundo (polos residentes españois) e as pagadas ao resto do mundo (aos non residentes que temporalmente traballan en España) denomínase Rendas netas do Exterior (RnE).

Se partimos das rendas xeradas no territorio (PIB) e lles sumamos as rendas netas do exterior (RnE), obtemos a Renda Nacional Bruta (RNB), que recolle exclusivamente as rendas que percibiron os axentes residentes en España.

PIB + RnE = RNB = PNB

2. Da RNB á RNN

Ao definir algunhas magnitudes (coma o PIB ou a FBC) empregamos o termo "bruto", o que ven significar que na súa valoración non se descontou a perda de valor (depreciación) sufrida cada ano polos bens duradeiros empregados nos procesos produtivos, e que a Contabilidade Nacional denomina Consumo de Capital Fixo (CCF). Ditos bens perden valor polo seu uso, o paso do tempo ou a aparición de novas técnicas que os deixan obsoletos, polo que hai que repoñelos cada certo tempo, como é o caso da maquinaria ou dos elementos de transporte.

Cando, pola contra, si se desconta dita depreciación, as macromagnitudes valóranse en termos "netos". Para pasar de macromagnitudes brutas a netas, teremos, polo tanto, que descontar o CCF. Deste xeito, podemos obter o PIN, a RNN, etc.

A Renda Nacional Neta (RNN) obtense pois ao descontar o CCF á RNB. Esta macromagnitude informa da renda que percibiron os residentes, descontada aquela parte da mesma que debe reservarse para afrontar a reposición de capital produtivo.

Cando as estatísticas internacionais publican datos referidos á Renda Nacional dos países, a variable, en rigor, identificaríase con esta magnitude.

3. Da RNB á RNBD

A renda nacional non ten en conta que, entre residentes e non residentes, tamén teñen lugar transferencias correntes de renda, que alteran a renda que obteñen os mesmos. Tales transferencias incrementan a renda dos que as reciben e reducen a renda dos que as pagan.

  • Transferencias correntes co resto do mundo. Son pagos ou ingresos que non conlevan contraprestación algunha, como por exemplo, as axudas que España presta a países en vías de desenvolvemento, as subvencións que nos concede a Unión Europea ou as denominadas "remesas de emigrantes".

A diferenza entre as transferencias que os residentes reciben dende o exterior e as que envían ao resto do mundo denomínase Transferencias netas co Exterior (TnE). Estas transferencias permítennos chegar a coñecer cal é a renda que finalmente vai estar a disposición dos residentes, xa sexa para consumir ou para aforrar, que se denomina Renda Nacional Bruta Dispoñible (RNBD). Se partimos da RNB e sumamos as transferencias netas do exterior, obtemos a RNBD:

RNB + TnE = RNBD

4. Do PIB ao PIB por habitante

Se dividimos o PIB polo número de habitantes que ten un país, obtense o que se denomina PIB por habitante. Soe empregarse para medir o crecemento económico dun país e permítenos comparar a súa situación con respecto á doutros países.

Exemplo:

2.- Cos datos do PIB de Galicia nos últimos anos e cos datos de poboación calcula o PIB por habitante. Encontrarás a información nas seguintes ligazóns:

PIB de Galicia

Poboación de Galicia (cifras poboacionais de referencia)

Fonte: IGE. Contabilidade trimestral, INE. Cifras poboacionais de referencia

  • Calcula a taxa de variación do PIB por habitante no período comprendido entre o primeiro ano e o último ano dispoñible.
  • Calcula a variación interanual do PIB por habitante no último ano dispoñible.