Portal educativo IGE

ver o mapa do portal

Mercado laboral
Actividade 1: as diferenzas de xénero


FICHA DA ACTIVIDADE

Obxectivos:

  • Coñecer cal é a situación da muller en relación co mundo laboral.
  • Abordar o estudo de como está evolucionando a incorporación da muller ao mercado laboral.
  • Comprobar se a muller ten máis dificultades que o home á hora de atopar un traballo.
  • Estudar as diferenzas que existen entre os traballos realizados polos homes e polas mulleres.
  • Analizar as diferenzas salariais entre homes e mulleres.

Palabras clave:

  • Idade laboral: en España, a idade mínima legal para que unha persoa se poida incorporar ao mundo laboral é os 16 anos. Cando se faga referencia á poboación en idade laboral estase considerando a poboación de 16 ou máis anos.
  • Activos: é o conxunto de persoas de 16 ou máis anos que subministran man de obra para a produción de bens e servizos económicos ou que están dispoñibles e fan xestións para incorporarse á produción. Activos = ocupados + parados.
  • Ocupados: son as persoas de 16 ou máis anos que teñen un traballo por conta allea, é dicir que traballan para outra persoa ou empresa (asalariados), ou exercen unha actividade por conta propia.
  • Parados: son parados todas aquelas persoas de 16 ou máis anos que están sen traballo, dispoñibles para traballar e buscando activamente emprego.
  • Inactivos: son todas aquelas persoas de 16 ou máis anos non clasificadas como ocupadas ou como paradas. Estarían incluídos: amas de casa, estudantes, xubilados, incapacitados para traballar, etc.

Coñecementos previos necesarios:

Cuestións a resolver:

Coa información que se facilitan nos enlaces e seguindo a actividade deberás poder responder as seguintes preguntas:

  1. Obtén para o último ano dispoñible:
    • Taxa de actividade: Homes ..........% Mulleres ..........%
    • Taxa de ocupación: Homes ..........% Mulleres ..........%
    • Taxa de paro: Homes ..........% Mulleres ..........%
  2. Comenta brevemente o cambio experimentado pola taxa de actividade masculina e feminina desde o ano 2000 ata a actualidade.
  3. Elabora unha táboa coa distribución dos ocupados segundo o xénero e os sectores de actividade (en porcentaxes).
  4. Elabora dúas gráficas de sectores, unha para homes e outra para mulleres, coa distribución dos inactivos segundo a causa principal de inactividade.
  5. ¿Cal é o sector económico onde existen maiores diferenzas salariais entre homes e mulleres? .....................................

Descarga de datos

Descarga da ficha en pdf

¿Cales son as diferenzas entre a situación laboral dos homes e das mulleres?

Na seguinte táboa móstrase a distribución da poboación residente en Galicia de 16 ou máis anos segundo a súa relación coa actividade económica. Pode observarse como o número de homes activos (ocupados ou parados) supera ao de mulleres nesta situación, en preto de 64 mil persoas.

Poboación en relación coa actividade económica. Galicia. Ano 2014
(miles de persoas)

Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa

A partir da táboa anterior pódese calcular a distribución porcentual dos homes e das mulleres en idade laboral (de 16 ou máis anos), segundo estean ocupadas, paradas ou nunha situación de inactividade. Á vista do seguinte gráfico obsérvase como, no ano 2014, o 46,2% dos homes en idade laboral estaban traballando, mentres que para as mulleres esta porcentaxe baixa ata o 38,4%. Esta situación invértese para a categoría de "inactivos", que supón o 41% dos homes en idade laboral e o 51% das mulleres.

Distribución porcentual da poboación en idade laboral segundo a súa relación coa actividade económica. Galicia. Ano 2014

Homes Mulleres

Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa

¿En que medida se está incorporando a muller ao mundo laboral?

Para avaliar a incidencia da incorporación da muller ao mercado laboral analizarase a evolución da taxa de actividade feminina. Esta taxa indica o número de mulleres que están en condicións de traballar por cada cen mulleres en idade laboral. Entón, unha evolución crecente da taxa de actividade feminina é síntoma de que cada vez son máis as mulleres que pasan dunha situación de inactividade (por exemplo de amas de casa) a unha situación onde, ou ben están traballando, ou ben están buscando activamente un emprego.

Lembra que para calcular a taxa de actividade feminina (igual para a masculina) hai que dividir o número de mulleres activas entre o total de mulleres de 16 ou máis anos, e multiplicar este cociente por cen. Por exemplo, a taxa de actividade feminina para o ano 2014 calcúlase do seguinte xeito: taxa de actividade feminina = (mulleres activas/mulleres de 16 ou máis anos)*100 = (605,0/1.234,4)*100 = 49%.

Evolución anual da taxa de actividade masculina e feminina en Galicia

Poboación de 16 e máis anos e poboación activa segundo o sexo. Galicia
Miles de persoas
Evolución da taxa de actividade masculina e feminina. Galicia
Porcentaxes

Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa

A grandes rasgos, a taxa de actividade feminina presenta unha tendencia lixeiramente crecente nos últimos quince anos, excepto no ano 2001 (debido a un cambio metodolóxico que se fixo na enquisa), en 2010 e 2013. A pesar desta tendencia crecente, a taxa de actividade feminina presenta valores moi inferiores aos acadados pola taxa de actividade masculina. Por exemplo, para o ano 2014 a taxa de actividade feminina situouse no 49% mentres que para os homes esta taxa foi dez puntos superior (59%). É dicir, por cada 100 mulleres en idade laboral, só 49 estaban en condicións de traballar, pero no caso dos homes, de cada 100 en idade laboral 59 estaban en condicións de traballar (traballando ou buscando emprego).

Preguntas para o alumno

  • ¿A que pode deberse a diminución da taxa de actividade masculina e feminina do ano 2010?

¿Teñen máis dificultades as mulleres que os homes para atopar un traballo?

Para estudar a incorporación da muller ao mercado laboral non é suficiente con analizar a evolución da taxa de actividade feminina. De feito, un incremento da poboación activa feminina (ocupados+parados) que non vaia acompañado polo correspondente aumento na ocupación feminina, indica que as mulleres teñen dificultades á hora de atopar un traballo.

A taxa de ocupación indica a porcentaxe de poboación que está traballando sobre o total de persoas que están en idade laboral. Así, por exemplo, a taxa de ocupación feminina no ano 2014 calcúlase como: taxa de ocupación feminina = (mulleres ocupadas/total de mulleres de 16 ou máis anos) * 100 = (473,7/1.234,4)*100 = 38,4%.

Evolución anual da taxa de ocupación masculina e feminina en Galicia

Poboación de 16 e máis anos e poboación ocupada segundo o sexo. Galicia
Miles de persoas
Evolución da taxa de ocupación masculina e feminina. Galicia
Porcentaxes

Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa

Á vista da táboa anterior, obsérvase que tanto a taxa de ocupación masculina como a feminina presentan unha evolución crecente ata o ano 2008, a partir do cal comeza a diminuír por mor da crise económica. No caso das mulleres, no ano 2014, de cada 100 mulleres en idade laboral 38,4 estaban traballando, mentres que no ano 2000 o facían 32,9. Para os homes, a porcentaxe de ocupados sobre o total de poboación de 16 ou máis anos é superior en todo o período á taxa de ocupación feminina. Non obstante, nos últimos anos produciuse un achegamento entre a taxa de ocupación masculina e feminina debido a que a ocupación diminuíu máis bruscamente entre os homes que entre as mulleres.

¿En que sectores económicos se empregan maiormente as mulleres?, ¿e os homes?

Poboación ocupada segundo sector de actividade.
Galicia. Ano 2014

Miles de persoas e porcentaxes

Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa

En Galicia, no ano 2014, o sector que máis poboación ocupaba era o de servizos, no que traballaba o 71,2% do total de ocupados. Por xénero as diferenzas son moi significativas, xa que o 84,4% das mulleres ocupadas estaban traballando no sector servizos, mentres que no caso dos homes esta porcentaxe é do 59,3%. Porén, a porcentaxe de homes que traballan no sector da industria e no da construción é moito maior que a de mulleres, sobre todo para a construción que segue a ser un sector minoritario na ocupación feminina.

¿Cobran as mulleres o mesmo que os homes?

Segundo os datos facilitados pola Agencia Estatal Tributaria, o salario medio anual das mulleres galegas foi, no ano 2013, de 15.383 euros, 4.437 euros menos ao ano que os homes. É dicir, no ano 2013, os homes galegos cobraban ao ano un 28,8% máis que as mulleres.

Salario medio anual por sectores económicos. Galicia. Ano 2013
(euros)

Fonte: Agencia Estatal Tributaria. Mercado de trabajo y pensiones en las fuentes tributarias

Para poder interpretar as diferenzas salariais por xénero existentes nos distintos sectores de actividade, hai que ter en conta que, en parte, poden estar debidas a factores como o tipo de xornada laboral (a tempo completo/parcial) que realizan os homes e as mulleres ou o tempo traballado no ano.

O paro feminino

A taxa de paro proporciona información sobre a porcentaxe de parados sobre o total de poboación activa. Polo tanto, unha taxa de paro feminina elevada indica que as mulleres non son capaces de incorporarse ao proceso produtivo da economía.

A continuación preséntase a evolución da taxa de paro masculina e feminina no período 2000-2014. Observase que en 2000 a taxa de paro feminina duplicaba á masculina. A partir dese ano producíronse caídas importantes na taxa de paro, máis pronunciadas no caso das mulleres. Porén, no ano 2008 co comezo da crise económica, a taxa de paro aumentou tanto para os homes como para as mulleres e no ano 2014 acadaron valores moi similares: 21,6% para os homes e 21,7% para as mulleres.

Evolución anual da taxa de paro masculina e feminina en Galicia

Poboación de 16 e máis anos e poboación parada segundo o sexo. Galicia
Miles de persoas
Evolución da taxa de paro masculina e feminina. Galicia
Porcentaxes

Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa

¿Cales son as situacións de inactividade máis habituais nas mulleres?, ¿e nos homes?

Tal e como xa se comentou, no ano 2014, segundo a Enquisa de poboación activa, existían en Galicia preto de 630.000 mulleres inactivas, mentres que o número de homes nesta mesma situación era de 465.300. En termos porcentuais a poboación feminina en situación de inactividade neste ano supoñía o 51% do total de mulleres en idade laboral. Porén, para os homes esta porcentaxe era do 41%.

Dentro do colectivo de poboación inactiva existen grandes diferenzas de xénero segundo a clase de inactividade.

Poboación inactiva segundo clase de inactividade.
Galicia. Ano 2014 (miles de persoas)

Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa

A partir da táboa anterior, calculando a distribución porcentual da poboación inactiva segundo a clase de inactividade, pódense obter os seguintes gráficos:

Distribución porcentual da poboación inactiva segundo a clase de inactividade.
Galicia. Ano 2014

Homes Mulleres

Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa

O 65,3% dos homes que no ano 2014 se encontraban nunha situación de inactividade eran retirados, xubilados e pensionistas. O seguinte colectivo en importancia era o de estudantes, que neste ano, supoñía o 14,6% da poboación inactiva masculina. Para as mulleres a situación de inactividade máis habitual era a mesma que para os homes ("retirados, xubilados e pensionistas"), aínda que neste caso englobaba o 51,8% da poboación inactiva feminina. Por outra banda, o 29,4% das mulleres inactivas declaraban que a súa situación de inactividade debíase a que se ocupan do seu fogar, sen recibir ningunha prestación económica a cambio. Porén esta porcentaxe era soamente do 7% para os homes.