Portal educativo IGE

ver o mapa do portal

Mercado laboral
Definicións e conceptos teóricos


Clasificación da poboación en relación coa actividade económica

Sempre que se fala da clasificación da poboación en relación coa actividade económica faise referencia á poboación de 16 ou máis anos, xa que é a idade legal mínima para incorporarse ao mercado laboral en España. Tendo isto en conta, a poboación de 16 e máis anos pode clasificarse, atendendo a súa relación coa actividade económica, en:

Poboación activa

É o conxunto de persoas de 16 ou máis anos que subministran man de obra para a produción de bens e servizos económicos ou que están dispoñibles e fan xestións para incorporarse á produción. É dicir, a poboación activa está composta polos ocupados e polos parados.

Poboación ocupada

Son as persoas de 16 ou máis anos que teñen un traballo por conta allea; é dicir, que traballan para outra persoa ou empresa (asalariados), ou exercen unha actividade por conta propia.

Poboación parada

Segundo a Organización Internacional do Traballo (OIT) defínese a poboación parada como todas aquelas persoas de 16 ou máis anos que están sen traballo, dispoñibles para traballar e buscando activamente emprego.

Poboación inactiva

Comprende todas aquelas persoas de 16 ou máis anos non clasificadas como ocupadas ou como paradas. Distínguense as seguintes categorías:
  • Persoas que se ocupan do seu fogar.
  • Estudantes.
  • Xubilados ou retirados.
  • Persoas que reciben unha pensión distinta da xubilación e prexubilación.
  • Persoas que realizan sen remuneración traballos sociais, actividades de tipo benéfico, etc.
  • Incapacitados para traballar.

Os sectores de actividade económica

A poboación ocupada pódese clasificar, en función da actividade que se realiza no seu centro de traballo, nos seguintes sectores económicos:
  • Agricultura e pesca. Esta categoría abarca as actividades agrarias, gandeiras, de explotación forestal e pesqueiras.
  • Industria. Inclúe a industria mineira, a industria manufactureira (industria da alimentación, téxtil, da madeira, química, metalurxia, ...) e a produción e distribución de enerxía eléctrica, gas e auga.
  • Construción
  • Servizos. Esta categoría agrupa o comercio, a hostalería, o transporte, a educación, as actividades sanitarias, a administración pública, etc.

Exemplo: neste exemplo estudarase como cambiou a distribución da poboación galega ocupada nos distintos sectores de actividade nos últimos 34 anos.

Poboación ocupada por sectores económicos en Galicia
Miles de persoas

1977 2014
Agricultura e pesca 543,4 66,1
Industria 214,3 154
Construción 108,0 67,1
Servizos 344,4 710,7
Total de ocupados 1.210,2 998

Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa

A partir destes datos pódese calcular a distribución porcentual dos ocupados nos distintos sectores de actividade. Por exemplo, no ano 2014 a porcentaxe de poboación ocupada na construción calcúlase do seguinte xeito: (poboación ocupada na construción / total de poboación ocupada)*100 = (67,1/998)*100 = 6,7%. É dicir, no ano 2014 de cada 100 persoas ocupadas 6,7 traballaban na construción.

Distribución da poboación ocupada por sectores económicos. Galicia
Porcentaxes

1977 2014
Agricultura e pesca 44,9% 6,6%
Industria 17,7% 15,4%
Construción 8,9% 6,7%
Servizos 28,5% 71,2%

Distribución da poboación ocupada por sectores económicos. Galicia
Porcentaxes

No gráfico anterior pódese observar como se produciu un importante cambio na distribución da poboación ocupada por sectores económicos. Os cambios máis salientables son os que se deron na agricultura e pesca e no sector servizos. Así, mentres que no ano 1977 o 45% dos ocupados traballaban no sector "primario", no ano 2014 só o facía o 6,6% dos ocupados. No sector servizos deuse o cambio inverso, e pasou de empregar o 28,5% dos traballadores en 1977 a empregar máis do 70% en 2014.

Fontes de información

Na actualidade existen diversas fontes de información onde atopar datos de actividade, ocupación e paro. Entre as máis importantes destacan:
  • A Enquisa de poboación activa (EPA), elaborada polo Instituto Nacional de Estadística (INE) e o IBE. A EPA é unha investigación por mostraxe que vai dirixida ás vivendas familiares. Para realizar esta enquisa selecciónase un número de vivendas e recóllese información de todas as persoas que residen nesa vivenda, como por exemplo: a idade, se están traballando ou non, que tipo de traballo realizan, etc. Posteriormente, a partir desta información, obtéñense estimacións sobre a poboación activa, os ocupados, os parados e os inactivos para cada trimestre do ano.
  • Os censos de poboación. Os censos de poboación son investigacións exhaustivas que se realizan cada dez anos (anos rematados en 1), nas que se recolle información de todas as persoas que residen habitualmente en España. No ano 2011, como novidade respecto ás edicións anteriores, implementouse unha nova metodoloxía para a realización do censo de poboación. Deixouse de recoller información de todas as persoas que residen en España e realizouse unha operación estatística que combinou a información procedente de diversos rexistros administrativos e unha grande enquisa por mostraxe (que cubriu aproximadamente o 12% da poboación).
  • O Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). O SEPE facilita mensualmente datos sobre o número de parados inscritos nas oficinas de emprego. Hai que ter en conta que esta cifra non ten por que coincidir co número de parados que proporciona a EPA. Entre os principais motivos que fan que estes datos non coincidan, destacamos:
    • Son sistemas distintos. A EPA é unha enquisa realizada por mostraxe, polo que se obtén unha estimación do número de parados, non o número exacto de parados. Por outra banda, o SEPE obtén o número de parados a partir dun rexistro administrativo.
    • A definición de "parado" que utiliza a EPA non é exactamente a mesma que utiliza o SEPE. Para que a EPA considere unha persoa como parada esta ten que estar sen traballo, dispoñible para traballar e buscando activamente emprego. É dicir, se unha persoa esta dada de alta na oficina pública de emprego como demandante de emprego pero non está buscando traballo a EPA non a considera como parada.
  • Finalmente, indicar que o SEPE non proporciona información sobre o número de activos, ocupados ou inactivos, polo que non é posible calcular as taxas de actividade, ocupación e paro a partir dos datos facilitados por esta fonte.
  • Afiliados á Seguridade Social en alta laboral.O ficheiro de afiliacións á Seguridade Social permite coñecer o número de traballadores afiliados á Seguridade Social en alta laboral segundo o concello de residencia, así como a distribución segundo o sexo, a idade ou a nacionalidade. Neste ficheiro non están incluídos os traballadores pertencentes a outros réximes de protección social: MUFACE, ISFAS, MUGEJU,...

Custos laborais

Custo laboral (por traballador e mes): é o custo que supón para o empresario empregar a un traballador durante un mes. Inclúe o custo salarial e outros custos.

Custo salarial: comprende todas as percepcións económicas (en metálico ou en especie) que reciben os traballadores polo desempeño do seu traballo. Inclúe: salario base, complementos salariais, pago por horas extraordinarias, pagos extraordinaios e pagos atrasados.

Outros custos: baixo esta categoría están incluídas as percepcións non salariais e as cotizacións obrigatorias á Seguridade Social.

Percepcións non salariais: son retribucións percibidas polo traballador, non pola realización do seu traballo, senón como compensación de gastos ocasionados pola execución do traballo ou para cubrir necesidades ou situacións de inactividade non imputables ao traballador. Son percepcións non salariais: pagos por incapacidade temporal, pagos por desemprego, indemnizacións por despido, pagos por desgaste de ferramenta, pola compra de prendas de traballo, dietas de viaxe, indemnizacións por traslado, indemnización por finalización do contrato, etc.

Cotizacións obrigatorias á Seguridade Social: son as achegas legalmente establecidas que o empresario fai ao Sistema da Seguridade Social en favor dos seus empregados. Estas achegas están destinadas a cubrir situacións de enfermidade, maternidade, accidente laboral, invalidez, xubilación, desemprego, formación profesional, ...

Exemplo: nas seguintes ligazóns podes acceder aos datos de custo laboral total, custo salarial, percepcións non salariais e cotizacións obrigatorias á Seguridade Social, que facilita a Enquisa trimestral de custos laborais elaborada polo INE.

Afiliación de traballadores á Seguridade Social

O sistema da Seguridade Social é un conxunto de réximes a través dos cales o Estado garante a todas as persoas incluídas neste sistema (e aos familiares e persoas que estean ao seu cargo) as seguintes prestacións:

  • Asistencia sanitaria.
  • Incapacidade temporal.
  • Risco durante o embarazo.
  • Maternidade.
  • Incapacidade permanente.
  • Lesións permanentes que non son causa de invalidez.
  • Xubilación.
  • Morte e supervivencia (auxilio por defunción, pensións de viuvez, pensións de orfandade, ...).
  • Prestacións familiares (por fillo a cargo, polo nacemento do terceiro ou sucesivos fillos, por parto múltiple, ...).
  • Prestacións por desemprego.
  • Servizos sociais (IMSERSO).
  • Prestacións do seguro obrigatorio de vellez e invalidez.
  • Prestacións do seguro escolar.

¿Quen forma parte do sistema da S.S.?

Están incluídos dentro do campo de aplicación do sistema da Seguridade Social todos os españois que residan en España, e os estranxeiros que residan ou se encontren legalmente en España, sempre e cando exerzan a súa actividade no territorio nacional, e estean incluídos nalgunha das seguintes categorías:

  • Traballadores por conta allea.
  • Traballadores por conta propia ou autónomos.
  • Socios traballadores de cooperativas.
  • Estudantes.
  • Funcionarios públicos, civís ou militares.

Traballadores afiliados en alta laboral ao sistema da Seguridade Social

Un traballador afíliase cando comeza a súa vida laboral e dáse de alta nalgún dos réximes do Sistema da Seguridade Social. Isto denomínase alta inicial. Se deixa de traballar será dado de baixa, aínda que seguirá afiliado á Seguridade Social en situación de baixa laboral. Se retoma a actividade volverá a estar en alta laboral aínda que non terá que afiliarse novamente, xa que a afiliación é única para toda a vida do traballador. Non todos os traballadores están afiliados á Seguridade Social, xa que existen outros réximes de protección social (MUFACE, ISFAS, MUGEJU, ...).

Réximes de afiliación

  • RÉXIME XERAL
  • RÉXIMES ESPECIAIS
    • Autónomos
    • Minería do carbón
    • Traballadores do mar (conta propia e conta allea)