Portal educativo IGE

ver o mapa do portal

Economía. Prezos e inflación
Definicións e conceptos teóricos


Nivel Xeral de Prezos e Índices de Prezos

Como teredes comprobado, co transcurso do tempo, o prezo dos bens que consumimos vai cambiando, xeralmente subindo. Os bens son realmente os mesmos, pero a súa valoración monetaria (prezo) varía. Igual pasa cos servizos.

Para coñecer esas variacións que se producen nos prezos os economistas empregan unha macromagnitude chamada Nivel Xeral de Prezos. É unha medida global (media ponderada) dos prezos de todos os bens e servizos dunha economía, nun determinado momento.

Pero, ¿como se pode medir o que variou o Nivel Xeral de Prezos durante un ano, por exemplo? Para iso temos que utilizar os Índices de Prezos que nos permiten comparar o valor dun prezo ao principio e o final dun determinado período. Así, este índice, resulta ser a porcentaxe (%) que se obtén dividindo o prezo do ano que elixamos polo prezo do ano anterior (ou ano base) e multiplicándoo por 100.

Inflación. IPC. Taxa de Inflación

A Inflación consiste nunha subida xeneralizada dos prezos dos bens e dos servizos ao longo dun período prolongado de tempo. Este aumento no Nivel Xeral de Prezos trae como consecuencia un descenso no valor do diñeiro, ou o que é o mesmo, do seu poder adquisitivo. Deste xeito, segundo vai pasando o tempo, cos mesmos cartos poderemos mercar cada vez unha menor cantidade de bens ou servizos.

Pola contra, da variación negativa (descenso sostido) no Nivel Xeral de Prezos resultaría o proceso inverso chamado Deflación.

A magnitude máis importante utilizada para calcular a inflación é o Índice de Prezos de Consumo (IPC), que é un indicador que determina o Nivel Xeral de Prezos do conxunto de bens e servizos adquiridos polos consumidores nunha economía. Tamén se empregan outras como o Índice de Prezos Industriais (IPI) e o Índice de Prezos Agrícolas (IPA).

Para obter o IPC o Instituto Nacional de Estadística (INE) elabora:

  • Unha lista de artigos representativos (consumidos con maior frecuencia) do total de bens e servizos, o que se coñece como "cesta da compra".
  • Calcula a variación do prezo medio de cada un deses artigos rexistrada entre o período considerado (P 1 , P 2 , ..., P n )e o período de referencia ou base (P 01, P02, ..., P0n).
  • Mediante a "Encuesta de Presupuestos Familiares" obtén a porcentaxe media da renda que se destina a cada un dos bens e servizos que compoñen a cesta (d1, d2, ..., dn).
  • O IPC será a suma de todas as porcentaxes de variación ponderadas polo gasto medio feito en cada unha delas.

    IPC = (d1 ·P1/ P 01+ d2 ·P2/ P 02+...+, dn ·Pn/ P 0n).

Finalmente, a partir do IPC, podemos calcular a Taxa de Inflación ou taxa do crecemento do IPC, que nos dá a medida da variación do Nivel Xeral de Prezos. Farémolo comparando o IPC dun período determinado (IPCt) co do período de tempo inmediatamente anterior (IPCt-1).

A Taxa de Inflación, en termos porcentuais do período t será:

((IPCt - IPCt-1) / IPCt-1) · 100

Exemplo

Na seguinte ligazón tes acceso ao IPC nos últimos dous anos para Galicia e España. Calcula a taxa de variación interanual para os últimos doce meses. Lembra que para cada mes a taxa de variación interanual calcúlase como a variación dos prezos nese mes con respecto ao mesmo mes do ano anterior.

IPC

Unha vez que as calcules deberás obter o seguinte resultado:

Inflación

Agora podes representar os datos nun gráfico de liñas para ver a evolución da inflación ao longo do tempo e tamén para facer a comparación Galicia- España. Podes facelo en Excel (para elo bota man do apartado de Representacións gráficas)

Fonte: INE. Índice de prezos de consumo