Portal educativo IGE

ver o mapa do portal

Xeografía. Movemento natural da poboación
Definicións e conceptos teóricos


Movemento natural da poboación

O movemento natural da poboación defínese como a variación no número de habitantes debido á NATALIDADE e á MORTALIDADE. A diferenza entre as dúas magnitudes chámase CRECEMENTO VEXETATIVO, e para o seu cálculo necesítanse dous factores: os nacementos e as defuncións. O crecemento vexetativo será positivo se os nacementos superan ás defuncións e negativo no caso contrario.

Exemplo: na seguinte ligazón terás acceso aos nacementos, defuncións e crecemento vexetativo de Galicia nos últimos anos MNP

Ademais, existen outros indicadores sociodemográficos que nos proporcionan máis datos e características da poboación. Os máis importantes son a nupcialidade, a fecundidade, a mortalidade infantil e a esperanza de vida.

Natalidade

O número de nacementos está relacionado coa poboación na que se produciron, para establecer referencias e permitir efectuar comparacións, que non terían sentido con valores absolutos, defínense unha serie de indicadores indispensables para o análise da natalidade. Definimos primeiramente a taxa bruta de natalidade, expresada en tanto por mil como:

Taxa bruta de natalidade = Nacidos nun ano/poboación x 1.000

A taxa de natalidade considérase alta se supera o 35 por mil, moderada se vai do 15 ao 35 por mil e baixa se está por debaixo do 15 por mil.

A media mundial sitúase arredor do 28 por mil. Nos países desenvolvidos, sitúase por debaixo da media (en xeral, menos do 15 por mil); en países en vías de desenvolvemento, arredor da media; nos subdesenvolvidos, por encima (entre o 40 por mil e o 60 por mil, polo xeral).

Exemplo: na seguinte ligazón terás acceso á taxa bruta de natalidade de Galicia e provincias nos últimos anos: 1975-1997, desde 1998.

Moi relacionada coa natalidade está a taxa de fecundidade: nacidos nun ano en relación co número de mulleres en idade fértil (entre 15 e 49 anos).

Taxa de fecundidade= Nacidos vivos nun ano / mulleres en idade fértil x 1.000

Tamén relacionado coa taxa de fecundidade está o número medio de fillos por muller ou índice sintético de fecundidade que representa o número esperado de fillos por muller ao longo da súa vida fértil (de 15 a 49 anos). Obtense como a suma das taxas específicas de fecundidade por idade.

A taxa específica de fecundidade por idade defínese como o cociente entre o número de nacementos dunha determinada cohorte de nais e o total de mulleres nese grupo de idade.

Taxa específica de fecundidade para a idade x (f x)= Número de nacementos de nais de x anos / mulleres de x anos x 1.000

O número medio de fillos por muller exprésase do seguinte xeito:


Para que a poboación medre, é necesario que este valor sexa do 2,1 como mínimo (para que se produza a substitución xeracional). Nos últimos decenios produciuse un drástico descenso da fecundidade.

O número medio de fillos por muller para Galicia está nestes momentos por debaixo do necesario para que se produza un crecemento natural da poboación.

Exemplo: Velaquí tes o acceso ao número de fillos por muller de Galicia e provincias nos últimos anos: 1975-1997 desde 1998.

Mortalidade

Ao igual que no caso da natalidade, relacionando o número de defuncións co número de habitantes obtemos a taxa bruta de mortalidade, expresada en tanto por mil:

Taxa bruta de mortalidade= Falecidos nun ano / poboación x 1.000

A taxa de mortalidade considérase alta se supera o 35 por mil, moderada se vai do 15 ao 35 por mil e baixa se está por debaixo do 15%.

En España a taxa bruta de mortalidade está situada arredor do 8,3 por mil e en Galicia no 10,6 por mil no ano 2010.

Exemplo: na seguinte ligazón terás acceso á taxa bruta de mortalidade de Galicia e provincias nos últimos anos: 1975-1997, desde 1998.

Hai que dicir que se trata dunha taxa menos clara que a de natalidade, xa que se ve alterada polo envellecemento da poboación á que fai referencia. Por iso é necesario complementar este dato con outras taxas.

Taxa de mortalidade infantil (TMI) = Falecidos menores dun ano /nacidos no ano x 1000

Nalgúns países onde as condicións sanitarias e hixiénicas son moi deficitarias, a mortalidade infantil é moi elevada. Actualmente a mortalidade infantil española e galega é das máis baixas de Europa.

Exemplo : Velaquí tes o acceso a taxa de mortalidade infantil de Galicia nos últimos anos Taxa de mortalidade infantil galega.

A esperanza de vida é o número medio de anos de vida que poida esperar vivir unha persoa no momento do seu nacemento.

Actualmente, existe unha clara diferenza entre países desenvolvidos, onde a esperanza de vida é superior aos 70 anos, e os países subdesenvolvidos, onde a esperanza de vida está por debaixo dos 50 anos.

A continuación podes observar un gráfico coa evolución da esperanza de vida en Galicia nos últimos anos:

Por outra parte, é evidente que existe unha clara diferenza entre a esperanza de vida dos homes e a das mulleres. No seguinte enlace poderás ver os datos da Esperanza de vida por xénero en Galicia

Crecemento vexetativo

O taxa de crecemento vexetativo ou natural da poboación é a diferenza entre o número de nacementos e o número de falecementos nunha poboación determinada, dividida pola poboación no ano considerado e expresado en %.

Taxa de crecemento vexetativo = (Nacementos- Defuncións) /Poboación x 100

O resultado pode ser positivo, negativo ou cero.

  • Positivo. Naceron máis persoas das que morreron. Normalmente, o crecemento das poboacións é positivo.
  • Negativo. En casos de guerra, de epidemias mortais ou de baixa natalidade, o crecemento é negativo; é dicir, a poboación diminúe. En Galicia, actualmente é negativo pola baixa taxa de natalidade e o elevado grao de envellecemento da poboación.
  • Cero. O crecemento pode ser cero se morre o mesmo número de persoas que naceron. Existe entón un equilibrio demográfico.

A taxa de crecemento vexetativo considérase alta se supera o 2%, moderada se vai do 1 ao 2% e baixa se está por debaixo do 1%.

Exemplo Cos datos do crecemento vexetativo e os datos de poboación que se presentan na seguinte táboa calcularase a taxa de crecemento vexetativo da poboación galega nos últimos anos:

Anos Poboación Nacementos Defuncións Crecemento vexetativo Taxa de crecemento vexetativo
1975 2.749.323 43.850 25.834 18.016 0,66%
1981 2.811.912 36.300 25.398 10.902 0,39%
1986 2.844.472 26.178 26.877 -699 -0,02%
1991 2.731.669 21.927 27.696 -5.769 -0,21%
1996 2.742.622 18.597 28.864 -10.267 -0,37%
1998 2.724.544 18.538 28.085 -9.547 -0,35%
1999 2.730.337 18.784 29.293 -10.509 -0,38%
2000 2.731.900 19.418 28.858 -9.440 -0,35%
2001 2.732.926 19.361 28.300 -8.939 -0,33%
2002 2.737.370 19.327 28.353 -9.026 -0,33%
2003 2.751.094 20.423 29.805 -9.382 -0,34%
2004 2.750.985 20.621 28.540 -7.919 -0,29%
2005 2.762.198 21.097 29.383 -8.286 -0,30%
2006 2.767.524 21.392 29.389 -7.997 -0,29%
2007 2.772.533 21.752 30.159 -8.407 -0,30%
2008 2.784.169 23.175 29.629 -6.454 -0,23%
2009 2.796.089 22.537 30.180 -7.643 -0,27%
2010 2.797.653 22.047 29.749 -7.702 -0,28%
2011 2.795.422 21.594 29.879 -8.285 -0,30%
2012 2.781.498 21.089 30.871 -9.782 -0,35%
2013 2.765.940 19.727 30.433 -10.706 -0,39%
2014 2.748.695 19.630 29.929 -10.299 -0,37%
2015 2.732.347 19.427 31.688 -12.261 -0,45%

Fonte: Censos de poboación, Padrón municipal de habitantes, Movemento Natural da Poboación
Nota: nos anos 1991 e 1981 considérase a poboación dos censos e nos restantes anos a do Padrón

A taxa de crecemento vexetativo da poboación galega calcúlase dividindo o crecemento vexetativo e a poboación e multiplicándoo por cen, o resultado aparece na última columna da táboa. Obsérvase, polo tanto, que Galicia nos últimos anos ten unha taxa de crecemento vexetativo negativo, o que quere dicir que os nacementos non son capaces de compensar as defuncións.

Nas seguintes ligazóns atoparás os datos necesarios para calcular a taxa de crecemento vexetativo para Galicia e para as súas provincias para os últimos anos dispoñibles: