Datos Básicos. Indicadores demográficos e proxeccións de poboación

Evolución do número de nacementos, defuncións e do saldo vexetativo
Galicia 1975-2015
Persoas


Fonte: IGE-INE. Movemento natural de poboación

En 2015 o saldo vexetativo de Galicia sitúouse en -12.261 o que significa que se produciron máis defuncións que nacementos

O saldo vexetativo ou crecemento natural da poboación calcúlase como a diferenza entre o número de nacementos producidos nun ano e o número de defuncións. Un saldo vexetativo negativo indica que nese ano morreron máis persoas das que naceron. O aumento do número de defuncións provoca un empeoramento do saldo vexetativo que pasa de -10.299 en 2014 a -12.261 no ano 2015.


Indicadores de natalidade e fecundidade segundo a nacionalidade da nai. Ano 2015
Tanto por mil


IGE. Indicadores de xénero
INE. Indicadores demográficos básicos

En 2015 o número de nacementos en Galicia diminuíu un 1% respecto ao ano anterior

Durante o ano 2015 producíronse 19.427 nacementos en Galicia, un 1% menos que no ano anterior.

En 2015 a taxa bruta de natalidade galega situouse en 7,13 nacementos por cada mil habitantes. Se relacionamos o número de nacementos coa poboación feminina en idade fértil (taxa xeral de fecundidade) resulta un cociente de 33 nacementos por cada mil mulleres de idades comprendidas entre os 15 e 49 anos.

Se comparamos os indicadores galegos coa media para o conxunto do Estado español obsérvase que as taxas de natalidade e fecundidade galegas son máis baixas: en España producíronse, de media, 9 nacementos por cada mil habitantes en 2015 e a taxa xeral de fecundidade situouse en 39 nacementos por cada mil mulleres en idade fértil.

Por outra banda, se desagregamos os indicadores segundo a nacionalidade da nai obtense que os valores destes son máis altos no caso das nais de nacionalidade estranxeira. A taxa bruta de natalidade das nais españolas en Galicia sitúase en 6,91‰, fronte aos 13,42‰ para as nais estranxeiras. Isto parece indicar que a poboación estranxeira mantén uns patróns de natalidade diferentes aos da poboación nacional, que poden axudar a contrarrestar a diminución dos nacementos da Comunidade Autónoma de Galicia.


Defuncións segundo o sexo e a idade. Galicia. Ano 2015
Número e porcentaxes


IGE-INE. Movemento natural da poboación

As mulleres morren a idades máis tardías

No ano 2015 morreron 31.688 persoas residentes en Galicia. Con respecto ao ano anterior, rexistráronse 1.759 falecementos máis, o que supón un aumento do 5,9%%.

Atendendo á distribución das defuncións segundo o sexo e a idade, o 64,4% dos falecidos en 2015 menores de 45 anos eran homes. Por outra banda, o 34,5% dos homes falecidos neste ano non chegaba aos 75 anos, o 31,7% tiña entre 75 e 84 anos cumpridos e o 33,8% restante tiña 85 ou máis anos.

No caso das mulleres, o 15,9% tiña menos de 75 anos, o 25,4% entre 75 e 84 anos e o 58,7% tiña 85 ou máis anos.


Pirámides proxectadas de poboación de Galicia. Anos 2016 e 2031
Tanto por cento


INE. Proyecciones de población a corto plazo

Entre 2016 e 2031 Galicia perderá un 8,5% da súa poboación

Segundo as proxeccións de poboación a curto prazo elaboradas polo INE, Galicia perderá 230.722 habitantes no período 2016-2031, o que supón unha diminución do 8,5% da súa poboación. Por provincias, en Ourense e Lugo daranse as maiores perdas de poboación en termos relativos (un 12,6% e un 11,3% respectivamente).

Ademais da baixada no número de habitantes, as proxeccións amosan un progresivo envellecemento da poboación. Así, en Galicia, a porcentaxe de persoas de 65 ou máis anos pasará do 24,3% en 2016 ao 31,3% en 2031.

O índice de envellecemento proxectado para 2031 de Galicia sitúase no 232,7%, o que significa que para esa data por cada 100 menores de 20 anos haberá na nosa Comunidade Autónoma case 233 maiores de 64 anos (en 2016 o indicador proxectado situouse en 153,7%). As zonas máis envellecidas serán as situadas na área sur da provincia de Ourense e nas comarcas ourensanas limítrofes coa provincia de Pontevedra. Así, no sur da provincia de Ourense (comarcas da Baixa Limia, A Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana) a relación entre menores de 20 e maiores de 64 superará o valor de 500 en 2031 (507,9 maiores por cada 100 menores). Similar evolución se observará na área integrada polas comarcas do Carballiño e O Ribeiro, onde o índice de envellecemento proxectado para 2031 situarase en 405,5.


Índice de envellecemento proxectado da poboación para 2031 por áreas
Tanto por cento


Fonte: IGE. Proxeccións de poboación a curto prazo

Fogares proxectados para 2016 e 2031 segundo a súa tipoloxía
Fogares, porcentaxe e taxa de variación 2016-2031 (%)


Fonte: IGE. Proxeccións de fogares

Entre 2016 e 2031 o número de fogares galegos diminuirá un 2,7%

Segundo as proxeccións de fogares, en 2016 Galicia conta con pouco máis dun millón de fogares (1.060.660 fogares para ser exactos). Dentro de quince anos, esta cifra diminuirá a 1.032.437, o que supón un descenso relativo do 2,7% entre ambos anos.

En 2016 a tipoloxía máis habitual en Galicia é o fogar constituído por unha parella con fillos, que supón case o 38% da cifra agregada. En 2031 esta tipoloxía seguirá sendo a de maior presenza no entramado demográfico galego, pero experimentará unha redución do 6,2% entre o primeiro ano da proxección (2016) e o derradeiro (2031). Pola contra, os fogares unipersoais e os fogares compostos por unha parella sen fillos incrementaranse no período considerado un 0,4% e un 2,3% respectivamente.

O tamaño medio dos fogares galegos experimentará un crecemento constante no período analizado, pasando de 2,61 a 2,70 habitantes por fogar entre 2016 e 2031. Agora ben, se desagregamos os datos proxectados por áreas xeográficas, obsérvase que non todas as áreas de Galicia experimentarán unha evolución positiva do indicador no período analizado. En particular, o tamaño medio dos fogares tenderá a diminuír nas comarcas pertencentes ás áreas da Coruña, Santiago, Ourense, Pontevedra e Vigo; isto é, nas conurbacións das grandes cidades de Galicia.

Evolución da porcentaxe de nacementos de nai non casada
Porcentaxe


IGE. Indicadores demográficos
INE. Indicadores demográficos básicos


Matrimonios de diferente sexo segundo a nacionalidade dos cónxuxes. Galicia.
Ano 2015
Porcentaxe


Fonte: INE-IGE. Movemento natural da poboación


Evolución do número de disolucións matrimoniais entre cónxuxes de diferente sexo. Galicia
Número


Fonte: INE. Estadística de nulidades, separaciones y divorcios
Nota: a Lei 15/2005, do 8 de xullo, permite o divorcio sen necesidade dunha separación previa


Poboación de 16 ou máis anos segundo o sexo e o estado civil. Galicia. Ano 2016
Miles de persoas


Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa


Taxa bruta de mortalidade. Ano 2015
Tanto por mil


Fonte: IGE. Indicadores de xénero
INE. Indicadores demográficos básicos

A taxa bruta de mortalidade situouse en Galicia en 2015 nas 11,6 defuncións por cada mil habitantes. A taxa masculina supera en 7 décimas á feminina (12‰ para os homes fronte a 11,3‰ para as mulleres). No caso de España a taxa bruta de mortalidade en 2015 situouse nos 9,1 falecementos por cada mil habitantes.


Proxeccións de poboación a curto prazo
Persoas, tanto por cento


INE. Proyecciones de población a corto plazo
Nota: na terceira columna da táboa represéntase a taxa de variación da poboación entre 2016 e 2031


Poboación de 65 ou máis anos
Porcentaxe


INE. Proyecciones de población a corto plazo


Evolución futura do índice de dependencia global
Tanto por cento


Fonte: IGE. Proxeccións de poboación a curto prazo

O índice de dependencia global é a relación entre os grupos de poboación economicamente dependentes (poboación menor de 15 anos e maior de 64 anos) e o grupo de poboación potencialmente activa (poboación de 15 a 64 anos).

En 2031 por cada 100 persoas en idade de traballar residirán en Galicia 68,2 persoas potencialmente inactivas, o que supón un incremento de 11,3 puntos porcentuais con respecto ao índice de dependencia global do ano 2016 (56,9%).


Tamaño medio proxectado dos fogares en 2016 e 2031. Galicia e áreas
Habitantes/fogar


IGE. Proxeccións de fogares

Definicións e máis información

Definicións

Descarga de datos

Compartir: