Resumo de resultados




Enquisa estrutural a fogares. Módulo xeral. Resumo de resultados

Resumo de resultados 29/12/2017
Datos correspondentes ao ano 2016

Introdución

A Enquisa estrutural a fogares é unha actividade estatística anual dirixida aos fogares galegos co obxecto de obter información sobre as súas características socioeconómicas. Consta de dous módulos: un primeiro de carácter xeral que se repite todos os anos, deseñado para recoller información sobre variables básicas, e un segundo de carácter específico.

Os principais obxectivos do módulo xeral da Enquisa estrutural a fogares son:

  • Analizar e describir as características principais dos fogares galegos e as diferenzas existentes entre as distintas áreas territoriais galegas.
  • Coñecer a contía dos ingresos dos fogares galegos e a súa tipoloxía, proporcionando información significativa sobre aqueles fogares cuns ingresos monetarios menores.
  • Coñecer a contía dos gastos comúns dos fogares galegos e a súa relación con diversas variables socioeconómicas.

Composición dos fogares

Información para Galicia e provincias

O día 31 de decembro de 2016 existían en Galicia 1.060.086 fogares, dos cales o 21,17% correspondían a persoas que vivían soas. A tipoloxía máis habitual é a formada por unha parella con fillos (32,34% do total de fogares). Por provincias, Lugo e Ourense son as que contan cunha menor porcentaxe de fogares desta tipoloxía, mentres que é onde a porcentaxe de fogares unipersoais é maior.

Fogares segundo a tipoloxía do fogar. Ano 2016
Porcentaxe (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

En Galicia existen 236.935 fogares compostos por persoas de 65 ou máis anos, o que supón o 22,35% do total de fogares galegos. Con respecto ao ano anterior, o número de fogares deste tipo aumentou un 0,38%. Por provincias, Pontevedra é a que conta cunha menor porcentaxe de fogares deste tipo (19,24%) e no outro extremo atópase Ourense, onde o 29,76% dos fogares está formado por persoas de 65 ou máis anos.

Fogares compostos por persoas de 65 ou máis anos.
Ano 2016

Número de fogares, peso no total de fogares da provincia/Galicia (%)


Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Fogares compostos por persoas de 65 ou máis anos. Ano 2016
Peso no total de fogares da provincia/Galicia (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

En 815.721 fogares galegos, o 76,95% do total, non reside ningún mozo ou neno menor de 16 anos. A porcentaxe máis alta de fogares sen persoas menores de 16 anos dáse na provincia de Ourense (81,73%) e a máis baixa en Pontevedra (73,46%). Por outra banda, o 91,69% dos fogares da comunidade autónoma non conta con ningún neno menor de 5 anos.

Fogares segundo o número de persoas menores de 16 anos.
Ano 2016

Porcentaxe (%)


Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Fogares con algún menor de 5 anos. Ano 2016
Porcentaxe (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

O 63,79% dos mozos galegos de entre 18 e 34 anos vive cos pais. Dos mozos de 25 a 34 anos que viven cos pais, o 26,9% non ten ningún tipo de ingreso. Esta porcentaxe sobe ata o 56,53% entre os mozos de 18 a 24 anos.

Mozos que viven cos pais segundo a tipoloxía de ingresos. Galicia. Ano 2016
Persoas


Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Nota: "Outros ingresos" inclúe: "Ingresos de prestacións", "Ingresos de traballo e prestacións" e "Outros ingresos".

Mozos que viven cos pais. Galicia. Ano 2016
Porcentaxe (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Información para os sete grandes concellos galegos e por áreas

Dos sete grandes concellos de Galicia, Lugo é o que presenta unha maior porcentaxe de fogares formados por unha parella con fillos (un 35,76%).

Por outra banda, en Ferrol o 26,91% dos fogares está composto por persoas de 65 ou máis anos. No outro extremo atópase o concello de Pontevedra, onde esta porcentaxe é do 17,29%.

Situación demográfica nos grandes concellos. Ano 2016

Fonte: IGE    (descarga da táboa)
Nota: a categoría "outro tipo" inclúe: "sen núcleo", "un núcleo e outros" e "varios núcleos".

Por áreas xeográficas, na área do sur de Ourense o 34,10% dos fogares está composto por persoas de 65 ou máis anos. No extremo oposto sitúase a área do Morrazo cun 17,07% de fogares desta tipoloxía. A área de Vigo é a que conta cunha maior porcentaxe de fogares con polo menos algún menor de 16 anos (27,73%).

Fogares con algún menor de 16 anos. Áreas. Ano 2016
Porcentaxe (%)


Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Fogares compostos por persoas de 65 ou máis anos. Áreas. Ano 2016
Porcentaxe (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Situación económica

Información para Galicia e provincias

No ano 2016 o ingreso medio mensual dos fogares galegos situouse en 2.007 euros por fogar; aumenta un 3,99% respecto ao ano anterior. As catro provincias galegas rexistraron incrementos neste indicador económico entre 2015 e 2016, por riba dos catro puntos porcentuais en Ourense e en Pontevedra (neste último caso o ingreso medio mensual aumentou un 5,52%). Nas provincias da Coruña e de Lugo os aumentos interanuais situáronse por debaixo da taxa de crecemento media de Galicia: no 3,04% en Lugo e no 2,9% na Coruña.

A metade dos fogares galegos ingresa menos de 1.750 euros ao mes. Con respecto ao ano 2015, a mediana de ingresos rexistrou un aumento do 6,06%.

Media e mediana de ingresos mensuais. Ano 2016
Euros, porcentaxes (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Estrutura de ingresos dos fogares. Ano 2016
Porcentaxes (%)


Fonte: IGE    (descarga da táboa)

O 50,47% dos ingresos dos fogares galegos procede do traballo por conta allea, o 10,49% do traballo por conta propia, o 36,02% de prestacións e o 3,02% restante de rendas e outros ingresos. A Coruña e Pontevedra son as provincias con maiores porcentaxes de ingresos procedentes do traballo (62,42% e 62,59%, respectivamente) mentres que Lugo e Ourense son as que contan con maiores porcentaxes de ingresos procedentes de prestacións (39,43% e 43,08%).

Estrutura de ingresos dos fogares. Galicia
Porcentaxes (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

A estrutura de ingresos dos fogares no ano 2016 é similar á do ano anterior. Con respecto ao ano 2015 produciuse unha lixeira diminución na porcentaxe de ingresos procedentes do traballo por conta allea (-0,37 puntos). A porcentaxe de ingresos procedentes do traballo por conta propia aumentou, pola contra, seis décimas (de 9,89% a 10,49% entre 2015 e 2016) e a porcentaxe de ingresos procedentes de prestacións diminuíu 0,33 puntos.

No 30,83% dos fogares galegos o 100% dos seus ingresos provén das prestacións. Na provincia de Ourense esta porcentaxe acada o 40,79%. Ademais, para o 43,53% dos fogares galegos as prestacións representan máis da metade dos seus ingresos.

Fogares nos que os ingresos por prestacións representan máis do 50%, 75% ou o 100% do total dos seus ingresos. Ano 2016
Porcentaxes (%)


Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Fogares nos que os ingresos por prestacións representan o 100% do total dos seus ingresos. Ano 2016
Porcentaxes (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Limiar monetario de pobreza segundo a composición do fogar. Galicia. Ano 2016
Euros por fogar


Fonte: IGE    (descarga da táboa)

No ano 2016 a taxa de risco de pobreza de Galicia diminuíu 0,89 puntos ata situarse no 16,06%. Esta taxa calcúlase como a porcentaxe de persoas cun ingreso equivalente inferior ao limiar de risco de pobreza, que se establece no 60% da mediana de ingresos equivalentes. Ao tomar ingresos equivalentes1 corríxese o efecto que produce o número de persoas do fogar no volume de ingresos. Para calcular as unidades de consumo asígnase un 1 ao primeiro adulto do fogar, 0,5 ao resto de adultos (persoas de 14 ou máis anos dese fogar) e 0,3 a cada neno do fogar (menores de 14 anos).

O limiar depende, polo tanto, do número de persoas que compoñen o fogar, así como da idade desas persoas. Para un fogar unipersoal o limiar en 2016 é de 638,68 euros/mes, mentres que para un fogar composto por dous adultos (1,5 unidades de consumo) o limiar é de 958,02 euros/mes (1,5*638,68).

Por provincias, a taxa máis alta corresponde a Ourense (19,35%) e a máis baixa á Coruña (13,39%). Con respecto ao ano 2016, diminúe a taxa de risco de pobreza nas provincias da Coruña e Pontevedra (en 0,23 puntos no primeiro caso e en 2,82 puntos no segundo), e aumenta nas provincias de Lugo e Ourense (na provincia de Lugo aumenta en 0,22 puntos porcentuais e na de Ourense en 1,37 puntos).

1Os ingresos equivalentes obtéñense dividindo os ingresos totais do fogar entre as unidades de consumo do fogar.

Taxa de risco de pobreza. Galicia e provincias. Ano 2016
Porcentaxes (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)





Evolución da taxa de risco de pobreza. Galicia
Porcentaxes (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Taxa de risco de pobreza ou exclusión social (Estratexia Europa 2020). Galicia
Porcentaxes (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

A poboación en risco de pobreza ou exclusión social é a que se atopa nalgunha das seguintes situacións:

  • En risco de pobreza
  • En carencia material severa
  • Persoas menores de 60 anos que viven en fogares sen ingresos de traballo ou con baixa intensidade de ingresos de traballo; é dicir, onde o número de días que os adultos de 18 a 59 anos dese fogar tiveron ingresos por traballo supón ata o 20% do número total de días que poderían telos durante o ano natural anterior á realización da enquisa

En 2016 o 20,33% da poboación residente en Galicia está en risco de pobreza ou exclusión social, o que supón unha diminución de 2,22 puntos respecto ao ano anterior. Por idades, este indicador diminuíu en todos os grupos, correspondendo as maiores baixadas aos grupos de 16 a 24 anos (a taxa de risco de pobreza ou exclusión social deste grupo diminuíu 3,85 puntos entre 2015 e 2016) e de 25 a 49 anos (menos 3,37 puntos porcentuais).

Fogares segundo o grado de dificultade para chegar a fin de mes. Galicia. Ano 2016
Porcentaxes (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

En 2016 a porcentaxe de fogares galegos que chegan con facilidade ou moita facilidade a fin de mes aumenta 3,2 puntos, ata o 50,52%. A porcentaxe dos que chegan con dificultade diminúe 2,09 puntos, mentres que a porcentaxe de fogares que chegan con moita dificultade diminúe 1,12 puntos ata situarse no 10,68%.

Información para os sete grandes concellos galegos e por áreas

Para os sete grandes concellos, Lugo e Santiago de Compostela, con 2.243 e 2.382 euros, son os que presentan o maior ingreso medio mensual por fogar, mentres que o máis baixo corresponde a Ferrol (1.951 euros).

Por outra banda, o 69,3% dos ingresos dos fogares residentes no concello de Lugo proceden do traballo. No concello de Ferrol esta porcentaxe sitúase no 54,32%. Neste concello o 43,38% dos ingresos dos fogares proceden de prestacións.

Ingresos dos fogares. Grandes concellos. Ano 2016

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Ingreso medio mensual por fogar. Áreas. Ano 2016
Euros por fogar

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Fogares con ingresos procedentes unicamente de prestacións. Áreas. Ano 2016
Porcentaxe sobre o total de fogares da área (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Gastos dos fogares

Información para Galicia e provincias

O 18,76% dos fogares galegos ten gasto en hipoteca da vivenda principal, cun gasto medio de 394,67 euros ao mes. Por provincias, A Coruña é a que conta cunha maior porcentaxe de fogares con gasto en hipoteca (20,31%). O maior gasto medio mensual en hipoteca da vivenda principal rexístrase tamén na provincia da Coruña, con 406,59 euros mensuais.

No tocante ao aluguer, o 12,83% dos fogares ten gasto en aluguer da vivenda principal e o gasto medio mensual sitúase en 303,06 euros ao mes, unha vez incluídas as axudas públicas e descontados os gastos correntes que aparezan incluídos no recibo (comunidade, auga...). Por provincias, de novo A Coruña é a que presenta unha maior porcentaxe de fogares con gasto en aluguer (13,90%) e a que rexistra un maior gasto medio mensual neste concepto (313,05 euros/mes).

Gasto dos fogares en aluguer e hipoteca da vivenda principal. Galicia e provincias. Ano 2016
Porcentaxes (%), euros por fogar

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Información para os sete grandes concellos galegos e por áreas

Dentro dos sete grandes concellos galegos, Lugo é o que conta cunha maior porcentaxe de fogares con gasto en hipoteca da vivenda principal (27,83%). O maior gasto medio en hipoteca rexístrase en Santiago de Compostela (522,94 euros/mes).

Respecto ao aluguer da vivenda principal, a maior porcentaxe de fogares con este gasto dáse no concello da Coruña (26,67%) e o gasto medio mensual máis elevado en Santiago de Compostela (366,72 euros/mes).

Gasto dos fogares en aluguer e hipoteca da vivenda principal. Grandes concellos. Ano 2016
Porcentaxes (%), euros por fogar

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Fogares con aforro en alimentos

Fogares con aforro en alimentos segundo o tamaño do municipio. Galicia
Porcentaxes

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Nota: o aforro en alimentación refírese a produtos que produciu o fogar ou ben que llos regalou algún familiar ou amigo

En 2016, o 42,59% dos fogares galegos manifestou ter aforro en alimentos, xa sexa porque os produciu o propio fogar ou ben porque llos regalou algún familiar ou amigo. Nos municipios de menos de 10.000 habitantes esta porcentaxe sobe ata o 64,72%, mentres que nos municipios de máis de 50.000 habitantes sitúase no 25,53%.

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo