Enquisa de condicións de vida das familias. Coñecemento e uso do galego. Ano 2013. Resumo de resultados

Resumo de resultados 05/12/2014
Datos correspondentes ao ano 2013

Introdución

A Enquisa de condicións de vida das familias é unha actividade estatística anual dirixida aos fogares galegos co obxecto de obter información sobre as súas características socioeconómicas. Consta de dúas partes: unha primeira de carácter xeral que se repite todos os anos, deseñada para recoller información sobre variables básicas e unha segunda de carácter específico.

Un dos módulos específicos de 2013 está dedicado ao coñecemento e uso da lingua galega. Neste módulo analízase o grao de coñecemento do idioma galego nas súas distintas formas (oral e escrito) e o seu uso en distintos ámbitos sociais.

Coñecemento do galego

Persoas que saben falar galego segundo a idade. Galicia. Ano 2013
Porcentaxes

No ano 2013 o 57,31% dos galegos de 5 ou máis anos manifesta que sabe falar o galego moito, o 29,62% bastante e o 13,07% pouco ou nada. Entre a poboación menor de 15 anos, a porcentaxe dos que sabe falar pouco ou nada o galego increméntase ata o 22,70%, mentres que entre a poboación de 65 ou máis anos non chega ao 9%.

A familia segue a ser a principal vía de aprendizaxe do idioma galego. O 82,17% dos galegos aprendeu a falar o galego neste ámbito, pero ao cinxirse á poboación menor de 30 anos a escola supera á familia como medio de aprendizaxe; o 86,52% dos mozos aprendeu o galego na escola e o 67,56% coa familia.

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Nota: os datos fan referencia á poboación de 5 ou máis anos. Non se inclúe a poboación que non pode falar un idioma por enfermidade ou discapacidade.

Uso habitual e inicial do galego

En 2013 o 31,2% dos galegos habitualmente fala sempre en galego. Esta porcentaxe é moi similar á do ano 2008 (30,29%) pero 12 puntos inferior á rexistrada fai dez anos.

Por outra banda, a porcentaxe de poboación que fala máis galego ca castelán diminuíu 6,44 puntos respecto ao ano 2008 ata situarse no 20,29%, mentres que a dos que falan máis castelán que galego case non variou nos últimos cinco anos: 22,7% en 2008 e 22,26% en 2013.

Por último, algo máis do 26% dos residentes en Galicia falan sempre en castelán, 6 puntos porcentuais máis que en 2008.

O uso do galego é desigual dependendo da idade da poboación. Deste xeito, o 52,74% dos galegos de 65 ou máis anos fala habitualmente só en galego e un 21,08% utiliza máis o galego có castelán. No entanto, entre os rapaces e rapazas de 5 a 14 anos, o 13,20% habitualmente sempre fala en galego, o 11,91% máis en galego ca castelán e o 74,88% restante utiliza sempre o castelán ou máis castelán ca galego.

Persoas segundo a lingua na que falan habitualmente. Galicia. Ano 2013
Porcentaxes

Evolución da porcentaxe de persoas segundo a lingua na que falan habitualmente. Galicia

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Nota: os datos fan referencia á poboación de 5 ou máis anos. Non se inclúe a poboación que non pode falar un idioma na actualidade por enfermidade ou discapacidade. Non se inclúe "Outras situacións" ("Castelán / galego e outras linguas" e "Outras linguas / linguaxe de signos") por falta de tamaño de mostra.

Persoas segundo a lingua na que escriben habitualmente. Galicia. Ano 2013
Porcentaxes

Persoas segundo a lingua na que escriben habitualmente. Datos por lingua na que falan habitualmente. Galicia. Ano 2013
Porcentaxes

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Nota: os datos fan referencia á poboación de 5 ou máis anos.
Non se inclúe a poboación que non sabe ou non pode escribir na actualidade nin a que non pode falar un idioma na actualidade.
Non se inclúe "Outras situacións" ("Galego / castelán e outras linguas" e "Outras linguas / linguaxe de signos") por falta de tamaño de mostra.

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Nota: os datos fan referencia á poboación de 5 ou máis anos. Non se inclúe a poboación que non pode ou non sabe escribir na actualidade.
"Outras situacións" inclúe "Galego / castelán e outras linguas" e "Outras linguas".

No tocante á lingua habitual de escritura, apenas se produciron cambios no último quinquenio e o castelán segue a ser a lingua máis utilizada polos galegos. A porcentaxe de poboación que habitualmente escribe en galego é do 15,12%.

Ao comparar os datos segundo a lingua na que falan habitualmente, obsérvase que entre as persoas que sempre falan en galego, o 33,58% escribe habitualmente na mesma lingua e o 66,42% faino en castelán.

Uso do galego no ámbito familiar

O 41,68% dos galegos que teñen fillos fálalles en galego sempre, o 31,66% sempre en castelán, o 15,06% máis castelán ca galego e o 10,10% máis galego ca castelán. No tocante aos fillos, cabe destacar que arredor do 37% fala sempre en castelán cos seus proxenitores.

Persoas segundo a lingua na que falan no ámbito familiar. Galicia. Ano 2013
Porcentaxes

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Nota: os datos fan referencia á poboación de 5 ou máis anos. O uso do galego cos fillos e coa parella fai referencia á poboación de 16 ou máis anos. Non se inclúe a poboación que non pode falar un idioma na actualidade por enfermidade ou discapacidade.
"Outras situacións" inclúe: "Castelán/galego e outras linguas" e "Outras linguas/linguaxe de signos".

Uso do galego no ámbito social

Dentro do ámbito social, o uso exclusivo do galego está máis estendido nas relacións entre amigos. O 33,10% dos galegos habitualmente fala sempre en galego cos amigos. Porén, o 35,45% comunícase cos profesores dos seus fillos exclusivamente en castelán e o 34,24% só utiliza este idioma cos médicos.

Persoas segundo a lingua na que falan no ámbito social. Galicia. Ano 2013
Porcentaxes

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Nota: os datos fan referencia á poboación de 5 ou máis anos no caso de "amigos e comerciantes" e de 16 ou máis anos no resto.
Non se inclúe a poboación que non pode falar un idioma na actualidade por enfermidade ou discapacidade.
Non se inclúe "Outras situacións" ("Galego/castelán e outras linguas" e "Outras linguas/linguaxe de signos") por falta de tamaño de mostra.

Uso do galego no ámbito laboral

No referente ao ámbito laboral, o 30,10% dos ocupados galegos fala sempre en galego cos compañeiros de traballo e o 18,37% utiliza máis galego ca castelán. A porcentaxe dos que falan sempre en galego ou máis galego ca castelán cos seus superiores non chega ao 40%.

Persoas segundo a lingua na que falan no ámbito laboral. Galicia. Ano 2013
Porcentaxes

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Nota: os datos fan referencia á poboación de 16 ou máis anos que ten traballo na actualidade en Galicia.
Non se inclúe a poboación que non pode falar un idioma na actualidade por enfermidade ou discapacidade.
Non se inclúe "Outras situacións" ("Galego/castelán e outras linguas" e "Outras linguas/linguaxe de signos") por falta de tamaño de mostra.

Uso do galego no ámbito educativo

Nos últimos cinco anos produciuse unha caída de algo máis de 12 puntos na porcentaxe de estudantes que reciben todas as clases en galego, ata situarse no 2,15% en 2013. A porcentaxe dos que reciben a ensinanza maioritariamente en galego é do 43,7% (2,86 puntos menos que en 2008). Porén, a porcentaxe de alumnos que recibe as clases maioritariamente en castelán incrementouse 18,3 puntos porcentuais ata acadar o 51,08%. Finalmente, en 2013, o 3,08% dos estudantes reciben as clases unicamente en castelán.

Persoas que estudan en Galicia segundo a lingua na que reciben as clases e a idade. Ano 2013
Porcentaxes

Persoas que estudan en Galicia segundo a lingua na que reciben as clases
Porcentaxes

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Nota: Os datos fan referencia á poboación de 5 ou máis anos que recibe ensino regrado na actualidade en Galicia. Non se inclúe "Outras situacións" ("Galego/castelán e outras linguas" e "Outras linguas/linguaxe de signos") por falta de tamaño de mostra. Non se inclúen as clases de idiomas

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Uso do galego nos medios de comunicación

Segundo se desprende da enquisa, case o 20% dos galegos ve a televisión sempre en galego ou máis en galego ca castelán, aínda que hai un 23,90% que sempre a ve en castelán. Á hora de escoitar a radio, o 15,98% faino sempre en galego ou maioritariamente en galego.

O uso do galego está menos estendido noutros medios de comunicación. Aproximadamente o 60% dos residentes en Galicia só le a prensa e libros en castelán e o 74% navega pola rede sempre neste idioma.

Persoas segundo a lingua que utilizan nos medios de comunicación. Galicia. Ano 2013
Porcentaxes

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Nota: os datos fan referencia á poboación de 16 ou máis anos.
Non se inclúe a poboación que non pode realizar a actividade por enfermidade ou discapacidade.
Non se inclúe "Outras situacións" ("Galego / castelán e outras linguas" e "Outras linguas / linguaxe de signos") por falta de tamaño de mostra.

Fogares e idioma

No ano 2013, no 22,21% dos fogares galegos todos os seus membros de 5 ou máis anos falan habitualmente só en galego. Esta porcentaxe diminuíu 2,11 puntos respecto o ano 2008.

Por áreas xeográficas, a área do Carballiño – O Ribeiro xunto coa área da Coruña suroriental son as que presentan as maiores porcentaxes de fogares nos que todos os seus membros de 5 ou máis anos falan habitualmente só galego, cun 52,75% e un 52,21%, respectivamente. No outro extremo atópanse a área da Coruña, cun 10,81%, a área de Ourense, cun 10,38%, e a área de Vigo cun 7,48%.

Fogares nos que todos os seus membros de cinco ou máis anos falan habitualmente só galego. Ano 2013
Porcentaxes

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Nota: non se inclúe a poboación que non pode falar un idioma na actualidade por enfermidade ou discapacidade.

Percepción do uso do galego na sociedade

Persoas segundo a percepción de uso de galego na actualidade. Galicia. Ano 2013
Porcentaxes

O 29,15% dos galegos de 16 ou máis anos considera que na actualidade se fala pouco ou nada o galego. Esta porcentaxe é maior nas provincias da franxa atlántica con valores próximos ao 32%. No outro extremo atópase Lugo onde a porcentaxe baixa ata o 17,55%.

Por outra banda, o 35,16% dos galegos considera que na actualidade se fala máis galego que fai 5 anos, para o 43,46% a percepción do uso do galego non variou neste intervalo de tempo, e, finalmente, o 21,38% restante cree que se fala menos galego que en 2008.

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Nota: os datos fan referencia á poboación de 16 ou máis anos.

Compartir: