Enquisa estrutural a fogares. Coidado de menores e conciliación familiar. Resumo de resultados

Introdución

A Enquisa de condicións de vida das familias é unha actividade estatística anual dirixida aos fogares galegos co obxecto de obter información sobre as súas características socioeconómicas. Consta de dous módulos: un primeiro de carácter xeral que se repite todos os anos, deseñado para recoller información sobre variables básicas e un segundo de carácter específico.

Na edición de 2012 unha parte do módulo específico está dedicado ao coidado de menores e á conciliación familiar.

Asistencia a centros de educación infantil de 1º ciclo

En Galicia, no ano 2012, había 30.891 nenos que asistían a centros de educación infantil de primeiro ciclo (garderías, escolas infantís...), o que supón o 43,5% do total de nenos nesta etapa. A asistencia media a estes centros era de 24,5 horas semanais.

Por provincias, a porcentaxe de nenos que asistiron a un centro do primeiro ciclo de infantil é maior na Coruña, onde a metade dos nenos utilizaron os servizos ofrecidos por estes centros. No outro extremo atópase Ourense onde a porcentaxe foi lixeiramente inferior ao 27%.

Asistencia a centros de educación infantil de 1º ciclo. Ano 2012


Dos 40.101 nenos que non asistiron a un centro do primeiro ciclo de infantil, o 70% non asistiu porque non o precisaba.

Preto de 35.000 nenos galegos neste grupo de idade eran coidados unicamente polos seus pais. O 49,5% destes nenos (17.257) non asistían a centros de primeiro ciclo de educación infantil.

Nenos na etapa de 1º ciclo de educación infantil que son coidados unicamente polos seus pais. Galicia. Ano 2012


Nenos na etapa de 2º ciclo de educación infantil ou de educación obrigatoria (primaria ou secundaria)

O 70,4% dos nenos galegos de entre 3 e 12 anos realizou en 2012 algunha actividade non lectiva dentro dos centros de segundo ciclo de educación infantil ou de educación obrigatoria. O servizo complementario máis utilizado foi o comedor escolar, do que fixeron uso 4 de cada dez escolares. O transporte escolar foi utilizado polo 27,9% dos rapaces.

Por outra banda, o 35,4% dos nenos realizaron actividades extraescolares nos propios centros, cunha duración media semanal de aproximadamente tres horas.

No tocante ás actividades non lectivas realizadas fóra do centro escolar, o 45,3% dos nenos de entre 3 e 12 anos acudiron a actividades extraescolares ou deportivas e o 17,3% a clases particulares ou academias. En total, a duración media das actividades non lectivas realizadas fóra do centro escolar foi de case 4 horas á semana.

Nenos de 3 a 12 anos que asisten a actividades non lectivas. Galicia. Ano 2012

Dentro dos centros de educación

Fóra dos centros de educación

En total, tendo en conta o horario lectivo e as actividades non lectivas, os nenos galegos pasaron de media 31,9 horas á semana nos centros de segundo ciclo de educación infantil, de educación obrigatoria ou en actividades fóra do centro escolar.

Axuda doutras persoas para o coidado de menores

A continuación móstrase a porcentaxe de núcleos familiares que precisaron de axuda para coidar os nenos de 0 a 12 anos segundo o tipo de coidado. Por exemplo, a metade dos pais con nenos deste grupo de idade necesitou axuda doutras persoas para coidar dos nenos cando enferman e non poden acudir ao centro escolar e o 32,7% para coidalos durante os períodos de vacacións escolares.

Núcleos familiares con nenos de 0 a 12 anos que reciben axuda para coidar os nenos. Galicia. Ano 2012


(1) A incidencia calcúlase como a porcentaxe de núcleos que reciben axuda sobre o total de núcleos.
(2) A incidencia calcúlase como a porcentaxe de núcleos que reciben axuda sobre o total de núcleos onde polo menos un neno asiste a algún centro educativo.

En moitos casos o coidado dos nenos é asumido por membros do propio fogar ou por outros familiares que non forman parte do fogar. Para o coidado dos nenos cando enferman, o 66,5% dos núcleos pediron axuda unicamente a outros familiares que non forman parte do fogar; no 13,7% dos casos a axuda só foi prestada por parte dalgún membro do fogar (por exemplo de avós que viven nese fogar), o 5,1 % contaba só con persoal remunerado e o 14,7% restante recibiu outro tipo de axuda.

Tipoloxía de axuda recibida para coidar os nenos. Galicia. Ano 2012


No tocante ao papel que xogan os avós (residan ou non no núcleo familiar) no coidado dos nenos, cabe destacar que do total de núcleos que reciben axuda para coidar os nenos cando non acoden ao centro escolar, o 64,1% dos pais só conta coa axuda dos avós e o 13,4% coa axuda dos avós e doutras persoas.

Por outra banda, nos núcleos onde os pais precisan axuda para coidar os nenos durante as vacacións escolares, o 53% só recibe axuda por parte dos avós.

Núcleos familiares con nenos de 0 a 12 anos que reciben axuda de avós para coidar os nenos. Galicia. Ano 2012


Conciliación da vida laboral e familiar

Ao analizar a relación coa actividade laboral dos pais que viven con polo menos un menor de entre 0 e 12 anos, obsérvase como en algo máis da metade destes núcleos os pais estaban traballando.

A porcentaxe de núcleos que en 2012 reduciu a xornada laboral para poder atender os nenos foi aproximadamente do 13%.

Núcleos familiares con nenos de 0 a 12 anos segundo a relación coa actividade dos pais do núcleo familiar. Galicia. Ano 2012


Neste ano, 30.132 traballadores galegos con nenos menores de 13 anos reduciron a súa xornada de traballo para poder atendelos.

Segundo o sexo do traballador, a incidencia da redución foi maior entre as mulleres (17,5%) que entre os homes (5,2%). De feito, sete de cada 10 traballadores con nenos que en 2012 reduciron a súa xornada de traballo eran mulleres.

Traballadores con nenos de 12 ou menos anos con redución de xornada de traballo para atender os nenos por sexo. Galicia. Ano 2012

Porcentaxe de homes e mulleres que reduciron a súa xornada

Distribución porcentual das persoas que reduciron a súa xornada segundo o sexo


Por último, no tocante á flexibilización e coordinación do horario, tres de cada dez ocupados con nenos flexibilizaron ou coordinaron o seu horario para atender aos nenos. Entre as mulleres esta porcentaxe acadou o 36,8%, mentres que para os homes foi 12,2 puntos inferior.

Traballadores con nenos de 12 ou menos anos que flexibilizan ou coordinan o horario de traballo para atender os nenos por sexo. Galicia. Ano 2012

Porcentaxe de homes e mulleres que flexibilizaron o horario

Distribución porcentual das persoas que flexibilizaron o seu horario segundo o sexo


Compartir: