Estudo de salarios / Salarios desde o punto de vista do perceptor / Salario bruto anual segundo o sexo e o grupo de idade

Salario bruto anual segundo o sexo e o grupo de idade

Salario bruto segundo o sexo

No ano 2014, o salario bruto anual medio en Galicia foi de 22.505,1 euros para os homes e de 17.797 euros para as mulleres, polo que o salario destas últimas representa o 79,1% do salario dos homes. No ano 2010 o salario feminino representaba o 78,2% do masculino, polo que no período 2010-2014 diminúen lixeiramente as diferenzas salariais entre homes e mulleres. Das provincias galegas, a que presenta maior similitude nos salarios brutos anuais entre homes e mulleres é Lugo onde, no ano 2014, o salario feminino foi un 84,6% do masculino; no outro extremo atópanse Ourense e Pontevedra, onde esta porcentaxe só acada o 78,3% nun caso e 78,4% no outro.

Salario bruto anual. Galicia e provincias. Ano 2014
Euros

Salario bruto anual segundo o sexo. Galicia e provincias. Ano 2014
Euros

A densidade do salario bruto anual das mulleres atópase á esquerda da dos homes en todos os niveis salariais. No extremo inferior pódese observar que o 50% das mulleres percibíu menos de 15.131 euros no ano 2014, namentres que a porcentaxe de homes que percibiu menos desa cantidade non acada o 25%.

Percentís do salario bruto anual segundo o sexo. Galicia
Euros

Densidade do salario bruto anual segundo o sexo. Galicia. Ano 2014

O salario mediano das mulleres no ano 2014 foi 15.131 euros, un 15% inferior ao seu salario medio, o que indica unha concentración dos salarios por debaixo da media xa que máis do 50% das mulleres perciben un salario inferior ao salario medio.

Nos homes, o salario mediano no ano 2014 foi 19.060,1 euros, un 15,3% inferior ao seu salario medio, o que indica o mesmo comportamento que no caso das mulleres.


Para comparar os salarios como "prezo da man de obra" é necesario empregar a ganancia por hora, que elimina o efecto producido polas diferenzas salariais segundo o tipo de xornada, a tempo completo ou a tempo parcial. Como se observa no apartado O mercado de traballo en Galicia. Asalariados segundo tipo de xornada e contrato as mulleres teñen unha taxa de parcialidade superior á dos homes.

Na análise da ganancia media por hora por sexo confírmase o xa observado, maiores salarios dos homes en todos os espazos xeográficos considerados. Non obstante, a ganancia por hora mitiga algo as diferenzas entre homes e mulleres. E así, en Galicia no ano 2014, a ganancia por hora das mulleres representa o 90,6% da ganancia por hora dos homes, mentres que, en termos de salario bruto anual, esta porcentaxe non acada o 80%.

As diferenzas entre a ganancia por hora entre homes e mulleres nas provincias confirman de novo que Lugo é unha das provincias onde menos diferenzas existen, aínda que neste caso vese superada por Pontevedra; nesta, a ganancia por hora das mulleres é o 92,4% da dos homes; en Ourense esta porcentaxe acada o 88,5% e, con esta cifra, é a provincia onde as diferenzas son máis notables.

Ganancia por hora segundo o sexo. Galicia, España e provincias. Ano 2014
Euros por hora

Ganancia por hora segundo o sexo. Galicia, España e provincias. Ano 2014
Euros por hora

Salario bruto segundo o grupo de idade

Os salarios están relacionados de forma positiva coa idade dos traballadores, grazas aos complementos de antigüidade e a que os traballadores van mellorando as súas condicións económicas na empresa co paso do tempo. En Galicia, no ano 2014, o salario bruto anual dos traballadores de 55 e máis anos foi un 103,5% superior ao dos asalariados menores de 25 anos; no caso de España, esta porcentaxe acada o 126,1%.

No ano 2014, o salario bruto anual en Galicia é inferior ao de España en todos os grupos de idade considerados. O grupo de idade que menos diferenzas presenta é o de menores de 25 anos, onde o salario bruto anual en Galicia é o 99,8% do de España para ese grupo de idade. Pola contra, o grupo de idade onde os salarios son máis diferentes é o grupo de 35-44 anos, no que o salario de Galicia é o 86,5% do de España.

Salario bruto anual segundo o grupo de idade. Galicia e España. Ano 2014
Euros

Salario bruto anual segundo o grupo de idade. Galicia e España. Ano 2014
Euros

As diferenzas salariais segundo grupos de idade maniféstanse en todas as provincias. Existen ademais diferenzas nos salarios entre as provincias: A Coruña é a que presenta valores máis elevados do salario bruto anual en todos os grupos de idade considerados.

Polo que respecta ás diferenzas entre grupos de idade, a provincia onde estas son maiores é Ourense, na que os maiores de 55 anos cobran un 57,7% máis que os menores de 35 anos.

Salario bruto anual segundo o grupo de idade. Galicia e provincias. Ano 2014
Euros

Salario bruto anual segundo o grupo de idade. Provincias. Ano 2014
Euros

Percentís do salario bruto anual segundo o grupo de idade. Galicia. Ano 2014
Euros

Densidade do salario bruto anual segundo o grupo de idade. Galicia. Ano 2014

No gráfico das densidades pódese observar que os salarios dos traballadores están máis concentrados en torno ao pico da curva (valor modal) nos dous grupos de idade inferiores que no grupo de idade de 55 e máis anos, onde os salarios presentan unha maior dispersión.

O salario mediano dos menores de 35 anos no ano 2014 foi 14.673 euros, un 6,9% inferior ao seu salario medio, o que significa que existe un maior número de asalariados menores de 35 anos percibindo salarios máis baixos. No caso dos traballadores de 35 a 55 anos e de 55 e máis anos, o salario mediano destes grupos de idade no ano 2014 é un 13,1% e un 14,9% inferior ao salario medio deses grupos.

A ganancia por hora, coma o salario bruto anual, está relacionada de forma positiva coa idade dos traballadores: a maior idade, maior ganancia por hora. Así, en Galicia no ano 2014, os traballadores maiores de 55 anos teñen unha ganancia por hora un 77,6% superior á ganancia por hora dos traballadores menores de 25 anos. Esta porcentaxe é inferior á que se obtivo cos salarios brutos anuais (103,5%) debido, entre outras cousas, a que os traballadores máis novos teñen unha maior taxa de parcialidade, como se reflicte no apartado O mercado de traballo en Galicia. Asalariados segundo tipo de xornada e contrato.

Ganancia por hora segundo os grupos de idade. Galicia e España. Ano 2014
Euros por hora

Salario bruto segundo o sexo e o grupo de idade

Os salarios dos galegos son superiores aos das galegas en todos os grupos de idade considerados, tal e como reflicten os datos dos salarios brutos anuais para o ano 2014. Ademais, os grupos de idade nos que parecen existir menos diferenzas é o de menores de 25 anos, onde o salario das mulleres representa o 93,7% do salario dos homes.

Salario bruto anual segundo o sexo e o grupo de idade. Galicia. Ano 2014
Euros

Salario bruto anual. Galicia
Euros

Definicións, fontes e máis información

Definicións

Definicións

Descarga de datos

Fontes de información

IGE. Elaboración propia a partir dos microdatos da Encuesta de Estructura salarial elaborada polo INE


Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal.
Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies
     De acordo
Compartir: