Estudo de salarios / Salarios desde o punto de vista do perceptor / Proporción de asalariados con salarios baixos

Proporción de asalariados con salarios baixos

Proporción de asalariados con salarios baixos

Considéranse asalariados con salarios baixos aqueles que gañan 2/3 ou menos da mediana das ganancias brutas por hora na rexión/país de referencia. Polo tanto, cómpre resaltar que o limiar empregado para determinar que salarios son baixos é específico de cada país. Para o cálculo deste indicador só se consideran os asalariados de empresas de 10 ou máis asalariados incluídas nalgunha das seccións B a S (excluída a O: "Administración pública, defensa e seguridade social obrigatoria") da CNAE 2009

En Galicia, no ano 2014 o 11,2% dos asalariados tiña salarios baixos, unha porcentaxe lixeiramente superior á do ano 2006, que era do 10,5%.

Os datos por provincias do ano 2014 reflicten diferenzas significativas. As provincias con menores porcentaxes en 2014 son, por esta orde, Lugo e Pontevedra; na primeira, o 7,8% dos asalariados percibía salarios baixos e na segunda este dato situábase no 9,5%. A provincia de Ourense é a que presenta os valores extremos do indicador; así, mentres na provincia de Lugo en 2014, 8 de cada 100 asalariados percibían salarios baixos, en Ourense eran case 20 de cada 100.

A consideración deste indicador segundo o sexo permite observar importantes diferenzas entre homes e mulleres tanto en Galicia como nas catro provincias. Ademais, as diferenzas entre sexos acentúanse na provincia de Ourense. Así, no ano 2014 a porcentaxe de mulleres asalariadas con salarios baixos en Galicia acadou o valor do 16,3% fronte ao 6,3% dos homes. Na provincia de Ourense o indicador acada unha diferenza por sexo que supera os 25 puntos.

Porcentaxe de asalariados con salarios baixos segundo o sexo. Galicia e provincias. Ano 2014
Porcentaxes

Proporción de asalariados con salarios baixos segundo a idade

Se se fai a análise da proporción de salarios baixos segundo a idade, obsérvase que nos menores de 30 anos este indicador ascende ao 19,8%, moi por encima do dato para os asalariados de 50 e máis anos, que se sitúa no 8,6%. Por provincias, as diferenzas acentúanse en Ourense

Porcentaxe de asalariados con salarios baixos segundo a idade. Galicia e provincias. Ano 2014
Porcentaxes

Proporción de asalariados con salarios baixos segundo o nivel de estudos

Tendo en conta a proporción de asalariados con salarios baixos segundo o nivel de estudos, obsérvase que a medida que aumenta o nivel de estudos a proporción de asalariados con salarios baixos é menor. Non obstante, en Ourense a porcentaxe de persoas con salarios baixos para os asalariados con nivel de estudos superiores segue a situarse por riba da do resto das provincias.

Porcentaxe de asalariados con salarios baixos segundo o nivel de estudos. Galicia e provincias. Ano 2014
Porcentaxes

Proporción de asalariados con salarios baixos nos países da Unión Europea. Ano 2014

A comparación por países debe realizarse con cautela debido á existencia de umbrais diferentes para cada país. Non obstante, os datos de Eurostat reflicten que no ano 2014 o 17,2% dos asalariados da UE28 percibían salarios baixos; en España no mesmo ano esta porcentaxe é do 14,6% e en Galicia do 11,2%.

Definicións, fontes e máis información

Definicións

Definicións

Descarga de datos

Fontes de información

IGE. Elaboración propia a partir dos microdatos da Encuesta de Estructura Salarial elaborada polo INE


Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal.
Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies
     De acordo
Compartir: