Estudo de salarios / Introdución

Estudo sobre salarios. Introdución

O Estudo sobre salarios é unha actividade estatística incluída nos Programas Estatísticos Anuais da Comunidade Autónoma desde o ano 2013 cuxo obxectivo é facer un estudo coa información existente sobre os salarios. A dita información está moi dispersa no sistema estatístico, xa que son diferentes as perspectivas desde as que se estudan os salarios e son varios os organismos que realizan estatísticas salariais. O IGE pretende con esta actividade achegar a información sobre os salarios dunha forma estruturada destacando os principais resultados de cada unha das fontes estatísticas.

Este estudo estrutúrase en 7 apartados, o primeiro relativo ao mercado de traballo en Galicia, e os seis restantes utilizan fontes estatísticas relativas aos salarios, polo que teremos seis aproximacións complementarias co obxectivo de dar unha visión completa sobre as rendas do traballo en Galicia.

En cada apartado realízanse comparacións temporais e espaciais. Trátase de coñecer a evolución recente dos salarios e realizar comparacións con outros territorios, como España e a Unión Europea. Tamén terán cabida, na medida en que as fontes o permitan, as comparativas dentro de Galicia e teremos desagregacións provinciais ou mesmo por grandes concellos. A perspectiva de xénero é outro factor fundamental nos resultados deste estudo, no que tamén poñen a disposición dos usuarios datos dos salarios en función da idade, ocupación, nivel de estudos ou actividade económica.

A estrutura do mercado de traballo en Galicia achega o punto inicial deste traballo. Trátase de coñecer como se estrutura a poboación en relación coa actividade económica, co obxectivo de caracterizar o volume de traballadores por conta allea desde unha perspectiva socioeconómica. Trataríase de describir a poboación asalariada en Galicia segundo o sexo, idade, tipo de xornada, rama de actividade, nivel de estudos e ocupación. Neste apartado a fonte de información é a Enquisa de Poboación Activa (IGE-INE).

A continuación ofrécese unha visión agregada dos salarios na economía galega. A fonte de información é o Sistema de Contas Económicas de Galicia (IGE), que ofrece información da participación dos salarios na distribución do valor engadido xerado no sistema produtivo galego.

A remuneración dos asalariados son os pagamentos realizados polas empresas. Unha parte vai destinado ás cotizacións obrigatorias á seguridade social e outra, tras deducir cotizacións do empregado e impostos sobre a renda, é a que reciben os fogares galegos pola súa contribución ao proceso produtivo achegando forza de traballo. As rendas salariais son a principal fonte de renda nos ingresos totais dos fogares galegos como se analizará no bloque 3. Neste apartado utilízase información da Enquisa de Condicións de Vida das Familias (IGE).

O cuarto bloque pon o foco nos salarios dende o punto de vista do pagador, isto é, das empresas da nosa comunidade. A competitividade das nosas empresas está condicionada polo custo laboral, xunto con outros factores máis amplos. Estes custos forman parte dos custos de produción total das empresas. Neste apartado analizaranse os custos laborais coa Encuesta anual de coste laboral (INE).

A perspectiva do traballador será abordada no quinto apartado. Nel, a través da Encuesta de Estructura Salarial do INE, analizarase a distribución salarial en Galicia e nas súas provincias, o salario bruto anual e a ganancia por hora desde múltiples perspectivas: segundo sexo e idade, ocupación, actividade económica, nivel de estudos, tipo de xornada e contrato. A virtude deste punto de vista é establecer relacións entre o salario e algunhas variables que poden contribuír ao seu nivel, así como poñer os niveis salariais en relación a variables como a propiedade da empresa ou a actividade que desenvolve.

Neste Estudo sobre salarios analízanse os salarios nos grandes concellos de Galicia a través da Mostra continua de vidas laborais facilitada pola Seguridade Social. Neste caso publícanse datos sobre os salarios en función do sexo, idade, tipo de contrato e tipo de xornada, para os sete grandes concellos de Galicia.

Por último, en febreiro de 2015, introduciuse neste estudo un resumo da estatística "Mercado de trabajo y Pensiones en las fuentes tributarias" realizada pola Axencia Tributaria. O obxectivo é facer unha análise dos salarios dende a óptica do perceptor, utilizando como variables de clasificación a provincia e a Comunidade Autónoma, o sexo, a idade, a rama de actividade e os tramos de salario.


Estudo sobre salarios. Esquema forza de traballo-remuneración dos asalariados


Compartir: