Estudo de salarios / Salarios nas fontes tributarias

Estudo de salarios. Salarios nas fontes tributarias

Introdución

Neste apartado utilízase a estatística "Mercado de trabajo y Pensiones en las fuentes tributarias" realizada pola Axencia Tributaria para facer unha análise dos salarios dende a óptica do perceptor, utilizando como variables de clasificación a provincia e a Comunidade Autónoma, o sexo, a idade, a rama de actividade e os tramos de salario.

A estatística ten carácter censual e está baseada nas declaracións anuais do Modelo 190 que presentan todas as persoas físicas, xurídicas e demais entidades que, estando obrigadas a reter ou ingresar a conta polo imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, satisfagan ou abonen algunha renda no ano de referencia da estatística.

Esta estatística permite coñecer o perfil demográfico da poboación asalariada por sexo, a masa salarial por tramos de idade e polo tanto, o salario medio para cada tramo. Ademais, tamén proporciona a clasificación dos asalariados para 10 ramas de actividade co seu correspondente salario medio.

Á hora de interpretar os resultados debe terse en conta que nesta estatística ao longo do ano as persoas poden obter percepcións salariais de máis dunha empresa e dous ou máis tipos de percepcións1. Ademais o número de asalariados anuais calcúlase como a suma de persoas que ao longo do ano tiveron algunha percepción salarial; e o salario medio anual como a suma dos salarios anuais dividida polo número de asalariados. En consecuencia, o salario medio anual tende a ter un nesgo á baixa en comparación con outras estatísticas nas que o denominador é o número de asalariados calculado como media anual. Un incremento da temporalidade, por exemplo, fará que o salario medio calculado neste apartado diminúa máis que un salario por hora traballada, por exemplo.


1Os asalariados poden clasificarse segundo o grupo de poboación ao que pertencen. Estes grupos son os seguintes: poboación que só percibe salario, poboación que percibe salario e pensión, poboación que percibe salario e prestación por desemprego e poboación que percibe salario, pensión e prestación por desemprego. Para cada un destes grupos pode calcularse o salario medio anual.

Salario medio anual. España e Galicia

No período 2001-2016, o salario medio anual en Galicia e en España amosa un perfil similar cunha diferenza significativa en canto ao nivel: estas diferenzas, favorables ao salario medio no conxunto de España, oscilan entre 1.344 (ano 2007) e 691 (ano 2014) euros anuais.
Entre 2010 e 2014 o salario medio decrece, e nos dous últimos períodos rexístranse subidas en ambos territorios. En 2016, en Galicia medra 275 euros mentres en España o crecemento foi de 190 euros.

As diferenzas por sexo son destacables, aínda que en España estas son significativamente máis elevadas: en España, en termos relativos, a diferenza entre o salario medio anual dos homes e o das mulleres alcanza o máximo nos dous primeiros anos da década (48%), mentres que en Galicia ese máximo sitúase en torno ao 38% neses mesmos anos. Estas diferenzas van diminuíndo ao longo do período ata situarse en torno ao 29% no ano 2016 tanto en Galicia como en España. Se examinamos as diferenzas de salario medio por sexo en Galicia e en España, obsérvase que o diferencial é maior en España. É dicir, o salario medio das mulleres galegas, aínda que é máis baixo que o español, aproxímase máis ao da media de España que no caso dos homes.

Salario medio anual segundo o sexo. España e Galicia
Euros

Salario medio anual. Ambos sexos. España e Galicia
Euros

Salario medio anual segundo o sexo. España e Galicia
Euros

Percepcións salariais segundo o grupo de poboación ao que pertencen os asalariados. Galicia

A evolución do número de asalariados segundo o grupo de poboación ao que pertencen mostra claramente a perda de peso do grupo no que os salarios constitúen a única fonte de ingresos, a favor dos que perciben ingresos por salarios e pensións e, sobre todo, por salarios e prestacións por desemprego que no ano 2001 supoñen o 12% da poboación asalariada e no ano 2016 o 16%. En síntese, se no ano 2001 os asalariados que ao longo do ano só tiñan como fonte de ingreso os salarios supoñían o 82% do total, no ano 2016 esta porcentaxe baixa ata o 76%, debido fundamentalmente ao incremento do paro e ao envellecemento da poboación.

Retribución anual media procedente de salarios e tipo de retención. Galicia
Euros, porcentaxe

Asalariados segundo o grupo de poboación ao que pertencen. Galicia
Porcentaxe

Asalariados, percepcións salariais e retencións segundo o grupo de poboación. Galicia
Persoas, euros, porcentaxe

Salario medio anual por ramas de actividade. España e Galicia

No ano 2016 o salario medio oscila entre o mínimo da Agricultura, gandería, silvicultura e pesca en España e Outros servizos persoais e de ocio en Galicia e o máximo da rama Entidades financeiras e aseguradoras. Nesta última rama, o salario medio no período 2011-2016 crece un 16% en España, mentres que en Galicia diminúe un 0,4%.

En Galicia, nos últimos cinco anos, os "Servizos sociais" sofren unha caída no salario medio en torno ao 3%, mentres que na "Industria extractiva, enerxía e auga" e na "Industria" incrementase o salario medio nun 15% e 6% respectivamente.

En canto ás diferenzas de nivel entre Galicia e a media de España no salario medio por sectores, obsérvase que España supera a Galicia en tódolos sectores, agás no sector primario o que é pouco significativo, dada a escasa entidade do emprego asalariado neste sector en Galicia. No resto dos sectores as maiores diferenzas prodúcense en "Información e comunicacións" e "Entidades financeiras" que superan os 6.629€ e 7.151€ anuais, respectivamente.

Salario medio anual por sectores. España e Galicia
Euros

Salario medio anual por sectores. Galicia
Euros

Salario medio anual por sectores. Ano 2016. España e Galicia
Euros

Lenda dos gráficos; CNAE-2009:

  • 1: Agricultura, gandería, silvicultura e pesca (A)
  • 2: Industria extractiva, enerxía e auga (B, D, E)
  • 3: Industria (C)
  • 4: Construción e actividades inmobiliarias (F, L)
  • 5: Comercio, reparacións e transporte (G, H)
  • 6: Información e comunicacións (J)
  • 7: Entidades financeiras e aseguradoras (K)
  • 8: Servizos ás empresas (N, M)
  • 9: Servizos sociais (P, Q, O)
  • 10: Outros servizos persoais e de ocio (I, R, S)

Asalariados e percepcións salariais por grupos de idade. España e Galicia

Pirámide coa comparación do volume de asalariados e a masa salarial por sexo e grupos de idade. Ano 2016. España
Porcentaxe

Pirámide coa comparación do volume de asalariados e a masa salarial por sexo e grupos de idade. Ano 2016. Galicia
Porcentaxe

Coa representación en forma de pirámide de idades da masa salarial e dos efectivos de asalariados por sexo, preténdese amosar nunha imaxe fixa as diferenzas estruturais demográficas entre Galicia e o conxunto de España na composición da poboación asalariada por idades e sexo e o correspondente reparto da masa salarial entre os grupos de asalariados.


As observarcións máis salientables resúmense nos seguintes puntos:

  • A poboación asalariada galega está máis envellecida que a española. A proporción da poboación asalariada que ten máis de 55 anos supera á media española en máis dun punto porcentual. En contraste, os xoves (menores de 36 anos) teñen maior peso en España que en Galicia: un 33% fronte a un 30%.

  • Na poboación nova asalariada (menor de 36 anos) existe unha gran diferenza entre o peso da súa masa salarial e o peso poboacional no conxunto dos asalariados: en Galicia 10 puntos e 12 en España. En Galicia implica que o 30% da poboación asalariada recibe o 20% da masa salarial.

  • No resto de grupos de idade a proporción de masa salarial supera á de poboación, sendo o grupo de 46 a 55 anos o que presenta unha situación máis favorable: o 24% dos asalariados absorben o 29% da masa salarial.

  • Por sexos, no grupo de 36 a 45 anos as mulleres (15% da poboación asalariada) perciben o 13% da masa salarial.

  • Pola contra, no grupo de 46 a 55 anos, os homes (13% da poboación asalariada) perciben o 18% da masa salarial.

Salario medio anual por sexo e grupos de idade. Galicia

Salario medio anual por sexo e grupos de idade. Galicia
Euros

Por idade, obsérvanse dous colectivos claramente diferenciados no seu comportamento: Os dous grupos de idade máis xoves (ata os 35 anos) experimentan perdas no salario medio anual do ano 2008 ao 2016, sendo particularmente importante no grupo de 18 a 25 anos, cun descenso dun 27%. No outro extremo está o grupo de idade máis alto cun incremento do salario medio do 0,6%. .

Salario medio anual por grupos de idade. Ambos sexos. Galicia
Euros

Por sexo, repítese este patrón, pero as caídas do salario medio son superiores nos homes e os incrementos nas mulleres. Outro feito salientable é que se se considera o período 2008 - 2016 o salario medio diminúe en tódolos grupos de idade, coa única excepción do grupo de 56 a 65 anos cun leve ascenso. No caso das mulleres, do ano 2008 ao 2016 percíbense incrementos do salario medio nos grupos de idade superiores a 35 anos. No caso dos homes tan só hai incrementos nos grupo de idade de 56 a 65 anos. O nivel do salario medio dos menores de 26 anos está en niveis similares a 2001.

Salario medio anual por grupos de idade. Homes. Galicia
Euros

Salario medio anual por grupos de idade. Mulleres. Galicia
Euros

Datos provinciais

Salario medio anual por provincias

O perfil da evolución do salario medio anual é similar nas catro provincias: forte crecemento ata o ano 2008, moderación nos anos 2009 e 2010 e diminución ata o ano 2013, no que o salario medio se estabiliza con lixeiras variacións á alza ou á baixa. No 2016 o salario medio crece en todas as provincias, con subidas que van desde o 2% na Coruña ao 0,5% en Ourense.

A Coruña é a única provincia na que o salario medio supera á media galega; séguelle a bastante distancia Pontevedra, sendo os niveis medios de Lugo e Ourense inferiores. Das catro provincias, Pontevedra é a que presenta unha evolución peor en termos relativos. Como amosan os gráficos, se no ano 2001 o salario medio aproximábase moito á media galega (unha diferenza de 189 euros anuais), no ano 2016 a diferenza amplíase ata os 692 euros e a distancia coa Coruña supera os 1.900 euros anuais.

Salario medio anual. Galicia e provincias
Euros

Evolución do salario medio anual. Galicia e provincias
Euros

Evolución do índice do salario medio anual (Ano 2000=100). Galicia e provincias
Euros

Salario medio anual por grupos de idade e por provincias

Da evolución do salario medio anual por grupos de idade en Galicia, España e nas catro provincias destacamos os seguintes puntos:

  • O salario medio en España supera ao de Galicia en todos os grupos de idade, agás no primeiro (de 18 a 25 anos), no que a partir do ano 2008 o salario medio galego é superior ao español.
  • Por provincias, A Coruña supera en salario medio ao longo de todo o período ás outras tres en todos os grupos de idade, agás no primeiro, no que as diferenzas entre os salarios provinciais son pequenas.
  • En contraste, a provincia de Pontevedra é a que evoluciona peor en todos os grupos de idade.
  • En termos xerais, o patrón predominante na evolución temporal consiste en que ao redor dos anos 2009 ou 2010 comezan a apreciarse os efectos da crise nos salarios con perdas que afectan con máis intensidade á poboación máis nova. Neste grupo, as perdas no salario medio anual no período 2008-2016, sitúanse en torno ao 27%. Nos anos 2013, 2014 e 2015, agás nos dous primeiros grupos de idade, os salarios moderan a caída e incluso nalgúns grupos obsérvanse incrementos no salario medio anual, como ocorre no último grupo de idade, no que as catro provincias experimentan incrementos entreo o 2% e o 5%. En 2016, en Galicia rexístranse subidas do salario medio en todos os grupos de idade excepto no grupo de 56 a 65 anos, no que s produce unha caída do 0,1%.

Evolución do salario medio anual. Asalariados de 18 a 25 anos. España, Galicia e provincias
Euros

Evolución do salario medio anual. Asalariados de 26 a 35 anos. España, Galicia e provincias
Euros

Evolución do salario medio anual. Asalariados de 36 a 45 anos. España, Galicia e provincias
Euros

Evolución do salario medio anual. Asalariados de 46 a 55 anos. España, Galicia e provincias
Euros

Evolución do salario medio anual. Asalariados de 56 a 65 anos. España, Galicia e provincias
Euros

Tramos de salario. Índice de Gini por sexo e por provincias

A curva de Lorenz amosa graficamente a concentración do ingreso ou da riqueza dun espazo determinado (o máis usual é o conxunto de persoas ou fogares dun país ou rexión). Canto máis cerca esté a curva da recta que une os puntos (0,0) e (100,100), máis igualitaria será a distribución da renda, sendo o caso extremo cando a distribución coincida coa recta, na que todos os individuos percibirían a mesma renda.
Cos datos obxecto de análise, relaciónanse as porcentaxes acumuladas de poboación asalariada coas porcentaxes acumuladas de masa salarial nun ano.

A partir da curva de Lorenz calcúlase o índice de Gini, que proporciona unha medida cuantitativa do grao de concentración dos ingresos (ou da riqueza) dun determinado país, rexión ou grupo social. Este coeficiente varía entre 0 e 1, onde o 0 indica a igualdade máxima e o 1 cando un só individuo acapara todo o ingreso. Polo tanto, este coeficiente permítenos facer comparacións no grao de desigualdade entre os grupos obxecto de estudo e a súa evolución no tempo.

Curva de Lorenz. Ano 2016. España e Galicia

Coa información relativa aos 13 tramos de percepcións anuais por salario, determinados como múltiplos das percepcións mínimas interprofesionais anuais, calcúlase o índice de Gini para ter unha aproximación ao grao de desigualdade no tempo e no ámbito territorial (Galicia e provincias).

En primeiro lugar represéntase a curva de Lorenz de Galicia e de España. A imaxe das dúas curvas superpostas indica que a distribución salarial en España é lixeiramente máis desigual que en Galicia.

Se comenzamos polos salarios máis baixos, vese que en Galicia hai un 31% da poboación asalariada que percibe un 7% da masa salarial (en España ese 7% o percibe o 34% dos asalariados) e que o 62% absorbe o 31% dos salarios en Galicia, e en España o 61% dos asalariados o 26% da masa salarial.

Se nos situamos nas rendas salariais máis elevadas, en Galicia un 10% dos asalariados reciben o 29% da masa salarial, en cambio en España un 12% dos asalariados recibe o 26% dos salarios totais.

Como se deduce do gráfico no que se representa o índice de Gini referido ao ano 2016, a desigualdade nos ingresos por salarios, é maior nas mulleres que nos homes nas catro provincias, sendo Lugo a que rexistra a diferenza máis elevada. Ou dito doutro xeito, as diferenzas salariais son máis elevadas nas mulleres asalariadas que nos homes asalariados.

Por provincias o maior grao de desigualdade rexístrase nas provincias de A Coruña e Pontevedra e o menor en Lugo. En canto á evolución temporal, obsérvase o mesmo comportamento nas catro provincias: o grao de desigualdade diminúe ata o ano 2008 para crecer de novo no 2016. En todas as provincias, agás en Lugo, o índice supera ao acadado no ano 2001, producíndose a maior diferenza na provincia de Pontevedra que supera ao índice de 2001 en case un 3%.

Índice de Gini segundo o sexo. Ano 2016. Provincias

Evolución do índice de Gini. Galicia e provincias

Definicións, fontes e máis información

Definicións

Descarga de datos

Fontes de información

Axencia Tributaria. Mercado de Trabajo y Pensiones en las fuentes tributarias

Compartir: