Enquisa aos demandantes de emprego

Definicións

Enquisa aos demandantes de emprego

Asalariados

Nas operacións do Sistema de contas económicas son todas as persoas que, mediante un acordo, traballan para outras unidades institucionais residentes e reciben unha remuneración.

Na información procedente das fontes tributarias defínese coma o número de persoas que reciben unha contraprestación pecuniaria en concepto de rendemento do traballo, contadas de forma única independentemente de que traballasen para unha ou varias empresas ou entidades. Este colectivo está formado polas persoas que reciben percepcións declaradas na clave A do Modelo 190 da "Declaración anual de retencións sobre as rendas de traballo" (empregados por conta allea en xeral).

Na Enquisa aos demandantes de emprego comprende a todas as persoas que na semana de referencia estiveran traballando para un empresario privado ou público a cambio dun soldo, salario, comisión, pagos segundo resultado, gratificación ou calquera outra forma de remuneración en metálico ou en especie. As persoas que traballan na empresa dun familiar percibindo unha remuneración regulamentada deben incluírse nesta categoría. Inclúense tamén como asalariados os socios ou traballadores das sociedades anónimas laborais que teñan unha situación laboral e legal de asalariados. As persoas que cumpran os requisitos para ser asalariados non perden a dita condición aínda no caso de que paguen directamente os impostos por rendemento do traballo persoal e/ou as cotizacións á Seguridade Social. Os xestores, directores ou outros empregados asalariados que non son donos da empresa na que traballan, clasifícanse como traballadores por conta allea, aínda que exerzan as mesmas funcións que os empresarios coma, por exemplo, a contratación ou o despido, en nome das empresas, doutros traballadores.
Como regra xeral, pódese dicir que un asalariado é unha persoa remunerada directa ou indirectamente, en diñeiro ou en especie, en función da cantidade de traballo que realiza (incluído o pago a comisión), con independencia do valor da produción ou da rendibilidade do proceso produtivo. Pode ocorrer que por razóns legais un asalariado teña contrato de autónomo. Neste caso consideraremos á persoa coma asalariada se cumpre as condicións antes descritas. Polo contrario, un traballador independente recibe unha renda que está en función do valor da produción do proceso produtivo do que é responsable, sexa moito ou pouco o traballo aportado.

Na Enquisa de poboación activa os asalariados son persoas con traballo por conta allea ou asalariados todas as que entren nas seguintes categorías:

  • Traballando: persoas que durante a semana de referencia traballaron, incluso de forma esporádica ou ocasional, polo menos unha hora a cambio dun soldo, salario ou outra forma de retribución conexa, en metálico ou en especie.
  • Con emprego pero sen traballar: persoas que, xa tendo traballado no seu emprego actual, estean ausentes do mesmo durante a semana de referencia (por causa de enfermidade, accidente, conflito laboral, suspensión disciplinaria de emprego e soldo, vacacións, licenza de estudos,...) e manteñan un estreito vínculo co emprego. A forza deste vínculo determinase de acordo coa crenza do entrevistado de reincorporarse ou non á empresa e na percepción ou non dalgún tipo de remuneración.
Os membros activos das forzas armadas figuran tamén entre a poboación asalariada. Non se consideran asalariados:
  • Os empresarios e os traballadores independentes, aínda que estiveran contratados como asalariados na súa propia empresa.
  • Os traballadores familiares non remunerados (axudas familiares) e os membros de cooperativas que traballan nelas.
  • As persoas ausentes do seu traballo, con licenza ou suspendidas que estean debilmente vinculadas ao seu emprego.
  • Os traballadores estacionais, ocasionais ou descontinuos por conta allea na época de menor actividade que non estivesen traballando na semana de referencia.
Considérase que os asalariados teñen un contrato ou relación laboral temporal cando o seu remate queda fixado por condicións obxectivas, tales como a expiración dun prazo, a realización dunha tarefa de terminada, etc. Noutro caso, considérase que o contrato, ou relación laboral, é indefinido.

Os asalariados subdivídense en: asalariados do sector público e asalariados do sector privado. Entre os primeiros están incluídos tanto os funcionarios como os contratados laborais, independentemente de que traballen con carácter fixo ou temporal.


Axuda familiar

Persoas que traballan sen remuneración regulamentaria na empresa dun familiar co que conviven


Contrato temporal

Con carácter xeral, un emprego defínese como temporal cando a finalización do contrato ou relación laboral queda determinada por condicións obxectivas, coma a expiración dun prazo, a realización dunha tarefa determinada, a reincorporación dun empregado ao que se substituíra temporalmente, a realización dun período de prácticas, etc. En todo caso, neste tipo de contratos as condicións da súa finalización xeralmente aparecen recollidas no contrato.


Demandantes de emprego non ocupados

O concepto de demandante de emprego non ocupado (DENO) intenta aproximar o concepto de paro baseado nos criterios internacionais da Organización Internacional do Traballo (OIT). A súa definición non está regulada por ningún precepto legal e calcúlase a partir da cifra de paro rexistrado á que se lle suman os seguintes cinco colectivos que, segundo os criterios da OIT, poderían cumprir as condicións para ser considerados parados: os estudantes, os demandantes de servizos previos ao emprego, os demandantes de emprego conxuntural, os demandantes de emprego de xornada reducida (inferior a 20 horas) e os traballadores eventuais agrarios subsidiados.


Empresario ou profesional que emprega persoal

Considérase nesta categoría toda persoa que leva a súa propia empresa, industria, comercio, explotación agrícola ou exerce pola súa conta unha profesión liberal ou oficio e que con este motivo contrata a un ou máis empregados ou traballadores aos que remunera mediante un soldo, xornal, comisión, etc.
Polo tanto inclúense neste apartado os patróns, empresarios ou os profesionais que empregan persoal asalariado. Tamén se inclúen nesta rúbrica os empresarios de empresas en franquicia que a través do contrato de franquicia, adquiren o dereito a realizar actividades de produción ou venda de produtos ou servizos baixo a razón social e marca dun empresario (franquiciador). Os traballadores que teñen un emprego nunha empresa constituída en sociedade anónima (excepto sociedades anónimas laborais e cooperativas), sociedade limitada, etc., na que:

  • sós ou xunto con outros membros da familia ou un ou varios socios, teñen unha participación significativa na empresa e
  • teñen autoridade para actuar en nome da empresa no que se refire a firmar contratos con outras empresas ou organizacións e a contratar e despedir asalariados da empresa
consideraranse empregadores se a empresa ten asalariados, independentemente de que o empresario teña ademais un contrato como asalariado na súa propia empresa, e empresario sen asalariados se non os ten. A participación na empresa considerarase que é significativa cando o enquisado teña o seu posto de traballo en virtude da contía desta participación. Os integrantes dun consello de administración dunha empresa constituída en sociedade non se considerarán traballadores da empresa polo só feito de acudir ao consello de administración. Para ser considerados traballadores dela deberán ser empresarios, axudas familiares ou asalariados da mesma, codificándose a situación profesional que corresponda.


Membro de cooperativa de traballo asociado que traballa na mesma

Son todos aqueles socios dunha cooperativa de produción (incluídos os socios das sociedades anónimas laborais) que traballan nela. Polo tanto, inclúense os socios traballadores das sociedades anónimas laborais, das cooperativas de traballo asociado, das cooperativas de explotación comunitaria da terra, etc. Non se inclúen os asalariados que traballen nas cooperativas.


Paro rexistrado

Este concepto, establecido na Orden ministerial do 11 de marzo de 1985, está constituído polo total de demandas en alta existentes a fin de mes, excluíndo, entre outras, as que correspondan ás seguintes situacións:

  • Pluriemprego: demandantes que solicitan outro emprego compatible co que exercen.
  • Mellor emprego: demandantes que, estando ocupados, solicitan un emprego para cambialo polo que teñen.
  • Colaboración social: demandantes perceptores de prestacións por desemprego que participan en traballos de colaboración social.
  • Xubilados: demandantes que son pensionistas de xubilación, pensionistas por grande invalidez ou invalidez absoluta e demandantes de idade igual ou superior a 65 anos.
  • Emprego conxuntural: demandantes que solicitan un emprego para un período inferior a 3 meses.
  • Xornada < 20 horas: demandantes que solicitan un traballo con xornada inferior a 20 horas semanais.
  • Estudantes: demandantes que están cursando estudos de ensinanza oficial regrada sempre que sexan menores de 25 anos ou que, superando esta idade, sexan demandantes de primeiro emprego ou ben demandantes asistentes a cursos de formación profesional e ocupacional, cando as súas horas lectivas superen as 20 á semana, teñan unha bolsa polo menos de manutención e sexan demandantes do primeiro emprego.
  • Demandas suspendidas: demandantes con demanda suspendida en canto permanezan nesta situación.
  • Compatibilidade prestacións: demandantes beneficiarios de prestacións por desemprego en situación de compatibilidade de emprego por realizar un traballo a tempo parcial.
  • Traballadores eventuais agrícolas subsidiados.
  • Rexeitamento de accións de inserción laboral: demandantes que rexeitan accións de inserción laboral axeitadas ás súas características segundo se establece no artigo 17, apartado 2 do Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

A posta en marcha do novo Sistema de Información dos Servizos Públicos de Emprego (SISPE) en maio de 2005 produce unha ruptura da serie de paro rexistrado que se viña publicando ata o momento. A implantación deste novo sistema afecta a estimación do paro rexistrado, non porque cambie a definición, senón pola actualización e xestión automatizada da información e porque se corrixiron os erros que se viñan cometendo con certos colectivos.


Pensión de invalidez ou incapacidade (Enquisa aos demandantes de emprego)

Os beneficiarios son as persoas en situación de incapacidade permanente, entendida como a situación do traballador que, despois de rematada a baixa laboral, presenta reducións anatómicas ou funcionais graves que diminúan ou anulen a súa capacidade laboral.


Pensión de orfandade (Enquisa aos demandantes de emprego)

Os beneficiarios son os fillos do causante (traballador falecido), os fillos póstumos, os fillos adoptados e os fillos do cónxuxe supervivente.


Pensión de viuvez (Enquisa aos demandantes de emprego)

Os beneficiarios desta pensión son o cónxuxe ou ex-cónxuxe do falecido


Pensión de xubilación (Enquisa aos demandantes de emprego)

Son beneficiarios da pensión de xubilación os traballadores que cesan total ou parcialmente do seu traballo por causa da idade.


Pensión por emigración (Enquisa aos demandantes de emprego)

  • Pensión asistencial por ancianidade a favor dos emigrantes españois retornados: é unha prestación periódica que trata de garantir un mínimo de subsistencia aos emigrantes españois beneficiarios das pensións asistenciais de ancianidade que retornen a España.
  • Pensións a favor dos españois retornados que emigraron durante o período 1936-1942: os españois que emigraron de España durante o período 1936-1942 como consecuencia da guerra civil, terán dereito cando retornen a España, a ser beneficiarios de forma transitoria das pensións asistenciais por ancianidade establecidas a favor dos emigrantes españois, sempre que reúnan todos os requisitos, excepto o de residencia no estranxeiro, ata que acaden o dereito a unha pensión do sistema da Seguridade Social ou outra pensión pública.
  • Subsidio de desemprego para emigrantes retornados: é unha prestación de carácter periódico dirixida a protexer aos emigrantes retornados en situación de desemprego. Estas non se inclúen dentro de pensión por emigración, senón dentro do apartado de prestacións por desemprego.


Pensión prestacións e/ou subsidios doutros países (Enquisa aos demandantes de emprego)

Aquelas recibidas por persoas que estean residindo en España e que procedan das administracións doutros países polo motivo que sexa.


Poboación activa

Son as persoas que, nun período de referencia dado, subministran man de obra para a produción de bens e servizos económicos ou que están dispoñibles e fan xestións para incorporarse a dita produción. Comprende a todas as persoas de 16 ou máis anos que cumpren as condicións necesarias para a súa inclusión entre as persoas ocupadas ou paradas.


Poboación inactiva

Abrangue todas as persoas de 16 e máis anos non clasificadas como ocupadas ou paradas.
Os inactivos clasifícanse segundo a súa situación persoal nas seguintes categorías funcionais:

  • Persoas que se ocupan do seu fogar.
  • Estudantes.
  • Xubilados ou prexubilados.
  • Persoas que perciben unha pensión distinta á de xubilación ou prexubilación.
  • Persoas que realizan sen remuneración traballos sociais, actividades de tipo benéfico...
  • Incapacitados para traballar.
  • Outra situación. Persoas que, sen exercer ningunha actividade económica, reciben axuda pública ou privada e todas aquelas que non están incluidas en ningunha das categorías anteriores.


Poboación ocupada

Persoas de 16 anos ou máis que durante a semana de referencia tiveron un traballo por conta allea ou exerceron unha actividade por conta propia, nalgunha das seguintes situacións:

  • traballando polo menos unha hora por un soldo, salario ou beneficio empresarial ou ganancia familiar en metálico ou en especie
  • con emprego pero sen traballar por razóns de enfermidade ou accidente, vacacións, festas, mal tempo ou razóns análogas


Poboación parada

Persoas de 16 anos ou máis que durante a semana de referencia estiveron sen traballo, dispoñibles para traballar e buscando emprego. Son parados tamén os que atoparon un traballo e están esperando incorporarse, sempre que se verifiquen as dúas primeiras condicións.
Segundo o Regulamento 1897/2000 da Comisión Europea, os únicos métodos de busca de emprego considerados activos son:

  • Estar en contacto cunha oficina pública de emprego co fin de atopar traballo, calquera que sexa a parte que tomase a iniciativa (a renovación da inscrición por razóns puramente administrativas non constitúe unha postura activa).
  • Estar en contacto cunha oficina privada (oficina de emprego temporal, empresa especializada en contratación...) coa fin de atopar traballo.
  • Enviar unha candidatura directamente aos empregadores.
  • Indagar a través de relacións persoais, por mediación de sindicatos, ...
  • Anunciarse ou responder a anuncios de periódicos.
  • Estudar as ofertas de emprego.
  • Participar nunha proba, concurso ou entrevista, no marco dun procedemento de contratación.
  • Buscar terreos, locais ou material.
  • Realizar xestións para obter permisos, licenzas ou recursos financeiros.


Prestacións por desemprego

Son prestacións que protexen a situación por desemprego, poden ser de varios tipos:

  • Nivel contributivo. Prestación por desemprego: refírese a aquela situación de desemprego das persoas que, querendo e podendo traballar, perdan o seu traballo de forma temporal ou definitiva ou vexan reducida, temporalmente polo menos, nunha terceira parte a súa xornada laboral, por expediente de regulación de emprego, coa correspondente perda ou redución análoga de salarios, por algunhas das causas establecidas como situacións legais de desemprego.
  • Nivel asistencial. Subsidio por desemprego: poderán ser beneficiarios do subsidio por desemprego os parados que, figurando inscritos como demandantes de emprego, sen teren rexeitado oferta de emprego adecuada nin terse negado a participar, salvo causa xustificada, en accións de promoción, formación ou reconversión profesionais, e carecendo de rendas de calquera natureza superiores, en cómputo mensual, ao 75% do salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional das dúas pagas extraordinarias, se encontren nalgunha das situación contempladas para o dito subsidio.
  • Renda activa de inserción: o obxectivo do programa é incrementar as oportunidades de retorno ao mercado de traballo dos traballadores desempregados con especiais necesidades económicas e dificultades para atopar emprego.


Renda de integración social de Galicia. RISGA

É unha prestación económica asistencial que trata de garantir un mínimo de subsistencia persoal a cidadáns entre 25 e 65 anos, que aínda que teñan idade laboral e non teñan causa legal de incapacidade física ou psíquica, non teñen os recursos mínimos necesarios para cubrir as necesidades máis urxentes. Pretende a reinserción social e laboral das persoas


Xornada continua

Cando se inicia e finaliza a xornada cunha soa interrupción de quince a trinta minutos para descansar ou tomar algún alimento.


Xornada partida

Cando á metade da xornada hai unha interrupción do traballo de polo menos unha hora de duración


Compartir: