Custos laborais

Definicións

Custos laborais

Cotizacións obrigatorias á Seguridade Social

Son as achegas legalmente establecidas e que o empregador fai ao sistema da Seguridade Social en favor dos seus empregados, para cubrir as prestacións que o sistema establece, e que son as derivadas de situacións de enfermidade, maternidade, accidente laboral, invalidez, xubilación, familia, supervivencia, desemprego, formación profesional, garantía salarial , ou calquera outra continxencia cuberta polo sistema de Seguridade Social.


Cotizacións voluntarias

Recollen as achegas do empregador a circuítos privados de seguridade social ou outras entidades de seguros ao obxecto de cubrir, mellorar ou complementar as prestacións establecidas polo sistema de Seguridade Social. Tales cotizacións non teñen carácter obrigatorio senón que adóitanse establecer nos convenios colectivos de xeito negociado. Entre estas cotizacións destacan: plans e fondos de pensións, seguros de enfermidade, maternidade ou accidente, outros plans ou seguros.


Custo laboral

Defínese o custo laboral como o custo no que incorre o empregador pola utilización do factor traballo. Inclúe:

  • o custo salarial
  • outros custos: percepcións non salariais e cotizacións obrigatorias á Seguridade Social.


Custo salarial

Comprende todas as percepcións económicas realizadas aos traballadores, en efectivo ou en especie, pola prestación profesional dos servizos laborais por conta allea, que retribúen o traballo en efectivo (calquera que sexa a forma de remuneración) ou os períodos de descanso computables como de traballo. As percepcións salariais comprenden: o salario base, os complementos salariais, pagos por horas extraordinarias e/ou complementarias, gratificacións extraordinarias e salario en especie.


Gastos de carácter social

Son un conxunto de gastos de moi diversa natureza que teñen como obxectivo a mellora da calidade de vida dos traballadores a través da acción social impulsada polos colectivos laborais. Destacan os gastos derivados do mantemento ou adecuación de comedores para uso dos traballadores, así como os pagamentos indirectos a estes traballadores en forma de cheques de comida, gastos de mantemento e reparación de edificios e instalacións destinados a gardarías, actividades deportivas, culturais e de lecer. Non se inclúen os custos do persoal encargado destes servizos cando este pertenza á empresa.


Gastos de transporte

Son os ocasionados á empresa polo transporte gratuíto ou a prezos reducidos dos traballadores, dende o seu domicilio ao lugar de traballo. Non se inclúen os custos do persoal de mantemento e condutores cando estes pertencen ao equipo da empresa, nin tampouco as cantidades pagadas directamente aos traballadores como compensación cando utilizan medios de transporte alleos á empresa.


Gastos en formación profesional

Son os ocasionados por proporcionar coñecementos e preparación en técnicas profesionais aos traballadores cos que existe vínculo laboral e que son de interese para a empresa. Non se consideran os gastos derivados de axudas aos traballadores que estean a seguir ensinanzas reguladas. Considéranse gastos en formación profesional aos gastos de mantemento, adecuación e equipamento de edificios e instalacións destinados á formación, a participación en cursos, os honorarios e axudas de formadores externos (nunca do persoal da empresa), o material didáctico e de ferramenta, e as cantidades pagadas a organismos de formación, pero sempre en termos brutos sen descontar as subvencións e axudas recibidas do INEM ou doutros organismos públicos formativos.


Gratificacións extraordinarias

Son aquelas retribucións que teñen unha periodicidade na súa percepción superior ao mes: paras extraordinarias, pagos por participación en beneficios, primas, obxectivos e calquera outro pagamento de carácter excepcional.


Indemnizacións por despido

Inclúen o total dos pagos efectuados polo despido e extinción de contrato, así como os salarios deixados de percibir no transcurso da tramitación de despido que o empregador debe abonar nesta situación (salarios de tramitación). Considéranse tanto as indemnizacións por despedimentos individuais como as indemnizacións por despedimentos colectivos.


Outros gastos

Inclúen os pagamentos compensatorios (quebranto de moeda, pequena ferramenta...), indemnizacións por fin de contrato, selección de persoal... Así mesmo, incluiranse os gastos non recollidos noutros apartados, tales como os producidos pola renovación de pezas e ferramentas de traballo.
As axudas e os gastos de viaxe non forman parte do custo laboral, posto que se realizan por necesidade do proceso produtivo constituíndo un consumo intermedio.


Pagos delegados

A prestación por pago delegado é aquela que, recoñecida antes pola unidade xestora competente, é pagada polo empresario e logo compensada ao practicar a liquidación das cotas da Seguridade Social, que deste xeito faise cargo dela.


Pagos por desemprego

Pagos efectuados pola empresa aos traballadores afectados por suspensión temporal ou redución de xornada en caso de regulación de emprego durante o mes de referencia. Inclúen os pagos delegados por desemprego parcial, así como as melloras voluntarias por desemprego parcial a cargo da empresa co obxecto de complementar a prestación do Servizo Público de Emprego Estatal.


Pagos por horas extraordinarias e/ou complementarias

Corresponden aos pagos por horas extras, tanto estruturais (por forza maior) como non estruturais (voluntarias) e aos pagos por horas complementarias no caso dos traballadores a tempo parcial.


Pagos por incapacidade temporal

Pagos que a empresa fai directamente aos traballadores en situación de incapacidade temporal. Inclúe os pagos delegados por incapacidade temporal, as prestacións por incapacidade temporal de exclusivo cargo da empresa (os quince primeiros días) e os complementos ou melloras voluntarias á prestación por incapacidade temporal.


Percepcións non salariais

Son retribucións percibidas polo traballador non polo desenvolvemento da súa actividade laboral senón como compensación de gastos ocasionados pola execución do traballo ou para cubrir necesidades ou situacións de inactividade non imputables ao traballador.

  • Prestacións sociais directas: pagos que a empresa fai directamente, ao traballador, antigo traballador ou a súa familia para asistirlle en determinadas circunstancias como complemento de determinadas prestacións sociais, sen implicar á Seguridade Social nin a outras aseguradoras. A súa principal característica é que se trata de pagos en beneficios para o benestar. Distínguense: pagos por incapacidade temporal, os pagos por desemprego, pagos por outras prestacións directas (pagos por xubilación, pagos por morte e supervivencia, pagos por invalidez ou minusvalía, pagos por asistencia médica e pagos por asistencia familiar) e as indemnizacións por despido.
  • Outras percepcións non salariais: engloban o resto de pagos efectuados ao traballador: compensación polos gastos derivados da execución do seu traballo e indemnizacións pola finalización de contrato. Comprenden o quebranto de moeda, desgaste de utensilios ou ferramentas, adquisición de prendas de traballo, gastos de locomoción e dietas de viaxe, plus de distancia e transporte urbano, indemnizacións por traslados, finalización de contrato, produtos en especie concedidos voluntariamente pola empresa, entregas de produtos a prezos rebaixados que se realicen en cantinas ou comedores de empresa ou economatos de carácter social.


Prestacións sociais directas

Son os pagamentos que a empresa fai directamente ao traballador ou á súa familia, ou tamén ao antigo traballador para asistilo en determinadas circunstancias e como complemento de determinadas prestacións sociais. Destacan: incapacidade temporal, desemprego, xubilación, morte e supervivencia, invalidez ou minusvalía, asistencia familiar, asistencia médica.


Subvencións (custos laborais)

Reducións, bonificacións e subvencións que os empregadores aplican nas liquidacións das cotizacións á Seguridade Social, motivadas pola contratación de determinados colectivos de traballadores ou por axudas recoñecidas polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) a cargo dos seus orzamentos.


Compartir: