Definicións

Gasto dos fogares

Áreas (Enquisa estrutural a fogares)

As áreas definidas a partir da edición 2008 da Enquisa estrutural a fogares son:

  • Provincia da Coruña
    • Ferrol-Eume-Ortegal: comprende as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
    • Área da Coruña: comprende as comarcas da Coruña e Betanzos.
    • Área da Costa da morte: comprende as comarcas de Bergantiños, Fisterra, Muros, Terra de Soneira e Xallas.
    • A Coruña suroriental: comprende as comarcas de Arzúa, Ordes e Terra de Melide.
    • Área de Santiago: comprende as comarcas da Barcala, O Sar e Santiago.
    • A Barbanza-Noia: comprende as comarcas da Barbanza e Noia.
  • Provincia de Lugo
    • Lugo oriental: comprende as comarcas da Fonsagrada, Os Ancares e Sarria.
    • Lugo sur: comprende as comarcas de Chantada, Quiroga e Terra de Lemos.
    • Lugo central: comprende as comarcas da Ulloa, Lugo, Meira e A Terra Chá.
    • A Mariña: comprende as comarcas da Mariña Central, A Mariña Oriental e A Mariña Occidental.
  • Provincia de Ourense
    • O Carballiño-O Ribeiro: comprende as comarcas do Carballiño e O Ribeiro.
    • Ourense central: comprende as comarcas de Allariz e Maceda, Terra de Caldelas, Terra de Trives e Valdeorras.
    • Ourense sur: comprende as comarcas da Limia, Baixa Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana.
    • Área de Ourense: comprende a comarca de Ourense.
  • Provincia de Pontevedra
    • Pontevedra nororiental: comprende as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.
    • Pontevedra sur: comprende as comarcas da Paradanta, O Baixo Miño e O Condado.
    • Área de Pontevedra: comprende a comarca de Pontevedra.
    • Caldas-O Salnés: comprende as comarcas de Caldas e O Salnés.
    • Área de Vigo: comprende a comarca de Vigo.
    • O Morrazo: comprende a comarca do Morrazo.


Fogar principal

Considérase fogar principal aquel no que un dos seus membros ten a titularidade da vivenda que ocupa, xa sexa en propiedade ou alugamento. No caso de que a vivenda estea cedida, o fogar principal será aquel no que estea a persoa a favor da que se fixo a cesión.


Fogar privado

Persoa ou conxunto de persoas que ocupan en común unha vivenda principal ou parte dela, e consomen e/ou comparten alimentos ou outros bens con cargo a un mesmo orzamento.


Ingreso equivalente do fogar

Este concepto corrixe o efecto do número de persoas no volume de ingresos do fogar, facendo comparables os ingresos de fogares con distinto número de membros. Para iso calcúlanse as unidades de consumo do fogar empregando a escala de equivalencia da OCDE modificada que ten a expresión:
[1+0,5*(a-1)+0,3*(b)]
onde
a é o número de persoas de 14 ou máis anos do fogar,
b é o número de persoas menores de 14 anos do fogar.
Defínese o ingreso equivalente do fogar como o ingreso medio mensual do fogar dividido pola expresión anterior.


Ingreso medio mensual do fogar

É a media mensual dos ingresos netos monetarios de todos os membros do fogar no ano natural anterior á realización da enquisa, sexan estes regulares ou non.


Limiar de risco de pobreza

Correspóndese co 60% da mediana dos ingresos equivalentes de todas as persoas galegas. Como ingreso equivalente de cada persoa tómase o ingreso equivalente do fogar ao cal pertencen.


Mediana de ingresos dos fogares

É o valor que, ordenando todos os fogares de menor a maior ingreso, deixa unha metade deles por debaixo do dito valor e a outra metade por enriba.


Membro do fogar

Na Enquisa estrutural a fogares para establecer se unha persoa é membro ou non dun fogar, tense en conta se pernoita habitualmente catro ou máis noites á semana na vivenda (persoa presente) ou se non o fai (persoa ausente).
As persoas presentes son membros do fogar se levan tres ou máis meses presentes, tanto se ocupan outra vivenda permanentemente coma se non, e se levan menos de tres meses presentes e non ocupan outra vivenda permanentemente.
As persoas ausentes son membros do fogar se levan menos de tres meses ausentes e non ocupan outra vivenda permanentemente.
Existen as seguintes excepcións:

  • Persoal doméstico interno, que é membro do fogar salvo que teña outro fogar que considere como o seu fogar principal.
  • Persoas desprazadas temporalmente a outro lugar, que son membros do fogar no que está o seu núcleo familiar. Entre eles están:
    • Varóns que cumpren o servizo militar (ata o ano 2001)
    • Enfermos en sanatorios.
    • Persoas en viaxes de negocio ou ocio.
    • Pescadores no mar.
    • Persoal navegante de compañías aéreas ou marítimas, nacionais ou estranxeiras.
    • Persoal desprazado por coidado de familiares.
  • Estudantes e traballadores desprazados temporalmente, que se consideran membros do fogar se pensan volver reunirse co núcleo familiar cando finalice a causa pola que se desprazaron. No caso de descoñecer esta circunstancia, son membros do fogar se levan ausentes menos dun ano.


Núcleo familiar

O núcleo familiar expresa unha idea restrinxida da familia, limitada aos vínculos de parentesco máis estreitos. O núcleo familiar está composto por un pai ou unha nai con fillos, ou por unha parella con fillos ou sen fillos.
Para formar parte do núcleo familiar, os fillos non deben estar emparellados ou a parella non ser membro do fogar. Ademais, para a determinación dos núcleos familiares deben terse en conta os seguintes criterios:

  • A relación pai/nai-fillo ten sempre preferencia sobre a de fillo-pai/nai
  • A relación de parella ten sempre preferencia sobre a relación fillo-pai/nai


Vivenda familiar

É a vivenda destinada a ser habitada por unha ou varias persoas, xeral pero non necesariamente unidas por parentesco, e que non constitúen un colectivo. A pesar de non cumprir estritamente a definición, tamén se consideran vivendas familiares os aloxamentos.

As vivendas familiares inclúense no Censo de Vivendas, con independencia de que estean ocupadas ou non no momento censual.


Vivenda familiar principal

Vivenda familiar que se utiliza toda ou a maior parte do ano como residencia habitual dunha ou máis persoas.



Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal.
Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies
     De acordo
Compartir: