Índices de competitividade exterior

Definicións

Índices de competitividade exterior

Cota de exportación

É a porcentaxe das exportacións dun país (ou rexión) con destino a outro país ou grupo de países sobre o total das importacións efectuadas polo país ou grupo de países de destino (incluíndo as importacións entre os países do grupo).


Deflactor do PIB

É o cociente entre o PIB nominal (a prezos correntes do ano considerado) e o PIB real (a prezos constantes dun ano base), expresado en forma de índice, é dicir, multiplicado por 100. Utilízase como índice de prezos alternativo ao IPC (índice de prezos de consumo), xa que mide as variacións de prezos experimentadas por todos os bens e servizos producidos nunha economía durante un período de referencia.


Grupos de países (Índices de competitividade exterior)

Na construción dos Índices de competitividade exterior establecéronse unhas determinadas agrupacións de países, tendo en conta o grao de relación comercial de Galicia cos ditos países e a dispoñibilidade de indicadores desexables de prezos e custos. As agrupacións de países resultantes son as seguintes:

  • UEM: inclúe a case todos os países que forman parte da Unión Económica e Monetaria europea; en concreto, Francia, Portugal, Italia, Alemaña, Bélxica, Luxemburgo, Países Baixos, Grecia, Austria, Irlanda, Finlandia, Eslovaquia, Eslovenia e Estonia
  • UE: inclúe a 23 países pertencentes á Unión Europea; en concreto, están presentes nesta agrupación Francia, Portugal, Italia, Alemaña, Bélxica, Luxemburgo, Países Baixos, Grecia, Austria, Irlanda, Finlandia, Eslovaquia, Eslovenia, Reino Unido, Dinamarca, Suecia, Polonia, Hungría, República Checa, Estonia, Romanía, Letonia e Lituania
  • OCDE: inclúe a meirande parte dos países que conforman a OCDE: Francia, Portugal, Italia, Alemaña, Bélxica, Luxemburgo, Países Baixos, Grecia, Austria, Irlanda, Finlandia, Eslovaquia, Noruega, Reino Unido, Dinamarca, Suecia, Polonia, Hungría, República Checa, Estados Unidos, Turquía, Canadá, Xapón, Corea do Sur, Australia, Nova Zelandia, Chile, Eslovenia, Israel e Estonia
  • G-8: inclúe aos países que integran o Grupo dos Oito, caracterizados por tratárense de países industrializados cun peso político, económico e militar moi relevante a escala global: Francia, Alemaña, Italia, Reino Unido, Estados Unidos, Canadá, Xapón e Rusia
  • Países máis desenvolvidos de América: nesta categoría están incluídos tres dos países máis desenvolvidos en termos económicos de América: Estados Unidos, Canadá e Brasil
  • Países máis desenvolvidos de Asia: nesta categoría están incluídos seis dos países máis desenvolvidos de Asia: Xapón, China, India, Corea do Sur, Indonesia e Taiwan


Índice de competitividade exterior

Este índice compara os prezos de Galicia cos prezos dun grupo de referencia de países; en realidade trátase de tipos de cambio efectivo real con respecto a grupos de países. No seu cálculo utilízanse medias xeométricas ponderadas de índices de prezos relativos (compoñente prezos) e índices de tipos de cambio efectivo nominal (compoñente nominal). Os indicadores de prezos utilizados son os seguintes: o índice de prezos de consumo (IPC), o índice de prezos industriais de manufacturas (IPRI), o índice de custos laborais unitarios (ICLU), o deflactor do PIB e os índices de valor unitario do comercio exterior (IVU). En función do indicador de prezos utilizado obtéñense distintos indicadores de competitividade exterior:

  • Índice de competitividade exterior con prezos de consumo
  • Índice de competitividade exterior con prezos industriais
  • Índice de competitividade exterior con custos laborais unitarios
  • Índice de competitividade exterior co deflactor do PIB
  • Índice de competitividade exterior con valores unitarios


Ratio de penetración das importacións

É o cociente entre o total das importacións dun país ou rexión e a súa demanda interna.


Taxa de apertura

É a suma das exportacións e as importacións dun país ou rexión dividido polo seu PIB.


Taxa de cobertura

É a diferenza entre as exportacións e as importacións dun país ou rexión dividido polo seu PIB.


Compartir: