Ampliación de capital
|
É unha operación societaria que consiste no aumento dos fondos propios da sociedade.
|
|
Capital desembolsado
|
É o importe do capital subscrito efectivamente desembolsado.
|
|
Capital social
|
O capital social determínase na escritura de constitución da sociedade, sendo necesaria a súa achega como garantía real para os acredores. No momento da inscrición da sociedade debe estar a cifra de capital social determinada nos estatutos da sociedade, sendo como mínimo o establecido pola Lei para determinadas sociedades.
|
|
Capital subscrito
|
É o capital social que figura na escritura de constitución da sociedade mercantil.
|
|
CNAE-09 (Clasificación Nacional de Actividades Económicas)
|
É a Clasificación Nacional de Actividades Económicas resultante do proceso internacional de revisión denominado Operación 2007. Foi elaborada segundo as condicións recollidas no Regulamento de aprobación da NACE Rev.2. O obxectivo desta clasificación é establecer un conxunto xerarquizado de actividades económicas que poida ser empregado para: - Favorecer a implementación de estatísticas nacionais que poidan ser diferenciadas de acordo coas actividades establecidas
- Clasificar as unidades estatísticas e entidades segundo a actividade económica exercida
Acceso á Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE 2009)
|
|
Comunidade de bens
|
É unha asociación de persoas naturais que son titulares dun dereito ou dun ben común que lles serve de obxecto para realizar un traballo. O número mínimo de persoas é de dúas, que serán copropietarias, debendo aportar cada unha o seu traballo e capital de forma mancomunada.
|
|
Concurso de acredores
|
Denomínase desta maneira ao procedemento legal que se orixina cando unha persoa física ou xurídica se atopa nunha situación de insolvencia na que non pode facer fronte á totalidade dos pagos que adebeda. Trátase, fundamentalmente, de organizar as finanzas do concursado para conseguir que o maior número de acredores cobre o máximo posible.
|
|
Cooperativa
|
É unha sociedade con capital variable e con estrutura e xestión democráticas que asocia, en réxime de libre adhesión e baixa voluntaria, a persoas con intereses e necesidades socioeconómicas comúns. Esta sociedade desenvolve actividades profesionais ao servizo da comunidade para satisfacer estes intereses e necesidades comúns, imputándose aos socios,unha vez atendidos os fondos comunitarios, os resultados económicos en función da actividade cooperativizada.
|
|
Disolución
|
Defínese coma o momento inicial do período extintivo da sociedade; produce como efecto inmediato que a sociedade entre en período de liquidación como paso previo e necesario para proceder a súa extinción, que ten lugar coa cancelación dos seus asentos no Rexistro Mercantil.
|
|
Dividendos pasivos
|
É o crédito que ostenta a sociedade mercantil fronte aos socios que non desembolsaron a totalidade do valor do capital subscrito no momento da constitución ou ampliación de capital. Na lexislación española esta posibilidade só está contemplada para as sociedades anónimas. Mentres subsiste a falta de pagamento dos dividendos pasivos no prazo establecido, o accionista está privado do dereito ao voto nas xuntas da compañía, a percibir dividendos e do dereito á subscrición preferente de novas accións.
|
|
Escisión
|
É unha operación cuxa finalidade é, polo xeral, a contraria á pretendida coa fusión: mentres que esta persegue a concentración de empresas, a escisión tende a súa disgregación.
|
|
Extinción
|
Operación mediante a cal se procede á cancelación dos asentos da sociedade, e a depositar no Rexistro Mercantil os libros de comercio e documentos relativos ao seu tráfico, quedando extinguida a personalidade xurídica da sociedade dende o mesmo momento da cancelación.
|
|
Fusión
|
É un procedemento en virtude do cal dúas ou máis sociedades, previa extinción sen liquidación dalgunhas ou de todas elas, confunden os seus patrimonios e agrupan aos seus respectivos socios nunha soa sociedade.
|
|
Liquidación
|
Unha vez disolta a sociedade, abrirase o período de liquidación, excepto nos supostos de fusión ou escisión total ou calquera outro de cesión global do activo e do pasivo, conservando a sociedade durante ese tempo a súa personalidade xurídica e engadindo ao seu nome a frase "en liquidación".
|
|
Redución de capital
|
É unha operación societaria que consiste na diminución dos fondos propios da sociedade. Existen dúas causas principais polas que se realizan este tipo de operacións: - Que o capital da empresa exceda das necesidades da mesma.
- Que a empresa se atope nunha situación de debilidade económico-financeira e necesite axustar os seus niveis de fondos propios e ratios financeiros.
|
|
Sociedade anónima
|
Neste tipo de sociedade, o capital, que está dividido en accións, intégrase polas achegas dos socios, os cales non responden persoalmente das débedas sociais. O capital social non pode ser inferior a 60.101 euros.
|
|
Sociedade civil
|
É o contrato polo que dúas ou máis persoas se agrupan, obrigándose a aportar bens, cartos ou traballo nunha actividade económica lucrativa, para repartir entre si as ganancias.
|
|
Sociedade colectiva
|
É unha sociedade na que os socios, en nome colectivo e baixo unha razón social, comprométense a participar, na proporción que establezan, dos mesmos dereitos e obrigas, respondendo subsidiaria, persoal, solidaria e ilimitadamente con todos os seus bens das resultas das operacións sociais. Para a súa constitución é preciso a escritura pública, inscrición no Rexistro Mercantil, declaración censual e obtención do CIF. Con respecto ao capital non existe nin máximo nin mínimo legal.
|
|
Sociedade comanditaria
|
É unha sociedade formada por dúas clases de socios: colectivos e comanditarios. Os socios comanditarios responden limitadamente nas débedas sociais só co importe que puxeron na sociedade; os socios colectivos responden, persoal e ilimitadamente, co seu propio patrimonio fronte ás débedas sociais.
|
|
Sociedade de responsabilidade limitada
|
Neste tipo de sociedade, o capital, que está dividido en participacións sociais, intégrase polas achegas de todos os socios, os cales non responden persoalmente das débedas sociais. O capital non poderá ser inferior a 3.005 euros e dende a súa orixe está totalmente desembolsado.
|
|
Sociedade mercantil
|
O contrato de compañía, polo cal dúas ou máis persoas se obrigan a poñer en fondo común bens ou industria para obter lucro, será mercantil, calquera que fose a súa clase, sempre que se constituíse segundo as disposicións do Código de Comercio. Unha vez constituída a compañía mercantil, terá personalidade xurídica en todos os seus actos. Por norma xeral as sociedades mercantís constitúense adoptando algunha das formas seguintes: - Sociedade regular colectiva
- Sociedade comanditaria, simple ou por accións
- Comunidade de bens
- Sociedade cooperativa
- Sociedade civil
- Sociedade anónima
- Sociedade de responsabilidade limitada
|
|
Sociedades constituídas
|
Considérase sociedades constituídas a aquelas inscritas nos rexistros mercantís, no mes de referencia da información, independentemente da data na que comezaron a realizar operacións comerciais.
|
|
Transformación de sociedade
|
Consiste no cambio dun tipo social a outro dos recoñecidos pola Lei sen que se produza unha alteración na personalidade xurídica da sociedade transformada, que continúa subsistindo baixa a nova forma social adoptada. Polo tanto, para que exista transformación é necesario que o cambio producido afecte ao tipo social, sen que isto supoña a súa disolución e a constitución doutra sociedade de distinta forma.
|
|