Definicións

Pesca e acuicultura

Arqueo GT

Volume interior dos espazos pechados do barco, expresado en arqueo bruto de Gross Tonnage.


Rexistro de buques pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia

Deberán incluírse no rexistro de buques pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia as embarcacións pesqueiras e auxiliares das listas terceira e cuarta do Rexistro de matrícula de buques con porto base en Galicia, que estean operativas.
Un buque operativo é aquel que, estando matriculado nas listas terceira e cuarta do Rexistro de matrícula de buques e no Rexistro mercantil, fose despachado para labores de pesca marítima ou para labores auxiliares de pesca marítima ou explotacións de acuicultura, como mínimo unha vez nos últimos vinte e catro meses e que manteña ademais a capacidade de permanecer en servizo.


Rexistro de matrícula de buques

O Rexistro de matrícula levarase en varios libros foliados denominados listas nos cales se rexistran os buques, embarcacións e artefactos navais atendendo a súa procedencia e actividade:

  • Lista primeira: rexistraranse as plataformas de extracción de produtos do subsolo mariño, os remolcadores de altura, os buques de apoio e os dedicados ao subministro a ditas plataformas que non estean rexistrados noutra lista.
  • Lista segunda: rexistraranse os buques de construción nacional ou importados segundo a lexislación vixente que se dediquen ao transporte marítimo de pasaxeiros, de mercadorías ou de ambos os dous.
  • Lista terceira: rexistraranse os buques de construción nacional ou importados segundo a lexislación vixente destinados á captura e extracción con fins comerciais de peixe e de outros recursos mariños vivos.
  • Lista cuarta: rexistraranse as embarcacións auxiliares de pesca, as auxiliares de explotacións de acuicultura e os artefactos dedicados ao cultivo ou estabulación de especies mariñas.
  • Lista quinta: rexistraranse os remolcadores, embarcacións e artefactos navais dedicados aos servizos de portos, radas e bahías.
  • Lista sexta: rexistraranse as embarcacións deportivas ou de recreo que se exploten con fins lucrativos.
  • Lista sétima: rexistraranse as embarcacións de construción nacional ou debidamente importadas, de calquera tipo ou cuxo uso exclusivo sexa a práctica do deporte sen propósito lucrativo ou a pesca non profesional.
  • Lista oitava: rexistraranse os buques e embarcacións pertencentes a organismos de carácter público tanto de ámbito nacional como autonómico ou local.
  • Lista novena (rexistro provisional): anotaranse con este carácter os buques, embarcacións ou artefactos navais en construción desde o momento que se autoriza, exceptuándose as embarcacións deportivas construídas en serie, coa debida autorización.


Zonas de produción e extracción de marisco

A Consellería de Medio Rural e do Mar clasifica os concellos onde se realiza produción ou extracción de marisco atendendo ao seguinte listado:

  • Zona I-Vigo: abrangue os concellos bañados polo Río Miño ata Punta Soavela; isto é, A Guarda, a zona de Arcade no concello de Soutomaior, Baiona, Cangas, Moaña, Redondela, Vigo e Vilaboa.
  • Zona II-Pontevedra: abrangue dende Punta Soavela a Punta Faxilda, isto é, a zona de Aldán-Hio (en Cangas do Morrazo), Campelo (en Poio) e os concellos de Bueu, Marín, Pontevedra e Portonovo.
  • Zona III-Arousa: abrangue dende Punta Faxilda a Punta Sieira, isto é, a zona bañada pola Ría de Arousa e os concellos de Ribeira, Boiro, Cambados, Carril, O Grove, A Pobra do Caramiñal e Rianxo.
  • Zona IV-Muros: abrangue dende Punta Sieira ata a Punta Insua, isto é, os concellos de Muros, Noia, Porto do Son e Portosín.
  • Zona V-Fisterra: abrangue dende Punta Insua ata o Cabo Touriñán, é dicir, a costa dos concellos de Carnota, Corcubión e Fisterra.
  • Zona VI-Costa da Morte: abrangue dende o Cabo Touriñán a Punta Langosteira, isto é o areal de Baldaio, no concello de Carballo, a zona de Caión, no concello da Laracha, as marxes do Río Anllóns, incluíndo a súa desembocadura (na localidade de Corme, que pertence a Ponteceso), e os concellos de Camariñas, Laxe, Malpica e Muxía.
  • Zona VII-Coruña-Ferrol : abrangue dende Punta Langosteira a Cabo Prioriño, isto é os concellos da Coruña, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Pondedeume e Sada.
  • Zona VIII-Cedeira: abrangue dende o Cabo Prioriño ata o Cabo de Bares, é dicir, os concellos de Cariño, Cedeira e os areais de Espasante, no concello de Ortigueira.
  • Zona IX-Mariña: abrangue dende o Cabo de Bares ata o Río Eo, e comprende a zona do Barqueiro (no concello coruñés de Mañón) e os concellos de Burela, Celeiro, Cervo, O Vicedo e Ribadeo.



Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal.
Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies
     De acordo
Compartir: