Pensións e outras prestacións

Definicións

Pensións e outras prestacións

Axudas de emerxencia social (AES)

Son prestacións económicas, non contributivas, de carácter extraordinario e pagamento único, destinadas a paliar situacións de emerxencia de persoas con fogares independentes afectados por un estado de necesidade. Considéranse situacións de emerxencia social aquelas que orixinen gastos extraordinarios para cubrir necesidades específicas de carácter básico e urxente, tales como: gastos imprescindibles para o uso da vivenda habitual ou para o mantemento da habitabilidade ou accesibilidade da vivenda habitual, equipamento mobiliario básico e necesidades primarias (alimentación, vestido, atención sanitaria, etc.)


Pensións contributivas da Seguridade Social

Son prestacións económicas e de duración indefinida, aínda que non sempre, nas que a concesión está xeralmente supeditada a unha previa relación xurídica coa Seguridade Social (acreditar un período mínimo de cotización en determinados casos, ...), sempre que se cumpran os demais requisitos esixidos. A súa contía determínase en función das achegas efectuadas polo traballador e o empresario, se se trata de traballadores por conta allea, durante o período considerado para os efectos da base reguladora da pensión de que se trate.
As clases de pensións son:

  • incapacidade permanente
  • xubilación
  • morte e supervivencia


Pensións contributivas: incapacidade permanente

É a pensión percibida polo traballador que, despois de estar sometido a tratamento prescrito e de ser dado de alta médicamente, presenta reducións anatómicas ou funcionais graves, susceptibles de determinación obxectiva e previsiblemente definitiva, que diminúan ou anulen a súa capacidade laboral.


Pensións contributivas: morte e supervivencia

Son as pensión que se outorgan no caso de morte do traballador, calquera que fora a causa e son as seguintes: pensións de viuvez, pensión de orfandade e pensión vitalicia ou subsidio temporal en favor de familiares.


Pensións contributivas: xubilación

Consiste na pensión vitalicia concedida aos traballadores nas condicións, importe e forma que regulamentariamente se determinan, cando alcanzada a idade establecida, cesen ou tivesen cesado no traballo


Pensións non contributivas da Seguridade Social

Son prestacións periódicas vitalicias ou de duración indeterminada a favor de persoas que non cotizaran nunca, ou ben non o fixeran o tempo suficiente para acadar prestacións de nivel contributivo pola realización de actividades profesionais. As clases de prestacións son invalidez e xubilación


Prestacións da LISMI

As prestacións da Lei de Integración Social dos Minusválidos son prestacións sociais e económicas non contributivas dirixidas a persoas afectadas por unha diminución previsiblemente permanente da que se derive unha minusvalía (ou estar afectadas por un proceso dexenerativo que puidera derivar en minusvalía, nas prestacións que así se estableza expresamente), que non estan comprendidas no campo de aplicación do sistema de Seguridade Social, que non son beneficiarias (nin teñen dereito, por idade ou por calquera outras circunstancias) de prestacións ou axudas de análoga natureza e finalidade e con recursos persoais inferiores en contía ao 70 por cento, en cómputo anual, do salario mínimo interprofesional vixente en cada ano. A acción protectora destas prestacións comprende: asistencia sanitaria e prestación farmacéutica, rehabilitación médico-funcional, recuperación profesional, medidas de integración social, subsidio de garantía de ingresos mínimos, subsidio por axuda de terceira persoa e subsidio de mobilidade e compensación por gastos de transporte


Prestacións do Fondo Nacional de Asistencia Social (FAS)

Son prestacións asistenciais económicas individualizadas de caracter periódico a anciáns, enfermos ou inválidos incapacitados para o traballo. Os beneficiarios destas axudas deberán reunir as seguintes condicións:

  • Carecer de medios económicos para a subsistencia. Considérase que carece de ditos medios quen percibe durante o ano natural uns ingresos inferiores ao importe mínimo anual destas pensións, xa sexa en concepto de rendas, de pensións ou de calquera outro tipo de retribucións.
  • Non ter familiares obrigados a atenderlles ou, téndoos, carecer estes da posibilidade material de facelo.
  • Non pertencer a ningunha Institución que estea obrigada a prestarlles asistencia.
  • Non ser propietarios ou usufrutuarios de bens e inmobles que indiquen a existencia de medios materiais suficientes para atender a súa subsistencia.
  • Ter cumpridos os 66 anos de idade nas axudas por vellez ou atoparse absolutamente incapacitado para toda clase de traballo nos casos de axuda por enfermidade ou invalidez.


Prestacións familiares por fillo a cargo

Son prestacións non contributivas, polo que non precisa cotización previa á Seguridade Social. Consiste nunha asignación económica que se recoñece por cada fillo ou menor acollido, menor de 18 años, a cargo do beneficiario, cando os ingresos familiares non superan a cuantía que anualmente se establece, ou ben por fillos maiores de 18 anos afectados por unha minusvalía igual ou superior ao 65%, sin que neste caso se esixa límite de ingresos.


Prestacións por desemprego

Son prestacións que protexen a situación por desemprego, poden ser de varios tipos:

  • Nivel contributivo. Prestación por desemprego: refírese a aquela situación de desemprego das persoas que, querendo e podendo traballar, perdan o seu traballo de forma temporal ou definitiva ou vexan reducida, temporalmente polo menos, nunha terceira parte a súa xornada laboral, por expediente de regulación de emprego, coa correspondente perda ou redución análoga de salarios, por algunhas das causas establecidas como situacións legais de desemprego.
  • Nivel asistencial. Subsidio por desemprego: poderán ser beneficiarios do subsidio por desemprego os parados que, figurando inscritos como demandantes de emprego, sen teren rexeitado oferta de emprego adecuada nin terse negado a participar, salvo causa xustificada, en accións de promoción, formación ou reconversión profesionais, e carecendo de rendas de calquera natureza superiores, en cómputo mensual, ao 75% do salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional das dúas pagas extraordinarias, se encontren nalgunha das situación contempladas para o dito subsidio.
  • Renda activa de inserción: o obxectivo do programa é incrementar as oportunidades de retorno ao mercado de traballo dos traballadores desempregados con especiais necesidades económicas e dificultades para atopar emprego.


Renda de integración social de Galicia. RISGA

É unha prestación económica asistencial que trata de garantir un mínimo de subsistencia persoal a cidadáns entre 25 e 65 anos, que aínda que teñan idade laboral e non teñan causa legal de incapacidade física ou psíquica, non teñen os recursos mínimos necesarios para cubrir as necesidades máis urxentes. Pretende a reinserción social e laboral das persoas


Compartir: