Definicións

Orzamentos e liquidacións

Administración pública

O sector das administracións públicas inclúe, segundo o SEC, todas as unidades institucionais con produción destinada ao consumo individual ou colectivo, que se financian principalmente mediante pagos obrigatorios efectuados por unidades pertencentes a outros sectores e/ou que efectúan operacións de redistribución da renda e da riqueza nacional.


Alleamento de investimentos reais

Comprende os ingresos derivados da venda de bens de capital.


Dereitos recoñecidos

Son dereitos efectivamente ingresados ou que están pendentes de cobrar que xorden como consecuencia de acontecementos pasados, en virtude dos que o debedor queda obrigado a satisfacer á entidade unha determinada cantidade de diñeiro, nun momento concreto coas condicións que se derivan do seu soporte documental; son netos cando non inclúen os dereitos cancelados ou anulados.


Gastos correntes

Son gastos correntes os gastos de funcionamento dos servizos (persoal e gastos en bens correntes e servizos), os xuros e as transferencias correntes.


Gastos de capital

Son gastos de capital os investimentos reais (creación de infraestruturas, creación ou adquisición de bens de natureza inventariable necesarios para o funcionamento dos servizos e outros gastos de carácter amortizable), as transferencias de capital (créditos por parte da entidade destinada a financiar operacións de capital) e os gastos procedentes de operacións con activos e pasivos financeiros.


Imposto

Son tributos esixidos sen contraprestación, nos que o feito impoñible está constituído por negocios, actos ou feitos de natureza xurídica ou económica, que poñen de manifesto a capacidade contributiva do suxeito pasivo, como consecuencia da posesión dun patrimonio, a circulación de bens ou a adquisición ou gasto da renda.


Impostos directos

Son aqueles impostos que gravan a posesión dun patrimonio ou a obtención dunha renda, en canto reflictan directamente a capacidade económica do individuo.


Impostos indirectos

Os impostos indirectos someten a tributación manifestacións mediatas ou indirectas da capacidade económica, como ocorre coa circulación ou o consumo da riqueza.


Ingresos correntes

Son os ingresos relativos aos impostos directos e indirectos, as taxas e outros ingresos, as transferencias correntes (que serán ingresos de natureza non tributaria destinados a financiar operacións correntes) e os ingresos patrimoniais (procedentes de rendas do patrimonio da entidade).


Ingresos de capital

Denomínanse ingresos de capital tanto o alleamento de inversións reais (ingresos procedentes de transaccións de bens de capital que sexan propiedade da entidade), as transferencias de capital (ingresos de natureza non tributaria destinados a financiar operacións de capital), e os ingresos procedentes de activos e pasivos financeiros.


Ingresos patrimoniais

Recollen os rendementos do patrimonio da entidade, xa sexan intereses provenientes de títulos, valores, depósitos ou préstamos concedidos e aqueles provenientes de rendas da propiedade.


Investimentos reais

Gastos para a creación de infraestruturas, creación ou adquisición de bens de natureza inventariable necesarios para o funcionamento dos servizos e outros gastos de caracter amortizable.


Liquidación de orzamentos

Resultado final dos ingresos e dos gastos nun exercicio económico. É o resultado de incorporar ás previsións iniciais as modificacións orzamentarias efectuadas ao longo do exercicio económico.


Obrigas recoñecidas

Son débedas que supoñen pasivos para a parte debedora que proveñen de transaccións, acordos ou acontecementos de natureza orzamentaria ou non orzamentaria acontecidos en tempo pasado, en virtude dos que a entidade se comprometeu a realizar, ao vencemento da mesma, unha prestación avaliada economicamente; son netas cando non inclúen as obrigas canceladas ou anuladas.


Orzamento

Expresión cifrada, conxunta e sistemática do gasto autorizado que a administración pode acometer e dos ingresos que previsiblemente se obterán durante o correspondente exercicio económico.


Orzamento consolidado

O orzamento consolidado de varias entidades públicas recolle as contas destes organismos unha vez compensadas as duplicidades que se derivan das transferencias internas realizadas.
Coa elaboración dos orzamentos consolidados da Administración xeral da Xunta de Galicia e das restantes entidades con orzamento limitativo, evítase a distorsión que produciría a simple agregación dos seus estados de gastos e ingresos, xa que a maior parte do financiamento destas entidades con orzamentos limitativo procede de recursos transferidos desde a Administración xeral, onde xa foi computado como ingreso.


Orzamentos iniciais

Previsión dos ingresos e dos gastos para un exercicio económico.


Taxas tributarias

Son aqueles tributos, nos que o feito impoñible consiste na utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público, a prestación de servizos ou a realización de actividades en réxime de dereito público que se refiran, afecten ou beneficien de modo particular ao suxeito pasivo, cando se produza calquera das circunstancias seguintes:

  • Que os servizos ou actividades non sexan de solicitude voluntaria para os administrados.
  • Que non se presten ou realicen polo sector privado, estea ou non establecida a súa reserva a favor do sector público conforme a normativa vixente.


Transferencias correntes

Operacións, en diñeiro ou en especie, sen contrapartida directa por parte dos axentes receptores, destinados a financiar operacións correntes.


Transferencias de capital

Operacións sen contrapartida directa por parte dos axentes receptores destinados a financiar operacións de capital.


Compartir: