Índice de prezos ao consumo (IPC)

Definicións

Índice de prezos ao consumo (IPC)

Grupos COICOP

Os artigos da cesta de consumo utilizada no cálculo do IPC agrúpanse en subclases, estas en clases, posteriormente en subgrupos e, finalmente, os subgrupos agréganse en grupos. A dita clasificación adáptase por completo á clasificación internacional do consumo COICOP (siglas en inglés de Classification of Individual Consumption according to Purpose), elaborada pola División Estatística das Nacións Unidas.


Índice de prezos de consumo (IPC)

É unha medida estatística da evolución do conxunto de prezos dos bens e servizos que consume a poboación residente en vivendas familiares. Ven sendo elaborado polo INE dende 1936 con periodicidade mensual. Para o seu cálculo, selecciónase unha cesta representativa dos bens e servizos máis consumidos en España e multiplícanse os seus prezos por unhas ponderacións que miden o peso de cada grupo de produtos no consumo total dos fogares españois.
En 2001 introduciuse un cambio de base no IPC, o que supuxo importantes novidades metodolóxicas entre as que cabe destacar:

  • Utilización da Encuesta Continua de Presupuestos Familiares para o cálculo das ponderacións e a elección dos artigos contidos na cesta da compra. Na base anterior utilizouse a Encuesta de Presupuestos Familiares que se realizou por última vez no período comprendido entre abril de 1990 e marzo de 1991
  • Utilización dun índice de Laspeyres encadeado na fórmula de agregación. Na anterior base (1992) o índice usado era de tipo Laspeyres con base fixa
  • Utilización de medias xeométricas, dado que as medias aritméticas (empregadas na base anterior) son moi sensibles a valores extremos
  • Inclusión dos prezos rebaixados e das ofertas, o que supón unha ruptura coa base anterior
En xaneiro de 2007 empezouse a publicar o IPC coa nova base 2006, co que se pretende conseguir unha maior representatividade na súa cobertura e unha maior precisión na medición da evolución dos prezos. Para acadar estes fins realizáronse os seguintes cambios:
  • Ampliouse a mostra de municipios
  • Incrementouse o número de prezos recollidos
  • Cambiouse a composición da cesta da compra
  • Utilízanse ponderacións máis actualizadas
De novo no 2011 produciuse un terceiro cambio de base, co obxectivo de introducir un novo tratamento para os artigos estacionais, tales como as froitas frescas, as verduras e as hortalizas. Este cambio permitirá realizar unha medición máis precisa da evolución dos prezos no curto prazo para este tipo de produtos. Tamén se realizaron cambios na composición da cesta da compra e se procedeu á actualización da estrutura das ponderacións. Neste senso, introducíronse na cesta bens e servizos relativos aos soportes para o rexistro da imaxe e o son e o tratamento da información (discos duros portátiles, notebooks, etc.), así como servizos de estética e paramedicina (fotodepilación, logopeda, etc.).

Por último en 2016 produciuse un cuarto cambio de base, coa implantación da nova base, mellórase a representatividade deste indicador mediante cambios na composición da cesta da compra e a actualización da estrutura de ponderacións. Ademais, o IPC base 2016 incorpora a nova clasificación europea de consumo, denominada ECOICOP (European Classification of Individual Consumption by Purpose). Esta clasificación ofrece unha maior desagregación das parcelas de gasto en que se estrutura a información que se difunde habitualmente.


Compartir: