Estatísticas de xénero

A realidade da muller galega

O obxectivo desta actividade é o de representar a realidade das mulleres galegas en base a varias variables e comparar a súa situación coa dos homes, primándose a exhaustividade e a información numérica. Así este enlace remite a unha serie de táboas onde se recollen as principais cifras e resultados, diferenciados por sexo, referidos a varios eidos (mundo laboral, sistema educativo...)

A primeira publicación realizouna o Servizo Galego de Igualdade, ao marxe do plan galego de estatística, e con datos do ano 2005. Nesta publicación recollíanse, en formato papel, as principais cifras estatísticas referidas ao mercado laboral e participación na política para homes e mulleres. No marco dun plan galego de estatística, inclúese por primeira vez no programa do 2008 como actividade estatística responsabilidade do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. A partir do 2009 convértese nunha actividade que se realiza en colaboración entre o dito Servizo e o IGE, ata pasar no programa 2012 a ser responsabilidade exclusiva do IGE.

Indicadores de xénero

A realidade da muller galega facilita información xeral para coñecer a situación actual en diferentes ámbitos da realidade dos homes e das mulleres, pero para estudar a igualdade sintetizando dalgún xeito a información que subministra a actividade anterior, estableceuse a operación estatística de indicadores de xénero, na que debería primar a pertinencia e a metainformación.

Esta operación introdúcese por primeira vez no programa do ano 2007 (como responsabilidade do IGE) e xa no 2008 presenta uns resultados, mais no 2009 cambia de organismo responsable e pasa a reestruturarse, e non será ata o 2011 cando volva a estar en curso manténdose ata a actualidade neste estado.

Compartir: