Portal educativo IGE

ver o mapa do portal

Matemáticas. Un primeiro paso: porcentaxes, taxas, variacións e números índice
Actividade 2: a perspectiva de xénero nos salarios


FICHA DA ACTIVIDADE

Obxectivos

  • Coñecer e comparar os salarios de homes e mulleres mediante porcentaxes.
  • Aprender a calcular taxas de variación absolutas e relativas.
  • Analizar os salarios da poboación segundo o sexo a través das taxas calculadas.

Palabras clave

  • Enquisa de estrutura salarial
    A "Encuesta de Estructura Salarial" do INE é unha investigación sobre a estrutura e distribución dos salarios de periodicidade cuatrienal, que se realiza de xeito harmonizado cos Estados Membros da Unión Europea (UE). Nesta enquisa preséntanse resultados do salario bruto anual en Galicia desde múltiples perspectivas: segundo sexo e idade, ocupación, actividade económica, nivel de estudos, tipo de xornada e contrato, o que permite establecer relacións entre o salario e algunhas variables que poden contribuír ao seu nivel.
  • Salario bruto anual
    Inclúe o total das percepcións salariais en diñeiro efectivo (retribucións dinerarias pagadas pola empresa ao traballador no ano) e as retribucións en especie que reciben os traballadores como contraprestación polo seu traballo.

Coñecementos previos necesarios

  • Esta é unha actividade básica, polo que non se precisa ter ningún coñecemento previo, excepto unhas pequenas nocións de como utilizar unha folla de cálculo. De todos os xeitos, a maior parte dos cálculos que se fan nesta actividade, pódense realizar cunha calculadora.

Cuestións a resolver:

Coa información que se facilita nas ligazóns e mediante cálculos sinxelos que se desenvolven na actividade, poderás responder ás seguintes preguntas:

  1. Cos datos dos salarios da poboación de Galicia segundo o sexo dos dous últimos períodos dispoñibles:
    • ¿Cantos gañan os homes?..........................................
      ¿Canto gañan as mulleres?..........................................
    • ¿Que porcentaxe representa o salario das mulleres sobre o dos homes?
      Porcentaxe do salario das mulleres sobre o dos homes ..........%
    • ¿Aumentaron o diminuiron as diferenzas nos salarios entre homes e mulleres? ................
  2. En Galicia no último ano dispoñible, se temos en conta a idade dos traballadores:
    • A medida que a idade dos traballadores aumenta, ¿sucede o mesmo co seu salario?...................................
    • ¿Compórtase igual o salario dos homes e o salario das mulleres respecto a idade?.................................
    • ¿Cal é o grupo de idade onde existe maior diferenza nos salarios entre homes e mulleres?..........................
  3. Cos datos dos salarios segundo o sexo e o nivel de estudos para Galicia do último período:
    • Na poboación con nivel de estudos "Analfabetos, primaria e secundaria 1ª etapa", o salario dos homes é superior/inferior nun ..........% ao das mulleres
    • Na poboación con nivel de estudos "Secundaria 2ª etapa e postsecundaria non terciaria", o salario dos homes é superior/inferior nun ..........% ao das mulleres
    • Na poboación con nivel de estudos "Terciaria", o salario dos homes é superior/inferior nun ..........% ao das mulleres
    • ¿As diferenzas salariais segundo o sexo aumentan o diminúen segundo o nivel de estudos?
  4. No último ano dispoñible, cos datos do salario bruto anual segundo o tipo de xornada, en Galicia:
    • Os homes que traballan a tempo completo cobraron o................% dos que traballaron a tempo parcial.
    • ¿Esta porcentaxe é maior ou menor no caso das mulleres?..........
    • As traballadoras con xornada a tempo parcial cobran o ...........% do que perciben os homes con xornada parcial.
  5. O salario das mulleres galegas que teñen un contrato indefinido, no último ano dispoñible, ¿é maior ou menor que o salario dos homes con este tipo de contrato?..........................................¿canto?........................................
    Nese mesmo período, ¿canto representa o salario das mulleres galegas con contrato de duración determinada con respecto ao salario dos homes co mesmo tipo de contrato?..........................................

Descarga de datos

Nos enlaces que aparecen a continuación podes descargar os últimos datos dispoñibles do salario bruto anual segundo as diferentes variables que determinan o seu nivel:

Descarga da ficha en pdf

En Galicia, ¿gañan máis os homes ou as mulleres?

Segundo os datos da "Encuesta de Estructura Salarial", no ano 2014, o salario bruto anual medio dos homes en Galicia foi 22.505,1 euros e o das mulleres 17.797,0 euros, polo que os homes gañan 4.708,1 euros máis que as mulleres. No ano 2010 esta diferenza era de 4.935,1 euros.

¿Aumentaron o diminuiron as diferenzas entre os salarios dos homes e das mulleres en Galicia no período 2010-2014?

Para poder comparar os salarios entre homes e mulleres nos dous períodos e cuantificar se aumentaron ou diminuíron as diferenzas non se poden empregar as variacións absolutas. Para realizar esta comparación calcúlase a porcentaxe que representa o salario das mulleres sobre o salario dos homes para cada ano:

Porcentaxe do salario das mulleres sobre o dos homes = (Salario das mulleres) / (Salario dos homes) * 100

Na Táboa 1 aparecen calculadas estas porcentaxes. ¿Que se pode dicir entón das diferenzas nos salarios dos homes e das mulleres?. Aínda que, tal e como se calculou anteriormente, as diferenzas nos salarios segundo o sexo no ano 2010 e 2014 se reduciron (pasaron de 4.935,1 euros no ano 2010 a 4.708,1 no 2014), a porcentaxe que representan os salarios das mulleres con respecto aos dos homes pasou en Galicia do 78,19% no ano 2010 ao 79,08%, polo que as diferenzas relativas segundo o xénero non aumentaron senón que diminuíron!!.

Táboa 1. Salario bruto anual segundo o sexo
Euros

¿As diferenzas nos salarios en España son maiores ou menores que no caso galego?

Na Táboa 1 pódese observar a porcentaxe que representa o salario das mulleres sobre o dos homes para España nos anos 2010 e 2014. Aínda que os datos de España para ambos os dous períodos son lixeiramente inferiores aos de Galicia, atópanse moi próximos, polo que case se podería dicir que as diferenzas nos salarios segundo o sexo son similares en ambos os dous territorios (Galicia e España).

¿As diferenzas salariais entre homes e mulleres son iguais en todas as idades?

A idade é unha das variables que determinan o nivel salarial de forma positiva, é dicir, que a maior idade dos traballadores maior salario bruto. Como podemos ver no gráfico do salario bruto anual segundo a idade en Galicia, no ano 2014, esta relación preséntase tanto no salario dos homes como das mulleres:

Gráfico 1. Salario bruto anual segundo o sexo e o grupo de idade. Galicia. Ano 2014
Euros

Pero, ¿que ocorre coas diferenzas? O primeiro que temos que facer é calcular canto é o salario das mulleres como porcentaxe do salario dos homes para cada grupo de idade, que no caso dos menores de 25 anos sería:

Porcentaxe Mulleres/Homes= Salario das mulleres menores de 25 anos / Salario dos homes menores de 25 anos * 100= 11.161,9 / 11.917,6 *100= 93,66%

Táboa 2. Salario bruto anual segundo o sexo e o grupo de idade. Galicia. Ano 2014
Euros e porcentaxes

Segundo se pode ver na Táboa 2, as mulleres menores de 25 anos cobran o 93,66% do salario dos homes e é o grupo de idade onde esta porcentaxe é maior; isto quere dicir que é o grupo de idade onde as diferenzas salariais entre homes e mulleres son menores.

No grupo de idade entre 25 e 34 anos, é onde as diferenzas salariais son maiores posto que o salario das mulleres é inferior ao 76% do salario dos homes. Cómpre recordar que de non existir diferenzas segundo o xénero a porcentaxe do salario dos homes que percibirían as mulleres sería do 100%.

¿Pensas que un maior nivel de estudos contribúe a diminuír as diferenzas salariais entre homes e mulleres?

O nivel de estudos é unha variable que inflúe no salario bruto anual de forma positiva, é dicir, a maior nivel de estudos alcanzado maior nivel salarial. No Gráfico 2 pódese comprobar como a medida que se incrementa o nivel de estudos, aumentan os salarios, tanto nos homes como nas mulleres.

Gráfico 2. Salario bruto anual segundo o sexo e o nivel de estudos alcanzado. Galicia. Ano 2014
Euros

Pero, ¿que sucede coas diferenzas entre homes e mulleres en cada nivel de estudos?, ¿varían segundo o nivel de estudos?

Táboa 3. Salario bruto anual segundo o sexo e o nivel de estudos alcanzado. Galicia. Ano 2014
Euros

Na Táboa 3 pódense observar os salarios brutos anuais segundo o nivel de estudos alcanzado para os homes e as mulleres. Para comparar as diferenzas por sexo en cada nivel de estudos pódese calcular á variación relativa dos salarios dos homes con respecto aos das mulleres en cada nivel de estudos, que indica en porcentaxe o que superan os salarios dos homes aos das mulleres.

Así, por exemplo, no nivel de estudos "Terciaria" a taxa de variación relativa calcúlase do seguinte modo:

Taxa de variación relativa= (Salario homes - Salario mulleres) / Salario mulleres * 100 = (29.598,6 - 23.860,5)/23.860,5 *100 = 24,05%

e indica que no ano 2014 o salario dos homes con nivel de estudos "Terciaria" foi superior nun 24,05% ao das mulleres co mesmo nivel de estudos.

As taxas de variación relativa que aparecen na Táboa 3 para os tres niveis de educación considerados reflicten que os homes gañan máis que as mulleres en todos eles, pero os incrementos relativos diminúen a medida que aumenta o nivel de estudos polo que as diferenzas salariais entre homes e mulleres son menores nos niveis educativos máis altos.

¿Onde se cobra máis: nos traballos a tempo completo ou a tempo parcial? ¿En que tipo de xornada os salarios dos homes e das mulleres están máis próximos?

Para comparar o salario segundo o tipo de xornada, a tempo completo ou a tempo parcial, hai que ter en conta que os traballadores a tempo completo normalmente traballan máis horas que os traballadores a tempo parcial, polo que os salarios dos primeiros deberían ser máis altos. Pero, ¿canto máis?. Para ver canto máis cobran os traballadores a tempo completo que os traballadores a tempo parcial calcúlanse as variacións relativas para o total, homes e mulleres.

Para o total sería:

Taxa de variación relativa= (Salario tempo completo-Salario tempo parcial)/Salario tempo parcial*100
= (23.272,3 - 8.989,2,1)/8.989,2 *100 = 158,89%

Táboa 4. Salario bruto anual segundo o sexo e tipo de xornada. Galicia. Ano 2014
Euros e porcentaxes

Como se pode ver na Táboa 4, os traballadores a tempo completo cobran un 158,89% máis que os traballadores a tempo parcial. No caso dos homes, esta variación é do 156,54%, o que quere dicir que os homes que traballan a tempo completo cobran máis do dobre que os que traballan a tempo parcial. No caso das mulleres, a diferenza é do 148,88, é dicir, as mulleres a tempo completo tamén cobran maís do dobre que as mulleres a tempo parcial.

Para comparar as diferenzas salarias entre homes e mulleres dentro de cada tipo de xornada calcúlase o salario das mulleres como porcentaxe do salario dos homes para os dous tipos de xornada. No caso dos traballadores a tempo completo faise:

Porcentaxe Mulleres/Homes= Salario das mulleres a tempo completo / Salario dos homes a tempo completo * 100
= 21.856,3 / 24.344,9 *100= 89,78%

Táboa 5. Salario bruto anual segundo o sexo e tipo de xornada. Galicia. Ano 2014
Euros e porcentaxes

As traballadoras con xornada a tempo completo cobran o 89,78% do que perciben os homes con este tipo de xornada, mentres que as diferenzas por xénero nos traballadores a tempo parcial son máis reducidas e o salario das mulleres con este tipo de xornada acada o 92,54% do salario dos homes que traballan a tempo parcial.

¿As diferenzas nos salarios entre homes e mulleres varían segundo a duración do contrato?

No Gráfico 3 pódense obsevar os salarios de homes e mulleres segundo a duración do contrato, é dicir, segundo o contrato sexa de duración indefinida (tipo de contrato dos traballadores fixos) ou de duración determinada (tipo de contrato dos traballadores temporais).

Gráfico 3. Salario bruto anual segundo o sexo e o tipo de contrato. Galicia. Ano 2014
Euros

No Gráfico 3 obsérvase claramente que o salario é maior, tanto en homes como en mulleres, no caso dos contratos con duración indefinida e dentro de cada tipo de contrato o salario dos homes é superior ao salario das mulleres.

Para determinar as diferenzas entre o salario dos homes e das mulleres en cada tipo de contrato calcúlanse as diferenzas relativas e así, para os contratos de duración indefinida, tense:

Taxa de variación relativa= (Salario homes duración indefinida-Salario mulleres duración indefinida)/Salario mulleres duración indefinida*100 = (24.073,9 - 18.975,5)/18.975,5 *100 = 26,87%

Táboa 6. Salario bruto anual segundo o sexo e tipo de xornada. Galicia. Ano 2014
Euros e porcentaxes

Na Táboa 6 pódese comprobar que as diferenzas salarias entre homes e mulleres son superiores nos contratos cunha duración indefinida xa que neste tipo de contratos os homes cobran un 26,87% máis que as mulleres mentres que, nos contratos de duración determinada, os homes perciben un salario un 21,83% superior os das mulleres.

A partir da Táboa 6. ¿poderías calcular canto representa o salario das mulleres en función do salario dos homes para cada tipo de contrato?

O que hai que calcular é a porcentaxe do salario dos homes que perciben as mulleres, que no caso dos traballadores con contrato de duración indefinida calcúlase da seguinte forma:

Porcentaxe Mulleres/Homes= Salario das mulleres con contrato indefinido / Salario dos homes con contrato indefinido * 100= 18.975,5 / 24.073,9 *100= 78,82%

Táboa 7. Salario bruto anual segundo o sexo e tipo de xornada. Galicia. Ano 2014
Euros e porcentaxes

Á vista dos datos que se amosan na Táboa 7 confírmase o que xa se tiña visto coas taxas de variación relativas: as diferenzas salariais entre homes e mulleres son maiores nos contratos con duración indefinida. As traballadoras con contrato de traballo de duración indefinida conbran o 78,82% do salario do homes con este tipo de contrato. No caso dos traballadores con contrato de traballo de duración determinada o salario das mulleres aumenta ata o 82,08% do salario dos homes.