Definicións

Censo agrario

Barbeitos

Terras que permaneceron en descanso durante o curso da campaña, sen ningún cultivo, pero que recibiron algunhas labores


Cultivos herbáceos

Constituídos por aquelas plantas cuxa parte aérea ten consistencia herbácea (cereais, leguminosas, pataca, algodón, remolacha, forraxeiras, hortalizas, etc.).
Son terras aradas ou cultivadas con regularidade, normalmente polo sistema de rotación de cultivos.
Os cultivos herbáceos inclúen: cereais, leguminosas, pataca, cultivos industriais, cultivos forraxeiros, hortalizas, flores e plantas ornamentais, sementes e plántulas destinadas á venta e outros cultivos herbáceos.


Cultivos leñosos

Constituídos por aquelas plantas cuxa parte aérea ten consistencia leñosa. Son cultivos non incluídos no réxime de rotación, distintos das pradarías permanentes, que ocupan as terras durante largos períodos que non necesitan ser transplantados despois de cada colleita. Non se inclúen as superficies forestais.
Os cultivos leñosos son: froiteiras, olivar, viñedo, viveiros de cultivos leñosos non forestais, cultivos leñosos en invernadoiro e outros cultivos permanentes.


Especies arbóreas forestais

Inclúense nesta modalidade as superficies cubertas de especies arbóreas forestais, que non son empregadas principalmente con fins agrícolas ou con outros fins distintos dos forestais. Están incluídas as choupeiras no interior ou no exterior dos bosques, os montes de castiñeiros e nogueiras destinadas principalmente á produción de madeira, as plantacións de árbores de Nadal e os viveiros forestais que se atopen en bosques e se destinen ás necesidades propias da poboación.


Explotación agrícola

Unidade técnico-económica da que se obteñen produtos agrarios baixo a responsabilidade dun titular. Esta unidade técnico-económica caracterízase pola utilización dos mesmos medios de produción: man de obra, maquinaria, etc.


Hortas familiares

Superficies destinadas ao cultivo de produtos agrarios da horta e froiteiros (incluída a pataca), cuxa produción se dedica principalmente ao autoconsumo na explotación. A súa superficie ten que ser inferior a 5 áreas (500 metros cadrados).


Parcela

Toda extensión de terra que está baixo unha soa linde, é dicir, rodeada de terreo, edificios ou augas que non pertenzan á explotación.


Personalidade xurídica do titular

No Censo agrario e na Enquisa sobre a estrutura das explotacións agrícolas considéranse as seguintes categorías de personalidade ou condición xurídica para o titular da explotación:

  • Persoa física. O titular considérase como persoa física para os efectos do censo e da enquisa cando é unha persoa individual ou un grupo de persoas individuais (irmáns, coherdeiros, etc.) que explotan en común un proindiviso ou outra agrupación de terras ou gando, sen ter formalizado legalmente unha sociedade ou agrupación.
  • Persoa xurídica. Son persoas xurídica as corporacións, asociacións e fundacións de interese público recoñecidas pola lei e as asociacións de interese particular, sexan civís, mercantís ou industriais ás que a lei conceda personalidade propia, independente da de cada un dos seus asociados.


Réxime de tenza da terra

No Censo agrario e na Enquisa sobre a estrutura das explotacións agrícolas refírese á forma xurídica baixo a cal actúa o titular da explotación:

  • Terras en propiedade: aquelas sobre as cales o titular ten o dereito de propiedade, con título escrito ou sen el, e as que foron explotadas pacífica e sen interrupción polo titular durante trinta anos como mínimo sen pago de renda. Tamén se consideran neste grupo as terras en usufruto.
  • Terras en arrendamento: terras nas cales o titular goza dos aproveitamentos da mesma mediante o pago dun canon ou renda, con independencia dos resultados da explotación, xa sexa en metálico, en especie ou en ambas as formas á vez. O pago tivo que fixarse previamente nun contrato de arrendamento, xa sexa oral ou escrito.
  • Terras en parzaría: son aquelas terras en propiedade de terceira persoa cedidas temporalmente ao parceiro mediante o pago dun tanto por cento do produto obtido ou o seu equivalente en efectivo. A contía de dita parte depende das condicións locais, o tipo de empresa e a achega do propietario. O acordo ou contrato de parzaría pode ser oral ou escrito.
  • Terras en outros réximes de tenza: Inclúense neste apartado as terras non comprendidas nalgún dos réximes anteriores: as explotacións por cesión gratuíta, en fideicomiso, en litixio, en precario, en censos, foros, en réxime comunal, ...


Superficie agraria utilizada (SAU)

Conxunto da superficie de terras labradas e terras para pastos permanentes


Superficie total da explotación agrícola

A superficie total da explotación está constituída pola superficie de todas as parcelas que a integra: a superficie propiedade do titular, a arrendada de outros para a súa explotación e a superficie explotada conforme a outras formas de tenza. Exclúense as superficies propiedade do titular pero cedidas a terceiras persoas.
A superficie todas da explotación comprende as terras labradas, terras para pastos permanentes e outras terras. Deben incluírse:

  • A superficie que forma parte da explotación pero é improdutiva ou non susceptible de aproveitamento vexetal.
  • As terras propiedade da explotación que están ocupadas por augas, camiños e outras vías.
  • As superficies dos solos de edificacións se están situadas dentro ou contiguas aos terreos da explotación.


Terras labradas

Son as que reciben coidados culturais con arado, aixada, grade, cultivador, etc. Non se contan aquí os prados, aínda que neles se estenda fertilizante, se fagan cortas, resementeiras, etc. As terras labradas están constituídas polos cultivos herbáceos, barbeitos, hortas familiares e cultivos leñosos.


Terras para pastos permanentes

Son terras non incluídas na rotación de cultivos, dedicadas de forma permanente (por un período de cinco anos ou máis) á produción de herba


Titular da explotación

Persoa física ou xurídica que, actuando con liberdade e con autonomía, asume o risco dunha explotación agrícola, dirixíndoa por si ou mediante outra persoa


Unidade de traballo-ano (UTA)

Unha UTA equivale ao traballo que realiza unha persoa a tempo completo ao longo dun ano. Unha xornada parcial compútase como a metade dunha completa


Unidades gandeiras (UG)

Obtéñense aplicando un coeficiente a cada especie e tipo, para agregar nunha unidade común diferentes especies. Os coeficientes empregados son:

Vacas leiteiras 1
Outras vacas 0,8
Bovinos machos de 24 meses e máis 1
Bovinos femias de 24 meses e máis 0,8
Bovinos de 12 a menos de 24 meses 0,7
Bovinos de menos de 12 meses 0,4
Ovinos 0,1
Caprinos 0,1
Porcas nais 0,5
Porcas para reposición 0,5
Leitóns 0,027
Outros porcinos 0,3
Equinos 0,8
Galiñas 0,014
Poliñas destinadas á posta 0,014
Polos de carne e galos 0,007
Pavos, patos, ocas e pintadas 0,03
Outras aves 0,03
Coellas nais 0,02

Exclúense as colmeas e as avestruces, que non se converten a unidades gandeiras. Estes coeficientes modificáronse no último Censo Agrario segundo as recomendacións de Eurostat



Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal.
Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies
     De acordo
Compartir: