IGE -

Definicións. Emprego na Seguridade Social e mutualidades


CNAE-09 (Clasificación Nacional de Actividades Económicas)

É a Clasificación Nacional de Actividades Económicas resultante do proceso internacional de revisión denominado Operación 2007. Foi elaborada segundo as condicións recollidas no Regulamento de aprobación da NACE Rev.2. O obxectivo desta clasificación é establecer un conxunto xerarquizado de actividades económicas que poida ser empregado para:

  • Favorecer a implementación de estatísticas nacionais que poidan ser diferenciadas de acordo coas actividades establecidas
  • Clasificar as unidades estatísticas e entidades segundo a actividade económica exercida
Acceso á Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE 2009)

ISFAS (Instituto Social de las Fuerzas Armadas)

Organismo público encargado de xestionar o Réxime Especial da Seguridade Social das Forzas Armadas e da Garda Civil.

MUFACE (Mutualidad General de Funcionarios Civiles del Estado)

Organismo público encargado de xestionar o Réxime Especial da Seguridade Social dos Funcionarios Civís do Estado.

MUGEJU (Mutualidad General Judicial)

Organismo público encargado de xestionar o Réxime Especial da Seguridade Social do persoal ao servicio da Administración de Xusticia.

Persoas afiliadas á Seguridade Social

A afiliación ao Sistema da Seguridade Social é obrigatoria para todas as persoas incluídas no campo de aplicación da Seguridade Social e única para toda a vida do traballador ou da traballadora e para todo o sistema, sen prexuízo das baixas, altas e demais variacións que con posterioridade á afiliación poidan producirse. É dicir, o traballador ou a traballadora afíliase cando comeza a súa vida laboral e se dá de alta nalgún dos rexímenes do Sistema da Seguridade Social. Esta situación denomínase alta inicial. Se cesa na súa actividade será dado ou dada de baixa pero seguirá afiliado ou afiliada en situación de baixa laboral. Se retoma a actividade producirase unha alta denominada alta sucesiva a efectos estatísticos, pero non terá que afiliarse novamente, dado que, como xa se indicou, a afiliación é única para toda a vida do traballador.

  • Na Mostra continua de vidas laborais contabilízanse o número de traballadores e traballadoras que estiveron afiliados e afiliadas en alta laboral nalgún momento do ano de referencia.
  • Para as táboas de afiliacións á Seguridade Social facilitadas polo Ministerio de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones contabilízanse o número de afiliacións. Hai que ter en conta que o número de afiliacións non se corresponde necesariamente co de traballadores e traballadoras, senón co de situacións que xeran obriga de cotizar. É dicir, a mesma persoa contabilízase tantas veces como situacións de cotización teña, xa sexa porque ten varias actividades laborais nun mesmo réxime ou en varios.


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo