Enquisa estrutural a fogares. Dependencia

Definicións

Enquisa estrutural a fogares. Dependencia

Fogar principal

Considérase fogar principal aquel no que un dos seus membros ten a titularidade da vivenda que ocupa, xa sexa en propiedade ou alugamento. No caso de que a vivenda estea cedida, o fogar principal será aquel no que estea a persoa a favor da que se fixo a cesión.


Fogar privado

Persoa ou conxunto de persoas que ocupan en común unha vivenda principal ou parte dela, e consomen e/ou comparten alimentos ou outros bens con cargo a un mesmo orzamento.


Grao de dependencia

Indicador construído para cada persoa en situación de dependencia en función do grao de apoio indicado nas oito actividades ABVD consideradas.

Para cada ABVD constrúese un grao de apoio de acordo coa seguinte escala:

  • 1: Non apoio: non necesita axuda para realizar esa actividade
  • 2: Supervisión/Preparación: só necesita que lle preparen os elementos necesarios para realizar a actividade e/ou lle fagan indicacións para realizala correctamente
  • 3: Apoio moderado: require que lle axuden fisicamente na realización da actividade.
  • 4: Apoio completo: require que o substitúan na realización física da actividade
  • 5: Apoio especial: presenta trastornos de comportamento que dificultan a prestación de apoio para a realización da actividade
Para construír o grao de dependencia tómase o correspondente grao de apoio indicado en cada unha das oito ABVD e calcúlase a súa suma, que variará entre:
  • 8 (1*8), a persoa non necesita apoio para ningunha das oito ABVD (aínda que si para algunha das AIVD)
  • 40 (5*8), a persoa necesita o máximo grao de apoio para cada unha das oito ABVD
A partires do anterior clasifícanse as persoas dependentes en:
  • dependencia moderada: cando 8 <= suma(ABVD) <=16
  • dependencia severa: cando 16 < suma(ABVD) <=24
  • gran dependencia: cando 24 < suma(ABVD) <=40


Persoa coidadora

Aquela persoa que, sen percibir remuneración a cambio, axuda a algunha outra persoa en situación de dependencia a realizar tarefas da vida cotiá. Ás persoas ás que coida poden residir tanto no mesmo fogar como noutro.
Non se consideran como remuneracións as posibles axudas da Lei de dependencia.


Persoa dependente

Aquela persoa que precisa axuda de alguén para realizar actividades cotiás da vida diaria (AVD) por razóns de discapacidade, vellez ou enfermidade. As AVD clasifícanse en actividades básicas (ABVD) e actividades instrumentais (AIVD):

  • Actividades básicas da vida diaria (ABVD): son as actividades imprescindibles para que unha persoa poida subsistir de forma independente. Entre elas inclúense as actividades de autocoidado, de funcionamento físico básico e de funcionamento mental básico.
    Na ECV pregúntase polas seguintes oito actividades básicas:
    • Asearse e lavarse
    • Vestirse
    • Controlar as necesidades e utilizar só o baño
    • Comer e beber
    • Cambiar as posicións do corpo
    • Levantarse, deitarse e permanecer de pé ou sentado
    • Desprazarse dentro do fogar
    • Manter relacións básicas e complexas con outras persoas

  • Actividades instrumentais da vida diaria (AIVD): son actividades máis complexas que as ABVD e para a súa realización requísese un maior nivel de autonomía persoal. Asócianse a tarefas que implican a capacidade de tomar decisións e implican interaccións máis difíciles co medio.
    Na ECV pregúntase polas seguintes dez actividades instrumentais:
    • Outros coidados persoais: cortar as uñas, lavar os dentes ou o pelo...
    • Desprazarse fóra do fogar
    • Usar o transporte público
    • Ocuparse das tarefas do fogar
    • Ocuparse das compras e controlar os subministros e servizos
    • Usar e xestionar os cartos
    • Administrar e controlar as súas medicinas
    • Evitar perigos dentro do fogar
    • Evitar perigos fóra do fogar
    • Pedir axuda ante unha urxencia


Vivenda familiar

É a vivenda destinada a ser habitada por unha ou varias persoas, xeral pero non necesariamente unidas por parentesco, e que non constitúen un colectivo. A pesar de non cumprir estritamente a definición, tamén se consideran vivendas familiares os aloxamentos.

As vivendas familiares inclúense no Censo de Vivendas, con independencia de que estean ocupadas ou non no momento censual.


Vivenda familiar principal

Vivenda familiar que se utiliza toda ou a maior parte do ano como residencia habitual dunha ou máis persoas.


Compartir: