Definicións

Ensino universitario, non universitario e formación non regrada

Abandono educativo temperán

Poboación entre 18 e 24 anos (ambos inclusive) que non completou o nivel de educación de secundaria segunda etapa e non segue ningún tipo de formación (regrada ou non regrada). As categorías incluídas no cálculo do indicador son: analfabetos, educación primaria, formación e inserción laboral que non precisa título de primeira etapa de secundaria, primeira etapa de educación secundaria, formación e inserción laboral que precisa título de primeira etapa de secundaria e garantía social/iniciación profesional


Bacharelato

Forma parte da Educación Secundaria postobrigatoria, e polo tanto, ten carácter voluntario. Comprende dous cursos académicos, que se realizarán ordinariamente entre os 16 e 18 anos de idade. Dende o curso 2015-2016 as modalidades de Bacharelato que poderán ofrecer as administracións educativos serán: Ciencias, Humanidades e Ciencias Sociais e Artes.


Baixos niveis educativos

O indicador de persoas con baixos niveis educativos calcúlase como a Porcentaxe de adultos de entre 25 e 64 anos que acadaron un nivel educativo igual ou menor ao primeiro ciclo de ensinanza secundaria. As categorías incluídas para a obtención deste indicador son: analfabetos, educación primaria, formación e inserción laboral que non precisa título de primeira etapa de secundaria, primeira etapa de educación secundaria, formación e inserción laboral que precisa título de primeira etapa de secundaria e garantía social/iniciación profesional.


Ciclos formativos de formación profesional

Son ensinanzas que teñen unha estrutura modular. Inclúen un módulo de formación en centros de traballo (FCT), que se desenvolve nunha empresa. Aos ciclos de grao medio accédese co título de graduado en educación secundaria ou mediante unha proba regulamentada polas administracións educativas e aos ciclos de grao superior accédese co título de bacharelato ou a través dunha proba regulamentada polas administracións educativas.


Educación especial

É unha educación dirixida aos alumnos con necesidades educativas especiais, temporais ou permanentes, para que poidan acadar os obxectivos establecidos con carácter xeral para todos os alumnos. A escolarización en unidades ou centros de educación especial só se leva a cabo nos casos nos que as necesidades do alumno non poidan ser atendidas nun centro ordinario.


Educación infantil

Ensinanza de réxime xeral, de carácter voluntario. Comprende ata os seis anos de idade. Estrutúrase en dous ciclos: o primeiro ata os tres anos e o segundo desde os tres ata os seis anos de idade.


Educación primaria

Forma parte da ensinanza básica e ten carácter obrigatorio e gratuíto. Comprende seis cursos académicos que se cursarán ordinariamente entre os seis e doce anos de idade. Organízase en asignaturas e áreas que terán carácter global e integrador. Os alumnos e alumnas incorporaranse, con carácter xeral, ao primeiro curso no ano natural no que fagan os seis anos.


Educación secundaria obrigatoria

É unha etapa educativa obrigatoria e gratuíta que completa a educación básica. Consta de catro cursos académicos que se realizan ordinariamente entre os 12 e 16 anos de idade. Dende o curso 2015-2016 comprende dous ciclos: o primerio de tres cursos escolares e o segundo de un


Ensinanzas básicas de adultos. Nivel I

Están dirixidas a persoas adultas que non dominan as técnicas instrumentais elementais e que necesitan adquirir técnicas básicas de lectura, escritura e cálculo. Están organizadas para grupos reducidos, cunha metodoloxía individualizada e con materiais específicos, en horarios flexibles, cun mínimo de 12 períodos lectivos semanais.


Ensinanzas básicas de adultos. Nivel II

Están dirixidas a persoas sen ningunha titulación que desexen acceder á educación secundaria para persoas adultas, seguir con garantía de éxito cursos de cualificación profesional ou potenciar a súa participación activa na vida social, cultural, política e económica. Abrangue contidos relacionados coas necesidades e a realidade das persoas adultas, estruturados en tres ámbitos globalizados, en horarios flexibles, cun mínimo de 16 períodos lectivos semanais.


Ensinanzas de adultos

As ensinanzas de adultos poden ser regradas ou non regradas
As ensinanzas regradas son: ensinanzas básicas de niveis I, II, III; bacharelato para persoas adultas e ciclos formativos para persoas adultas.
As ensinanzas básicas de nivel III e o bacharelato poden cursarse nas modalidades presencial e a distancia.


Ensinanzas de réxime xeral

  • Ensinanzas ordinarias:
    • Educación infantil
    • Educación primaria
    • Educación secundaria obrigatoria (ESO)
    • Bacharelato
    • Ciclos formativos
    • Programas de cualificación profesional inicial
  • Ensinanzas de adultos:
    • Nivel I
    • Nivel II
    • ESO adultos
    • Bacharelato
    • Ciclos formativos


Escolas obradoiro e casas de oficios

Son programas públicos de emprego-formación que teñen como finalidade a inserción laboral dos mozos e mozas, desempregados e menores de vintecinco anos, mediante a súa cualificación en alternancia coa práctica profesional en ocupacións ou actividades de utilidade pública ou interese social.


ESO adultos

Constitúen a segunda etapa da formación básica para persoas adultas, que se organiza en dous niveis, I e II, organizados de forma modular en tres ámbitos: ámbito científico-tecnolóxico, ámbito de comunicación e ámbito social. A cada un dos ámbitos de coñecemento correspóndenlle catro módulos, que estarán distribuídos cuadrimestralmente e, a cada un dos niveis, corresponderanlles dous módulos. Na modalidade presencial, o total de períodos lectivos destas ensinanzas non poderá ser, en ningún caso, inferior a 1.250.


Nivel de formación (CNED-2000)

  • Z Analfabetos
    • 80 Analfabetos
  • B Educación primaria
    • 11 Estudos primarios incompletos
    • 12 Estudos primarios completos
  • C Ensinanzas para a formación e inserción laboral que non precisan dunha titulación académica da primeira etapa de secundaria para a súa realización (máis de 300 horas)
    • 21 Ensinanzas para a formación e inserción laboral que non precisan dunha titulación académica da primeira etapa de secundaria para a súa realización (máis de 300 horas)
  • D Primeira etapa de educación secundaria
    • 22 Primeira etapa de educación secundaria sen título de graduado escolar ou equivalente
    • 23 Primeira etapa de educación secundaria con título de graduado escolar ou equivalente
  • E Ensinanzas para a formación e inserción laboral que precisan dunha titulación de estudios secundarios de primeira etapa para a súa realización (máis de 300 horas)
    • 31 Ensinanzas para a formación e inserción laboral que precisan dunha titulación de estudios secundarios de primeira etapa para a súa realización (máis de 300 horas)
  • F Segunda etapa de educación secundaria
    • 32 Ensinanzas de bacharelato
    • 33 Ensinanzas de grao medio de formación profesional específica, artes plásticas e deseño e deportivas
    • 34 Ensinanzas de grao medio de música e danza
  • G Ensinanzas para a formación e inserción laboral que precisan dunha titulación de estudos secundarios de segunda etapa para a súa realización (máis de 300 horas)
    • 41 Ensinanzas para a formación e inserción laboral que precisan dunha titulación de estudos secundarios de segunda etapa para a súa realización (máis de 300 horas)
  • H Ensinanzas de grao superior de formación profesional específica e equivalentes, artes plásticas e deseño e deportivas
    • 51 Ensinanzas de grao superior de formación profesional específica e equivalentes, artes plásticas e deseño e deportivas
  • I Outras ensinanzas de 2 e máis anos que precisan do título de Bacharelato
    • 52Títulos propios de universidades e outras ensinanzas que precisan do título de bacharelato (2 e máis anos)
    • 53Ensinanzas para la formación e inserción laboral que precisan dunha formación profesional de grao superior para a súa realización (máis de 300 horas)
  • J Ensinanza universitaria de primeiro ciclo e segundo ciclo
    • 54 Ensinanzas universitarias de primeiro ciclo e equivalentes ou persoas que aprobaron 3 cursos completos dunha licenciatura ou créditos equivalentes
    • 55 Ensinanzas universitarias de primeiro e segundo ciclo, de só segundo ciclo e equivalentes
  • K Estudos oficiais de especialización profesional
    • 56 Estudos oficiais de especialización profesional
  • L Ensinanza universitaria de terceiro ciclo
    • 61 Doutorado universitario


Obradoiros de emprego

Son programas públicos de emprego-formación que teñen como finalidade a inserción laboral dos desempregados de vintecinco ou máis anos de idade, mediante a súa cualificación en alternancia coa práctica profesional en ocupacións ou actividades de utilidade pública ou interese social.


Profesores universitarios asociados

Son profesores contratados con carácter temporal por un período de dous anos, sendo posible a súa continuidade de acordo coa normativa laboral de aplicación e nos termos establecidos polos estatutos das universidades, e con dedicación a tempo parcial, entre especialistas de recoñecida competencia que acrediten exercer a súa actividade profesional fóra da universidade.


Profesores universitarios axudantes

Os profesores axudantes contrátanse entre os que teñan superadas as materias de estudo ás que fai referencia o artigo 38 da Lei orgánica de universidades (estudos de doctorado) e coa finalidade principal de completar a súa formación investigadora. A contratación será con dedicación a tempo completo, por unha duración non superior a catro anos improrrogables. Os axudantes tamén poderán colaborar en tarefas docentes, nos termos que establezan os estatutos das universidades.


Programas de cualificación profesional inicial

Son programas dirixidos ao alumnado maior de dezaseis anos que non obtivo o título de graduado en educación secundaria obrigatoria. O seu obxectivo é que todos os alumnos alcancen competencias profesionais propias dunha cualificación de nivel un da estrutura do Catálogo Nacional de Cualificaciones Profesionales. O alumnado que supera os módulos obrigatorios obtén unha certificación académica con acreditación das competencias adquiridas.


Programas de cualificación profesional inicial

Son programas de carácter regrado. Están destinados a mozos entre dezaseis e dezanove anos cumpridos dentro do ano de inicio do programa, que non obtivesen o título de graduado en educación secundaria obrigatoria e non cursasen con anterioridade outro programa de cualificación profesional inicial. Teñen como finalidade previr o abandono escolar antes da finalización da escolaridade obrigatoria e abrirlles novas expectativas de formación e titulación a mozos e mozas en situación de desvantaxe sociolaboral e educativa. Teñen unha marcada vocación profesional, permiten a relación co mercado de traballo e facilitan a inserción laboral nunha actividade profesional de xeito cualificado.


Programas de garantía social

Estes programas están destinados ao alumnado que sobrepasa o límite de idade da ensinanza obrigatoria e abandona a educación secundaria sen alcanzar os obxectivos e o título correspondente.


Taxa bruta de poboación que se gradúa

As taxas brutas de poboación que se gradúa en cada ensino/titulación calcúlanse como a relación entre o alumnado que remata os estudios que se citan, independentemente da súa idade, coa poboación total da idade teórica de comezo do último curso do ensino.



Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal.
Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies
     De acordo
Compartir: