Estatística de multilocalización empresarial

Definicións

Estatística de multilocalización empresarial

Actividade económica

É a creación de valor engadido mediante a produción de bens e servizos, intervindo o traballo, o capital e as materias primas


Cifra de negocios

Comprende os importes facturados pola empresa durante o ano/mes de referencia en concepto de venda de bens e prestación de servizos que son obxecto do tráfico da empresa, tanto no exercicio da súa actividade principal, como de calquera actividade secundaria que realice a empresa. As vendas contabilízanse sen incluír o IVE repercutido ao cliente, e en termos netos, deducindo as devolucións de vendas, así como os rappels sobre as vendas. Non se deducen os descontos de caixa nin os descontos sobre as vendas por pronto pago. Comprende todos os importes facturados pola empresa durante o período de referencia, o que comprende todas as vendas comerciais de bens e servizos subministrados a terceiros que son obxecto de tráfico da empresa.


Establecemento (empresas)

Empresa ou parte dunha empresa sita nun lugar delimitado topograficamente, no que se realizan unha ou varias actividades económicas ás que dedican o seu traballo unha ou varias persoas por conta dunha mesma empresa. Se polas propias características da actividade esta non se realiza nun lugar fixo, o establecemento é o lugar dende o que se organiza ou coordina tal actividade. Non se contabilizan como establecementos os almacéns e as sedes sociais ou os domicilios legais dos titulares das empresas no caso de que existan unicamente como soporte xurídico das actividades.


Gastos de persoal

Este concepto recolle o importe total agregado dos pagos efectuados pola empresa durante o ano de referencia en concepto de soldos e salarios, indemnizacións, seguridade social e outros gastos de persoal.


Investimento bruto en activos materiais

Comprende as adquisicións a terceiros, melloras ou produción propia de activos materiais (terreos, construcións, instalacións, maquinaria e equipo e outros activos materiais).
Valóranse a prezos de adquisición si se compran a terceiros, e a custe de produción si se producen pola propia empresa, incluídos en todo caso os gastos de instalación e tódolos dereitos e canons de aplicación, pero excluído o IVE soportado e deducible, así como os gastos de financiamento.


Persoa ocupada

Na Enquisa industrial de empresas considéranse persoas ocupadas o conxunto de persoas (fixas e eventuais) que no período de referencia se encontraban exercendo un labor, remunerado ou non, para a empresa, e que pertencen e son pagadas por ela. Inclúense as persoas con licenzas de enfermidade, vacacións remuneradas e licenzas ocasionais sen soldo etc., e os traballadores a tempo parcial (se traballan máis dun terzo da xornada laboral completa). Non se inclúen os traballadores postos á disposición da empresa por outras empresas ou axencias e que son retribuídos por estas últimas; as persoas que estean efectuando traballos de mantemento ou reparación nalgún dos locais ou establecementos da empresa e que son remuneradas por conta doutras empresas; así como as persoas en situación de excedencia, licenza ilimitada ou xubilados. Tampouco se inclúen os membros do consello de administración que estean remunerados exclusivamente pola súa asistencia a estes consellos nin os socios ou outras persoas que traballen menos dun terzo da xornada laboral.


Compartir: