Conta satélite de produción doméstica

Definicións

Conta satélite de produción doméstica

Consumos intermedios (Conta Satélite Produción Doméstica)

Representan o valor dos bens e servizos consumidos como insumos nun proceso de produción (SEC-95, 3.69). Esta é a definición empregada nas Contas Económicas Anuais e Trimestrais, así como no Marco Input-Output de Galicia. Agora ben, na Conta Satélite de Produción Doméstica (CSPD) a función produtiva dos fogares amplíase, o que dá orixe a que parte do consumo final deste sector se reclasifique en consumo intermedio ou formación bruta de capital. Por exemplo, na CSPD o pan, os cereais, a carne ou o peixe son considerados consumos intermedios na elaboración doutros produtos, a diferenza do que acontece nas restantes operacións da Contabilidade Nacional, nas que se consideran gasto en consumo final dos fogares. Máis información na metodoloxía da operación.


Conta de bens e servizos

Ten por obxecto amosar, por grupos de produtos ou para o total da economía, como se utilizan os bens e servizos dispoñibles. Presenta, no lado dos recursos, a produción e as importacións, e no dos empregos, os consumos intermedios, o consumo final, a formación bruta de capital e as exportacións de bens e servizos. Esta conta debe estar equilibrada por definición. Polo tanto, e dado que a produción se valora a prezos básicos e os empregos a prezos de adquisición, haberá que incluír nos recursos os impostos menos as subvencións sobre os produtos para que o saldo da conta sexa nulo.


Conta de explotación

Presenta aos sectores institucionais como produtores ou xeradores das rendas primarias (na conta de asignación da renda primaria os sectores institucionais son tratados coma perceptores de rendas primarias). Esta conta analiza en que medida o valor engadido pode cubrir a remuneración dos asalariados e os outros impostos menos as subvencións sobre a produción; tamén permite obter, como saldo contable, o excedente de explotación bruto ou renda mixta (no caso das empresas non constituídas en sociedade pertencentes ao sector dos fogares).


Conta de produción

Amosa as operacións relativas ao proceso de produción. Nos recursos inclúe a produción e nos empregos os consumos intermedios. O saldo da conta corresponde ao Valor Engadido Bruto (VEB) valorado a prezos básicos; é dicir, sen tomar en consideración os impostos menos as subvencións sobre os produtos. Na conta de produción do total da economía, esta partida inclúese entre os recursos, o que permite obter o Produto Interior Bruto (PIB) a prezos de mercado.


Excedente de Explotación Bruto (EEB)/Renda mixta

Corresponde á renda que obteñen as unidades da utilización dos seus propios activos de produción. É o saldo da conta de explotación. No caso das empresas non constituídas en sociedades correspondentes ao sector fogares fálase de renda mixta.


Exportacións

Consisten nas operacións mediante as que os residentes subministran bens e servizos aos non residentes.


Formación bruta de capital (Conta Satélite Produción Doméstica)

Comprende a formación bruta de capital fixo, a variación de existencias e as adquisicións menos cesións de obxectos valiosos (SEC-95, 3.100 e seguintes). Esta é a definición empregada nas Contas Económicas Anuais e Trimestrais, así como no Marco Input-Output de Galicia. Agora ben, na Conta Satélite de Produción Doméstica (CSPD) a función produtiva dos fogares amplíase, o que dá orixe a que parte do consumo final deste sector se reclasifique en consumo intermedio ou formación bruta de capital. Por exemplo, na CSPD os mobles e demais artigos de amoblamento entran dentro da formación bruta de capital, a diferenza do que acontece nas restantes operacións da Contabilidade Nacional, nas que se clasifican como gasto en consumo final dos fogares. Máis información na metodoloxía da operación.


Gasto en consumo final

Nas operacións do Sistema de contas económicas consiste no gasto realizado polas unidades institucionais residentes en bens e servizos que se utilizan para satisfacer directamente as necesidades individuais, ou as necesidades colectivas dos membros da comunidade. Este gasto pode realizarse no territorio económico ou no resto do mundo (SEC-2010, 3.94 e seguintes).

Na Conta Satélite de Produción Doméstica a función produtiva dos fogares amplíase, o que dá orixe a que parte do consumo final deste sector se reclasifique en consumo intermedio ou formación bruta de capital. Deste xeito, a partida incluída nesta operación como consumo final do sector fogares non se corresponde necesariamente coa incluídas nas restantes operacións do Sistema de contas de Galicia. Máis información na metodoloxía da operación.

Na Enquisa de orzamentos familiares, o gasto en consumo final dos fogares corresponde ao gasto efectuado polos fogares co fin de consumir bens e servizos. Comprende:

  • As compras efectuadas de xeito monetario.
  • O valor estimado de certos bens e servizos, tales como:
    • O valor dos produtos procedentes do autoconsumo (tanto se son consumidos polo fogar como se son regalados a outros fogares).
    • O valor de produtos procedentes da autosubministración (cando os consume o fogar).
    • As remuneracións en especie dos empregadores aos seus asalariados.
    • Os alugueiros imputados aos propietarios de vivendas ou aos que as utilizan de forma gratuíta ou semigratuíta.
    • Comidas ou ceas gratuítas ou bonificadas no lugar de traballo ou no establecemento de hostalaría propiedade do fogar.


Importacións

Consisten en operacións mediante as que os non residentes subministran bens e servizos aos residentes.


Impostos netos sobre a produción e as importacións

Son os impostos que gravan a produción e as importacións de bens e servizos menos as subvencións.


Impostos netos sobre os produtos

Son os impostos a pagar por cada unidade producida ou distribuída dun determinado ben ou servizo menos as subvencións. Inclúen o IVE, os impostos e dereitos sobre a importación e os outros impostos sobre os produtos.


Produción

En Confianza empresarial defínese como o conxunto de todos os bens e servizos creados por unha unidade económica durante un período de tempo utilizando para isto man de obra, capital e materias primas.

Nas Contas económicas anuais, Contas económicas trimestrais e no Marco input-output defínese como unha actividade realizada baixo o control e a responsabilidade dunha unidade institucional que utiliza man de obra, capital e bens e servizos para producir outros bens e servizos (SEC-2010, 3.07 e seguintes). A produción inclúe, independentemente de que sexan actividades ilegais ou ocultas, os seguintes casos:

  • A produción de todos os bens e servizos individuais ou colectivos subministrados a unidades distintas dos seus produtores
  • A produción por conta propia daqueles bens que son consumidos polos propios produtores dos bens ou que incrementan os seus activos (por exemplo, a construción de vivendas por conta propia)
  • A produción por conta propia de servizos de aluguer das vivendas ocupadas polos seus propietarios
  • Os servizos domésticos e persoais producidos polo persoal doméstico remunerado
  • As actividades de voluntariado (non remuneradas) que producen bens.
Na Conta Satélite da Produción Doméstica (CSPD) amplíase a fronteira de produción definida polo SEC para os fogares e utilizada nas Contas Económicas Anuais e Trimestrais, así como no Marco Input-Output de Galicia. Desta maneira, as actividades produtivas dos fogares abarcarán os tipos xa incluídos dentro do concepto SEC, isto é:
  • a produción de mercado realizada por empresas non constituídas en sociedade
  • a produción voluntaria de bens realizada polos fogares e a produción de bens para uso final propio (produción agrícola para autoconsumo, a construción da vivenda propia, os servizos de alugamento de vivendas ocupadas polos seus propietarios, etc.)
máis un terceiro tipo de actividades, non consideradas de tipo produtivo segundo a definición do SEC, que inclúe os servizos domésticos e persoais que se producen e consumen no seo dun fogar (a produción doméstiva). Estes servizos abarcan:
  • a limpeza, decoración e mantemento da vivenda
  • a limpeza, mantemento e reparación dos bens duradeiros do fogar
  • a preparación e o servizo de comidas
  • o coidado, a formación e a educación dos nenos
  • o coidado de enfermos, impedidos ou anciáns
  • o transporte de membros do fogar ou dos seus bens


Produción doméstica

O concepto de produción doméstica utilízase para referirse aos servizos producidos dentro dos fogares polos seus membros, combinando o seu traballo non remunerado con compras de bens duradeiros e non duradeiros. As actividades da produción doméstica , destinadas a autoconsumo dos propios ou doutros fogares, agrúpanse en cinco categorías segundo a súa funcionalidade:

  • función aloxamento: inclúe aquelas actividades que realizan os membros do fogar para o coidado da vivenda; limpeza da vivenda, por exemplo
  • función nutrición: inclúe a preparación de comidas, e todas as actividades relativas a proporcionar alimentos ao fogar
  • función roupa: actividades que realizan os fogares tales como a adquisición e coidado da roupa, etc.
  • función coidados: a produción de servizos de coidado dos nenos, de persoas dependentes dentro do fogar, etc.
  • traballo voluntario: inclúe as actividades voluntarias de prestación de servizos a outros fogares, ou a institucións sen fins de lucro ao servizo dos fogares


Produto interior bruto (PIB)

É o resultado da actividade produtiva das unidades de produción residentes.Nas contas económicas estímase por tres vías: oferta, demanda e rendas.

  • Suma do valor engadido bruto (VEB) das ramas de actividade, máis os impostos netos de subvencións sobre os produtos (oferta).
  • Suma da demanda final de bens e servizos das unidades institucionais residentes máis o saldo exterior de bens e servizos (demanda)
  • Suma de remuneración de asalariados, impostos sobre a produción e as importacións netos de subvencións, renda mixta e excedente de explotación bruto (rendas).


Remuneración dos asalariados (D.1)

Comprende toda a remuneración en efectivo e en especie a pagar polos empregadores aos seus asalariados como contrapartida do traballo realizado por estes durante o período contable. A remuneración dos asalariados desagrégase en:

  • Soldos e salarios, xa sexan en efectivo ou en especie (D.11)
  • Cotizacións sociais a cargo dos empregadores (D.12)
Na conta de explotación figura a Remuneración de asalariados "inventario" como un emprego dos sectores residentes, mentres que na conta de asignación da renda primaria, aparece a Remuneración de asalariados "rexional" coma un recurso dos fogares residentes.


Sector Administracións Públicas

O sector das Administracións Públicas (SEC-95, 2.68) inclúe todas as unidades institucionais que son outros produtores non de mercado, cuxa produción se destina ao consumo individual ou colectivo, que se financian principalmente mediante pagos obrigatorios efectuados por unidades pertencentes a outros sectores e/ou que efectúan operacións de redistribución da renda e da riqueza nacional.


Sector fogares

O sector fogares (SEC 2.75) comprende os individuos ou grupos de individuos, tanto na súa condición de consumidores coma, eventualmente, na de empresarios que producen bens ou servizos financeiros ou non financeiros de mercado (produtores de mercado). Ademais, comprende os individuos ou grupos de individuos que producen bens e servizos non financeiros exclusivamente para uso final propio.

Na súa condición de consumidores, os fogares poden definirse coma pequenos grupos de persoas que comparten un mesmo aloxamento e poñen en común unha parte ou a totalidade das súas rendas e patrimonio, e que consumen colectivamente determinados bens e servizos, principalmente o aloxamento e a alimentación. Esta definición pode completarse co criterio da existencia de vínculos familiares ou afectivos.

Os recursos principais destas unidades proceden da remuneración dos asalariados, rendas da propiedade, transferencias efectuadas por outros sectores, ingresos procedentes da disposición de bens e servizos de mercado, ou ingresos imputados pola produción de bens e servizos para consumo final propio.


Sector ISFLSF (Institucións Sen Fins de Lucro ao Servizo dos Fogares)

O sector das Institucións Sen Fins de Lucro ao Servizo dos Fogares (ISFLSF) (SEC-95, 2.87) está formado polas institucións sen fins de lucro dotadas de personalidade xurídica que serven aos fogares e que son outros produtores non de mercado privados. Os seus recursos principais proceden de contribucións voluntarias en efectivo ou en especie efectuadas polos fogares na súa calidade de consumidores, de pagos das administracións públicas e de rendas da propiedade.


Valor engadido bruto (VEB)

Para cada unidade dedicada a unha actividade produtiva, é a diferenza entre a produción e os consumos intermedios. A suma dos valores engadidos brutos, máis os impostos netos de subvencións sobre os produtos, dan como resultado o Produto Interior Bruto polo lado da oferta.


VEB (Conta Satélite Produción Doméstica)

Para cada unidade dedicada a unha actividade produtiva, calcúlase como a diferenza entre a produción e os consumos intermedios. Esta é a definición empregada nas Contas Económicas Anuais e Trimestrais, así como no Marco Input-Output de Galicia. No seo destas operacións, os prezos de mercado son a referencia básica para a valoración da produción (sen considerar os impostos menos as subvencións sobre os produtos, dado que o VEB se valora a prezos básicos). Agora ben, na Conta Satélite de Produción Doméstica o concepto de produción amplíase para considerar aquela que queda á marxe das transaccións de mercado, polo que non pode empregarse o dito método na súa valoración. Neste caso, o VEB aproxímase a partir da estimación dos custos de produción:
Valor Engadido Bruto (VEB)=Valor do traballo (horas*salario/hora)-Outros impostos netos sobre a produción+Consumo de capital fixo
Máis información na metodoloxía da operación.


Compartir: