Ciencia e tecnoloxía

Definicións

Ciencia e tecnoloxía

Actividades innovadoras

Son toda clase de actividades científicas, tecnolóxicas, de organización, financeiras e comerciais, incluíndo a inversión en novos coñecementos, destinadas á introdución de produtos (bens e servizos) ou procesos novos ou sensiblemente mellorados. A I+D (investigación científica e desenvolvemento tecnolóxico) constitúe unha destas actividades innovadoras, aínda que non é a única. Ademais das actividades de I+D tamén se consideran actividades innovadoras a adquisición de maquinaria e equipo relacionados con produtos e procesos tecnoloxicamente novos ou mellorados, a adquisición de tecnoloxía inmaterial, o deseño e enxeñaría industrial, a ferramenta e lanzamento da produción, a formación relacionada con produtos e procesos tecnoloxicamente novos ou mellorados, e a comercialización de produtos tecnoloxicamente novos ou mellorados.


CNAE-09 (Clasificación Nacional de Actividades Económicas)

É a Clasificación Nacional de Actividades Económicas resultante do proceso internacional de revisión denominado Operación 2007. Foi elaborada segundo as condicións recollidas no Regulamento de aprobación da NACE Rev.2. O obxectivo desta clasificación é establecer un conxunto xerarquizado de actividades económicas que poida ser empregado para:

  • Favorecer a implementación de estatísticas nacionais que poidan ser diferenciadas de acordo coas actividades establecidas
  • Clasificar as unidades estatísticas e entidades segundo a actividade económica exercida
Acceso á Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE 2009)


CNAE-93 Rev.1 (Clasificación Nacional de Actividades Económicas)

É a Clasificación Nacional de Actividades Económicas elaborada segundo as condicións recollidas no Regulamento de implantación da NACE Rev. 1.1. O obxectivo desta clasificación é establecer un conxunto xerarquizado de actividades económicas que poida ser empregado para:

  • Favorecer a implementación de estatísticas nacionais que poidan ser diferenciadas de acordo coas actividades establecidas
  • Clasificar as unidades estatísticas e entidades segundo a actividade económica exercida


Comercio exterior

Comprende as relacións comerciais da Comunidade Autónoma de Galicia con todos aqueles países que non pertencen á UE. As relacións comerciais de intercambio denominaranse "importacións" para as adquisicións e "exportacións" para as entregas. Para a recollida de información estatística, mantense a obriga de presentar a correspondente declaración DUA ante Aduanas.


Comercio exterior de produtos de alta tecnoloxía

Para a categorización do comercio exterior de alta tecnoloxía, óptase por utilizar o enfoque por produto, que se basea na construción de indicadores que reflictan o contido tecnolóxico dos bens exportados e importados. A clasificación utilizada será a seguinte lista de produtos de alta tecnoloxía segundo os códigos SITC Rev. 4 (Standard International Trade Classification), baseada na definición da OCDE, que contén produtos técnicos cuxa fabricación involucra una alta intensidade de I+D:

  • Construción aeronáutica e espacial
  • Maquinaria de oficina e equipo informático
  • Material electrónico, equipos e aparatos de radio, televisión e comunicación
  • Produtos farmacéuticos
  • Instrumentos científicos
  • Maquinaria e material eléctrico
  • Produtos químicos
  • Maquinaria e equipo mecánico
Os códigos concretos da clasificación SITC Rev. 4 correspondentes á lista anterior poden consultarse no apartado metodolóxico.


Comercio intracomunitario

Comprende as operacións comerciais entre a Comunidade Autónoma de Galicia e os países membros da Unión Europea (excluíndo o resto de España). As adquisicións intracomunitarias chamaranse "introducións" e as entregas intracomunitarias "expedicións". A recollida de información estatística réxese polo Sistema Intrastat.


EMAS (Eco-Management and Audit Scheme, ou Regulamento Comunitario de Ecoxestión e Ecoauditoría)

É unha normativa voluntaria da Unión Europea que recoñece aquelas organizacións que implementaron un Sistema de Xestión Ambiental (SGMA) e adquiriron un compromiso de mellora continua, verificado mediante auditorías independentes. As organizacións recoñecidas co EMAS teñen unha política ambiental definida, fan uso dun sistema de xestión ambiental e dan conta periódica do funcionamento do devandito sistema a través dunha declaración ambiental verificada por organismos independentes. A súa creación data do ano 2001 e foi obxecto de posteriores modificacións, a última delas acaecida en 2009.


Empresa EIN

Este termo engloba ás empresas innovadoras (aquelas que introduciron nos tres últimos anos produtos tecnoloxicamente novos ou mellorados no mercado, ou ben puxeron en marcha procesos tecnoloxicamente novos ou mellorados nos seus métodos de produción de bens ou de prestación de servizos), máis as empresas con innovacións en curso ou non exitosas.


Expedicións (comercio intracomunitario)

Comprenden todas aquelas operacións a través das cales un produto con orixe en Galicia é vendido aos países da UE, excluíndo o resto de España.


Exportacións (comercio exterior)

Comprenden todas aquelas operacións a través das cales un produto con orixe en Galicia é vendido a países que non forman parte da UE.


Gastos en actividades en I+D

Considéranse todas as cantidades destinadas a actividades de I+D realizadas dentro da unidade ou centro investigador (gastos internos) ou fóra destes (gastos externos), calquera que sexa a orixe dos fondos. Os gastos internos comprenden tanto os gastos correntes coma os de capital (exluirase o IVE deducible) realizadas dentro do centro investigador. Os gastos levados a cabo fóra do centro pero en apoio das tarefas internas de I+D (por exemplo, a compra de subministros para I+D) tamén se incluirán como gastos internos en I+D. Os gastos externos inclúen as cantidades pagadas como contraprestación dos traballos de I+D encargados especificamente pola unidade investigadora a outras unidades.


Gastos en actividades innovadoras

Custo total do conxunto de actividades innovadoras, incluíndo os gastos internos e externos en I+D e os gastos relativos ás restantes actividades innovadoras.


Importacións (comercio exterior)

Comprenden todas aquelas operacións nas que unha mercancía elaborada ou orixinal de países que non forman parte da UE é comprada para ser consumida ou transformada en Galicia.


Innovación tecnolóxica (concepto INE)

Nas enquisas do INE sobre investigación e desenvolvemento tecnolóxico considérase innovación tecnolóxica ao resultado das actividades innovadoras. Comprende os produtos (bens ou servizos) e procesos tecnoloxicamente novos, así como as melloras tecnolóxicas importantes dos mesmos. Unha innovación tecnolóxica considérase como tal cando se introduciu no mercado (innovacións de produtos) ou se utilizou no proceso de produción de bens ou de prestación de servizos (innovacións de proceso). Tamén se inclúen nesta categoría as innovacións de tipo organizativo e aquelas que afectan ao proceso de comercialización.


Intensidade de innovación

Defínese coma o cociente entre o gasto en actividades innovadoras e a cifra de negocios, expresado en porcentaxe.


Introducións (comercio intracomunitario)

Comprenden todas aquelas operacións nas que unha mercancía elaborada ou orixinal dun país membro da UE (excluíndo o resto de España) é comprada para ser consumida ou transformada en Galicia.


Investigación científica e desenvolvemento tecnolóxico (I+D)

Defínese coma o conxunto de traballos creativos que se emprenden de modo sistemático co fin de aumentar o volume de coñecementos, incluído o coñecemento do home, a cultura e a sociedade, así como a utilización desa suma de coñecementos para concibir novas aplicacións.


Investigadores

Son os científicos e enxeñeiros implicados na concepción ou creación de novos coñecementos, produtos, procesos, métodos e sistemas, así como na xestión dos correspondentes proxectos. Tamén están incluídos os xerentes e administradores dedicados á planificación e xestión dos aspectos científicos e técnicos do traballo dos investigadores, así como os estudantes posgraduados cun salario/bolsa de estudo que realizan actividades de I+D.


ISO (Organización Internacional de Normalización)

Nacida tras a Segunda Guerra Mundial, é o organismo encargado de promover o desenvolvemento de normas internacionais de fabricación (tanto de produtos coma de servizos), comercio, comunicación e seguridade para as empresas ou organizacións públicas ou privadas, sexa cal sexa a súa rama de actividade industrial (a excepción da eléctrica e da electrónica). Trátase dun organismo non gobernamental, con sede en Xenebra, integrado por representantes dos organismos de normalización nacionais de 163 países. As normas desenvolvidas por esta organización coñécense como normas ISO e teñen carácter voluntario.


ISO 140001

É unha norma internacional elaborada pola Organización Internacional de Normalización (ISO), que expresa como establecer un Sistema de Xestión Ambiental (SXA) efectivo. A norma está deseñada para conseguir un equilibrio entre o mantemento da rendibilidade e a redución dos impactos no ambiente. Está enfocada cara a calquera organización, de calquera tamaño ou sector, que estea a buscar reducir os impactos no ambiente e cumprir coa lexislación en material ambiental.


ISO 9001

É unha norma internacional elaborada pola Organización Internacional de Normalización (ISO) sobre calidade e xestión continua de calidade. A devandita norma céntrase en todos os elementos de administración de calidade cos que unha empresa ou organización debe contar para ter un sistema efectivo que lle permita administrar e mellorar a calidade dos seus produtos ou servizos.


Modelo de utilidade

Son as invencións que, sendo novas e implicando unha actividade inventiva, consisten en dar a un obxecto unha configuración, estrutura ou constitución da que resulte algunha vantaxe practicamente apreciable para o seu uso ou fabricación.


Patente

É a forma que adquire a protección xurídica da actividade innovadora. Unha patente é un título que recoñece o dereito de explotar en exclusiva a invención patentada, impedindo a outros a súa fabricación, venta ou utilización sen consentimento do titular. Como contrapartida, a patente ponse a disposición do público para xeral coñecemento.


Persoal empregado en actividades de I+D

Inclúese como persoal en I+D a todo o persoal empregado directamente en actividades de I+D, sen distinción do nivel de responsabilidade, así como aos que subministran servizos ligados directamente aos traballos de I+D, coma xerentes, administradores e persoal de oficina. Exclúense as persoas que realizan servizos indirectos, coma o persoal de cantina, seguridade, mantemento, etc., aínda que os seus salarios deben contabilizarse coma outros gastos correntes en I+D. Os datos de persoal pódense medir de dúas formas, en número de persoas físicas (a 31 de decembro) e en equivalencia a dedicación plena (EDP). Considérase persoal de dedicación plena en I+D ás persoas que empregan cando menos o 90% da súa xornada laboral a actividades de I+D. Considérase persoal de dedicación parcial en I+D a aquelas persoas que dedican aproximadamente entre o 10 e o 90% da xornada laboral a actividades de I+D e o resto a actividades doutro tipo. Polo tanto, considérase persoal empregado en actividades de I+D en equivalencia a dedicación plena á suma do persoal que traballa en réxime de dedicación plena (xornada completa) máis a equivalencia a dita dedicación do persoal que traballa en réxime de dedicación parcial (xornada parcial).


Sectores de servizos de alta tecnoloxía ou punta (clasificación CNAE-09)

Esta categoría está integrada polas actividades de servizos correspondentes aos seguintes códigos da CNAE-09:

  • 59. Actividades cinematográficas, de vídeo e de programas de televisión, gravación de son e edición musical
  • 60. Actividades de programación e emisión de radio e televisión
  • 61. Telecomunicacións
  • 62. Programación, consultaría e outras actividades relacionadas coa informática
  • 63. Servizos de información
  • 72. Investigación e desenvolvemento


Sectores de servizos intensivos en formación (clasificación CNAE-93 Rev.1)

Esta categoría está integrada polas actividades de servizos intensivos en formación de alta tecnoloxía ou punta e polos restantes servizos intensivos en formación. Os servizos intensivos en formación de alta tecnoloxía ou punta corresponden aos seguintes códigos da CNAE-93 Rev.1:

  • 64. Correos e telecomunicacións
  • 72. Actividades informáticas
  • 73. Investigación e desenvolvemento
Os restantes servizos intensivos en formación corresponden aos seguintes códigos da CNAE-93 Rev.1:
  • 50. Venda, mantemento e reparación de vehículos de motor, motocicletas e ciclomotores; venda polo miúdo de combustible para vehículos de motor
  • 51. Comercio por xunto e intermediarios do comercio, agás de vehículos de motor e motocicletas
  • 52. Comercio polo miúdo, agás o comercio de vehículos de motor, motocicletas e ciclomotores; reparación de efectos persoais e utensilios domésticos
  • 55. Hostalería
  • 60. Transporte terrestre; transporte por tubos
  • 61. Transporte marítimo, de cabotaxe e por vías de navegación interiores
  • 62. Transporte aéreo e espacial
  • 63. Actividades anexas aos transportes: actividades de axencias de viaxes
  • 70. Actividades inmobiliarias
  • 71. Alugueiro de maquinaria e equipo sen operario, de efectos persoais e utensilios domésticos
  • 74. Outras actividades empresarias


Sectores manufactureiros de alta tecnoloxía (clasificación CNAE-09)

Esta categoría está integrada polas actividades industriais correspondentes aos seguintes códigos da CNAE-09:

  • 21. Fabricación de produtos farmacéuticos
  • 26. Fabricación de produtos informáticos, electrónicos e ópticos
  • 30.3. Construción aeronáutica e espacial e a súa maquinaria


Sectores manufactureiros de alta tecnoloxía (clasificación CNAE-93 Rev.1)

Esta categoría está integrada polas actividades industriais correspondentes aos seguintes códigos da CNAE-93 Rev.1:

  • 24.4. Fabricación de produtos farmacéuticos
  • 30. Fabricación de máquinas de oficina e equipos informáticos
  • 32. Fabricación de material electrónico; fabricación de equipo e aparellos de radio, televisión e comunicacións
  • 33. Fabricación de equipos e instrumentos médico-cirúrxicos, de precisión, óptica e reloxería
  • 35.3. Construción aeronáutica e espacial


Sectores manufactureiros de medio-alta tecnoloxía (clasificación CNAE-09)

Esta categoría está integrada polas actividades industriais correspondentes aos seguintes códigos da CNAE-09:

  • 20. Industria química
  • 25.4. Fabricación de armas e municións
  • 27. Fabricación de material e equipamento eléctrico
  • 28. Fabricación de maquinaria e equipamento n.c.n.
  • 29. Fabricación de vehículos de motor, remolques e semirremolques
  • 30. Fabricación doutro material de transporte (excepto 30.1. Construción naval e 30.3. Construción aeronáutica e espacial e a súa maquinaria)
  • 32.5. Fabricación de instrumentos e fornecementos médicos e odontolóxicos


Sectores manufactureiros de medio-alta tecnoloxía (clasificación CNAE-93 Rev.1)

Esta categoría está integrada polas actividades industriais correspondentes aos seguintes códigos da CNAE-93 Rev.1:

  • 24.1. Fabricación de produtos químicos básicos
  • 24.2. Fabricación de pesticidas e outros produtos agroquímicos
  • 24.3. Fabricación de pinturas, vernices e revestimentos similares; tintas de imprenta e masillas
  • 24.5. Fabricación de xabóns, deterxentes e outros artigos de limpeza e abrillantamento
  • 24.6. Fabricación doutros produtos químicos
  • 24.7. Fabricación de fibras artificiais e sintéticas
  • 29. Industria da construción de maquinaria e equipo mecánico
  • 31. Fabricación de maquinaria e material eléctrico
  • 34. Fabricación de vehículos de motor, remolques e semirremolques
  • 35.2. Fabricación de material ferroviario
  • 35.4. Fabricación de motocicletas e bicicletas
  • 35.5. Fabricación doutro material de transporte


Sectores manufactureiros intensivos en tecnoloxía

Esta categoría está integrada polas industrias catalogadas como de tecnoloxía alta ou medio-alta.


Unión Europea (UE)

A Unión Europea (UE) é unha organización internacional que xorde en 1951 como a Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro, pola que se creou un mercado común limitado á industria do carbón e do aceiro; a esta institución, precursora da actual UE, pertencían Francia, Alemaña Occidental, Italia, Bélxica, Países Baixos e Luxemburgo. Este mercado común inténtase ampliar a outras materias económicas e ao sector da enerxía nuclear e así se constitúen a Comunidade Económica Europea e a Comunidade Europea da Enerxía Atómica en 1957. En 1973 únense a estes países Reino Unido, Dinamarca e Irlanda; en 1981 Grecia e en 1986 España e Portugal. En 1992, segundo o Tratado de Maastricht, conságrase a Unión Europea, conferíndolle novos poderes e responsabilidades ás institucións comunitarias e introducindo novas formas de cooperación entre os gobernos dos Estados Membros. En 1995 creouse a Europa dos 15 coa incorporación de Austria, Finlandia e Suecia e en maio de 2004 incorporáronse Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Malta, Polonia e a República Checa, conformando a Europa dos 25. A partir de xaneiro de 2007, coas novas incorporacións de Bulgaria e Romanía, a UE consta de 27 membros. En xullo de 2013 Croacia convértese no país número 28 da UE.


Compartir: