Indicadores do sector empresarial. Resumo de resultados

Resumo de resultados 29/11/2016
Datos correspondentes ao ano 2014

Introdución

A operación estatística Indicadores do sector empresarial ofrece información sobre a situación económica e financeira das empresas de Galicia, así como da súa evolución no tempo, a partir da información contable contida nos seus balances e contas de perdas e ganancias.

Esta operación sintetiza a dita información económica e financeira das empresas nuns ratios, que tratan de replicar os elaborados polo grupo de traballo de Referencias Sectoriais Europeas, do Comité Europeo de Centrais de Balances (ECCBSO), para distintos países europeos.

Estes ratios foron deseñados para que os utilizaran institucións financeiras principalmente, como instrumento complementario a súa análise de risco. Non obstante, o usuario particular tamén os poderá utilizar con distintos propósitos:

  • Comparar os ratios dunha empresa cos do seu sector
  • Comparar os ratios dunha empresa cos do seu mesmo tamaño
  • Comparar diferentes actividades entre si
  • Analizar a evolución da situación económica e financeira do sector empresarial galego

Investíganse unicamente as sociedades non financeiras con sede social no territorio galego. Polo tanto, exclúense da análise as empresas con sede social noutras comunidades autónomas, aínda que teñan establecementos en Galicia. E inclúense os datos dos establecementos situados fóra de Galicia, cando a empresa matriz ten a súa sede no territorio galego. Ademais, só se pode obter información económica-financeira daquelas empresas que teñan a obriga de presentar as súas contas no Rexistro Mercantil, polo que quedan fóra do ámbito de investigación a meirande parte das cooperativas, autónomos e outras figuras englobadas dentro do concepto de economía social.

Indicadores xerais

En 2014 as sociedades mercantís con sede en Galicia obtiveron unha cifra media de negocios de 751.260 euros por sociedade. A mediana, pola súa parte, situouse preto dos 162.020 euros.

O valor engadido xerado por estas empresas no exercicio económico 2014 superou os 180.860 euros de media por sociedade (a mediana foi 44.510 euros), e os gastos de persoal os 164.760 euros de media (59.740 euros a mediana). O resultado económico bruto1 alcanzou os 48.190 euros de media por sociedade (a mediana foi de 4.110 euros/sociedade).

O feito de que os valores medio e mediano disten tanto os uns dos outros evidencia unha estrutura empresarial con amplas diverxencias no que aos indicadores presentados no cadro se refire2.

1É o resultado xerado pola actividade propia da empresa e calcúlase como a diferenza entre o Valor engadido bruto (VEB) e os gastos de persoal.
2A mediana é o valor que, ordenando de menor a maior en función dunha determinada variable (por exemplo, a cifra de negocios) a todas as sociedades que presentaron os seus libros contables, deixa unha metade das mesmas por debaixo do dito valor e a outra metade por riba. A mediana permite corrixir a influencia que os valores atípicos (cifras de negocio moi elevadas ou moi reducidas) producen no valor medio, aínda que a utilización deste ultimo indicador está máis estendida.

Principais indicadores do sector empresarial galego. Ano 2014
Miles de euros

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Indicadores segundo o tamaño da empresa e o sector de actividade

Principais indicadores do sector empresarial galego. Ano 2014
Miles de euros

Segundo o tamaño da empresa Segundo o sector de actividade

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

A metade das empresas galegas que presentaron as súas contas no Rexistro Mercantil tiveron un valor engadido inferior aos 44.510 euros en 2014. A media e mediana do valor engadido varía en función do tamaño da empresa. Así, para as microempresas (o estrato máis numeroso en Galicia), a media sitúase arredor dos 90.000 euros e para as grandes empresas en máis de 34 millóns de euros.

Os gastos de persoal medios varían, ao igual que os demais indicadores analizados, en función do tamaño da empresa: dende os 93.600 euros nas microempresas ata os 12 millóns de euros nas grandes empresas.

A metade das empresas galegas contaban en 2014 cun activo total inferior aos 189.070 euros pero a media por empresa acadou os 969.630 euros. A media do total de activo para as microempresas situouse nos 531.830 euros, fronte aos 291,3 millóns de euros para as grandes empresas.

Segundo os sectores de actividade, a industria é o que acada unha media máis alta do valor engadido (con 477.550 euros de media por empresa) e a construción a menor (139.620 euros/empresa).

Os gastos de persoal, en media, tamén son notablemente maiores na industria (382.870 euros) que no resto de sectores.

A media do total de activo acadou nas empresas industriais os 2,16 millóns de euros, aínda que para a metade das empresas deste sector non chega aos 285.050 euros (valor mediano). Cabe resaltar que, neste caso, o sector servizos é o sector co valor medio máis baixo (803.720 euros) e tamén co valor mediano máis baixo (161.760 € por empresa).

Ratios segundo o tamaño da empresa e o sector de actividade

Principais ratios do sector empresarial galego. Ano 2014

Segundo o tamaño da empresa Segundo o sector de actividade

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Pódese observar como o ratio do valor engadido entre o importe da cifra neta de negocios é maior nas empresas de menor tamaño, e diminúe a medida que aumenta o tamaño destas. Por sectores de actividade, a construción é o que presenta unha maior media. Este ratio ten un significado económico moi importante: mide canto representa o valor xerado pola empresa no proceso produtivo en relación aos seus ingresos totais.

O ratio de resultado económico neto entre total de activo tamén é maior nas microempresas. O valor medio deste ratio é practicamente igual para as medianas e pequenas empresas. Por sectores de actividade, este ratio varía entre o 0,11 da industria e o 0,14 dos servizos.

Por último, o ratio calculado como fondos propios entre o total de pasivo tamén é maior nas microempresas (sitúase en 0,62). Isto quere dicir que o 62% do pasivo deste tipo de compañías está financiado con cargo a fondos da propia empresa (recursos que non teñen prazo de esixibilidade, xa que foron achegados polos socios ou xerados pola propia empresa). Por sectores económicos a media para este ratio é moi similar para aconstrución (0,61) e os servizos (0,62); o valor máis baixo sitúase na industria (0,52).

Comparación homoxénea dos principais indicadores. Galicia

Comparación homoxénea dos principais indicadores do sector empresarial. Galicia. Anos 2013-2014
Miles de euros

Segundo o tamaño da empresa Segundo o sector de actividade

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Neste apartado utilízanse unicamente os datos das empresas das que temos información tanto en 2013 como en 2014 e non cambiaron de intervalo de empresas segundo o tamaño nin de sector de actividade.

Entre 2013 e 2014 a cifra neta de negocios das empresas non financeiras con sede en Galicia, que presentaron as súas contas no Rexistro Mercantil, aumentou un 3,9%. O valor engadido, pola súa banda, aumentou un 8,4% e os gastos de persoal creceron un 3,7%. A evolución destes indicadores non foi a mesma para todo o tecido empresarial galego. Variou segundo o tamaño da empresa e o sector de actividade.

Por tamaño, todos os grupos rexistraron incrementos da súa cifra de negocios entre 2013 e 2014. Os maiores aumentos déronse entre as microempresas, as cales experimentaron un incremento da súa cifra neta de negocios dun 5,9% respecto ao ano anterior. O valor engadido tamén experimentou unha evolución positiva en todos os tipos de empresa. A variación da variable gastos de persoal oscilou entre 2,1% nas grandes empresas e 2,7% nas medianas e microempresas.

Por sectores de actividade, o valor medio da cifra neta de negocios experimentou incrementos nos catro sectores de actividade; as maiores subas déronse no sector servizos (6,2%), e as menores na industria (0,4%). No que respecta ao valor engadido, de novo os catro sectores experimentaron incrementos do seu valor medio entre 2013 e 2014; neste caso, o sector que rexistrou o crecemento máis elevado foi o da construción (o VEB medio das empresas deste sector aumentou un 23,6%). No que atinxe aos gastos de persoal, a evolución é, ao igual que coas outras dúas medidas presentadas, positiva entre 2013 e 2014.

Comparación homoxénea dos principais indicadores. Provincias e áreas

Comparación homoxénea dos principais indicadores do sector empresarial. Valores medios. Galicia e provincias. Anos 2013-2014
Miles de euros, taxa de variación interanual (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

De novo, neste apartado utilízanse unicamente os datos das empresas das que temos información tanto en 2013 como en 2014 e non cambiaron de intervalo de empresas segundo o tamaño nin de sector de actividade.

No tocante á evolución provincial dos principais indicadores do tecido empresarial galego, obsérvase que as tres variables seleccionadas (cifra de negocios, VEB e gastos de persoal) experimentaron evolucións positivas entre 2013 e 2014 nas catro provincias.

Comparación homoxénea do valor medio da cifra neta de negocios. Áreas. Anos 2013-2014
Taxa de variación interanual (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

O valor medio da cifra neta de negocios por sociedade supera a media de Galicia nas provincias de Coruña (1.697,3 miles de €/sociedade) e Pontevedra (1.620,2 miles de €/sociedade) en 2014. Con todo, as maiores subas deste indicador rexistráronse en Lugo, cun incremento do 6,9% entre 2013 e 2014.

Con respecto ao indicador de Valor Engadido Bruto (VEB) por sociedade, de novo a provincia da Coruña rexistra o valor medio máis elevado (450,9 miles de € por empresa). As restantes provincias están por debaixo do valor medio de Galicia neste indicador. As catro provincias rexistraron subas do valor medio do VEB das súas empresas entre 2013 e 2014; as máis importantes déronse na Coruña e en Lugo (con incrementos do 9,9% e 8% respectivamente).

Se descendemos ao nivel de áreas (trátase dunha agrupación de comarcas empregada na difusión dos resultados dalgunhas operacións do IGE), e comparamos o valor medio da cifra neta de negocios das empresas con sede social en cada división, observamos que os maiores incrementos deste indicador entre 2013 e 2014 rexistráronse nas áreas de Lugo Central (cun incremento do 10%), A Coruña suroriental (9,6%), Caldas-O Salnés (8,9%) e Pontevedra nororiental (7,1%).

Comarcas que compoñen cada área xeográfica considerada:

  • A Coruña suroriental: comarcas de Arzúa, Ordes e Terra de Melide
  • Ferrol-Eume-Ortegal: comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal
  • Área da Costa da morte: comarcas de Bergantiños, Fisterra, Muros, Terra de Soneira e Xallas
  • A Barbanza-Noia: comarcas da Barbanza e Noia
  • Área da Coruña: comarcas da Coruña e Betanzos
  • Área de Santiago: comarcas da Barcala, O Sar e Santiago
  • Lugo sur: comarcas de Chantada, Quiroga e Terra de Lemos
  • Lugo oriental: comarcas da Fonsagrada, Os Ancares e Sarria
  • Lugo central: comarcas da Ulloa, Lugo, Meira e A Terra Chá
  • A Mariña: comarcas da Mariña Central, A Mariña Oriental e A Mariña Occidental
  • O Carballiño-O Ribeiro: comarcas do Carballiño e O Ribeiro
  • Ourense central: comarcas de Allariz-Maceda, Terra de Caldelas, Terra de Trives e Valdeorras
  • Ourense sur: comarcas da Limia, a Baixa Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana
  • Área de Ourense: comarca de Ourense
  • Pontevedra nororiental: comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes
  • Pontevedra sur: comarcas da Paradanta, O Baixo Miño e O Condado
  • Caldas-O Salnés: comarcas de Caldas e O Salnés
  • O Morrazo: comarca do Morrazo
  • Área de Pontevedra: comarca de Pontevedra
  • Área de Vigo: comarca de Vigo

Compartir: