Enquisa conxuntural a fogares. Resumo de resultados

Resumo de resultados 03/01/2018
Datos correspondentes ao cuarto trimestre de 2017

Introdución

Os obxectivos principais da Enquisa conxuntural a fogares (ECF) son os seguintes:

  • Construír o Indicador de Confianza do Consumidor (ICC) e o Indicador de Sentimento do Consumidor (ISC), que permiten obter un rápido coñecemento dos cambios na percepción do consumidor respecto as súas expectativas de gasto e aforro, así como da situación económica persoal e xeral da Comunidade Autónoma. As percepcións dos fogares, independentemente dos indicadores macroeconómicos, son unha ferramenta moi útil para a análise económica a curto prazo.
  • Proporcionar información sobre as medidas que toman, ou pensan tomar, os fogares galegos segundo sexa a súa propia situación económica: decisións sobre os gastos efectuados, aforro, número de horas a traballar, solucións financeiras,etc.

Indicadores de confianza

No cuarto trimestre de 2017, o indicador de confianza do consumidor (ICC1) reflicte un valor de -8,96 puntos, 1,38 puntos por debaixo do referido ao trimestre anterior. Neste trimestre diminuíron os catro indicadores parciais de perspectivas de evolución: o indicador de desemprego diminuíu 0,89 puntos; o de capacidade futura de aforro diminuíu 1,12 puntos; o de situación financeira persoal, 1,43 puntos; e o de situación económica de Galicia, 2,09 puntos.

Indicador de confianza do consumidor e as súas compoñentes. Galicia

1O ICC varía de -100 a 100, sendo o valor 0 o punto neutral; valores positivos do indicador amosan optimismo e valores negativos indican pesimismo por parte dos consumidores galegos.

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

O indicador de confianza do consumidor varía en función do intervalo de ingresos do fogar. Os fogares con menores ingresos medios mensuais son os que presentan valores máis baixos no ICC, mentres que a confianza aumenta ao incrementárense os ingresos do fogar. Así, o indicador no caso dos fogares con menos de 600€ ao mes sitúase no -31,24, namentres que entre os fogares que máis ingresan ao mes (por riba dos 3.000€) o indicador sitúase en 13,95.

Indicador de confianza do consumidor (ICC) segundo o intervalo de ingresos do fogar. Galicia. Cuarto trimestre de 2017

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Situación económica dos fogares nos últimos tres meses

No cuarto trimestre de 2017 o 47,64% dos fogares galegos chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes, o 45,38% con dificultade e o 6,98% restante con moita dificultade.

Con respecto ao trimestre anterior, prodúcese unha diminución de 0,69 puntos na porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes. Tamén se produce unha diminución, de 2,56 puntos, na porcentaxe de fogares que chega con moita dificultade a fin de mes. Pola contra, aumenta a porcentaxe de fogares que chega con dificultade ao último día do mes (3,25 puntos de incremento respecto ao trimestre anterior).

Con respecto ao cuarto trimestre do ano 2016, a porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes medrou 0,7 puntos. Tamén se incrementou a porcentaxe de fogares que chega con dificultade a fin de mes entre o cuarto trimestre de 2016 e o respectivo de 2017 (aumentou 2,19 puntos). Pola súa banda, a porcentaxe de fogares que chega con moita dificultade ao último día do mes diminuíu 2,89 puntos no último ano.

Fogares segundo o grao de dificultade para chegar a fin de mes. Galicia
Porcentaxes

Fogares segundo o grao de dificultade para chegar a fin de mes. Galicia. Cuarto trimestre de 2017
Porcentaxes

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Medidas económicas tomadas polos fogares nos últimos tres meses

O 20,85% dos fogares galegos non se permitiu ningún extra nos tres últimos meses. Considéranse como extra os gastos destinados a vacacións ou viaxes, facer fronte a imprevistos ou grandes compras, extras de alimentación, roupa ou calzado, contratar novos servizos para o fogar, saír a cear, ir ao cine, etc. Tamén se inclúe nesta categoría poder aforrar e traballar menos horas ou que algún membro do fogar se permitira deixar de traballar.

O 12,04% dos fogares galegos diminuíu gastos comúns, como a roupa e o calzado, o transporte, etc., no cuarto trimestre de 2017. Esta foi a medida económica máis habitual empregada polos fogares para reducir os gastos, aumentar os ingresos ou afrontar pagos neste período. Ademais, o 11,89% dos fogares galegos cambiou os seus hábitos de compra, pasando a mercar marcar brancas, produtos en oferta, etc.

Fogares que tomaron as seguintes medidas para reducir gastos, aumentar ingresos ou afrontar pagos nos últimos tres meses. Galicia
Porcentaxes

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Medidas económicas que esperan realizar os fogares nos próximos tres meses

O 69,42% dos fogares galegos ten pensado saír a cear, a cafeterías, ir ao cine ou ao teatro nos próximos tres meses, o 63,57% facer algún extra en produtos de alimentación, o 38,98% aforrar algo de cartos e o 10,58% realizar algunha compra extraordinaria en roupa ou calzado. A categoría que experimenta unha maior suba no cuarto trimestre do ano respecto ao anterior é a referida aos extras en produtos de alimentación, que sobe 15,78 puntos entre ambos períodos.

Fogares que teñen pensado permitirse os seguintes extras nos próximos tres meses. Galicia
Porcentaxes

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Compra de vivenda e coche nos fogares

O 15,81% dos fogares galegos está pagando a vivenda principal na que habitan, o 9,35% o coche e o 2,80% unha segunda vivenda.

Fogares que teñen comprado e están pagando vivenda ou coche. Galicia
Porcentaxes

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Definicións e máis información

Definicións

Acceso ás táboas de datos:

Compartir: