Estatística de fluxos da poboación activa

Resumo de resultados 25/10/2018
Datos correspondentes ao terceiro trimestre de 2018

Introdución

A Estatística de fluxos da poboación activa é unha operación estatística encamiñada a analizar a evolución da poboación (ou de grupos particulares dela) no que concirne a súa relación co mercado laboral. Toma como base de partida a Enquisa de poboación activa (EPA), investigación por mostraxe, continua e de periodicidade trimestral, elaborada polo Instituto Nacional de Estadística (INE) en colaboración co IGE (dende o terceiro trimestre de 2009). A partir dos resultados trimestrais desta, estímanse as transicións brutas entre as situacións de ocupación, paro e inactividade dun trimestre a outro.

Os resultados calcúlanse a partir da mostra común dos dous trimestres e engádeselle as persoas do trimestre que chegan do estranxeiro ou cumpliron 16 anos no último trimestre.

Fluxos totais

Fluxos de persoas que entran e saen da actividade cada trimestre. Galicia
Miles de persoas

Fonte: IGE

No terceiro trimestre de 2018, 61.600 persoas pasaron a formar parte da poboación activa en Galicia. Outras 60.900 persoas que, no trimestre pasado, formaban parte da poboación activa da nosa Comunidade Autónoma, abandonaron este colectivo. O saldo entre as entradas e as saídas da actividade neste trimestre foi positivo (pasaron á situación de actividade un maior número de persoas da que a abandonaron).

Con respecto ao acontecido no mesmo trimestre do ano anterior, producíronse menos entradas á situación de actividade no terceiro trimestre de 2018 (3.800 persoas menos); con respecto ás saídas, neste trimestre a cifra é superior á de hai doce meses (1.500 saídas máis).

O fluxo de entrada á ocupación no terceiro trimestre de 2018 en Galicia situouse en 67.100 persoas, e o de saída en 52.100 persoas. O saldo entre as entradas e saídas de ocupación neste trimeste foi, polo tanto, positivo. Con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior, a cifra de entradas é inferior (10.600 persoas menos), ao igual que a de saídas (1.200 saídas da ocupación menos).


No que respecta aos fluxos de paro, este trimestre 64.600 persoas pasaron a formar parte da poboación parada; outras 78.900 persoas abandonaron esta situación, polo que o saldo entre saídas e entradas este trimestre foi positivo. É dicir, pasaron a formar parte da poboación parada menos persoas das que abandonaron o colectivo no trimestre de referencia. Con respecto ao acontecido hai un ano, rexistrouse un maior fluxo de entradas e un menor fluxo de saídas á poboación parada en Galicia (2.300 entradas máis e 1.900 saídas menos que hai un ano).


Fluxos de persoas que entran e saen da ocupación cada trimestre. Galicia
Miles de persoas

Fonte: IGE


Fluxos de persoas que entran e saen do paro cada trimestre. Galicia
Miles de persoas


Fonte: IGE

Matriz de transicións

A representación da poboación nunha matriz que relacione a súa situación de actividade no trimestre actual con respecto a súa situación no trimestre anterior, achega información sobre o destino dos fluxos de entrada e saída dos que se falou no apartado anterior. Con esta matriz pódese saber, entre outras cousas, que porcentaxe dos que abandonaron a situación de inactividade pasou a formar parte da poboación ocupada e que porcentaxe ingresou na poboación parada; ou cantas persoas das que abandonaron a situación de paro o fixeron por atopar un emprego (pasaron a formar parte da poboación ocupada) ou por abandonar a situación de actividade (pasaron a formar parte da poboación inactiva).

Das 61.600 persoas que deixaron de formar parte da poboación inactiva de Galicia entre o segundo e o terceiro trimestres de 2018, o 41,1% comezaron a traballar (no terceiro trimestre de 2018 forman parte da poboación ocupada) e o 58,9% restante buscan emprego (forman parte da poboación parada).

Con respecto ao fluxo de saída da poboación ocupada, o 54,3% das 52.100 persoas que no segundo trimestre de 2018 estaban traballando e no terceiro trimestre deixaron de estalo pasaron a formar parte da poboación parada; o 45,7% pasaron á situación de inactividade.

Poboación de 16 ou máis anos segundo a relación coa actividade económica no trimestre actual e a relación coa actividade económica no trimestre anterior. Galicia. Terceiro trimestre de 2018
Miles de persoas

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Finalmente, e como se mencionou no apartado anterior, unhas 78.900 persoas deixaron de estar en paro no terceiro trimestre de 2018. Destas, o 53% atoparon emprego e pasaron a formar parte da poboación ocupada; o 47% pasaron a formar parte da poboación inactiva.

Compartir: