Resumo de resultados




Contas das sociedades mercantís de Galicia

Resumo de resultados 09/11/2018
Datos correspondentes ao ano 2016

Introdución

O obxectivo central da operación estatística Contas das sociedades mercantís de Galicia é ordenar, agregar e difundir a información económico-financeira das empresas con sede social en Galicia, para un mellor coñecemento da súa actividade en termos contables. Ademais deste, a operación tamén busca proporcionar información detallada que permita:

  • A análise do comportamento empresarial contable
  • Establecer comparacións entre as diferentes ramas de actividade
  • Establecer comparacións por tamaño da empresa
  • Seguir a súa evolución ao longo do tempo
  • Contribuír ao coñecemento das relacións, estratexias e fontes de financiamento

A información para a elaboración desta operación procede das contas anuais que as empresas están obrigadas a presentar nos Rexistros Mercantís. O IGE recibe esta información da base de datos Sistema de Análisis de Balances Ibéricos (SABI) a través da empresa Informa.

Investígase ao conxunto das empresas que presentan as súas contas de resultados nos Rexistros Mercantís de Galicia. Quedan fóra da investigación:

  • As sociedades mercantís que, tendo actividade en Galicia, teñen a súa sede noutra comunidade autónoma
  • Os autónomos e sociedades non mercantís que non teñan obriga de presentar as contas
  • As sociedades mercantís que, aínda tendo a sede en Galicia e estando obrigadas a presentar as contas, non cumpran con esta obriga

A operación estatística Contas das sociedades mercantís de Galicia substitúe a outra operación previa, os Indicadores do sector empresarial. A xustificación desta substitución atópase en que a base de datos que se emprega na elaboración de ambas ampliouse nos últimos anos e agora permite ofrecer a información das contas económicas das sociedades mercantís en valores absolutos, no canto de por medio de indicadores como se fixo ata o de agora.

Información por provincias

No ano 2016, 47.337 sociedades mercantís presentaron as súas contas anuais nos Rexistros Mercantís de Galicia. A meirande parte destas teñen a sede social na provincia da Coruña (o 39,1% das empresas que presentaron as contas) e na de Pontevedra (38%).

O activo das empresas con sede en Galicia ascende a 85.646 millóns de euros. No ano 2016 o importe neto da cifra de negocios destas empresas situouse nos 56.763 millóns de euros e xeraron un valor engadido de preto dos 15.000 millóns de euros. Os gastos de persoal, pola súa banda, situáronse nos 9.071 millóns de euros.

As empresas con sede social na provincia da Coruña aglutinan o 53,4% do activo total das sociedades mercantís que presentaron as contas no 2016. Non obstante, se nos fixamos na variable "importe neto da cifra de negocios", son as empresas da provincia de Pontevedra as que xeraron un maior importe neto da cifra de negocios en 2016 (o 44,7% do total).

Principais variables das contas anuais das sociedades mercantís. Galicia e provincias. Ano 2016
Número de empresas, millóns de euros

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Número de empresas con rexistros válidos segundo o tamaño da empresa. Galicia

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Información por tamaño da empresa

O 92,6% das sociedades mercantís que depositaron as súas contas nos Rexistros Mercantís de Galicia no ano 2016 teñen a consideración de microempresas; isto é, obtiveron unha cifra de negocio inferior aos 2 millóns de euros.O 5,9% agrúpanse dentro da categoría de "pequena" empresa, ao xerar unha cifra de negocio de entre 2 e 10 millóns de euros anuais. E o 1,5% restante, é dicir, as empresas cuxo importe da cifra de negocios supera os 10 millóns de euros, teñen a consideración de mediana e gran empresa.

A pesar de representaren o 92,6% das sociedades mercantís de Galicia, as microempresas achegaron o 19,8% do importe neto da cifra de negocios no ano 2016 (uns 11.225 millóns de €), fronte ao 60,1% das medianas e grandes empresas (34.100 millóns de €). Se nos fixamos na variable "gastos de persoal", a diferenza entre ambas tipoloxías de empresas non é tan acusada; así, tanto as microempresas como as medianas e grandes empresas tiveron uns gastos de persoal similares no ano 2016, situándose arredor dos 3.500 millóns de € (concretamente, 3.383 no primeiro caso e 3.508 no segundo).

O 45,9% do valor engadido das sociedades mercantís que presentaron as súas contas anuais en Galicia no 2016 foi xerado por medianas e grandes empresas; o 29,9% por microempresas e o 24,2% restante por pequenas empresas.

Principais variables das contas anuais das sociedades mercantís segundo o tamaño da empresa. Galicia. Ano 2016
Número de empresas, millóns de euros

Fonte: IGE    (descarga da táboa)
Nota: as microempresas son aquelas cuxa cifra de negocio non chega aos 2 millóns de euros anuais; o termo "pequena" empresa aglutina ás que teñen unha cifra de negocio anual de entre 2 e 10 millóns de euros; e as medianas e grandes empresas son aquelas que superan os 10 millóns de euros de cifra de negocio anual.

Importe neto da cifra de negocios das sociedades mercantís segundo o tamaño da empresa. Galicia. Ano 2016
Porcentaxe (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Comparación homoxénea1

O importe neto da cifra de negocios das sociedades mercantís que presentaron as súas contas anuais nos Rexistros Mercantís de Galicia tanto en 2015 como en 2016 incrementouse un 3,5%. A evolución das restantes variables que se presentan na táboa anexa tamén foi positiva entre estes dous exercicios: o activo total incrementouse un 3,4%, os gastos de persoal un 5,2%, o resultado de explotación aumentou un 9,8% entre 2015 e 2016 e o valor engadido fíxoo nun 5,2%.

Se nos centramos na variable "importe neto da cifra de negocios" e analizamos a súa evolución a máis longo prazo, obsérvase que, despois de tres anos de caída, a variable recuperou a senda do crecemento en 2014.


1Para realizar as comparacións anuais deste apartado só se teñen en conta as sociedades mercantís que presentaron as súas contas nos Rexistros Mercantís en dous anos consecutivos.

Evolución das principais variables das contas anuais das sociedades mercantís, en base homoxénea. Galicia
Taxa de variación interanual (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Evolución do importe neto da cifra de negocios das sociedades mercantís (comparativa en base homoxénea). Galicia
Taxa de variación interanual (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo