Enquisa de poboación activa. Decil de salarios do emprego principal

Resumo de resultados 12/01/2018
Datos correspondentes ao ano 2016

Introdución

A Enquisa de poboación activa (EPA) é unha investigación por mostraxe, continua e dirixida ás vivendas familiares que o Instituto Nacional de Estadística (INE) realiza desde 1964. En xullo de 2008 firmouse un convenio de colaboración entre o INE e o Instituto Galego de Estatística (IGE) para a duplicación da mostra no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

O regulamento (CE) nº 1372/2007 do Parlamento Europeo e do Consello establece a obrigatoriedade de incluír a variable salario do traballo principal na Enquisa de Forza de Traballo da Unión Europea (Enquisa de poboación activa en España); deste xeito introdúcese como variable de clasificación o nivel de remuneración na análise das características do emprego principal para os traballadores por conta allea ou asalariados. Na Enquisa de poboación activa o INE optou por empregar rexistros administrativos para obter esta variable (ver metodoloxía).

O regulamento esixe que o salario se codifique en deciles; polo tanto, unha vez estimados, calculáronse os deciles da distribución salarial e clasificouse ás persoas en función do decil ao que pertencían. Así, no decil 01 está incluído o 10% dos asalariados que perciben o salario máis baixo; pola súa banda, o decil 10 corresponde ao grupo do 10% dos asalariados que perciben o salario máis alto.

Tipo de xornada

Asalariados por tipo de xornada e decil salarial. Galicia. Ano 2016
Porcentaxe sobre o total de asalariados por tipo de xornada (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Un factor determinante á hora de analizar os salarios dos traballadores é o tipo de xornada laboral que realizan. Deste xeito, os traballadores con xornada parcial concentraranse con maior frecuencia nos tramos salariais máis baixos.

En 2016 o 59,51% dos asalariados galegos con xornada parcial gañou menos de 710,69 euros mensuais, o 25,04% entre 710,69 e 1.013,65 euros e, finalmente, o 15,45% restante máis de 1.013,65 euros mensuais. Pola contra, entre os asalariados con xornada completa, a porcentaxe dos que ingresaron menos de 710,69 euros ao mes sitúase no 1,03%.

O colectivo de asalariados con xornada completa representaba en 2016 o 84,68% do total de asalariados en Galicia. 0 18,80% destres traballadores ingresou menos de 1.203,79 euros ao mes, o 45,80% entre 1.203,79 e 2.013,82 euros e o 35,40% máis de 2.013,82 euros mensuais.

Sexo

Segundo o sexo dos asalariados, o 16,88% dos homes recibiu un salario inferior aos 1.203,79 euros mensuais en 2016, o 46,52% gañou entre 1.203,79 e 2.013,82 e o 36,60% percibiu máis de 2.013,82 euros.

Entre as mulleres, a porcentaxe incluída no primeiro dos intervalos (menos de 1.203,79 euros/mes) sobe ata o 43,26%. Hai que ter en conta que en 2016 o 6,60% dos homes tiña xornada parcial fronte ao 24,19% das mulleres.

Asalariados por sexo e decil salarial. Galicia. Ano 2016
Porcentaxe sobre o total de asalariados por sexo (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Distribución dos asalariados segundo o decil salarial e o sexo. Galicia. Ano 2016
Porcentaxe sobre o total de asalariados por sexo (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Nivel de estudos

Na seguinte táboa pódese observar como, en termos xerais, o salario increméntase a medida que aumenta o nivel de formación da persoa.

En 2016, case a metade (o 46,30%) dos asalariados con estudos superiores ingresou máis de 2.013,82 euros ao mes; o 24,86% das persoas coa educación secundaria de segunda etapa completada ingresa máis desta cantidade. Esta porcentaxe sitúase no 11,24% para os que non completaron a segunda etapa da educación secundaria e no 12,15% para os analfabetos ou con estudos primarios. En 2016, o 43,75% da poboación con menor nivel de formación (analfabetos e estudos primarios) percibiu un salario inferior aos 1.203,79 euros.

Asalariados por nivel de estudos e decil salarial. Galicia. Ano 2016
Porcentaxe sobre o total de asalariados por nivel de estudos (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Compartir: