Enquisa de poboación activa. Estatística de mobilidade laboral e xeográfica. Resumo de resultados

Resumo de resultados 02/11/2018
Datos correspondentes ao ano 2018

Introdución

A Enquisa de poboación activa (EPA) é unha investigación por mostraxe, continua e dirixida ás vivendas familiares que o Instituto Nacional de Estadística (INE) realiza desde 1964. En xullo de 2008 firmouse un convenio de colaboración entre o INE e o Instituto Galego de Estatística (IGE) para a duplicación da mostra no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

A finalidade principal da EPA é coñecer a actividade económica no relativo ao seu compoñente humano. Está orientada a dar datos das principais categorías poboacionais en relación co mercado de traballo (persoas ocupadas, paradas, activas e inactivas) e a obter clasificacións destas categorías segundo diversas características. Tamén posibilita confeccionar series temporais homoxéneas de resultados.

O obxectivo da estatística de mobilidade laboral e xeográfica é investigar a relación entre a empregabilidade das persoas e a súa disposición a cambiar de residencia, a través do estudo conxunto das características laborais e o tempo que levan vivindo no municipio, en colaboración co INE.

A Estatística de mobilidade laboral e xeográfica toma como base a mostra da EPA do primeiro trimestre do ano e incorpora información do último movemento do Padrón municipal de habitantes que supoña un cambio no municipio de residencia.

Mobilidade da poboación ocupada

No primeiro trimestre de 2018 residían en Galicia 1.050.100 persoas ocupadas, das cales o 1,87% cambiara de municipio de residencia facía menos dun ano. Por outra banda o 10,74% levaba vivindo no mesmo municipio entre 1 e 5 anos e o 87,39% restante 5 ou máis anos.

Ao considerar a idade dos traballadores e das traballadoras, obsérvase como a mobilidade é maior entre a poboación ocupada máis nova. O 4,19% dos mozos e mozas menores de 25 anos levaba residindo no mesmo municipio menos dun ano e para a poboación ocupada de entre 25 e 34 anos (ambos inclusive) esta porcentaxe era do 3,48%. No outro extremo atopábanse os traballadores e traballadoras de 45 ou máis anos. Para este colectivo, a porcentaxe de persoas que cambiaran de municipio de residencia facía menos dun ano apenas superaba o 0,68% no primeiro trimestre de 2018.

Persoas ocupadas segundo a idade e o tempo de residencia no municipio. Galicia. Ano 2018
Miles de persoas

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Distribución da poboación ocupada segundo o tempo de residencia no municipio. Galicia. Ano 2018
Porcentaxes

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

A mobilidade da poboación ocupada de Galicia diminuíu lixeiramente con respecto ao acontecido hai un ano. Así, a porcentaxe de persoas ocupadas que cambiou de residencia nos últimos doce meses pasou do 2,05% en 2017 ao 1,87% en 2018.

Distribución da poboación ocupada segundo o tempo de residencia no concello. Anos 2017 e 2018
Porcentaxes

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Cabe destacar que o 41,72% da poboación ocupada residente en Galicia no primeiro trimestre de 2018 non mudara nunca de concello de residencia e o 36,48% si cambiara de municipio de residencia pero non de provincia.

Entre os ocupados e as ocupadas que no primeiro trimestre do ano 2018 levaba residindo no mesmo concello menos dun ano, o 63,78% cambiara a súa residencia a outro municipio da mesma provincia.

Poboación ocupada segundo o tempo de residencia no municipio e a relación entre o municipio de residencia actual e anterior. Galicia. Ano 2018
Miles de persoas

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Mobilidade da poboación parada

A mobilidade da poboación desempregada é superior á da poboación ocupada. Para o 3,81% dos galegos e das galegas que no primeiro trimestre de 2018 se atopaba en paro, transcorrera menos dun ano desde o último cambio de municipio de residencia.

Poboación parada segundo o sexo e o tempo de residencia no municipio. Galicia. Ano 2018
Miles de persoas

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Distribución da poboación parada segundo o tempo de residencia no municipio. Galicia. Ano 2018
Porcentaxes

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Respecto ao ano 2017, aumenta levemente a porcentaxe de poboación parada que cambiou de domicilio nos últimos doce meses: pasa de representar o 3,73% en 2017 ao 3,81% de 2018.

Distribución da poboación parada segundo o tempo de residencia no concello. Anos 2017 e 2018
Porcentaxes

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

O 40,64% da poboación parada existente en Galicia no primeiro trimestre do ano 2018 non variara de concello de residencia desde o nacemento. Entre as persoas que cambiaran de residencia no último ano, o 43,66% mudara de municipio de residencia pero dentro da mesma provincia.

Poboación parada segundo o tempo de residencia no municipio e a relación entre o municipio de residencia actual e anterior. Galicia. Ano 2018
Miles de persoas

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Compartir: