Resumo de resultados




Matriz de Contabilidade Social. Ano 2015

Resumo de resultados (15/12/2017)

Introdución

A Matriz de Contabilidade Social (MCS) é unha operación estatística que debe contextualizarse no Sistema de Contas Económicas de Galicia cuxo núcleo principal está formado polas Contas económicas e o Marco Input-Output, ambas operacións consolidadas segundo o Plan galego de estatística.

O principal obxectivo desta operación de síntese é servir de vínculo entre os procesos de xeración de valor engadido e a descrición dos fluxos de bens e servizos dunha economía, recollidos nunha Táboa Input-Output (TIO), e o papel das persoas e os fogares na economía. Proporciona, por tanto, información de carácter social, pero o que a distingue doutras estatísticas máis específicas é que ofrece consistencia entre as estatísticas sociais e as contas económicas, isto é, ofrécenos unha visión combinada das cifras macroeconómicas e a súa repercusión nas persoas da nosa economía.

A Matriz de Contabilidade Social de Galicia achega información da remuneración do factor traballo (soldos e salarios se falamos de traballo asalariado e renda mixta se consideramos o traballo por conta propia) por categorías socioeconómicas: ramas de actividade, sexo e nivel de estudos. Achega tamén información por tipo de fogar (os fogares clasifícanse en catro tipos segundo a principal fonte de renda do fogar), para o total de rendas do traballo percibidas na economía de Galicia e información sobre o gasto en consumo final por tipo de fogar e produto consumido.

Soldos e salarios1

Entre os anos 2008 e 2015 o peso da masa salarial sobre o PIB redúcese case 3 puntos.

A masa salarial, que viña experimentando unha caída nos anos anteriores da serie (2008, 2011 e 2013), presenta un crecemento do 2% no 2015 con respecto ao dato de 2013. Con todo, este crecemento é inferior ao crecemento do produto interior bruto galego (PIB), polo que continúa a diminuír o peso dos soldos e salarios sobre o agregado do PIB. Se en 2008 os soldos e salarios representaban o 36,3% do PIB, en 2015 este peso é do 33,6%.

Soldos e salarios por sexo
Miles de €, %

Ano 2008

Ano 2013

Ano 2015

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social; IGE. Contas económicas anuais (descarga da táboa)

Soldos e salarios. Comparativa 2008-2015

Soldos e salarios sobre o PIB (%)

Taxa de variación 2008-2015 en %

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social; IGE. Contas económicas anuais (descarga da táboa)

Entre os anos 2008 e 2015, a masa salarial descendeu un 10,1%. Por sexos esta caída concéntrase nos homes cuxa masa salarial diminúe nun 17,1%, mentres que nas mulleres a masa salarial incrementouse un 1,3%. Consecuentemente, os soldos e salarios da poboación feminina ganan peso neste período: no ano 2008 supoñen o 38% da masa salarial e o 43% no 2015. Esta diferenza entre sexos na poboación asalariada explícase porque a crise, sobre todo nos primeiros anos, tivo unha incidencia moito maior nos sectores da industria e da construción nos que predomina a man de obra masculina e, durante os últimos anos, estase comezando a recuperar emprego principalmente no sector servizos, onde as mulleres teñen un peso relevante.

O sector Administración pública, ensinanza e sanidade, servizos sociais e cultura absorbe o 53% dos salarios das mulleres fronte ao 26% dos dos homes.

Distribución dos soldos e salarios por rama de actividade e sexo. Ano 2015
Porcentaxe (%)

Homes

(descarga da táboa)

Mulleres

(descarga da táboa)

Claves: A: Sector primario / BDE: Sector enerxético / C: Industria manufactureira / F:Construción / G-N: Comercio, transporte, hostalería, telecomunicacións, servizos financeiros e servizos a empresas / O-T: Administración pública, ensinanza e sanidade, servizos sociais e cultura

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social

A distribución por sexo e ramas de actividade mostra diferenzas significativas entre a composición da man de obra masculina e feminina: case o 90% dos soldos e salarios das mulleres encádranse no sector servizos, fronte ao 63% dos homes. Dentro dos servizos, a diferenza entre ambos sexos céntrase nas ramas agrupadas nas divisións da CNAE O, P, Q, R, S, T (Administración pública, educación, actividades sanitarias,…) cun peso do 53% nas mulleres e dun 26% nos homes. En contraste, a industria (Industria Manufactureira e Sector enerxético) achega o 21% das rendas salariais mentres que tan so acada o 9% nas mulleres. Esta distribución dos soldos e salarios por rama de actividade e sexo case non sufriu cambios no período considerado (2008-2015).

As ramas que experimentan unha maior caída no período 2008-2015 son a Construción e a Industria Manufactureira con perdas do 46% e 23% respectivamente. Se nos cinguimos aos dous últimos anos do período (2013-2015), a masa salarial diminúe na Industria Manufactureira e no Sector enerxético e increméntase especialmente no sector da Administración pública, ensinanza e sanidade, servizos sociais e cultura.

Soldos e salarios por rama de actividade e sexo

Taxa de variación 2008-2015 en %

(descarga da táboa para os homes; para as mulleres; para ambos sexos)

Distribución por grandes sectores (%)

(descarga da táboa para os homes; para as mulleres; para ambos sexos)

Claves: A: Sector primario / BDE: Sector enerxético /C: Industria manufactureira / F: Construción / G-N: Comercio, transporte, hostalería, telecomunicacións, servizos financeiros e servizos a empresas / O-T: Administración pública, ensinanza e sanidade, servizos sociais e cultura

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social

No ano 2015 a participación dos traballadores con estudos superiores no total da renda salarial alcanza o 53% do total, e é especialmente relevante no caso das mulleres (61%).

Pola contra, os soldos e salarios xerados pola poboación asalariada cun nivel de estudos máis baixo (que non supera a segunda etapa da educación básica), supón case o 32% da masa salarial nos homes e sitúase 21% no caso das mulleres.

Soldos e salarios por nivel de estudos e sexo

Distribución por niveis de estudo (%)

(descarga da táboa para os homes; para as mulleres)

Taxas de variación 2008-2015 (%)

(descarga da táboa para os homes; para as mulleres)

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social

A perda de masa salarial entre os anos 2008 e 2015 concéntrase no conxunto da poboación que posúe un nivel de estudos máis baixo e afecta a ambos sexos, aínda que con maior intensidade nos homes. Isto provoca que a proporción de soldos e salarios xerados pola poboación cun maior nivel educativo aumente en torno a cinco puntos porcentuais neste período.

Estes resultados están condicionados, loxicamente, pola estrutura poboacional, onde cada vez unha porcentaxe máis elevada de poboación ten estudos superiores (sen que isto implique necesariamente que ditos estudos estean relacionados co traballo que desempeñan).

Rendas mixtas

No período 2008-2015 o volume de rendas mixtas descende un 17%.

Este descenso é o resultado dunha caída dun 20% no caso dos homes e dun 9% no das mulleres. Consecuentemente, prodúcese, ao igual que ocorre coas rendas salariais, unha perda de peso das rendas mixtas xeradas pola poboación masculina, se no ano 2008 supoñían o 68% da renda mixta total, no ano 2015 están próximas ao 65%.

Renda mixta por sexo
Miles de €, %

Ano 2008

Ano 2013

Ano 2015

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social; IGE. Contas económicas anuais (descarga da táboa)

Renda mixta. Comparativa 2008-2015

Renda mixta sobre o PIB (%)

Taxa de variación 2008-2015 en %

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social; IGE. Contas económicas anuais (descarga da táboa)

A achega ao PIB das rendas mixtas sitúase no 2015 en torno ao 12%, distribuíndose entre homes e mulleres cun 8% e un 4% respectivamente. A evolución dende o ano 2008 amosa unha perda de peso de dous puntos porcentuais que se produce sobre todo nos primeiros anos da serie e, ademais, esta perda prodúcese case exclusivamente nas rendas mixtas xeradas polos homes.

Ao igual que ocorría cos soldos e salarios, o deterioro da construción e das ramas ligadas a este sector, constitúe o factor máis importante para explicar esta evolución.

O volume de rendas mixtas decrece un 34% na construción e un 13% nos servizos entre os anos 2008 a 2015

Renda mixta por rama de actividade e sexo
Miles de €

Ano 2008

Ano 2013

Ano 2015

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social (descarga da táboa)

No período 2008-2015 a remuneración do traballo autónomo cae en todos os sectores. O máis afectado é o sector da construción, seguido do sector servizos. En canto ao resto dos sectores, destacan os descensos do 17% no sector primario das rendas mixtas xeradas pola poboación masculina e o descenso do 29% da industria na poboación feminina.

A distribución do volume de rendas mixtas por sexo e sectores revela grandes diferenzas entre as estruturas de ambos sexos. As rendas mixtas xeradas polas mulleres concéntranse no sector primario (37%) e nos servizos (57%), mentres que no caso dos homes tamén destaca o sector servizos (45%) pero hai un peso relevante das rendas mixtas xeradas no sector da construción (26%).

Distribución das rendas mixtas por rama de actividade e sexo. Ano 2015
Porcentaxe (%)

Homes

Mulleres

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social (descarga da táboa)

Tipoloxía de fogares segundo a principal fonte de renda

No período 2008-2015 o número de fogares cuxa principal fonte de ingresos son as pensións contributivas e outro tipo de rendas increméntase nun 23%.

No ano 2015, aproximadamente o 53% dos fogares teñen como principal fonte de ingresos as rendas procedentes do traballo (soldos e salarios e rendas mixtas). O 47% restante, repártese entre os fogares nos que as pensións contributivas supoñen a principal fonte de renda (39%) e os que dependen das prestacións por desemprego, pensións non contributivas e outras rendas.

Número de fogares segundo a principal fonte de renda
Porcentaxe (%)

2008

2015

Fonte: IGE. Enquisa estrutural a fogares (descarga da táboa)

Taxa de variación 2008-2015 do número de fogares de Galicia segundo a principal fonte de renda
%

Fonte: IGE. Enquisa estrutural a fogares (descarga da táboa)

Se comparamos esta estrutura coa do ano 2008, obsérvase un cambio significativo: nestes sete anos prodúcese unha caída de sete puntos porcentuais do peso dos fogares cuxa principal fonte de renda son os ingresos procedentes do traballo (salarios e rendas mixtas). Este cambio produciuse fundamentalmente entre o 2008 e o 2013. Neste periodo, o cambio na composición dos fogares é notable: cada vez un menor número de fogares teñen como fonte principal de renda os ingresos derivados do traballo (asalariado ou autónomo).
Entre o 2013 e o 2015, non hai grandes variacións na estrutura, se ben existe unha leve recuperación dos fogares cuxa principal fonte de ingresos son os salarios.

Consumo final por grupo de produtos e tipo de fogar2

Os fogares cuxa principal fonte de renda son as remuneracións do traballo concentran a maior parte do gasto en consumo final dos fogares.

En 2015, os fogares cuxa principal fonte de renda son as rendas do traballo (que constitúen o 53 % dos fogares) absorben case o 63% do gasto en consumo final dos fogares. Os fogares cuxa principal fonte de ingresos son as pensións contributivas absorben case o 33%.

A evolución dende o ano 2008 da estrutura do consumo final é coherente cos cambios sinalados na composición dos fogares. Entre o 2008 e o 2013 o peso do consumo final asociado aos fogares cuxa principal fonte de renda se xera fóra do mercado laboral3 increméntase en catorce puntos. No ano 2015, con respecto ao 2013, prodúcese unha recuperación do gasto dos fogares cuxa principal fonte de ingresos son os salarios (o peso do gasto destes fogares sobre o total de gasto increméntase en 4 puntos).

Gasto en consumo final por tipoloxía de fogar
Porcentaxe sobre o gasto total dos fogares galegos

Grupo I: Fogares cuxa principal fonte de ingresos son os salarios (traballo por conta allea) / Grupo II: Fogares cuxa principal fonte de ingresos son as rendas mixtas (traballo por conta propia) / Grupo III: Fogares cuxa principal fonte de ingresos son as pensións contributivas / Grupo IV: Outros fogares (prestacións por desemprego, subsidios, rentistas, outros)

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social (descarga da táboa)

O gasto en “Vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustibles” (G4) absorbe case o 21% do consumo final dos fogares

A continuación denominaremos A1+A2 aos fogares cuxa principal fonte de renda son as rendas do traballo (salarios e rendas mixtas) e A3+A4 aos fogares cuxa fonte principal de renda son as pensións contributivas, as prestacións por desemprego, as rendas da propiedade e outras rendas.

Este gasto constitúe o grupo de produtos cunha maior contribución ao consumo final dos fogares no ano 2015 xunto co gasto en “Alimentos e bebidas non alcohólicas” (G1) que representa cerca do 16% dos gastos.

Gasto en consumo final por tipo de fogar. Ano 2015
Distribución porcentual de gasto (%)

Principal fonte de renda: salarios e rendas mixtas (A1+A2)

(descarga da táboa)

Principal fonte de renda: pensións contributivas e outras rendas (A3+A4)

(descarga da táboa)

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social

Se examinamos a composición do gasto segundo tipo de fogar, obsérvanse diferenzas moi significativas entre os fogares cuxa fonte principal de ingresos son as rendas do traballo e o resto dos fogares. Nestes últimos, os gastos en alimentación, vivenda (incluídos os gastos de electricidade e gas) e saúde representan a metade do seu gasto total, fronte a un 35% no caso dos outros fogares. Outra diferenza importante son os gastos do grupo 11 (“Hoteis, cafés e restaurantes”) que acadan o 21% nos fogares cuxa principal fonte de ingresos son as rendas do traballo e o 12% no resto dos fogares.

Variación porcentual do gasto por grupo de produto e tipo de fogar entre 2008 e 2015
%

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social (descarga da táboa)

GRUPO DE PRODUTO: a clasificación utilizada é a COICOP. En particular:
G1: Alimentos e bebidas non alcohólicas (COICOP 01)
G4: Vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustibles (COICOP 04)
G6: Saúde (COICOP 06)
G7: Transportes (COICOP 07)
G11: Hoteis, cafés e restaurantes (COICOP 11)
Resto: resto de fogares
TIPO DE FOGAR POR PRINCIPAL FONTE DE RENDA:
A1. Salarios
A2. Rendas mixtas
A3. Pensións contributivas
A4. Outras rendas (prestacións por desemprego, rendas da propiedade e outras rendas)

O gasto medio por fogar diminúe un 9% do ano 2008 ao 2015.

Gasto medio por tipo de fogar
€ por fogar

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social

Esta baixada do gasto medio por fogar é especialmente importante no caso dos fogares cuxa principal fonte de ingresos son as rendas do traballo (A1+A2) cunha baixada dun 8%. Mentres que no caso dos fogares cuxa fonte principal de ingresos non procede do mercado laboral a caída do gasto medio foi do 1%

Entre os anos 2013 e 2015 o gasto medio por fogar case non sofre variacións a nivel global. Porén o comportamento do gasto medio por tipo de fogar foi moi diferente: no caso dos fogares de tipo A1+A2, o gasto medio increméntase un 10%, mentres que no resto de fogares o gasto medio diminúe un 12%.

Gasto medio por tipo de fogar
€ por fogar

Grupo A1+A2

Grupo A3+A4

Total

TIPO DE FOGAR POR PRINCIPAL FONTE DE RENDA: A1. Salarios / A2. Rendas mixtas / A3. Pensións contributivas / A4. Outras rendas (prestacións por desemprego, rendas da propiedade e outras rendas)

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social

Nestes dous últimos anos da serie, o principal incremento no gasto medio prodúcese no produto G6 Saúde. De feito, é o único grupo de produtos cuxo gasto medio se incrementa tanto no grupo de fogares A1+A2 como no grupo A3+A4. O gasto medio dos fogares tipo A3+A4 diminúe en todas as demais categorías de produtos.

Pola súa banda, os fogares cuxa principal fonte de ingresos son as rendas do traballo (A1+A2) incrementan os gastos medios en todas as categorías de gastos consideradas.

1Os soldos e salarios inclúen as remuneracións en efectivo e en especie en termos brutos, isto é, inclúen as cotizacións sociais e os impostos sobre a renda a cargo do asalariado, que o empregador retén e paga directamente aos sistemas de seguros sociais. Non inclúen as cotizacións sociais a cargo dos empregadores.

2A Matriz de Contabilidade Social proporciona información do gasto en consumo por grupos de produtos e por tipo de fogar. A clasificación de produtos utilizada é a "Clasificación de bens e servizos. COICOP", elaborada pola Organización de Naciones Unidas (ONU) baixo a denominación "Classification of Individual Consumption According to Purpose".

3Fogares cuxa principal fonte de ingresos son as pensións contributivas, prestacións de desemprego, pensións non contributivas, rendas da propiedade, etc.

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo