Panorama dos sete grandes concellos. Poboación

Estrutura da poboación

A poboación de Galicia no ano 2020 acadou a cifra de 2.701.819 persoas. Destas, o 36,8% reside nunha das sete grandes cidades de Galicia. Vigo é a que conta con maior poboación (con 296.692 persoas), seguida a pouca distancia da Coruña (con máis de 247,6 mil persoas), Ourense e Lugo. Pecha a lista das sete grandes a cidade de Ferrol, co 2,4% da poboación de Galicia.

O xénero feminino supera ao masculino en número de efectivos: o 51,9% da poboación galega son mulleres. No referido á estrutura por idades, o 11,7% dos habitantes de Galicia ten menos de 15 anos, o 62,8% está comprendido entre os 15 e os 64 anos, e o 25,5% xa cumpriu os 65 anos de idade. As sete cidades galegas, a excepción de Ferrol, presentan unha estrutura por idades menos envellecida que a galega (teñen porcentaxes de poboación menor de 15 anos superiores á media galega, e porcentaxes de poboación maior de 64 anos inferiores á media galega -agás Ourense que, neste indicador, supera lixeiramente a cifra galega). En Ferrol, pola contra, a porcentaxe de poboación menor de 15 anos sitúase por debaixo da media galega e a de poboación maior de 64 anos, por riba (o 28,5% das persoas empadronadas neste concello supera esa idade).

Poboación segundo o sexo. Ano 2020
Persoas

Fonte: INE. Padrón continuo
Nota: a data de referencia dos datos é o día 1 de xaneiro.

Estrutura da poboación segundo o grupo de idade. Ano 2020
Porcentaxe

Fonte: INE. Padrón continuo
Nota: a data de referencia dos datos é o día 1 de xaneiro.

Indicadores de envellecemento

A estrutura poboacional galega está bastante envellecida. Diso dan mostra indicadores demográficos como a idade media da poboación ou o índice de envellecemento. No referido ao primeiro deles, os galegos e as galegas temos unha idade media de 47,5 anos. A idade media nos sete grandes núcleos poboacionais de Galicia tamén supera os 40 anos, máis, con todo, e agás no caso de Ferrol, este indicador sitúase por debaixo da media galega. A cidade co indicador máis baixo é Pontevedra, cunha idade media de 44,4 anos en 2020.

Idade media da poboación segundo o sexo. Ano 2020
Anos

Fonte: IGE. Indicadores demográficos
Nota: a data de referencia dos datos é o día 1 de xaneiro.

Idade media da poboación. Ano 2020
Anos

Fonte: IGE. Indicadores demográficos
Nota: a data de referencia dos datos é o día 1 de xaneiro.

O índice de envellecemento mide a relación entre a poboación maior de 64 anos e a poboación menor de 20 anos. En Galicia no ano 2020 toma o valor 160,4, o que quere dicir que, por cada 100 menores de 20 anos hai aproximadamente 160 persoas de 65 ou máis anos. Os sete grandes concellos galegos presentan valores máis baixos neste indicador que a media galega, agás Ferrol, que, cun índice de 192,2, supera ao galego. O concello co índice de envellecemento máis baixo é Pontevedra, onde a relación é de 108,6. Nos sete grandes concellos o indicador está por riba do 100%, o que implica que hai máis poboación maior de 64 anos que menor de 20.

Poboación menor de 20 anos e maior de 64 anos. Ano 2020
Porcentaxe

Fonte: IGE. Indicadores demográficos
Nota: a data de referencia dos datos é o día 1 de xaneiro.

Índice de envellecemento. Ano 2020
Tanto por cento

Fonte: IGE. Indicadores demográficos
Nota: a data de referencia dos datos é o día 1 de xaneiro.

Poboación segundo o lugar de nacemento e poboación estranxeira

O 54,2% da poboación galega reside no mesmo concello no que naceu; o 31% noutro concello ou provincia distinto ao de nacemento, e o 14,8% naceu noutra comunidade autónoma ou no estranxeiro. Nos sete grandes concellos galegos, a poboación que reside no mesmo concello no que naceu oscila entre o 46% de Ourense e o 60,7% de Ferrol.

O 4,2% da poboación residente en Galicia é de nacionalidade estranxeira. Cinco dos sete grandes concellos galegos posúen porcentaxes de poboación estranxeira superiores á media galega. Lugo presenta o valor máis alto en 2020 (o 6,1% dos e das residentes neste municipio ten nacionalidade estranxeira), seguido da Coruña e Ourense (co 6% e 5,9%, respectivamente). En Ferrol a porcentaxe de poboación estranxeira sitúase no 2,9% da poboación total.

Poboación segundo a relación entre o lugar de nacemento e o de residencia. Ano 2020
Porcentaxes

Fonte: INE. Padrón continuo
Nota: a data de referencia dos datos é o día 1 de xaneiro.

Poboación estranxeira. Ano 2020
Porcentaxe

Fonte: INE. Padrón continuo
Nota: a data de referencia dos datos é o día 1 de xaneiro.

Información inframunicipal

Nas seguintes ligazóns están dispoñibles, para os sete grandes concellos de Galicia, os datos de poboación, da súa estrutura e dunha serie de indicadores demográficos básicos, por distritos e sección censuais. Ademais, pódese acceder a unha aplicación que permite representar os datos de cada un dos concellos en mapas de distritos e seccións.


Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal.
Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies
     De acordo
Compartir: