Resumo de resultados




Pensións da Seguridade Social por concello de residencia da persoa pensionista. Resumo de resultados

Resumo de resultados 16/06/2017
Ano 2016

Introdución

O IGE realiza dende o ano 2011 unha explotación do ficheiro de pensións contributivas do sistema da Seguridade Social xestionadas polo Instituto Nacional de la Seguridad Social (INSS) e polo Instituto Social de la Marina (ISM), froito do convenio de colaboración entre os ditos organismos e o IGE (BOE núm. 219 do 12 de setembro de 2012).

Os datos que se presentan neste apartado son relativos ao colectivo de titulares de pensións contributivas do sistema da Seguridade Social xestionadas polo INSS e polo ISM, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia (titulares, con residencia en Galicia, de pensións xestionadas polas direccións provinciais da Comunidade Autónoma; titulares, con residencia en Galicia, de pensións xestionadas por outras direccións provinciais). Non se inclúen, polo tanto, aquelas persoas que teñen un sistema de previsión social distinto á Seguridade Social, como por exemplo, os funcionarios de clases pasivas.

Inclúense todas as clases de prestacións: xubilación, incapacidade, xubilación procedente de incapacidade, viuvez, orfandade e a favor de familiares.

O criterio xeográfico empregado para a clasificación dos datos é o municipio de residencia do titular da pensión, que se obtén mediante o cruce do ficheiro de Pensións Contributivas da Seguridade Social co Padrón municipal continuo do Instituto Nacional de Estadística (INE).

A data de referencia dos datos é o 31 de decembro de de cada ano.

Número de pensionistas e importe medio por sexo e grupo de idade. Galicia. Ano 2016

No ano 2016, en Galicia hai 658.806 persoas que perciben pensións contributivas da Seguridade Social, das cales o 50% son mulleres.

O 79,1% das persoas que perciben pensións contributivas teñen 65 ou máis anos. O grupo de idade máis frecuente é o de 65 a 74 anos, tanto no caso dos homes (127.978 persoas) como no das mulleres (103.373 persoas).

O importe medio calcúlase como a media da suma dos importes percibidos en pensións contributivas da Seguridade Social por cada pensionista. En Galicia, no ano 2016, este importe situouse en 879,89 euros, e no caso dos homes é un 37,5% superior ao das mulleres.

Ao comparar o importe medio segundo o sexo e a idade do pensionista pode observarse que os homes teñen importes medios superiores ás mulleres en todos os grupos de idade. Ademais os importes maiores, tanto para homes como para mulleres, atópanse nos grupos de idade intermedios, é dicir, de 55 a 64 anos e de 65 a 74 anos. Nestes dous grupos de idade o importe medio dos homes é un 43,9% e un 44,0% respectivamente superior ao das mulleres.

Número de pensionistas segundo sexo e idade. Galicia. Ano 2016
Persoas

Importe medio segundo sexo e idade. Galicia. Ano 2016
Euros

No ano 2016, en Galicia, o 50% dos pensionistas, 329.403 persoas, percibiron un importe medio superior aos 665,11 euros; e o 10% percibiron menos de 410,11 euros.

Por sexos a distribución dos importes medios dos homes presenta unha maior dispersión e as diferenzas acrecéntanse nos importes medios máis elevados. Así, máis do 25% dos homes perciben un importe medio superior aos 1.200 euros mentres que no colectivo das mulleres só acadan esta cantidade pouco máis do 10% das pensionistas.

Percentís do importe medio segundo sexo. Galicia. Ano 2016
Euros

Percentís do importe medio segundo sexo. Galicia. Ano 2016
Euros

Número de pensionistas e importe medio. Galicia e provincias.

En Galicia, no ano 2016, o 39,4% destes pensionistas residían na provincia de A Coruña, o 31,5% na provincia de Pontevedra e o 29% restante distribúense de forma homoxénea entre Lugo e Ourense. A distribución do número de pensionistas está relacionada coa poboación de cada provincia xa que no ano 2016 o 41,3% da poboación de Galicia residía na provincia de A Coruña, o 34,7% na provincia de Pontevedra, o 12,4% na provincia de Lugo e o restante 11,6% na provincia de Ourense.

O importe medio nas provincias da Coruña e Pontevedra é superior ao importe medio de Galicia (879,89 euros), e en ambas as dúas provincias supera os 900 euros. O importe medio alcanza o valor máis baixo na provincia de Ourense, onde non acada os 775 euros.

Distribución do número de pensionistas por provincias. Ano 2016
Porcentaxe

Importe medio. Galicia e provincias. Ano 2016
Euros

O número de pensionistas en Galicia medrou un 3,8% no período 2011-2016. A provincia na que máis medrou o número de pensionistas foi Pontevedra, na que o incremento é do 6,7% no período, mentres que na provincia de Lugo descenden lixeiramente.

Pola súa banda, o importe medio da pensión en Galicia aumentou en 78,15 euros, un 10%, entre os anos 2011 e 2015. Este importe medio incrementouse en todas as provincias e en Pontevedra e A Coruña este incremento superou os 95 euros mentres que na provincia Ourense quedouse nos 72,49 euros.

Número de pensionistas e importe medio. Galicia e provincias
Euros

Importe medio. Galicia e provincias
Euros

Importe medio por concellos. Ano 2016

No 60% dos concellos galegos, o importe medio por persoa en pensións contributivas da Seguridade Social non alcanza os 765 euros e só en 20 concellos galegos supera os 1.000 euros.

O 20% dos concellos cun importe máis alto correspóndese principalmente coas zonas dos sete grandes concellos, xunto coa Mariña Lucense, a zona de Valdeorras, As Pontes de García Rodríguez, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Cee.

Importe medio. Concellos. Ano 2016
Euros

Nos sete concellos con máis de 50.000 habitantes, grandes concellos, o importe medio é superior ao de Galicia. Ferrol, Vigo e A Coruña son os concellos con maior importe medio, onde este supera os 1.050 euros. Polo contra, Ourense, cun importe medio de 903,97 euros, é o que presenta un valor máis baixo.

A mediana do importe representa o valor central da distribución dos importes, é dicir, o valor por debaixo do cal se atopan a metade das persoas. Así, no concello de Ferrol o 50% dos pensionistas perciben un importe medio igual ou superior a 881,99 euros mentres que no concello de Ourense o valor da mediana non acada os 687,51 euros.

Número de pensionistas e importe medio. Galicia e grandes concellos. Ano 2016
Persoas e euros

Importe medio. Galicia e grandes concellos. Ano 2016
Euros

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo