Proxeccións de poboación a curto prazo. Resumo de resultados

Resumo de resultados 23/12/2016
Datos correspondentes ao período 2016-2031

Introdución

A partir da información proporcionada polas proxeccións a curto prazo elaboradas anualmente polo Instituto Nacional de Estadística, o IGE elabora a desagregación territorial das mesmas, ata o nivel de comarcas. Preséntanse neste momento os resultados obtidos para o período temporal 2016-2031, por sexo e grupos quinquenais de idade.

Variación da poboación entre 2016 e 2031

No caso de manterse as tendencias demográficas actuais, Galicia presentaría un comportamento continuo de decrecemento poboacional no período 2016-2031, que chegaría a acumular unha caída do 8,5%. Por provincias, serían as de Ourense e Lugo as que manifestarían diminucións máis acusadas, un 12,6% e 11,3%, respectivamente no período considerado, mentres que nas provincias da Coruña e Pontevedra estas diminucións serían do 7,7% e 7,0%, respectivamente.

A diminución da poboación galega explicaríase maioritariamente polo saldo vexetativo negativo no período, que seguiría a tendencia observada nos últimos anos, cunha diferenza cada vez máis ampla entre nacementos e defuncións. Así, se en 2016 o saldo vexetativo acadaría a cifra de -12.641 persoas, en 2030 proxéctase en -19.595. Cómpre salientar a diferente evolución de ambas variables: o número de nacementos continuará nunha senda descendente, mentres que o número de defuncións aumenta ata o ano 2024 e diminúe a partir de 2025, chegando no ano 2030 a cifras similares ás de 2022.

Por áreas (agrupación de comarcas), as que presentarían un maior decrecemento poboacional no período 2016-2031 serían as de Ourense sur cunha diminución do 25,3%, a de Lugo oriental, cun decremento do 19,8% e as do Carballiño-O Ribeiro, cun descenso do 19,4%.

      Poboación residente no 1 de xaneiro
      Persoas, tanto por cento

Segundo estas estimacións varias comarcas perderían máis da cuarta parte da súa poboación nos próximos quince anos: Muros, Ortegal, Terra de Soneira, Os Ancares, A Fonsagrada, A Baixa Limia, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Terra de Trives ou Viana, con decrecementos no período 2016-2031 superiores ao 20%. Por outra parte, a única comarca que non perde poboación no período considerado sería a comarca de Santiago, con incremento do 0,3%.

Poboación residente no 1 de xaneiro. Áreas xeográficas
Persoas

Variación da poboación residente entre 2016 e 2031, por áreas xeográficas
Tanto por cento

Evolución dos nacementos, defuncións e do crecemento vexetativo entre 2016 e 2030

A poboación galega presenta valores negativos no seu saldo vexetativo, é dicir, un maior número de defuncións que de nacementos. Para o período de proxección considerado, 2016-2030, estímanse 222.637 nacementos e 479.019 defuncións en Galicia, o que representaría un saldo vexetativo negativo de 256.382 persoas. Por áreas, todas as áreas galegas presentarían un saldo vexetativo negativo.

Nacementos e defuncións proxectados para o período 2016-2030. Áreas xeográficas
Número

Indicadores de envellecemento proxectados entre 2016 e 2031

A partir da información por grupos de idade pódense obter indicadores proxectados como, por exemplo, o índice de envellecemento (relación entre a poboación de 65 e máis anos con respecto á poboación menor de 20 anos), que de seguir as tendencias actuais, reflectiría un maior envellecemento de zonas xa envellecidas na actualidade.

Outro indicador que se inclúe nesta publicación é o índice de sobreenvellecemento (proporción de poboación de 85 e máis anos con respecto á poboación de 65 e máis anos); en todas as áreas galegas, agás Lugo sur, estímase que se produza un incremento nesta variable nos próximos quince anos, chegando a superar o 25% no ano 2031 na área de Ourense sur.

Índice de envellecemento. Áreas xeográficas
Tanto por cento (%)

Nota: os cálculos están elaborados con data de referencia no 1 de xaneiro de cada ano.

Índice de sobreenvellecemento. Áreas xeográficas
Tanto por cento (%)

Nota: os cálculos están elaborados con data de referencia no 1 de xaneiro de cada ano.

Anexo: comarcas que compoñen cada área xeográfica considerada

  • A Coruña suroriental: comarcas de Arzúa, Ordes e Terra de Melide
  • Ferrol-Eume-Ortegal: comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal
  • Área da Costa da morte: comarcas de Bergantiños, Fisterra, Muros, Terra de Soneira e Xallas
  • A Barbanza-Noia: comarcas da Barbanza e Noia
  • Área da Coruña: comarcas da Coruña e Betanzos
  • Área de Santiago: comarcas da Barcala, O Sar e Santiago
  • Lugo sur: comarcas de Chantada, Quiroga e Terra de Lemos
  • Lugo oriental: comarcas da Fonsagrada, Os Ancares e Sarria
  • Lugo central: comarcas da Ulloa, Lugo, Meira e A Terra Chá
  • A Mariña: comarcas da Mariña Central, A Mariña Oriental e A Mariña Occidental
  • O Carballiño-O Ribeiro: comarcas do Carballiño e O Ribeiro
  • Ourense central: comarcas de Allariz-Maceda, Terra de Caldelas, Terra de Trives e Valdeorras
  • Ourense sur: comarcas da Limia, a Baixa Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana
  • Área de Ourense: comarca de Ourense
  • Pontevedra nororiental: comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes
  • Pontevedra sur: comarcas da Paradanta, O Baixo Miño e O Condado
  • Caldas-O Salnés: comarcas de Caldas e O Salnés
  • O Morrazo: comarca do Morrazo
  • Área de Pontevedra: comarca de Pontevedra
  • Área de Vigo: comarca de Vigo

Compartir: