Enquisa de estrutura salarial. Resumo de resultados

Introdución

A Encuesta de Estructura Salarial é unha investigación sobre a estrutura e distribución dos salarios de periodicidade cuatrienal, que se realiza en todos os Estados Membros da Unión Europea (UE) de xeito harmonizado, en cumprimento do Regulamento do Consello da UE núm. 530/1999.

A enquisa esténdese a todos os traballadores por conta allea que presten os seus servizos en centros de cotización e estivesen de alta na Seguridade Social no mes de outubro do ano de referencia. Non se inclúen polo tanto os funcionarios adscritos ás mutualidades e si se inclúen os empregados das empresas públicas.

Investíganse só os centros de cotización con actividade principal incluída nas seccións da B á S da CNAE-09. Polo tanto, quedan fóra do ámbito desta enquisa a agricultura, gandaría, silvicultura e pesca, as actividades dos fogares como empregadores de persoal doméstico, as actividades dos fogares como produtores de bens e servizos para uso propio e as actividades de organizacións e organismos extraterritoriais, independentemente do tamaño do centro de traballo.

No ámbito do Estado colaboraron na enquisa do ano 2014 máis de 27.000 centros de traballo e 227.000 asalariados e na Comunidade Autónoma de Galicia seleccionáronse 1.576 centros de traballo e 12.307 asalariados.

Os obxectivos da enquisa poden resumirse, fundamentalmente, en dous:

  • O coñecemento dos niveis salariais, non só dos niveis medios, senón tamén da súa distribución.
  • A determinación da estrutura do salario, tanto desde o punto de vista da composición como das variables que inflúen nel e a contía na que o fan.

O IGE realizou unha explotación dos datos da Encuesta de Estructura Salarial para o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia que proporciona:

  • Datos comparables para os anos 2010, 2006 e 2014.
  • Información a nivel provincial.
  • Principais indicadores de salarios para Galicia e para os países da UE 28.

Composición do salario bruto anual

Ao existir pagamentos con período de vencemento superior ao mes, para comparar niveis salariais emprégase o salario anual. No ano 2014 o salario bruto anual situouse en Galicia nos 20.165,9 euros por traballador, un 0,23% inferior ao do ano 2010 (20.242 euros). Por sexos, no ano 2014 o salario dos homes é un 26,45% maior que o salario das mulleres, mentres que no ano 2010 o salario dos homes era un 27,9% maior respecto ao salario das mulleres.

O salario ordinario é a partida que máis contribúe ao salario bruto, do que representa no ano 2014 o 88,1%, mentres que os pagamentos extraordinarios e a valoración en especie só representan nese ano o 11,7% e o 0,2% respectivamente.

Composición do salario bruto anual. Galicia

Salario bruto = Salario ordinario + Pagamentos extraordinarios + Valoración en especie

Distribución salarial

A distribución do salario anual en Galicia no ano 2014 mostra unha grande dispersión e tal e como se pode observar no gráfico, o salario bruto anual do 50% dos asalariados galegos é inferior a 17.379,5 euros (mediana).

No ano 2014 só un 25% dos asalariados galegos percibiron un salario bruto anual superior a 24.364,2 euros e tan só un 10% dos asalariados obtiveron un salario bruto anual superior a 35.829,7 euros.

Distribución do salario bruto anual. Galicia. Ano 2014

O salario bruto anual medio no ano 2014 foi 22.505,1 euros por traballador para os homes, un 26,5% superior ao das mulleres que se situou en 17.797 euros por traballador.

A distribución salarial das mulleres atópase máis a esquerda que a dos homes en todos os niveis salariais. O 50% das mulleres gañan menos de 15.131 euros mentres que a porcentaxe de homes que gaña menos de esa cantidade é ao redor do 25%.

Distribución do salario bruto anual segundo o sexo. Galicia. Ano 2014

Outra variable que determina unha distinta distribución salarial é o nivel de estudos acadado polo traballador. Só o 10% dos asalariados con nivel de estudos "Menos que primaria, primaria e secundaria 1ª etapa" cobra máis de 25.031,3 euros mentres que o 25% dos asalariados con nivel "Secundaria 2ª etapa e postsecundaria non terciaria" gaña máis de 22.694,1 euros anuais e por útlimo o 50% dos asalariados con nivel de educación "Terciaria" gaña máis de 23.404,7 euros anuais.

Análise territorial

No ano 2014, os salarios máis altos en Galicia rexístranse na provincia da Coruña, onde o salario bruto anual alcanza o valor de 20.959,4 euros. Por outra parte a provincia de Ourense, con 18.791,0 euros de salario bruto anual, é a que presenta salarios máis baixos, un 10,3% menos que na provincia da Coruña.

A análise por sexos reflicte comportamentos diferentes entre as provincias. A provincia de Ourense é a que presenta maior diferenza nos salarios entre sexos; nesta provincia o salario bruto anual das mulleres no ano 2014 só chega a representar o 78,3% do dos homes. Pola contra a provincia de Lugo presenta as menores diferenzas, e nela o salario bruto anual das mulleres no ano 2014 acada o 84,6% do dos homes.

Salario bruto anual segundo o sexo. Ano 2014

Salario bruto anual segundo a idade

Existe unha relación positiva entre a idade dos traballadores e o nivel salarial, de forma que o salario dos maiores de 55 anos, 23.483,5 euros, é case un 104% superior ao salario dos menores de 25. Por sexos, a maior diferenza a atopamos no grupo de idade de 25 a 34 anos, onde as mulleres cobran un 31,7% menos que os homes.

Salario bruto anual segundo a idade. Galicia. Ano 2014

Salario bruto anual segundo a ocupación

A ocupación é unha das variables que máis inflúen no nivel salarial. En Galicia, no ano 2014, o salario bruto anual do grupo dos "Directores e xerentes" é o maior (43.192,4 euros) e supera nun 113,9% ao salario medio. Esta situación é similar en España, onde o salario deste grupo alcanza no ano 2014 a cifra de 52.513 euros e supera nun 129,7% ao salario medio.

Ademais, só en tres grupos de ocupacións o salario é maior ao salario medio, tanto en España como en Galicia: "Directores e xerentes", "Técnicos e profesionais científicos e intelectuais", "Técnicos e profesionais de apoio". As ocupacións menos remuneradas son as "Ocupacións elementais" e os "Traballadores dos servizos de restauración, personais, protección e comercio", nas que o salario bruto non alcanza en Galicia no ano 2014 os 15.000 euros anuais.

Ao comparar o salario bruto anual de Galicia con España nos distintos grupos de ocupación, pódese observar que as ocupacións onde menor diferenza existe son os Técnicos e profesionais científicos e intelectuais, as Ocupacións elementais e os Artesans e traballadores cualificados das industrias manufactureiras e a construción. Nas restantes ocupacións o salario bruto anual en España no ano 2014 supera en máis dun 10% ao rexistrado en Galicia.

Salario bruto anual segundo a ocupación. Ano 2014
Salario bruto anual segundo a ocupación. Galicia. Ano 2014

Salario bruto anual segundo a actividade económica

Existen grandes diferenzas salariais segundo a actividade económica. As actividades económicas máis remuneradas son as "Actividades financeiras e de seguros", onde o salario anual acada en 2014 en Galicia os 37.496,3 euros, seguidas a grande distancia da "Enerxía" e da "Información e comunicacións". Por outro lado, as actividades con menor remuneración son as "Actividades artísticas, recreativas e de entretemento; Outros servizos" e o "Transporte e almacenamento; Hostalaría", nas que o salario bruto anual non acada os 14.000 euros.

Salario bruto anual segundo a actividade económica. Ano 2014
Salario bruto anual segundo a actividade económica. Galicia. Ano 2014

Salario bruto anual segundo o nivel de estudos

As diferenzas salariais entre os distintos niveis de formación acadados polo traballador son notables e o salario anual crece a medida que aumenta o nivel de estudos. Os asalariados galegos con nivel de formación alcanzado "Menos que primaria, primaria e secundaria 1ª etapa" gañaron de media no ano 2014 16.130,3 euros anuais, mentres que os asalariados con educación "Terciaria" percibiron un salario bruto de 26.433,1 euros anuais, un 63,9% máis que os primeiros.

Por outra parte, aínda que as mulleres gañan menos que os homes nos tres niveis de formación considerados, a medida que aumenta o nivel de formación dos traballadores diminúen as diferenzas entre homes e mulleres. Así, mentres que nos traballadores con nivel de formación "Menos que primaria, primaria e secundaria 1ª etapa" o salario das mulleres é o 69,5% do salario dos homes, nos traballadores con nivel de eduación "Terciaria" o salario das mulleres acada o 80,6% do salario dos homes.

Salario bruto anual segundo o nivel de estudos. Galicia. Ano 2014

Salario bruto anual segundo a antigüidade

O salario bruto anual está directamente relacionado coa antigüidade no posto de traballo, non obstante na última categoría (máis de 30 anos) o salario descence con respecto a anterior. Esto último pode estar orixinado, entre outros motivos, pola existencia de topes salariais.

Salario bruto anual segundo a antigüidade. Ano 2014
Salario bruto anual segundo a antigüidade. Galicia. Ano 2014

Salario bruto anual segundo o tipo de xornada

O tipo de xornada é a variable que determina o nivel salarial. O salario medio anual dos asalariados con xornada a tempo parcial no ano 2014 en Galicia foi menor en máis dun 60% que o dos asalariados con xornada a tempo completo, tanto en homes como en mulleres.

Salario bruto anual segundo o tipo de xornada. Galicia. Ano 2014

Non obstante, esta comparación, que é válida desde o punto de vista dos ingresos dos traballadores, non resulta pertinente se comparamos salarios como "prezo da man de obra" posto que os salarios a tempo completo corresponden a máis horas de traballo. Neste caso a ganancia por hora é unha variable máis relevante.

Se comparamos a ganancia por hora entre os dous tipos de xornada observamos que a ganancia por hora dos asalariados a tempo parcial é un 25,7% menor que a ganancia por hora dos asalariados a tempo completo.

Na comparación por sexos, a ganancia por hora dos homes é un 22,2% menor a tempo parcial que a tempo completo e a ganancia por hora das mullleres a tempo parcial é un 24% menor que a tempo completo.

Ganancia por hora segundo o tipo de xornada. Galicia. Ano 2014

Salario bruto anual segundo o tipo de contrato

Para os efectos da enquisa consideráronse dous tipos de contrato, os contratos de duración indefinida e os contratos de duración determinada. Para poder realizar comparacións entre asalariados con contrato de duración indefinida e duración determinada, axustouse o salario daqueles asalariados que non permaneceron todo o ano no centro de traballo e asignóuselles un salario anual equivalente ao que percibirían no caso de traballar durante todo o ano nas mesmas condicións.

Os asalariados galegos con contrato de traballo de duración indefinida teñen en 2014 un salario superior nun 41,8% ao dos asalariados con contrato de duración determinada. A análise segundo o sexo reflicte que estas diferenzas son máis notables nos homes que nas mulleres e mentres que os homes con contrato de traballo de duración indefinida cobran un 43,8% máis que con contrato de duración determinada, nas mullleres esta diferenza e do 38,1%.

Salario bruto anual segundo o tipo de contrato. Galicia. Ano 2014

Composición do salario mensual

Para analizar a composición do salario segundo os conceptos retributivos pártese do salario mensual medio, que en cifras brutas acadou no ano 2014 en Galicia o valor de 1.552,5 euros (1.709,6 no caso dos homes e 1.389,2 no caso das mulleres).

O salario mensual bruto está composto polo salario base, os complementos salariais, os pagamentos extraordinarios e os pagamentos por horas extraordinarias. O salario base é o compoñente principal do salario bruto mensual do que representa o 71,3% seguido dos complementos salariais, que supoñen un 27,2% do salario bruto.

O salario neto obtense a partir do salario mensual bruto despois de deducir as cotizacións á Seguridade Social a cargo do traballador e as retencións do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF). No ano 2014 este acadou en Galicia o valor de 1.227,4 euros mensuais, 1.334,2 euros no caso dos homes e 1.116,4 no das mulleres. En media, as cotizacións á Seguridade Social e as retencións do IRPF representan no ano 2014 o 20,9% do salario bruto mensual dos galegos.

Composición do salario mensual. Galicia. Ano 2014

Principais indicadores

A Encuesta de Estructura Salarial (EES) realízase de xeito harmonizado en toda a Unión Europea (UE) o que posibilita a construción de indicadores comparables para os Estados Membros.

No marco desta enquisa Eurostat elabora e difunde principais indicadores de salarios para toda a UE e os seus países. O IGE realizou unha explotación dos microdatos da EES para Galicia que completa a información existente posto que elabora indicadores de salarios para Galicia e as súas provincias, comparables cos existentes para os países da UE28.

Os indicadores calculados para o ámbito galego son a fenda salarial, a proporción de asalariados con salarios baixos e a mediana das ganancias medias por hora. Para o cálculo destes indicadores só se consideran os asalariados de empresas de 10 ou máis asalariados incluídas nalgunha das seccións B a S (excluída a O: "Administración pública, defensa e seguridade social obrigatoria") da CNAE 2009.

Fenda salarial

A fenda salarial é un indicador que representa a diferenza entre a ganancia media por hora dos homes e a ganancia media por hora das mulleres como porcentaxe da ganancia media por hora dos homes.

No ano 2014 a fenda salarial en Galicia foi do 11,5%. Esto significa que os homes gañan máis que as mulleres un 11,5% do que gañan os homes. A fenda salarial en Galicia sitúase nese ano por debaixo da da UE28, que alcanza o valor do 16,7% e da de España, que alcanza o 14,9%.

Proporción de asalariados con salarios baixos

Considéranse asalariados con salarios baixos aqueles que gañan 2/3 ou menos da mediana das ganancias brutas por hora na rexión/país de referencia. Polo tanto, cómpre resaltar que o limiar empregado para determinar que salarios son baixos é específico de cada país.

En Galicia, no ano 2014 o 11,2% dos asalariados tiñan salarios baixos, unha porcentaxe lixeiramente superior á do ano 2010, que era do 10,5%.

Os datos por provincias do ano 2014 reflicten diferenzas significativas. As provincias de Lugo e Pontevedra son as que presentan valores máis baixos do indicador. A provincia de Ourense e a de Lugo son as que presentan os valores extremos do indicador e así, mentres na provincia de Lugo no ano 2014 case 8 de cada 100 asalariados perciben salarios baixos, en Ourense son máis de 19 de cada 100.

A consideración deste indicador segundo o sexo permite observar importantes diferenzas entre homes e mulleres tanto en Galicia como nas catro provincias. Ademais, as diferenzas entre sexos acentúanse na provincia de Ourense. Así, no ano 2014 a porcentaxe de mulleres asalariadas con salarios baixos en Galicia acadou o valor do 16,3% fronte ao 6,3%. Na provincia de Ourense o indicador acada unha diferenza por sexo que supera os 26 puntos.

A comparación por países debe realizarse con cautela debido á existencia de umbrais diferentes para cada país. Non obstante, os datos de Eurostat reflicten que no ano 2014 o 17,2% dos asalariados da UE28 perciben salarios baixos e en España no mesmo ano esta porcentaxe é do 14,6%.

Porcentaxe de asalariados con salarios baixos. Ano 2014
Compartir: