IGE -

Definicións. Territorio


Agroforestal

No Modelo Territorial do POL relaciónase cos usos do solo de dinámica antrópica e refírese, por exemplo, a cultivos e prados, cultivos froiteiros e de viveiro, viñedos, cultivos baixo plástico e forestal de repoboación.

Artificial

No Modelo Territorial do POL, inclúe usos do solo de carácter antrópico tales como canteiras e masas de auga artificiais, particularmente encoros e lagos artificiais.

Artificialización

Fai referencia ao grao de alteración antrópica do territorio.

  • Categoría I: Agrupa as coberturas do solo de dinámica natural, que non presentan antropización implícita e teñen un elevado valor ecolóxico e non requiren enerxía exosomática para o seu mantemento.
  • Categoría II: Agrupa as coberturas do solo que, aínda que presentan unha dinámica natural, requiren inputs de enerxía no sistema. Poden ter certo valor ecolóxico e/ou paisaxístico no contexto territorial.
  • Categoría III: Agrupa aqueles usos artificiais que non teñen grandes infraestruturas asociadas, e que levan implícitos achegas de materia e enerxía menores que nos elementos clasificados na categoría IV.
  • Categoría IV: Agrupa os usos artificiais que implican a construción de grandes infraestruturas. Estes usos achegan un maior grao de alteración ao sistema (contaminación, input de enerxía, etc.).

Autocontención laboral

A autocontención laboral é a capacidade que ten un territorio de fixar laboralmente a súa poboación e mídese relacionando os traballadores que están empregados no concello no que residen co total de traballadores que residen nese concello (e que poden traballar ou non nel). Para realizar os cálculos, considerouse que o número de traballadores é equiparable ao de afiliacións á Seguridad Social en situación de alta laboral o último día de cada ano.

Autoestradas

Son as estradas que están especialmente proxectadas, construídas e deseñadas para a circulación de automóbiles e que reúnen as seguintes características:

  • Non teñen acceso ás propiedades lindeiras.
  • Non cruzan a nivel ningunha outra senda, vía, liña de ferrocarril ou tranvía, nin son cruzadas a nivel por ningunha senda ou servidume de paso.
  • Contan con distintas calzadas por cada sentido de circulación, separadas entre si, agás en puntos singulares ou con carácter temporal, por unha franxa de terreo non destinada á circulación ou, en casos extremos, por outros medios.
  • Están especialmente sinaladas como autoestradas e están reservadas a categorías específicas de vehículos automóbiles.

As autoestradas clasifícanse como de peaxe ou libres segundo se lles esixa ou non aos usuarios unha taxa de peaxe.

Autosuficiencia en emprego

A autosuficiencia en emprego mostra a relación existente entre os traballadores que exercen a súa actividade nas empresas dun territorio coa poboación residente no mesmo territorio e que está ocupada, ben sexa neste ou noutro lugar, tomando como data de referencia o último día do ano.

Autovías

Son as estradas que, aínda que non reúnan todos os requisitos das autoestradas, teñen calzadas separadas para cada sentido da circulación e limitación de acceso ás propiedades lindeiras.

Ben de Interese Cultural

Elemento patrimonial material así declarado polas administracións estatal e autonómica, que contan con número de rexistro, incluídos os de carácter territorial supramunicipal.

Ben inmoble de uso residencial

Refírese a cada un dos diferentes elementos privativos dun edificio que son susceptibles de aproveitamento independente, sometidos ao réxime especial de propiedade horizontal, e ao conxunto constituído por diferentes elementos privativos mutuamente vinculados e adquiridos en unidade de acto, que teñen un uso residencial.

Bioxénese

No Modelo Territorial do POL relaciónase cos usos do solo de dinámica natural e refírese, por exemplo, á vexetación costeira, aos bosques autóctonos, de ribeira, mixtos ou de recolonización, a outras formacións de carácter húmido e ás matogueiras.

Catálogos de paisaxe

Instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe previsto na Lei da paisaxe de Galicia. O seu obxectivo é delimitar as grandes áreas paisaxísticas de Galicia, identificando os tipos de paisaxe existentes en cada unha delas e as súas características diferenciais.

Construído

No Modelo Territorial do POL inclúe usos do solo de carácter antrópico que se refiren a solo urbanizado e ámbitos edificados.

Corredor ecolóxico

Elementos da paisaxe de extensión variable, cuxa disposición e grao de conservación xeral revisten primordial importancia para a fauna e a flora silvestres, xa que permiten a continuidade espacial de enclaves de singular relevancia para aquela, con independencia de que tales enclaves foran declarados protexidos ou non.

Cotizacións

As cotizacións sociais son pagos realizados polos empregadores, asalariados, traballadores autónomos e desempregados ás administracións de seguridade social, empresas de seguros e fondos de pensións que administran sistemas de seguros sociais co fin de asegurar a provisión de prestacións sociais.

Declaración específica

Fai referencia a aquelas declaracións que afectan unicamente a un ben concreto, aínda que este pode ser individual ou colectivo.

Declaración xenérica

Fai referencia a aquelas declaracións que afectan a unha tipoloxía completa de bens, sen identificar cada un dos inmobles protexidos.

Densidade de poboación

É o cociente entre a poboación dun territorio e a súa extensión superficial, é dicir, o número de habitantes por cada quilómetro cadrado de superficie.

Diseminado (entidade de poboación)

Está constituído polas edificacións ou vivendas dunha entidade singular que non poden incluírse no concepto de núcleo.

Distrito forestal

Constitúe a unidade administrativa básica de planificación da defensa contra lumes forestais de Galicia, dotada de recursos propios e con capacidade de planificación. Cada distrito está composto pola agrupación de municipios pertencentes todos a unha mesma provincia. Existen os seguintes distritos:

  • Distrito I - Ferrol: Ares; Cabanas; Capela, A; Cariño; Cedeira; Cerdido; Fene; Ferrol; Mañón; Moeche; Monfero; Mugardos; Narón; Neda; Ortigueira; Pontedeume; Pontes de García Rodríguez, As; San Sadurniño; Somozas, As; Valdoviño.
  • Distrito II - Bergantiños-Mariñas Coruñesas: Abegondo; Aranga; Arteixo; Bergondo; Betanzos; Cabana de Bergantiños; Cambre; Carballo; Carral; Cesuras; Coirós; Coristanco; Coruña, A; Culleredo; Curtis; Irixoa; Laracha, A; Laxe; Malpica; Miño; Oleiros; Oza dos Ríos; Paderne; Ponteceso; Sada; Vilarmaior; Vilasantar.
  • Distrito III - Santiago-Meseta Interior: Ames; Arzúa; Boimorto; Boqueixón; Brión; Cerceda; Frades; Melide; Mesía; Ordes; Oroso; Pino, O; Santiago de Compostela; Santiso; Sobrado; Teo; Toques; Tordoia; Touro; Trazo; Val do Dubra; Vedra.
  • Distrito IV - O Barbanza: Baña, A; Boiro; Dodro; Lousame; Negreira; Noia; Outes; Padrón; Pobra do Caramiñal, A; Porto do Son; Rianxo; Ribeira; Rois.
  • Distrito V - Fisterra: Camariñas; Carnota; Cee; Corcubión; Dumbría; Fisterra; Mazaricos; Muros; Muxía; Santa Comba; Vimianzo; Zas.
  • Distrito VI - A Mariña Lucense: Alfoz; Barreiros; Burela; Cervo; Foz; Lourenzá; Mondoñedo; Ourol; Pontenova, A; Ribadeo; Trabada; Valadouro, O; Vicedo, O; Viveiro; Xove.
  • Distrito VII - A Fonsagrada-Os Ancares: Baleira; Baralla; Becerreá; Cervantes; Fonsagrada, A; Navia de Suarna; Negueira de Muñiz; Nogais, As; Pedrafita do Cebreiro.
  • Distrito VIII- Terra de Lemos: Bóveda; Carballedo; Chantada; Folgoso do Courel; Monforte de Lemos; Pantón; Pobra do Brollón, A; Quiroga; Ribas de Sil; Saviñao, O; Sober; Taboada.
  • Distrito IX - Lugo-Sarria: Antas de Ulla; Castroverde; Corgo, O; Friol; Guntín; Incio, O; Láncara; Lugo; Monterroso; Outeiro de Rei; Palas de Rei; Paradela; Páramo, O; Portomarín; Rábade; Samos; Sarria; Triacastela.
  • Distrito X - Terra Chá: Abadín; Begonte; Castro de Rei; Cospeito; Guitiriz; Meira; Muras; Pastoriza, A; Pol; Ribeira de Piquín; Riotorto; Vilalba; Xermade.
  • Distrito XI - O Ribeiro-Arenteiro: Arnoia, A; Avión; Beade; Beariz; Boborás; Carballeda de Avia; Carballiño, O; Castrelo de Miño; Cenlle; Cortegada; Irixo, O; Leiro; Maside; Melón; Piñor; Punxín; Ribadavia; San Amaro; San Cristovo de Cea.
  • Distrito XII - Miño-A Arnoia: Allariz; Amoeiro; Baños de Molgas; Barbadás; Bola, A; Cartelle; Celanova; Coles; Esgos; Gomesende; Maceda; Merca, A; Nogueira de Ramuín; Ourense; Paderne de Allariz; Padrenda; Pereiro de Aguiar; Peroxa, A; Pontedeva; Quintela de Leirado; Ramirás; San Cibrao das Viñas; Taboadela; Toén; Verea; Vilamarín; Xunqueira de Ambía; Xunqueira de Espadanedo.
  • Distrito XIII - Valdeorras-Trives: Barco de Valdeorras, O; Bolo, O; Carballeda de Valdeorras; Castro Caldelas; Chandrexa de Queixa; Larouco; Manzaneda; Montederramo; Parada de Sil; Petín; Pobra de Trives, A; Rúa, A; Rubiá; San Xoán de Río; Teixeira, A; Veiga, A; Vilamartín de Valdeorras.
  • Distrito XIV - Verín-Viana: Castrelo do Val; Cualedro; Gudiña, A; Laza; Mezquita, A; Monterrei; Oímbra; Riós; Verín; Viana do Bolo; Vilardevós; Vilariño de Conso.
  • Distrito XV - A Limia: Baltar; Bande; Blancos, Os; Calvos de Randín; Entrimo; Lobeira; Lobios; Muíños; Porqueira; Rairiz de Veiga; Sandiás; Sarreaus; Trasmiras; Vilar de Barrio; Vilar de Santos; Xinzo de Limia.
  • Distrito XVI - Deza-Tabeirós: Agolada; Cerdedo; Dozón; Estrada, A; Forcarei; Lalín; Rodeiro; Silleda; Vila de Cruces.
  • Distrito XVII - O Condado-A Paradanta: Arbo; Cañiza, A; Covelo; Crecente; Mondariz; Mondariz-Balneario; Neves, As; Ponteareas; Salvaterra de Miño.
  • Distrito XVIII - Vigo-Baixo Miño: Baiona; Fornelos de Montes; Gondomar; Guarda, A; Mos; Nigrán; Oia; Pazos de Borbén; Porriño, O; Redondela; Rosal, O; Salceda de Caselas; Soutomaior; Tomiño; Tui; Vigo.
  • Distrito XIX - Caldas-O Salnés: Barro; Bueu; Caldas de Reis; Cambados; Campo Lameiro; Cangas; Catoira; Cotobade; Cuntis; Grove, O; Illa de Arousa, A; Lama, A; Marín; Meaño; Meis; Moaña; Moraña; Poio; Ponte Caldelas; Pontecesures; Pontevedra; Portas; Ribadumia; Sanxenxo; Valga; Vilaboa; Vilagarcía de Arousa; Vilanova de Arousa.

Entidade colectiva (parroquia)

Unidade intermedia entre a entidade singular de poboación e o municipio que existe nalgunhas rexións e que está constituída por agrupación de entidades singulares e que goza de personalidade propia e dunha orixe marcadamente histórica.

Entidade singular de poboación

Calquera área habitable do termo municipal, habitada ou excepcionalmente deshabitada, claramente diferenciada dentro do mesmo, e que se coñece por unha denominación específica que a identifica sen posibilidade de confusión. Unha área considérase habitable cando existen na mesma vivendas habitadas ou en condiciones de selo e considérase claramente diferenciada cando as edificacións e vivendas pertencentes á mesma poden identificarse perfectamente sobre o terreo e o conxunto das mesmas coñécese por unha denominación.

Espazo protexido

Areas do territorio con valores naturais destacados agrupados baixo a denominación oficial de Espazo Natural Protexido. Frecuentemente atópanse recollidas en diferentes figuras de protección de diferentes carácter (europeo, estatal ou autonómico).

Estrada

Vía de comunicación (pola que se viaxa) que utiliza un pavimento estabilizado que non son raíles e pistas de aterraxe, aberta á circulación pública e destinada esencialmente a uso de vehículos de estrada que se desprazan sobre as súas rodas. Inclúense as pontes, túneles, outras estruturas de apoio, enlaces, bifurcacións e intercambiadores, así como as estradas de peaxe. Exclúense as pistas exclusivamente de bicicletas

Estudo de impacto e integración paisaxística

Documento específico realizado por un promotor dunha actuación no que se avaliarán os efectos e impactos que un proxecto poida provocar na paisaxe e as medidas de integración paisaxística propostas polo órgano ambiental no seo do procedemento de Declaración de impacto ambiental.

G1

O Grao 1 fai referencia aos ámbitos de solo urbanizable ou de solo urbano non consolidado nos que as súas determinacións son plenamente compatibles co Plan de ordenación do litoral de Galicia (POL) e polo tanto poden desenvolverse sen prexuízo do establecido na lexislación ou no planeamento territorial e sectorial de aplicación.

G2

O Grao 2 fai referencia aos ámbitos de solo urbanizable ou de solo urbano non consolidado nos que as súas determinacións son adaptables ao Plan de ordenación do litoral de Galicia (POL) mediante a incorporación dos criterios e normas recollidos no Anexo correspondente de dito plan.

Gases de efecto invernadoiro

Emisións de orixe antropoxénica dos principais gases que contribúen ao efecto invernadoiro.

Humidal protexido

Enténdese por humidal protexido as extensións de marismas, pantanos, turbeiras ou superficies cubertas de auga, sexan estas de réxime natural ou artificial, permanentes ou temporais, estancadas ou correntes, doces, salobres ou salgadas, incluídas as extensións de auga mariña nas que a profundidade en marea baixa non exceda de seis metros, que á vez cumpran unha función de importancia internacional, nacional ou autonómica na conservación dos recursos naturais, e que sexan declaradas como tales. Poderán comprender zonas ribeiregas, costeiras ou adxacentes, así como as illas ou extensións mariñas de profundidade superior aos seis metros en marea baixa cando estas se encontren dentro do humidal.

Índice de artificialización

Índice obtido a partir da ponderación de cada unha das catro categorías de artificialización definidas.

Índice de ocupabilidade

O índice de ocupabilidade mide as posibilidades que tivo un demandante de emprego de atopar traballo ao longo dun ano nunha ocupación (CNO11) e nun territorio determinado.

Inmoble

Por regra xeral, un inmoble é toda parcela ou porción de solo de natureza urbana, enclavada nun termo municipal e cerrada por unha liña poligonal que delimita o ámbito do dereito de propiedade dun propietario ou de varios pro indiviso, e no seu caso as construcións emprazadas en dito ámbito.

No Censo de poboación e vivendas un inmoble é cada un dos ocos que configuran os edificios, xa sexan vivendas ou locais.

Intermareal

Franxa costeira onde se produce a interfase auga-terra e que está sometida aos efectos das mareas. No Modelo Territorial do POL relaciónase cos usos do solo de dinámica natural e refírese ás chairas intermareais e ás marismas.

Lume forestal

Considérase forestal ao lume que se estende sen control sobre terreo forestal, afectando a vexetación que non estaba destinada a arder. Segundo o tipo de vexetación e a superficie queimada, clasifícase en incendio, conato ou queima de matogueira

Mobilidade alternativa

Refírese ás persoas que se desprazan andando ou en bicicleta.

Monumento natural

Os monumentos naturais son espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial. Considéranse tamén monumentos naturais as formacións xeolóxicas e os demais elementos da xea, así como os xacementos paleontolóxicos, que reúnan un interese especial pola singularidade ou importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos

Núcleo de poboación

Conxunto de polo menos dez edificacións, que están formando rúas, prazas e outras vías urbanas. O número de edificacións poderá ser inferior a 10, sempre que a poboación que habita as mesmas supere os 50 habitantes. Inclúense no núcleo aquelas edificacións que, estando illadas, distan menos de 200 metros dos límites exteriores do citado conxunto, se ben na determinación de esta distancia excluiranse os terreos ocupados por instalacións industriais ou comerciais, parques, xardíns, zonas deportivas, cemiterios, aparcamentos e outros, así como as canles ou ríos que poidan ser cruzados por pontes.

Padrón municipal de habitantes

É o rexistro administrativo onde constan os veciños do concello. Os seus datos constitúen proba de residencia no concello e do domicilio habitual nel.

Paisaxe protexida

Espazos que, polos seus valores singulares, estéticos e culturais ou ben pola relación harmoniosa entre o home e o medio natural, sexan merecedores dunha protección especial

Parcela catastral urbana

Enténdese por parcela catastral urbana a unidade diferenciada de solo (con ou sen construción).

Parques naturais e nacionais

Os parques son áreas naturais, pouco transformadas polas actividades humanas, que, en razón da beleza dos seus sitios, da representatividade dos seus ecosistemas ou da singularidade da súa flora, fauna ou formacións xeomorfolóxicas, posúen uns valores ecolóxicos, estéticos, educativos ou científicos dos que a súa conservación merece unha atención preferente. Os parques poderán ser naturais ou nacionais.

Prestacións

As prestacións sociais son transferencias realizadas aos fogares, aos asalariados, ás persoas a cargo dos asalariados ou aos seus superviventes por parte das administracións de seguridade social, das ISFLSF (institucións sen fins de lucro ao servizo dos fogares), empresas de seguro ou outras unidades institucionais que administran sistemas de seguros sociais privados, destinadas a cubrir unha serie de riscos ou necesidades de carácter social.

Punto limpo

Centro de recepción e almacenaxe selectivo específico da fracción dos residuos municipais que non son obxecto de recollida domiciliaria ao requirir dunha xestión específica, ben polo seu tamaño, ben pola súa composición (pilas, disolventes, etc.).

Ratio de cobertura das demandas

A ratio de cobertura das demandas mide as posibilidades que tivo un demandante de emprego de atopar traballo ao longo dun ano nunha ocupación (CNO11) e nun territorio determinado.

Renda dispoñible bruta (B.6)

É o saldo da conta de distribución secundaria da renda. Obtense a partir do saldo de rendas primarias sumando as prestacións sociais e as transferencias correntes que son un recurso para os fogares; e restando os impostos sobre a renda, as cotizacións socias e as transferencias correntes que son un emprego para os fogares.

Sistemas xerais

Son terreos dotacionais públicos que están deseñados ou previstos para o servizo da totalidade do municipio e, en especial, para implantar as infraestruturas básicas do modelo de cidade.

Solo de núcleo rural

Constitúeno os terreos que serven de soporte a un asentamento de poboación singularizado, identificable e diferenciado administrativamente. A definición do seu perímetro terá en conta delimitacións existentes, peculiaridades urbanísticas e morfolóxicas e a capacidade de acollida da demanda previsible de uso residencial no medio rural, en función das súas condicións topográficas e de estrutura de propiedade, do seu nivel de integración ás dotacións e servizos existentes e axustarase ás infraestruturas e pegadas físicas existentes.

Solo urbanizable

Constitúeno os terreos que non teñan a condición de solo urbano, de núcleo rural, nin rústico e poidan ser obxecto de transformación urbanística nos termos establecidos que establece a Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Solo urbano consolidado

Está integrado polos soares así como polas parcelas que, polo seu grao de urbanización efectiva e asumida polo plan urbanístico, poidan adquirir a condición de soar mediante obras accesorias e de escasa entidade que poden executarse simultaneamente coas de edificación ou construción.

Solo urbano non consolidado

Está integrado pola restante superficie de solo urbano e, en todo caso, polos terreos nos que sexan necesarios procesos de urbanización, reforma interior, renovación urbana ou obtención de dotacións urbanísticas con distribución equitativa de beneficios e cargas, por aqueles sobre os que o plan urbanístico prevexa unha ordenación substancialmente diferente da realmente existente, así como polas áreas de recente urbanización xurdida á marxe do plan.

Superficie arborada

É a superficie composta por especies arbóreas cunha fracción de cabida cuberta maior ou igual ao 20%

Superficie de interese para a conservación en corredores

Refírese a aquelas coberturas do solo que inciden na funcionalidade ecolóxica das áreas do territorio identificadas como corredores ecolóxicos no Plan de ordenación do litoral de Galicia.

Superficie de monte raso

É a superficie composta por matogueira ou monte aberto cunha fracción de cabida cuberta menor do 20% ou vexetación herbácea.

Tipo de sistema (Modelo Territorial )

No Modelo Territorial do POL, o tipo de sistema fai referencia a agregación dos usos do solo en usos de dinámica natural (intermareal, xeoformas, bioxénese) e antrópica (agroforestal, cultural, artificial, construído).

Titulares catastrais

Son as persoas naturais e xurídicas dadas de alta no Catastro Inmobiliario por ostentar, sobre un ben inmoble, a titularidade dalgún dos seguintes dereitos:

  • Concesión administrativa sobre o ben inmoble ou sobre os servizos públicos aos que estea afecto
  • Dereito real de superficie
  • Dereito real de usufruto
  • Dereito de propiedade
Contabilízanse como titulares catastrais tanto os titulares coa obriga de tributar como aqueles que gozan dalgún tipo de exención fiscal. .

Unidade da paisaxe

Ámbito territorial con valores paisaxísticos homoxéneos e coherentes.

Unidades gandeiras (UG)

Obtéñense aplicando un coeficiente a cada especie e tipo, para agregar nunha unidade común diferentes especies. Os coeficientes empregados son:

Vacas leiteiras 1
Outras vacas 0,8
Bovinos machos de 24 meses e máis 1
Bovinos femias de 24 meses e máis 0,8
Bovinos de 12 a menos de 24 meses 0,7
Bovinos de menos de 12 meses 0,4
Ovinos 0,1
Caprinos 0,1
Porcas nais 0,5
Porcas para reposición 0,5
Leitóns 0,027
Outros porcinos 0,3
Equinos 0,8
Galiñas 0,014
Poliñas destinadas á posta 0,014
Polos de carne e galos 0,007
Pavos, patos, ocas e pintadas 0,03
Outras aves 0,03
Coellas nais 0,02

Exclúense as colmeas e as avestruces, que non se converten a unidades gandeiras. Estes coeficientes modificáronse no último Censo Agrario segundo as recomendacións de Eurostat

Unidades urbanas

Enténdese por unidade urbana todo inmoble cunha relación de propiedade perfectamente delimitada a efectos fiscais.

Usos de dinámica natural

No Modelo Territorial do POL, os usos do solo de dinámica natural son aqueles que, pola escasa incidencia antrópica, presentan un maior valor ecolóxico e unha maior relevancia para o mantemento da funcionalidade dos ecosistemas naturais.

Valor catastral

É o determinado obxectivamente para cada ben inmoble a partir dos datos obrantes no Catastro Inmobiliario e estará integrado polo valor catastral do solo e o valor catastral das construcións. Para a determinación do valor catastral teranse en conta os seguintes criterios:

  • A localización do inmoble, as circunstancias urbanísticas que afecten o solo e a súa aptitude para a produción.
  • O coste de execución material das construcións, os beneficios da contrata, honorarios profesionais e tributos que gravan a construción, o uso, a calidade e a antigüidade edificatoria, así como o carácter histórico-artístico ou outras condicións das edificacións.
  • Os gastos de produción e beneficios da actividade empresarial de promoción, ou os factores que correspondan nos supostos de inexistencia da citada promoción.
  • As circunstancias e valores do mercado.
  • Calquera outro valor que regulamentariamente se determine

O valor catastral dos inmobles non poderá superar o valor de mercado. Nos bens inmobles con prezo de venta limitado administrativamente, o valor catastral non poderá en ningún caso superar dito prezo.
A determinación do valor catastral efectuarase mediante a aplicación da correspondente ponencia de valores.

Vivenda baleira

É toda vivenda que permanece sen ser ocupada, está dispoñible para a venda ou aluguer ou mesmo abandonada.

Vivenda familiar

É a vivenda destinada a ser habitada por unha ou varias persoas, xeral pero non necesariamente unidas por parentesco, e que non constitúen un colectivo. A pesar de non cumprir estritamente a definición, tamén se consideran vivendas familiares os aloxamentos.

As vivendas familiares inclúense no Censo de Vivendas, con independencia de que estean ocupadas ou non no momento censual.

Vivenda secundaria

No Censo de vivendas considérase como vivenda secundaria (ou segunda vivenda) a vivenda familiar que é utilizada só parte do ano, de forma estacional, periódica ou esporádica (por exemplo, durante as vacacións ou fins de semana), ou ben, sendo utilizada de maneira continuada e non estacional ao longo de todo o ano, non constitúe residencia habitual dun grupo de persoas (por exemplo, para alugamentos sucesivos de corta duración).

Xeoformas

Unidade simple e característica do terreo que forma parte da superficie terrestre. No Modelo Territorial do POL relaciónase cos usos do solo de dinámica natural e refírese, por exemplo a praias, dunas, lagoas e humidais costeiros e cantís.

Zona de baño

Área xeograficamente delimitada composta por unha praia e as súas augas de baño, xa sexan marítimas ou continentais.

Zona de especial protección dos valores naturais

Aqueles espazos dos que, polos seus valores ou interese natural, cultural, científico, educativo ou paisaxístico, sexa necesario asegura a súa conservación e non teñan outra protección específica.


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo