IGE -

Definicións. Medio


Augas residuais

Son aquelas que non teñen un valor inminente para ser utilizadas, ao non posuír unha suficiente calidade para un uso apropiado no momento da súa captación. As augas residuais procedentes dun usuario poden ser un subministro potencial para outro usuario.

Augas subterráneas

Refírese a auga que foi extraída, por norma xeral, desde ou pola vía dunha formación subterránea, é dicir, desde un acuífero. Os acuíferos son todos os depósitos permanentes ou temporais de auga, tanto os cargados de maneira artificial como natural, no subsolo, de suficiente calidade para un uso determinado. Nesta categoría inclúese a auga captada dos mananciais, que deben ser subterráneos. Queda excluída a auga subterránea procedente de filtracións que se incluirá en "augas superficiais".

Augas superficiais

Son aquelas augas con corrente superficial ou as que se retiran sobre a superficie dunha fondal terrestre, é dicir, embalsadas, ou as augas dos leitos naturais (ríos, regatos, lagos) e os leitos artificiais (sistemas de canalización para o regadío, a industria e a navegación, de drenaxe e as reservas artificiais). Inclúense as filtracións producidas nas ribeiras dos rías mentres que as augas de transición, pantanos salobres, lagoas e estuarios non son consideradas como augas superficiais.

Captación de auga

Consiste en extraer e/ou recoller a auga da natureza e almacenala para a súa utilización. Inclúense os servizos de embalse e a condución por arterias e conducións primarias.

Custo unitario da auga

O custo unitario da auga é o cociente entre os importes aboados polo subministro de auga máis o das cotas da rede de sumidoiros, depuración e canons de saneamento ou vertido e o volume de auga rexistrada e distribuída aos usurarios.

Distribución de auga

Esta operación inclúe o total de auga dispoñible na rede de distribución máis as perdas ocasionadas en dita rede. Obtense como suma da auga captada polas empresas máis o saldo neto das comparas e vendas de auga polas empresas ou concellos.

Emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI)

Os seis gases principais que contribúen ao efecto invernadoiro segundo o Protocolo de Kioto son os seguintes: dióxido de carbono (CO2), gas metano (CH4), óxido nitroso (N2O), hexafluoruro de xofre (SF6), hidrofluorocarbonos (HFC) e perfluorocarbonos (PFC). As emisións destes gases exprésanse en toneladas equivalentes de CO2.
Os datos das emisións por Comunidades Autónomas supoñen unha desagregación do resultado nacional. Para determinadas actividades ou subsectores emisores utilizouse o enfoque arriba-abaixo, partindo de datos aproximativos dispoñibles para cada comunidade. Por este motivo, debe terse en conta que a estimación está condicionada, na súa exactitude e precisión, pola dispoñibilidade desta información complementaria.
Tamén hai que ter en conta que a cifra de referencia utilizada para realizar o seguimento dos compromisos de cada país ante o Protocolo é inamovible (fixouse en 289.773 miles de toneladas para España, a cantidade emitida en 1990). Non obstante, e a efectos de representar as melloras producidas na estimación das emisións, a dita cifra pode ser obxecto de actualización e, de feito, en cada edición do inventario do cal se extraen os datos, a serie anual dos índices de emisións modifícase atendendo aos cambios sufridos pola cantidade de referencia.

Equipos integrados

Son aqueles que teñen unha dobre finalidade, industrial e de control da contaminación. Poden ser o resultado da modificación dun equipo ou instalación xa existente ou consistir na adquisición dun novo equipo ou instalación que responda a esa dobre finalidade. No primeiro caso, o gasto en inversión a considerar é o custo da modificación. No caso dun novo equipo ou instalación, o gasto a considerar é, exclusivamente, o custo adicional relativo á finalidade de control da contaminación.

Equipos ou instalacións independentes

Tamén se chama de final de ciclo ou non integrados. Son aqueles que operan de forma independente no proceso de produción e están destinados a reducir a descarga de contaminantes orixinados durante dito proceso. No gasto de inversión de este tipo de equipos hai que considerar o prezo de compra do equipo, as grandes reparacións efectuadas nos equipos xa existentes e/ou o custo de construción da instalación realizado pola propia empresa, incluíndo, no seu caso, os custos relativos ao deseño, o montaxe do equipo e a compra do terreo necesario para a localización.

Gastos correntes en protección do medio

Inclúen os gastos de explotación que se cargan na conta de perdas e ganancias do Plan Xeral de Contabilidade, e que teñen como principal obxectivo a prevención, redución, tratamento ou eliminación da contaminación ou calquera outra degradación do medio ambiente que xurda como resultado da actividade da empresa. Comprenden fundamentalmente os pagos por compras de servizos de protección ambiental a outras empresas. Tamén se inclúen os gastos asociados aos equipos utilizados (reparacións, consumo de enerxía e de materias primas), así como outros gastos relacionados coa protección do medio, tales como gastos de persoal ocupado en actividades de protección ambiental, gastos en actividades de I+D relacionadas co medio, custos adicionais pola utilización de produtos limpos, gastos en produtos que protexen o medio ambiente e pagos pola xestión de envases.

Investimentos

Nas estatísticas relacionadas co medio ambiente defínense coma os recursos de capital adquiridos para ser utilizados no proceso produtivo durante máis dun ano. Dentro deste concepto, hai que distinguir os incrementos reais de activos (compras de bens de equipo ou de activos inmateriais) e as diminucións de activos (ventas ou cesións de equipos ou activos inmateriais) realizados pola empresa no ano de referencia.

En Confianza empresarial este concepto comprende a adquisición de activos fixos por parte dunha unidade produtiva para ser utilizados na produción por un período de tempo superior a un ano.

Protección do medio

Comprende todas as actividades que teñen como principal obxectivo a prevención, redución e eliminación da contaminación e calquera degradación do medio. Quedan excluídas aquelas actividades que, aínda que teñen un efecto beneficioso sobre o medio ambiente, responden principalmente a necesidades técnicas, de hixiene o seguridade da empresa. Dentro das actividades de protección do medio ambiente están os servizos de medida e control da contaminación, a recollida e eliminación de residuos, o tratamento de augas residuais e as actividades de investigación e desenvolvemento relacionadas co medio, etc.

Protocolo de Kioto sobre o cambio climático

É un acordo internacional ratificado dentro da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (CMNUCC), que ten por obxecto reducir as emisións de seis gases de efecto invernadoiro (GEI) que causan o quentamento global do planeta. O Protocolo foi inicialmente adoptado en decembro de 1997 en Kioto (Xapón), aínda que non entrou en vigor ata o 2005. Entre esta data e o ano 2009, 187 países industrializados ratificaron o Protocolo, comprometéndose a diminuír nunha porcentaxe aproximada do 5% as súas emisións de GEI no período 2008 a 2012, en relación á cantidade emitida en 1990.
Segundo a dita cantidade, España terá que situar as súas emisións no 2012 nun índice do 115% con respecto á cantidade emitida no 1990 (289.773 miles de toneladas de CO2 equivalente).

Reciclado

Consiste na transformación dos residuos, mediante un proceso de produción, para alargar a vida útil dun produto ou para outros fins. Inclúese o reciclado orgánico pero non a incineración con recuperación de enerxía.

Recollida selectiva

Consiste na recollida diferenciada de materiais orgánicos fermentables e de materiais que se poidan reciclar, así como calquera outro sistema de recollida diferenciada que permita a separación dos materiais valorables contidos nos residuos.

Residuos urbanos ou municipais

Defínense como aqueles residuos xerados nos domicilios particulares, comercios, oficinas e servizos, así como todos aqueles que non teñan a cualificación de perigosos e que pola súa natureza ou composición podan asimilarse aos producidos nos anteriores lugares ou actividades (limpeza das vías públicas, zonas verdes, animais domésticos mortos, residuos e escombros, procedentes de obras menores da construción, etc.)

Tratamento de augas residuais

É o procedemento para devolver as augas residuais á natureza en condicións óptimas de calidade ou para ser reciclada ou volta a utilizar.


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo