IGE -

Definicións. Tributos


Base impoñible

É a magnitude monetaria ou de outra natureza que resulta da medición ou valoración do feito impoñible do imposto (art. 50 e seguintes da Lei Xeral Tributaria). A base impoñible poderá determinarse polos seguintes métodos:

  • Estimación directa: método de estimación do feito impoñible no que se utilizan as declaracións ou documentos presentados polos contribuíntes, os datos consignados en libros e rexistros e demais xustificantes e datos que teñan relación cos elementos da obriga tributaria.
  • Estimación obxectiva: método de estimación no que se determina a base impoñible mediante a aplicación das magnitudes, índices, módulos ou datos previstos na normativa de cada tributo.
  • Estimación indirecta: método subsidiario de estimación que se aplica cando a Administración Tributaria non pode dispor dos datos necesarios para a determinación completa da base impoñible. Neste caso, a base calcúlase mediante a utilización de datos e antecedentes dispoñibles do imposto (por exemplo , declaracións de anos anteriores) e de elementos que indirectamente acrediten a existencia dos bens, das rendas, vendas, custos e rendementos suxeitos ao imposto.
No Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) a base impoñible está constituída polo importe da renda do contribuínte (art. 16 e seguintes da Lei do IRPF). Para a súa cuantificación, os distintos tipos de renda cualifícanse e cuantifícanse con arranxo a súa orixe. Das mesmas detráense os gastos deducibles a efectos de determinar o seu importe neto, e aplícanse as reducións sobre o rendemento íntegro ou neto que correspondan a cada unha das fontes de renda. Finalmente, procédese á integración e compensación das diferentes rendas segundo a súa clasificación como renda xeral ou do aforro, dando lugar á desagregación da base impoñible na base xeral e na do aforro. A parte xeral integra as rendas xeradas no período impositivo; estas son: os rendementos do traballo, unha parte dos rendementos procedentes do capital mobiliario (cantidades derivadas do arrendamento de bens mobles, rendementos derivados da propiedade intelectual, etc.), os rendementos procedentes de bens inmobles non afectos a actividades económicas (excluída a vivenda habitual), os rendementos procedentes de actividades económicas (tanto en estimación directa como en estimación obxectiva), rendas imputadas e ganancias patrimoniais. A parte do aforro componse da outra parte dos rendementos procedentes do capital mobiliario (intereses de contas, depósitos e activos financeiros, dividendos, rendementos procedentes da transmisión, amortización ou reembolso de activos financeiros, etc.).
No Imposto sobre bens inmobles (IBI) de natureza rústica e urbana, a base impoñible está constituída polo valor catastral dos bens de natureza rústica ou urbana respectivamente.

Base liquidable

É a magnitude resultante de practicar, se procede, na base impoñible as reducións establecidas na lei de cada imposto (art. 54 da Lei Xeral Tributaria).
No Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) a base liquidable é o resultado de practicar na base impoñible xeral as reducións que determina a lei do imposto (art. 50 e seguintes da Lei do IRPF); entre outras, reducións por tributación conxunta, reducións por atención a situacións de dependencia e envellecemento (por achegas e contribucións a sistemas de previsión social, por achegas a patrimonios protexidos de persoas con discapacidade, etc.), por pensións compensatorias e anualidades por alimentos, cotas de afiliación e demais achegas aos partidos políticos, etc. Esta base liquidable desagrégase en dúas partes: a base liquidable xeral e a base liquidable do aforro.

Cadro por partidas do IRPF

Clasificación das principais magnitudes do Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) por partidas:

  • Rendementos do traballo: 021
  • Rendementos do capital mobiliario: 035+050
  • Bens inmobles non afectos a actividades económicas: 080+085
  • Rendementos de actividades económicas: 140+170+197
    • En estimación directa: 140
    • En estimación obxectiva: 170+197
  • Réximes especiais: 220+221+222+223+245+255+265+275
  • Base impoñible: 455+465
    • Base impoñible xeral: 455
    • Base impoñible do aforro: 465
  • Reducións á base impoñible: 470+500+505+530+560+585+600
    • Achegas a plans de pensións: 500+505+530
  • Base liquidable: 618+630
    • Base liquidable xeral: 618
    • Base liquidable do aforro: 630
  • Datos adicionais (rendas exentas, agás para determinar o tipo de gravame correspondente á base liquidable xeral e importe das anualidades por alimentos en favor dos fillos satisfeitas por decisión xudicial). 687+688
  • Cota íntegra estatal: 698
  • Cota íntegra autonómica: 699
  • Deducións xerais: 700+702+704+706+708+710+712+714
    • Por vivenda habitual: 700+701
  • Deducións autonómicas: 717
  • Cota líquida estatal: 720
  • Cota líquida autonómica: 721
  • Cota líquida incrementada: 732
  • Deducións da cota íntegra incrementada total: 733+734+735+736+737+738+739
  • Cota resultante da autoliquidación: 741
  • Retencións e demais pagos a conta: 754
  • Resultado da declaración: 760

Canon de saneamento

É un tributo propio de Galicia que grava a produción de vertidos de augas e produtos residuais realizados directa ou indirectamente polos usuarios domésticos e industriais de auga, e susceptibles de contaminar as augas continentais ou marítimas. Enténdese realizado o feito impoñible polo consumo ou pola realización potencial ou real da auga de calquera procedencia.

Canon eólico

Tributo propio creado pola Comunidade Autónoma de Galicia mediante a Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. Trátase dunha prestación patrimonial de dereito público de natureza extrafiscal e real, que con carácter compensatorio, trata de regular e contribuír a preservar o medio na súa consideración de ben protexido. O feito impoñible é a xeración de afeccións e impactos visuais e ambientais adversos sobre o medio natural e sobre o territorio, como consecuencia da instalación en parques eólicos de aeroxeradores afectos á produción de enerxía eléctrica e situados no territorio da comunidade autónoma de Galicia. A cota tributaria establécese como un importe fixo por aeroxerador establecido por tramos en función do número de aeroxeradores instalados, estando exenta en número de 1 a 3. Tamén considera bonificacións pola redución do número de aeroxeradores derivados dun aumento da eficiencia dos mesmos que non constitúa un salto de tramo. Os ingresos derivados do canon, deducidos os custos de xestión, deben ser destinados á conservación, reposición e restauración do medio, así como a actuacións de compensación e reequilibrio ambiental e territorial das que serán principais beneficiarios os municipios afectados pola implantación de parques eólicos e polas instalacións de evacuación destes.

Compras correntes (IVE)

O concepto de compra corrente utilizado na estatística do Imposto sobre o valor engadido (IVE) abarca, en termos do Plan Xeral Contable (contas do subgrupo 60), as compras e traballos realizados por outras empresas, así como os gastos en I+D, en arrendamentos e canons, en reparación e conservación, en servizos profesionais, de transporte, en publicidade, subministracións e outros servizos (incluídos os servizos bancarios que non teñan a condición de gastos financeiros).

Contribucións especiais

Son aqueles tributos nos que o feito impoñible consiste na obtención polo suxeito pasivo dun beneficio ou incremento de valor dos seus bens, como consecuencia da realización de obras públicas ou do establecemento ou ampliación de servizos públicos.

Cota diferencial

É o resultado de minorar a cota líquida no importe das deducións, pagos fraccionados, retencións, ingresos a conta e cotas, conforme á normativa de cada tributo (art. 56 da Lei Xeral Tributaria).
No Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) a cota diferencial é o resultado de minorar a cota líquida incrementada total do imposto (suma das cotas estatal e autonómica), no importe dunha serie de deducións (as máis importantes, por dobre imposición internacional e por obtención de rendementos do traballo ou de actividades económicas inferiores a unha determinada contía) e no importe das retencións, ingresos a conta e pagos fraccionados practicados ao longo do ano fiscal (art. 79 e seguintes da Lei do IRPF).

Cota íntegra

É o resultado de aplicar o tipo de gravame (de carácter proporcional ou progresivo, segundo corresponda) á base liquidable. A cota íntegra tamén pode vir determinada, se así se estipula na lei do tributo, por unha cantidade monetaria fixa sinalada ao efecto (art. 56 da Lei Xeral Tributaria).
No Imposto sobre a renda das persoas físicas, ao estar cedido en parte ás comunidades autónomas, a cota íntegra divídese en dúas partes: a cota íntegra estatal e a autonómica. A primeira é o resultado de sumar as cantidades resultantes de aplicar os tipos de gravame estatais ás bases liquidables xeral e do aforro. A segunda, pola súa parte, é o resultado de sumar as cantidades resultantes de aplicar as escalas de gravame autonómicas ás bases liquidables xeral e do aforro (art. 62 e seguintes da Lei do IRPF).

Cota líquida

É o resultado de diminuír a cota íntegra no importe das deducións, bonificacións, adicións e coeficientes previstos na lei de cada tributo (art. 56 da Lei Xeral Tributaria).
No Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF), ao estar cedido en parte ás comunidades autónomas, a cota líquida desagrégase en dúas partes: a cota líquida estatal e a autonómica. Da cota íntegra estatal detráese o 50% dunha serie de deducións (entre outras, a dedución por inversión en vivenda habitual, por incentivos e estímulos á inversión empresarial, por inversións ou gastos de interese cultural) e a totalidade doutro conxunto de deducións (por exemplo, a dedución xeral por aluguer da vivenda habitual) para calcular a cota líquida estatal. Da cota íntegra autonómica detráese o outro 50% das deducións xa aplicadas sobre a cota íntegra estatal, máis as deducións fixadas por cada comunidade autónoma. En Galicia, na actualidade, están fixadas deducións autonómicas por nacemento ou adopción de fillo, por familia numerosa, por coidade do fillos menores, por gastos dirixidos ao uso de novas tecnoloxías, por contribuíntes discapacitados de idade igual ou superior a 65 anos que precisen axuda de terceiras persoas, para o fomento do autoemprego dos homes menores de 35 anos e as mulleres (calquera que sexa a súa idade) e unha dedución propia por aluguer da vivenda habitual (art. 67 e seguintes da Lei do IRPF).

Cota líquida incrementada

É o resultado de incrementar a cota líquida do Imposto sobre a rendas das persoas físicas (IRPF) no importe que corresponda ás deducións aplicadas en exercicios anteriores, que xa non lle son de aplicación á persoa (o contribuínte perdeu o dereito a deducir esas cantidades).

Criterio de caixa (ou de recadación líquida)

É unha medida de natureza contable que se obtén como diferenza entre a recadación bruta aplicada e as devolucións pagadas. A natureza "aplicada" quere dicir que o criterio temporal de rexistro é o de aplicación dos ingresos correspondentes ao orzamento. Inclúe os ingresos do orzamento corrente e dos exercicios pechados.

Gravame sobre a contaminación atmosférica

É un imposto indirecto propio da Comunidade Autónoma de Galicia que recaerá sobre as emisións de focos situados dentro do ámbito territorial da comunidade autónoma. Constitúe o feito impoñible a emisión á atmosfera de calquera das seguintes substancias:

  • Dióxido de xofre ou calquera outro composto osixenado do xofre.
  • Dióxido de nitróxeno ou calquera outro composto osixenado do nitróxeno.

Imposto

Son tributos esixidos sen contraprestación, nos que o feito impoñible está constituído por negocios, actos ou feitos de natureza xurídica ou económica, que poñen de manifesto a capacidade contributiva do suxeito pasivo, como consecuencia da posesión dun patrimonio, a circulación de bens ou a adquisición ou gasto da renda.

Imposto especial sobre a cervexa

É un imposto especial de fabricación, que grava o consumo de cervexa e os produtos constituídos por mesturas de cervexa con bebidas analcohólicas, cando o seu grao alcohólico volumétrico adquirido sexa superior a 0,5% vol. (clasificados no código NC 2203). Esíxese en todo o territorio español, a excepción de Ceuta e Melilla, e con inclusión das Illas Canarias.
Os obrigados ao ingreso dos importes deste imposto son os encargados da fabricación e/ou importación dos produtos suxeitos, os cales os deberán repercutir aos adquirentes finais ou consumidores dos bens.
Coa entrada en funcionamento no ano 2002 do novo modelo de financiamento autonómico, cedeuse ás comunidades autónomas unha parte da recadación líquida do imposto especial sobre a cervexa producida nos seus respectivos territorios. O Estado resérvase todas as competencias normativas sobre este imposto.

Imposto especial sobre a electricidade

É un imposto especial de fabricación, que grava o consumo de enerxía eléctrica. O imposto especial sobre a electricidade esíxese en todo o territorio español, con inclusión das Illas Canarias, Ceuta e Melilla.
Os obrigados ao ingreso dos importes deste imposto son os encargados da fabricación e/ou importación dos produtos suxeitos, os cales os deberán repercutir aos adquirentes finais ou consumidores dos bens.
Coa entrada en funcionamento no ano 2002 do novo modelo de financiamento autonómico, cedeuse ás comunidades autónomas a recadación líquida do imposto especial sobre a electricidade producida nos seus respectivos territorios. O Estado resérvase todas as competencias normativas.

Imposto especial sobre as labores do tabaco

É un imposto especial de fabricación, que grava o consumo de cigarros, picadura para liar e os demais tabacos para fumar. Esíxese en todo o territorio español, a excepción das Illas Canarias, Ceuta e Melilla.
Os obrigados ao ingreso dos importes deste imposto son os encargados da fabricación e/ou importación dos produtos suxeitos, os cales os deberán repercutir aos adquirentes finais ou consumidores dos bens.
Coa entrada en funcionamento no ano 2002 do novo modelo de financiamento autonómico, cedeuse ás comunidades autónomas unha parte da recadación líquida do imposto especial sobre as labores do tabaco producida nos seus respectivos territorios. O Estado resérvase todas as competencias normativas.

Imposto especial sobre determinados medios de transporte

É un imposto especial que grava a primeira matriculación definitiva en España de vehículos automóbiles, novos ou usados, provistos de motor para a súa propulsión (están exentos do pago os vehículos destinados ao transporte de viaxeiros -de máis de 8 prazas- ou mercadorías, os ciclomotores, os vehículos para persoas con mobilidade reducida, entre outros); embarcacións e buques de recreo ou de deportes náuticos, novos ou usados de máis de 8 metros de eslora; avións, avionetas e demais aeronaves, novas ou usadas, provistas de motor mecánico. Este imposto grava a primeira matriculación de medios de transporte en territorio español, incluíndo dentro del as Illas Canarias, Ceuta e Melilla.
Coa entrada en funcionamento no ano 2002 do novo modelo de financiamento autonómico, cedeuse ás comunidades autónomas a recadación líquida por este imposto producida nos seus respectivos territorios. A Agencia Estatal de la Administración Tributaria resérvase a totalidade das competencias normativas; non obstante, a lei ofrece ás administracións autonómicas a posibilidade de incrementar os tipos de gravame a aplicar sobre determinados medios.

Imposto especial sobre hidrocarburos

É un imposto especial de fabricación, que grava o consumo de combustibles e aceites minerais, de hidrocarburos e os produtos derivados da súa transformación (gasolinas, gasóleos, fuelóleos, GLP, metano, queroseno, etc.). Unha das principais características deste tributo é que establece distintos tipos de gravame para os produtos suxeitos segundo o uso que se faga deles: como carburante para ser utilizado como combustión en vehículos de motor; como combustible para ser utilizado en calefacción; ou na fabricación doutros produtos. Ademais, o tipo de gravame divídese nunha tarifa estatal e outra autonómica.
O imposto especial sobre hidrocarburos esíxese en todo o territorio español, a excepción das Illas Canarias, Ceuta e Melilla. Os obrigados ao ingreso dos importes tributarios son os encargados da fabricación e/ou importación dos produtos suxeitos, os cales os deberán repercutir aos adquirentes finais ou consumidores dos bens.
Coa entrada en funcionamento no ano 2002 do novo modelo de financiamento autonómico, cedeuse ás comunidades autónomas unha parte do rendemento derivado do tipo estatal producido nos territorios autonómicos. Tamén se cedeu a totalidade do rendemento derivado do tipo autonómico. O Estado resérvase todas as competencias normativas, pero permite ás comunidades autónomas a determinación dos tipos de gravame autonómicos aplicables a certos produtos.

Imposto especial sobre o alcohol e bebidas derivadas

É un imposto especial de fabricación, que grava o consumo dos seguintes produtos:

  • Todos os produtos cun grao alcohólico volumétrico adquirido superior a 1,2% vol., clasificados nos códigos 2207 e 2208 da nomenclatura arancelaria e estatística e ao arancel aduaneiro común (en adiante Nomenclatura Combinada ou NC), incluso cando os ditos produtos formen parte dun produto clasificado nun capítulo distinto do 22.
  • Os produtos clasificados nos códigos NC 2204, 2205 e 2206, cun grao alcohólico volumétrico adquirido superior ao 22% vol.
  • O alcohol que conteña produtos sólidos ou outros produtos vexetais en solución.
O imposto especial sobre o alcohol e bebidas derivadas esíxese en todo o territorio español, a excepción de Ceuta e Melilla, e con inclusión das Illas Canarias. Os obrigados ao ingreso dos importes deste imposto son os encargados da fabricación e/ou importación dos produtos suxeitos, os cales os deberán repercutir aos adquirentes finais ou consumidores dos bens.
Coa entrada en funcionamento no ano 2002 do novo modelo de financiamento autonómico, cedeuse ás comunidades autónomas unha parte da recadación líquida deste imposto producida nos seus respectivos territorios. O Estado resérvase todas as competencias normativas sobre este imposto.

Imposto especial sobre o carbón

Trátase dun tributo especial introducido por esixencias de adaptación ás directivas europeas. Constitúe o feito impoñible do imposto a posta a consumo de carbón e os seus derivados no ámbito territorial español, con excepción das Illas Canarias, Ceuta e Melilla; máis concretamente, a posta a consumo de produtos comprendidos nos códigos 2701, 2702, 2704, 2708, 2713 e 2714 da nomenclatura combinada europea.
Os suxeitos obrigados ao ingreso das cotas tributarias serán os produtores ou extractores, importadores ou adquirentes intracomunitarios de carbón, así como os empresarios revendedores que realicen as vendas ou operacións de autoconsumo suxeitas ao imposto. Agora ben, estes deberán repercutir o gravame sobre os consumidores finais de carbón.

Imposto especial sobre o viño e bebidas fermentadas

É un imposto especial de fabricación, que grava o consumo de viños tranquilos, espumosos, bebidas fermentadas tranquilas e espumosas. Esíxese en todo o territorio español, a excepción das Illas Canarias, Ceuta e Melilla.
Os obrigados ao ingreso dos importes son os encargados da fabricación e/ou importación dos produtos suxeitos, os cales os deberán repercutir aos adquirentes finais ou consumidores dos bens.
Coa entrada en funcionamento no ano 2002 do novo modelo de financiamento autonómico, cedeuse ás comunidades autónomas unha parte da recadación líquida do tributo producida nos seus respectivos territorios. O Estado resérvase todas as competencias normativas sobre este imposto.

Imposto especial sobre produtos intermedios

É un imposto especial de fabricación, que grava o consumo de determinados produtos de gradación alcohólica comprendida entre 1,2% vol. e 22% vol., non comprendidos dentro do ámbito dos impostos especiais sobre a cervexa e sobre o viño e as bebidas fermentadas. Esíxese en todo o territorio español, a excepción de Ceuta e Melilla, e con inclusión das Illas Canarias.
Os obrigados ao ingreso dos importes deste imposto son os encargados da fabricación e/ou importación dos produtos suxeitos, os cales os deberán repercutir aos adquirentes finais ou consumidores dos bens.
Coa entrada en funcionamento no ano 2002 do novo modelo de financiamento autonómico, cedeuse ás comunidades autónomas unha parte da recadación líquida do imposto especial sobre produtos intermedios producida nos seus respectivos territorios. O Estado resérvase todas as competencias normativas sobre este imposto.

Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF)

É un tributo de carácter directo e natureza persoal que grava, segundo os principios de igualdade, xeneralidade e progresividade, a renda das persoas físicas de acordo coas súas circunstancias familiares e persoais. Constitúe o obxecto deste imposto a renda do contribuínte, entendida como a totalidade dos seus rendementos, ganancias e perdas patrimoniais, así como as imputacións de renda que se establezan por lei. O IRPF aplícase en todo o territorio español, sen prexuízo das especificidades normativas das que gozan o País Vasco e Navarra en base aos seus réximes tributarios especiais, Canarias, Ceuta e Melilla.
O tipo de gravame do imposto divídese nunha tarifa estatal e outra autonómica. O IRPF está cedido en parte ás comunidades autónomas. O importe da cesión concrétase na recadación resultante da aplicación do tipo autonómico ás rendas producidas nos territorios autonómicos. Ademais, as administracións autonómicas dispoñen de competencias normativas no que se refire ao cálculo da escala autonómica aplicable á base liquidable xeral, o importe dos mínimos persoal e familiar no cálculo do gravame autonómico e as deducións na cota íntegra autonómica.

Imposto sobre a renda dos non residentes

É un tributo de carácter directo que grava a renda obtida en territorio español polas persoas físicas e entidades non residentes no mesmo. Este imposto será de aplicación en todo o territorio español, con atención ás especificidades propias dos réximes tributarios forais vixentes no País Vasco e Navarra, e á normativa específica en materia de tributos das Illas Canarias, Ceuta e Melilla.

Imposto sobre actividades económicas

É un imposto de ámbito municipal, directo, de carácter real, cuxo feito impoñible está constituído polo mero exercicio, en territorio nacional, de actividades empresariais, profesionais ou artísticas, independentemente de que se exerzan ou non nun determinado local ou de que se atopen especificadas nas tarifas do imposto.
Para os efectos deste tributo, considéranse actividades empresariais as gandeiras, cando teñan carácter independente, as mineiras, industriais, comerciais e de servizos. Non teñen, por conseguinte, tal consideración as actividades agrícolas, as gandeiras dependentes, as forestais e as pesqueiras, e non constitúen feito impoñible polo imposto ningunha delas.
As deputacións provinciais poden establecer un recargo sobre este imposto. Este recargo esixiráselles aos mesmos suxeitos pasivos e nos mesmos casos contemplados na normativa reguladora do imposto e consistirá nunha porcentaxe única que recaerá sobre as cotas municipais. O tipo non poderá ser superior ao 40%.

Imposto sobre as vendas polo miúdo de determinados hidrocarburos

É un imposto indirecto que recae sobre o consumo de hidrocarburos (gasolinas, gasóleo, fuelóleo e queroseno) gravando en fase única as vendas polo miúdo destes hidrocarburos. Os rendementos derivados deste imposto quedarán afectados na súa totalidade ao financiamento de gastos de natureza sanitaria. Non obstante, a parte dos recursos derivados dos tipos de gravame autonómicos poderá dedicarse a financiar actuacións ambientais.
A partir do 1 de xaneiro de 2013 o imposto sobre as ventas polo miúdo de determinados hidrocarburos pasa a integrarse no imposto especial sobre hidrocarburos.

Imposto sobre bens inmobles (IBI)

É un imposto de ámbito municipal, directo, de carácter real que grava o valor dos bens inmobles.
O feito impoñible do imposto está constituído pola titularidade dos seguintes dereitos sobre os bens inmobles rústicos e urbanos e sobre os inmobles de características especiais:

  • Dunha concesión administrativa sobre os propios inmobles ou sobre os servizos públicos polos que estean afectados.
  • Dun dereito real de superficie.
  • Dun dereito real de usufruto.
  • Do dereito de propiedade.
Non están suxeitos a este imposto:
  • As estradas, os camiños e demais vías terrestres e os bens do dominio público marítimo-terrestre e hidráulico, sempre que sexan de aproveitamento público e gratuíto.
  • Os seguintes bens inmobles propiedade dos concellos nos que estean encravados.
    • Os de dominio público afectos a uso público.
    • Os de dominio público afectados a un servizo público xestionado directamente polo concello, excepto cando se trate de inmobles cedidos a terceiros mediante contraprestación.
    • Os bens patrimoniais, exceptuados igualmente os cedidos a terceiros mediante contraprestación.

Imposto sobre construcións, instalacións e obras

É un imposto de ámbito municipal e indirecto cuxo feito impoñible está constituído pola realización, dentro do termo municipal, de calquera construción, instalación ou obra para a que se esixa a obtención da correspondente licenza de obras ou urbanística, independentemente de que se obtivese dita licenza ou non, ou para a que se esixa prestación de declaración responsable ou comunicación previa, sempre que a expedición da licenza ou a actividade de control corresponda ao concello da imposición.

Imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos de auga encorada

É un tributo propio da Comunidade Autónoma de Galicia, de natureza real e finalidade extrafiscal, que somete a gravame o dano medioambiental causado pola realización de determinadas actividades que utilizan auga encorada. Constitúe o feito impoñible a realización de actividades industriais mediante o uso ou aproveitamento da auga encorada, cando o dito uso ou aproveitamento altere ou modifique substancialmente os valores naturais dos ríos e, en especial, o caudal e velocidade da auga na súa canle natural.

Imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana

É un imposto de ámbito municipal e directo que grava o incremento do valor que experimenten os terreos de natureza urbana e que se pon de manifesto como consecuencia da transmisión da propiedade dos terreos por calquera título ou da constitución ou transmisión de calquera dereito real de goce, limitativo do dominio, sobre os devanditos terreos.

Imposto sobre o patrimonio

É un tributo de carácter directo e persoal que grava o patrimonio neto das persoas físicas, isto é, o conxunto de bens e dereitos de contido económico dos que sexa titular, con dedución das cargas e gravames que diminúan o seu valor, así como as débedas e obrigas persoais das que deba responder. O imposto sobre o patrimonio aplícase en todo o territorio, sen prexuízo das especificidades normativas das que gozan o País Vasco e Navarra en base aos seus réximes tributarios especiais.
O rendemento do imposto xerado no territorio galego está cedido na súa totalidade á nosa comunidade autónoma. Ademais, disponse de competencias normativas no que a mínimo exento, tipo de gravame, deducións e bonificacións sobre a cota se refire.

Imposto sobre o valor engadido (IVE)

É un tributo de natureza indirecta que recae sobre o consumo e grava as entregas de bens e prestación de servizos realizadas por empresarios e profesionais, as adquisicións intracomunitarias e as importacións de bens. O ámbito espacial de aplicación deste imposto é todo o territorio español, con inclusión das Illas Baleares (non así das Canarias, onde o consumo non é gravado por medio do IVE, senón doutro imposto existente nestas illas), o mar territorial ata o límite das 12 millas náuticas e o espazo aéreo correspondente ao dito ámbito. No País Vasco e Navarra existen algunhas especificidades a ter en conta na xestión do dito imposto, en virtude dos réximes tributarios especiais vixentes nestes territorios.
Os suxeitos obrigados ao ingreso do imposto nas arcas públicas son os empresarios ou profesionais que realicen a entrega dos bens, a prestación dos servizos ou a importación das mercadorías. Agora ben, a lei estipula que os suxeitos pasivos do imposto deben repercutilo integramente sobre as persoas a favor das cales se realicen as susoditas entregas e importacións que, en última instancia, son os consumidores.
Trátase dun imposto proporcional, cuxo tipo impositivo xeral actualmente se sitúa no 21%; non obstante, o consumo dalgunhas categorías de bens, especialmente alimentos e servizos relacionados coa vivenda, están gravados cun tipo reducido, do 10%, e os considerados de primeira necesidade para o ser humano, cun tipo súper reducido do 4%.
Coa entrada en funcionamento no ano 2002 do novo modelo de financiamento das comunidades autónomas de réxime común, a recadación deste imposto foi cedida de forma parcial á administración galega. No referido ás competencias normativas sobre a xestión, liquidación, recadación e inspección, o Estado resérvase todos os dereitos.

Imposto sobre o xogo do bingo

É un imposto indirecto propio da Comunidade Autónoma de Galicia. Constitúe o feito impoñible deste tributo a participación no xogo do bingo nos locais onde se celebre ou organice.

Imposto sobre primas de seguro

É un tributo de natureza indirecta que grava as operacións de seguro e capitalización (agás plans e fondos de pensións, seguros de vida, de crédito á exportación, asistencia sanitaria, etc.).

Imposto sobre sociedades

É un tributo de carácter directo, proporcional e natureza persoal que grava a renda das sociedades e demais entidades xurídicas que teñan a súa residencia no Estado español.
O imposto sobre sociedades aplícase en todo o territorio, sen prexuízo das especificidades normativas das que gozan o País Vasco e Navarra en base aos seus réximes tributarios especiais. Ademais, a efectos do imposto, intégranse dentro do territorio español aquelas zonas adxacentes ás augas territoriais sobre as que España poida exercer os dereitos que lle correspondan, referidos ao chan ou ao subsolo mariño e aos seus recursos naturais.

Imposto sobre sucesións e doazóns

É un tributo de carácter directo e natureza subxectiva que completa a tributación directa en España; grava de forma progresiva os incrementos de patrimonio obtidos a título lucrativo polas persoas físicas (herdanzas, legados ou calquera outro título sucesorio; doazóns entre vivos; percepcións obtidas polos beneficios de seguros de vida, etc.).
O imposto sobre sucesións e doazóns esíxese en todo o territorio español, sen prexuízo do disposto nos Réximes Tributarios Forais vixentes nos territorios históricos do País Vasco e Navarra.
Trátase dun imposto cuxo rendemento foi cedido na súa totalidade á comunidade autónoma galega. A dita cesión veu acompañada, ademais, da atribución de competencias normativas sobre as reducións a aplicar na base impoñible, a tarifa do imposto, e as deducións e bonificacións sobre a cota tributaria, entre outras cousas.

Imposto sobre tráfico exterior

Imposto indirecto que grava o tráfico exterior de mercancías (importación e exportación) e que se regula mediante o arancel de aduanas. Ata o ano 1986 era renda de aduanas pero a integración de España na Comunidade Económica Europea esixiu adecuar a lexislación nacional en materia de unión aduaneira ás normas do dereito privado vixentes na Comunidade.

Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados

É un tributo de natureza indirecta que grava:

  • As transmisións patrimoniais onerosas, isto é, transaccións non gratuítas inter vivos de toda clase de bens e dereitos que integran o patrimonio das persoas físicas e xurídicas; a constitución de dereitos reais, préstamos, fianzas, arrendamentos, pensións e concesións administrativas; as adxudicacións en pago ou para o pago de débedas, as adxudicacións expresas para asumir débedas do transmitente, os excesos de adxudicacións declarados, os expedientes de dominio, as actas de notoriedade e a constitución de condicións resolutorias explícitas.
  • Operacións societarias, é dicir, a constitución de sociedades, o aumento ou diminución do seu capital social, a disolución de sociedades, as achegas que efectúan os socios aínda que non supoñan un aumento do capital social, o traslado a España da sede da dirección ou o domicilio social dunha sociedade non instalada previamente nun país UE.
  • Os actos xurídicos documentados: os documentos notariais (por exemplo, as escrituras públicas, as actas, testemuños, etc.), os documentos mercantís (por exemplo, as letras de cambio, comprobantes de depósito, billetes de empréstito, bonos, obrigacións, etc.), os documentos administrativos e xudiciais (por exemplo, as anotacións preventivas de embargo, a transmisión e rehabilitación de títulos nobiliarios e anotacións preventivas), etc.
O imposto sobre actos patrimoniais e actos xurídicos documentados esíxese en todo o territorio español, sen prexuízo do disposto nos Réximes Tributarios Forais vixentes nos territorios históricos do País Vasco e Navarra.
Trátase dun imposto cuxo rendemento foi cedido á comunidade autónoma galega. A dita cesión veu acompañada, ademais, da atribución de competencias normativas sobre os tipos de gravame, as deducións e bonificacións sobre a cota tributaria. Tamén se contempla a asunción de competencias nas tarefas de xestión e liquidación do imposto.

Imposto sobre vehículos de tracción mecánica

É un imposto de ámbito municipal e directo que grava a titularidade dos vehículos de esta natureza, aptos para circular polas vías públicas, calquera que sexa a súa clase ou categoría.

Impostos directos

Son aqueles impostos que gravan a posesión dun patrimonio ou a obtención dunha renda, en canto reflictan directamente a capacidade económica do individuo.

Impostos especiais

Son tributos de natureza indirecta que recaen sobre o consumo de bens e servizos específicos e que gravan a fabricación, importación e, no seu caso, introdución no ámbito territorial interno destes bens, así como a matriculación de determinados medios de transporte e a posta a consumo de carbón. Comprenden os seguintes tributos:

  • Os impostos especiais sobre a fabricación (sobre o alcohol e as bebidas derivadas -cervexa, viño e bebidas fermentadas, produtos intermedios, alcohol e bebidas derivadas-, sobre as labores do tabaco, sobre hidrocarburos e sobre a electricidade).
  • O imposto especial sobre determinados medios de transporte.
  • O imposto especial sobre o carbón.
A súa xustificación estriba en que o consumo dos bens que son obxecto destes impostos xera uns custos sociais, custos que non son tidos en conta á hora de fixar os seus prezos de compra. De aí a necesidade de gravar este tipo de consumo, ademais de co tipo xeral do IVE, cunha figura impositiva específica que, ademais de cumprir unha función recadatoria, xogue un papel dentro das políticas sanitarias, enerxéticas, de transportes e do medio ambiente.

Impostos indirectos

Os impostos indirectos someten a tributación manifestacións mediatas ou indirectas da capacidade económica, como ocorre coa circulación ou o consumo da riqueza.

Inmoble

Por regra xeral, un inmoble é toda parcela ou porción de solo de natureza urbana, enclavada nun termo municipal e cerrada por unha liña poligonal que delimita o ámbito do dereito de propiedade dun propietario ou de varios pro indiviso, e no seu caso as construcións emprazadas en dito ámbito.

No Censo de poboación e vivendas un inmoble é cada un dos ocos que configuran os edificios, xa sexan vivendas ou locais.

Investimento neto

Na estatística do Imposto sobre o valor engadido (IVE) obtense por diferenza entre as compras de bens de investimento e as vendas desa mesma natureza (art. 108 da Lei do IVE). Considéranse bens de investimento os bens corporais, mobles, semovientes (isto é, aquela parte do patrimonio que é quen de moverse por si só, como por exemplo, os animais para produción económica ou cabezas de gando) ou inmobles que, pola súa natureza e función, estean normalmente destinados a ser utilizados por un período de tempo superior a un ano como instrumentos de traballo ou medios de explotación. A estes efectos, non teñen a consideración de bens de investimento:

  • Os accesorios, pezas de recambio e execucións de obra para a reparación de bens de investimento.
  • Os envases e embalaxes, aínda que sexan susceptibles de reutilización.
  • As roupas utilizadas para o traballo polos suxeitos pasivos ou o seu persoal.
  • Calquera outro ben de valor inferior a 3.000€.

Mínimos persoal e familiar do IRPF

Constitúe a parte da base liquidable do Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) que, por destinarse a satisfacer as necesidades básicas persoais e familiares do contribuínte, non se somete a tributación por este imposto (art. 56 e seguintes da Lei do IRPF).

Parcela catastral urbana

Enténdese por parcela catastral urbana a unidade diferenciada de solo (con ou sen construción).

Recargas sobre tributos estatais

A Constitución española sinala que as comunidades autónomas poden establecer recargas sobre tributos estatais e a LOFCA (Lei orgánica 8/1980, de financiamento das comunidades autónomas) regula as condicións nas que poden exercer a dita potestade. Esta última limítase aos impostos susceptibles de cesión, agás o que recae sobre as vendas polo miúdo. No IVE e nos impostos indirectos a posibilidade de establecer recargas queda tamén limitada ás comunidades con competencia normativa sobre os tipos de gravame.

Rendemento medio declarado

O rendemento medio declarado é o resultado de sumar as seguintes partidas do modelo 100 de declaración do IRPF, dividido polo número total de declaracións presentadas no exercicio corrente:

  • Rendemento neto reducido do traballo (021)
  • Rendemento neto reducido do capital mobiliario a integrar na base impoñible xeral (050)
  • Suma de rendas inmobiliarias imputadas non afectas a actividades económicas (080)
  • Suma de rendementos netos reducidos do capital inmobiliario non afectos a actividades económicas (085)
  • Rendemento neto reducido total das actividades económicas en estimación directa (140)
  • Rendemento neto reducido total das actividades económicas (excepto agrícolas, gandeiras e forestais) en estimación obxectiva (170)
  • Rendemento neto reducido total das actividades agrícolas, gandeiras e forestais en estimación obxectiva (197)
  • Rendemento neto reducido do capital mobiliario a integrar na base impoñible xeral do réxime de atribución de rendas (220)
  • Rendemento neto reducido do capital inmobiliario do réxime de atribución de rendas (222)
  • Rendemento neto reducido de actividades económicas do réxime de atribución de rendas (223)
  • Imputación da base impoñible e das deducións de agrupacións de interese económico e unións temporais de empresas (UTE’S) (245)
  • Imputacións de rendas no réxime de transparencia fiscal internacional (255)
  • Imputación de rendas pola cesión de dereitos de imaxe (265)
  • Imputación de rendas pola participación en Institucións de Inversión Colectiva constituídas en paraísos fiscais (275).

Rendementos de actividades económicas

Considéranse rendementos de actividades económicas aqueles que, procedendo do traballo persoal e do capital conxuntamente, ou dun só destes factores, supoñan por parte do contribuínte a ordenación por conta propia de medios e recursos humanos coa finalidade de intervir na produción ou distribución de bens e servizos. En particular, teñen esta consideración os rendementos de actividades extractivas, de fabricación, comercio ou prestación de servizos -incluídas as de artesanía, agrícolas, forestais, gandeiras, pesqueiras, de construción, mineiras- e o exercicio de profesións liberais, artísticas e deportivas (art. 27 e seguintes da Lei do IRPF).

Rendementos do capital mobiliario

Terán a consideración de rendementos do capital a totalidade das utilidades ou contraprestacións, calquera que sexa a súa denominación ou natureza, monetarias ou en especie, que procedan, directa ou indirectamente, de elementos patrimoniais, bens ou dereitos, cuxa titularidade corresponda ao contribuínte ou se atopen afectos a actividades económicas realizadas por estes. Teñen esta consideración, entre outros, os rendementos procedentes do arrendamento de bens inmobles, os procedentes da propiedade intelectual (cando o contribuínte non sexa o autor), os intereses de contas, depósitos e activos financeiros, os dividendos, os rendementos procedentes da transmisión, reembolso ou amortización de activos financeiros, etc. (art. 21 e seguintes da Lei do IRPF).

Rendementos do traballo

Considéranse rendementos do traballo a todas as contraprestacións ou utilidades, calquera que sexa a súa denominación ou natureza, monetarias ou en especie, que deriven, directa ou indirectamente, do traballo persoal ou da relación laboral ou estatutarias, e que non teñan o carácter de rendementos de actividades económicas. Teñen esta consideración, entre outros, os soldos e salarios, as prestacións por desemprego, as pensións e haberes pasivos dos réximes públicos da Seguridade Social, etc. (art. 17 e seguintes da Lei do IRPF).

Resultado da declaración

É o resultado de detraer da cota diferencial do Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) a dedución por maternidade que ven fixada no artigo 81 da Lei do IRPF.

Réximes de tributación no IVE

No Imposto sobre o valor engadido (IVE) existe un réxime xeral de tributación e varios réximes especiais (art. 120 da Lei do IVE):

  • Réxime simplificado
  • Réxime especial da agricultura, gandaría e pesca
  • Réxime especial dos bens usados, obxectos de arte, antigüidades e obxectos de colección
  • Réxime especial aplicable ás operacións con ouro de inversión
  • Réxime especial das axencias de viaxes
  • Réxime especial do recargo de equivalencia
  • Réxime especial aplicable aos servizos prestados por vía electrónica
  • Réxime especial do grupo de entidades
O réxime xeral é de aplicación cando non proceda aplicar ningún dos especiais ou ben, cando o interesado renuncie ou quede excluído do simplificado ou do réxime especial da agricultura, gandaría e pesca. O interesado (obrigado ao pago do imposto) debe repercutir aos seus clientes o IVE que corresponda, segundo o importe da operación e a súa categoría (aplicando un tipo do 21%, 10% ou 4%, segundo proceda), agás que a dita operación estea exenta do imposto. Do mesmo xeito, os seus provedores deben repercutirlle ao interesado o IVE que corresponda. Este calculará con periodicidade trimestral, por regra xeral, a diferenza entre o IVE devengado (repercutido aos seus clientes) e o soportado deducible (o que lle repercuten os provedores) e ingresará a diferenza, se é positiva, na Facenda Pública. Neste réxime existe a obriga de expedir e entregar facturas aos clientes, co obxecto de a administración tributaria poida corroborar que o interesado ingresou os importes que lle correspondían.
O réxime simplificado aplícase ás persoas físicas e ás entidades en réxime de atribución de rendas do Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF), salvo que renuncien a el. É dicir, os suxeitos tributarán ao réxime simplificado do IVE se, así mesmo, tributan en estimación obxectiva no IRPF. A coordinación entre os réximes de ambos tributos é total: a renuncia ou exclusión nun produce os mesmos efectos no outro. Neste caso, o IVE devengado calcúlase mediante a aplicación duns módulos que se fixan para cada tipo de actividade. Deste IVE devengado poderán deducirse, nas condicións establecidas na lei do tributo, as cotas do IVE soportadas na adquisición de bens e servizos correntes e activos fixos afectos á actividade (art. 122 e seguintes da Lei do IVE).
O réxime do recargo de equivalencia aplícase aos comerciantes minoristas que sexan persoas físicas ou entidades en réxime de atribución de rendas no IRPF, que desenvolvan a súa actividade nos sectores económicos e cumpran os requisitos que se determinen na lei do tributo (art. 148 e seguintes). Neste réxime os provedores repercuten ao comerciante na factura o IVE correspondente, máis o recargo de equivalencia, por separado e aos seguintes tipos:
  • Se se trata de artigos gravados co tipo xeral do 21%: recargo do 5,2%
  • Se se trata de artigos gravados co tipo reducido do 10%: recargo do 1,4%
  • Se se trata de artigos gravados co tipo superreducido do 4%: recargo do 0,5%
Neste réxime, o comerciante non está obrigado a efectuar ningún ingreso a conta do imposto pola súa actividade (agás nas adquisicións intracomunitarias, cando sexa suxeito pasivo por inversión e polas vendas dos inmobles con renuncia á exención).

Saldo da balanza comercial

O saldo da balanza comercial (SBC) calcúlase como a diferenza entre as vendas e as compras exteriores de bens. Máis concretamente, ven dado pola seguinte fórmula:

SBC=(X+EI)-(MDUA+AICT+BI)

onde X=exportacións a terceiros
EI=entregas intracomunitarias
MDUA=importacións a terceiros
AICT=adquisicións intracomunitarias de bens
BI=operación asimiladas á importación.

Taxas sobre o xogo

É un tributo que grava a autorización, celebración ou organización de xogos de sorte, envite ou azar, ou de rifas, tómbolas e combinacións aleatorias. Trátase dun imposto que foi cedido á Comunidade Autónoma de Galicia e no que actualmente se teñen competencias sobre a xestión, liquidación, recadación e inspección, ademais de normativas sobre determinados aspectos.

Taxas tributarias

Son aqueles tributos, nos que o feito impoñible consiste na utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público, a prestación de servizos ou a realización de actividades en réxime de dereito público que se refiran, afecten ou beneficien de modo particular ao suxeito pasivo, cando se produza calquera das circunstancias seguintes:

  • Que os servizos ou actividades non sexan de solicitude voluntaria para os administrados.
  • Que non se presten ou realicen polo sector privado, estea ou non establecida a súa reserva a favor do sector público conforme a normativa vixente.

Tipo de gravame

É a cifra, coeficiente ou porcentaxe que se aplica á base liquidable para obter como resultado a cota íntegra dun imposto. Os tipos de gravame poden ser específicos ou porcentuais e deberán aplicarse, segundo dispoña a lei propia de cada tributo, a cada unidade, conxunto de unidades ou tramo da base liquidable. As leis de cada tributo poderán prever a aplicación de tipos cero, reducidos ou bonificados (art. 55 da Lei Xeral Tributaria).

Titulares catastrais

Son as persoas naturais e xurídicas dadas de alta no Catastro Inmobiliario por ostentar, sobre un ben inmoble, a titularidade dalgún dos seguintes dereitos:

  • Concesión administrativa sobre o ben inmoble ou sobre os servizos públicos aos que estea afecto
  • Dereito real de superficie
  • Dereito real de usufruto
  • Dereito de propiedade
Contabilízanse como titulares catastrais tanto os titulares coa obriga de tributar como aqueles que gozan dalgún tipo de exención fiscal. .

Tributación autonómica sobre o xogo

Comprende o imposto sobre o xogo do bingo e a recarga sobre a taxa fiscal que grava os xogos de sorte, envite ou azar, rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias.

Tributo

Prestación pecuniaria que o Estado ou outro ente público (suxeito activo ou perceptor) lle esixe a alguén (suxeito pasivo) por un feito impoñible no uso do poder que lle atribúen a Constitución e as leis de quen a elas está sometido.

Tributos cedidos

Son aqueles establecidos e regulamentados polo Estado e nos que se lle cede o seu rendemento á correspondente comunidade autónoma. Esta cesión pode ser total ou parcial. A cesión é total cando se cede a recadación correspondente á totalidade dos feitos impoñibles do tributo que se trate. A cesión é parcial cando se ceden só algúns dos feitos impoñibles ou unha parte da recadación correspondente ao tributo.

Tributos propios

A Constitución española sinala que as comunidades autónomas poden establecer tributos propios e a LOFCA (Lei orgánica 8/1980, de financiamento das comunidades autónomas) regula as condicións nas que poden exercer a dita potestade.Esta última limítase a feitos impoñibles non gravados polo Estado. As taxas que afectan os servizos traspasados ás comunidades autónomas convértense en tributos propios e constitúen outro mecanismo de financiamento destas.

Unidades urbanas

Enténdese por unidade urbana todo inmoble cunha relación de propiedade perfectamente delimitada a efectos fiscais.

Valor catastral

É o determinado obxectivamente para cada ben inmoble a partir dos datos obrantes no Catastro Inmobiliario e estará integrado polo valor catastral do solo e o valor catastral das construcións. Para a determinación do valor catastral teranse en conta os seguintes criterios:

  • A localización do inmoble, as circunstancias urbanísticas que afecten o solo e a súa aptitude para a produción.
  • O coste de execución material das construcións, os beneficios da contrata, honorarios profesionais e tributos que gravan a construción, o uso, a calidade e a antigüidade edificatoria, así como o carácter histórico-artístico ou outras condicións das edificacións.
  • Os gastos de produción e beneficios da actividade empresarial de promoción, ou os factores que correspondan nos supostos de inexistencia da citada promoción.
  • As circunstancias e valores do mercado.
  • Calquera outro valor que regulamentariamente se determine

O valor catastral dos inmobles non poderá superar o valor de mercado. Nos bens inmobles con prezo de venta limitado administrativamente, o valor catastral non poderá en ningún caso superar dito prezo.
A determinación do valor catastral efectuarase mediante a aplicación da correspondente ponencia de valores.

Vendas (IVE)

O concepto de vendas que se emprega na estatística do Imposto sobre o valor engadido (IVE) coincide co volume de operacións definido no artigo 121 da lei do tributo (partida 108 do modelo de declaración anual). Isto é, o importe total (excluído o IVE) das entregas de bens e prestación de servizos efectuadas polo empresario durante o ano natural, incluídas aquelas exentas do imposto. Non se inclúen nesta definición os ingresos atípicos por operacións financeiras, vendas de bens inmobles ou de inversión.


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo