IGE -

Definicións. Panorama rural-urbano


Asalariados

Nas operacións do Sistema de contas económicas son todas as persoas que, mediante un acordo, traballan para outras unidades institucionais residentes e reciben unha remuneración.

Na información procedente das fontes tributarias defínese coma o número de persoas que reciben unha contraprestación pecuniaria en concepto de rendemento do traballo, contadas de forma única independentemente de que traballasen para unha ou varias empresas ou entidades. Este colectivo está formado polas persoas que reciben percepcións declaradas na clave A do Modelo 190 da "Declaración anual de retencións sobre as rendas de traballo" (empregados por conta allea en xeral).

Na Enquisa aos demandantes de emprego comprende a todas as persoas que na semana de referencia estiveran traballando para un empresario privado ou público a cambio dun soldo, salario, comisión, pagos segundo resultado, gratificación ou calquera outra forma de remuneración en metálico ou en especie. As persoas que traballan na empresa dun familiar percibindo unha remuneración regulamentada deben incluírse nesta categoría. Inclúense tamén como asalariados os socios ou traballadores das sociedades anónimas laborais que teñan unha situación laboral e legal de asalariados. As persoas que cumpran os requisitos para ser asalariados non perden a dita condición aínda no caso de que paguen directamente os impostos por rendemento do traballo persoal e/ou as cotizacións á Seguridade Social. Os xestores, directores ou outros empregados asalariados que non son donos da empresa na que traballan, clasifícanse como traballadores por conta allea, aínda que exerzan as mesmas funcións que os empresarios coma, por exemplo, a contratación ou o despido, en nome das empresas, doutros traballadores.
Como regra xeral, pódese dicir que un asalariado é unha persoa remunerada directa ou indirectamente, en diñeiro ou en especie, en función da cantidade de traballo que realiza (incluído o pago a comisión), con independencia do valor da produción ou da rendibilidade do proceso produtivo. Pode ocorrer que por razóns legais un asalariado teña contrato de autónomo. Neste caso consideraremos á persoa coma asalariada se cumpre as condicións antes descritas. Polo contrario, un traballador independente recibe unha renda que está en función do valor da produción do proceso produtivo do que é responsable, sexa moito ou pouco o traballo aportado.

Na Enquisa de poboación activa os asalariados son persoas con traballo por conta allea ou asalariados todas as que entren nas seguintes categorías:

  • Traballando: persoas que durante a semana de referencia traballaron, incluso de forma esporádica ou ocasional, polo menos unha hora a cambio dun soldo, salario ou outra forma de retribución conexa, en metálico ou en especie.
  • Con emprego pero sen traballar: persoas que, xa tendo traballado no seu emprego actual, estean ausentes do mesmo durante a semana de referencia (por causa de enfermidade, accidente, conflito laboral, suspensión disciplinaria de emprego e soldo, vacacións, licenza de estudos,...) e manteñan un estreito vínculo co emprego. A forza deste vínculo determinase de acordo coa crenza do entrevistado de reincorporarse ou non á empresa e na percepción ou non dalgún tipo de remuneración.
Os membros activos das forzas armadas figuran tamén entre a poboación asalariada. Non se consideran asalariados:
  • Os empresarios e os traballadores independentes, aínda que estiveran contratados como asalariados na súa propia empresa.
  • Os traballadores familiares non remunerados (axudas familiares) e os membros de cooperativas que traballan nelas.
  • As persoas ausentes do seu traballo, con licenza ou suspendidas que estean debilmente vinculadas ao seu emprego.
  • Os traballadores estacionais, ocasionais ou descontinuos por conta allea na época de menor actividade que non estivesen traballando na semana de referencia.
Considérase que os asalariados teñen un contrato ou relación laboral temporal cando o seu remate queda fixado por condicións obxectivas, tales como a expiración dun prazo, a realización dunha tarefa de terminada, etc. Noutro caso, considérase que o contrato, ou relación laboral, é indefinido.

Os asalariados subdivídense en: asalariados do sector público e asalariados do sector privado. Entre os primeiros están incluídos tanto os funcionarios como os contratados laborais, independentemente de que traballen con carácter fixo ou temporal.

Axudas de emerxencia social (AES)

Son prestacións económicas, non contributivas, de carácter extraordinario e pagamento único, destinadas a paliar situacións de emerxencia de persoas con fogares independentes afectados por un estado de necesidade. Considéranse situacións de emerxencia social aquelas que orixinen gastos extraordinarios para cubrir necesidades específicas de carácter básico e urxente, tales como: gastos imprescindibles para o uso da vivenda habitual ou para o mantemento da habitabilidade ou accesibilidade da vivenda habitual, equipamento mobiliario básico e necesidades primarias (alimentación, vestido, atención sanitaria, etc.)

CNAE-09 (Clasificación Nacional de Actividades Económicas)

É a Clasificación Nacional de Actividades Económicas resultante do proceso internacional de revisión denominado Operación 2007. Foi elaborada segundo as condicións recollidas no Regulamento de aprobación da NACE Rev.2. O obxectivo desta clasificación é establecer un conxunto xerarquizado de actividades económicas que poida ser empregado para:

  • Favorecer a implementación de estatísticas nacionais que poidan ser diferenciadas de acordo coas actividades establecidas
  • Clasificar as unidades estatísticas e entidades segundo a actividade económica exercida
Acceso á Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE 2009)

Contrato de interinidade

Contrato de duración temporal para substituír a un traballador con dereito a reserva do posto, en xornada completa ou parcial.

Contrato de obra ou servizo

Son os contratos para a realización de obras ou servizos determinados, en xornada completa ou parcial, na actividade da empresa e que ten duración temporal.

Contrato de relevo

Contrato de duración indefinida ou ata o momento da xubilación do traballador ao que substitúe por xubilación parcial; con xornada parcial ou completa.

Contrato de substituciónpor xubilación aos 64 anos

Contrato para traballadores desempregados que substitúan a outros traballadores que anticipan a idade de xubilación nun ano.

Contrato en prácticas

Contratos destinados a completa a formación de traballadores con títulos universitarios ou de formación profesional. Son contratos de duración temporal, con xornada a tempo parcial ou completa, indistintamente.

Contrato eventual por circunstancias da produción

Contratos de duración temporal, en xornada completa ou parcial, para atender as esixencias circunstaciais do mercado.

Contrato indefinido fomento do emprego

Contrato de duración indefinida acollido ao Fomento da Contratación Indefinida e xornada completa, parcial ou fixo descontinuo, orientado a incentivar a contratación de traballadores desempregados.

Contrato indefinido ordinario

É o concertado sen establecer límites de tempo na prestación de servizos con xornada a tempo completo, parcial ou fixo descontinuo.

Contrato indefinido personas con discapacidade

Contrato de duración indefinida dirixido á integración laboral de persoas con discapacidade e que pode ser de xornada completa ou a tempo parcial.

Contrato para a formación

Contrato destinado aos mozos de 16 a 24 anos (Ata o 31 de decembro de 2013 pódese celebrar con traballadores de ata 30 anos), para a adquisición por parte do traballador da cualificación necesaria para o desempeño dun oficio ou posto de traballo concreto.

Contrato por xubilación parcial

Contrato de duración determinada e xornada parcial, complementario ao de relevo, que se firma co traballador que se xubila parcialmente.

Contrato temporal

Con carácter xeral, un emprego defínese como temporal cando a finalización do contrato ou relación laboral queda determinada por condicións obxectivas, coma a expiración dun prazo, a realización dunha tarefa determinada, a reincorporación dun empregado ao que se substituíra temporalmente, a realización dun período de prácticas, etc. En todo caso, neste tipo de contratos as condicións da súa finalización xeralmente aparecen recollidas no contrato.

Contrato temporal para persoas con discapacidade

Contrato temporal de doce meses a tres anos, con xornada completa ou parcial, para persoas con discapacidade.

Contratos iniciais rexistrados por 1.000 habitantes

É o cociente entre o número de contratos que inician a relación laboral e a poboación de idade comprendida entre os 16 e 64 anos, expresado en tanto por mil. Inclúense os contratos indefinidos ordinarios, indefinidos de fomento do emprego (lei 63/1997), de obra ou servizo, eventuais por circunstancias da producción, interinidades, prácticas, formación e outros.

Cotizacións sociais (D.61) (Base 2005)

As cotizacións sociais poden dividirse en cotizacións efectivas a pagar aos sistemas de seguridade social e as cotizacións imputadas rexistradas polos sistemas privados non baseados en fondos especiais.

As cotizacións sociais efectivas comprenden:

  • Cotización sociais efectivas a cargo dos empregadores (D.6111), son os pagos que estes realizan ás administracións de seguridade social, empresas de seguro e fondos de pensións autónomos ou non autónomos que administran sistemas de seguros sociais, co fin de asegurar a provisión de prestacións sociais aos seus asalariados.
  • Cotizacións sociais a cargo dos asalariados (D.6112). Trátase das cotizacións sociais que pagan os asalariados á seguridade social e aos sistemas privados con e sen constitución de reservas.
  • Cotizacións sociais dos traballadores autónomos e dos desempregados (D. 6113). Son as cotizacións sociais que pagan, no seu propio beneficio, as persoas que non son asalariados, é dicir, os traballadores autónomos (empregadores ou traballadores por conta propia) e os desempregados.
As cotizacións sociais efectivas rexístrase coma emprego na conta de distribución secundaria da renda dos fogares.

As cotizacións sociais imputadas representan a contrapartida das prestacións sociais directas dos empregadores (menos, no seu caso, as cotizacións sociais a cargo dos asalariados). Estas prestacións páganas directamente os empregadores (é dicir, non están vinculadas ás cotizacións efectivas, a cargo dos empregadores) aos seus asalariados ou exasalariados sen a intervención dunha empresa de seguro ou fondo de pensións autónomos e sen constituír un fondo especial ou unha reserva separada a tales efectos.

Cotizacións sociais sobre a renda dispoñible bruta

É a razón entre as cotizacións sociais e a renda dispoñible bruta, expresada en tanto por cen e considerada con signo positivo.

Densidade de poboación

É o cociente entre a poboación dun territorio e a súa extensión superficial, é dicir, o número de habitantes por cada quilómetro cadrado de superficie.

Empresa (Directorio de empresas e unidades locais)

É a unidade xurídica que proporciona cobertura legal ás actividades que se realizan nun ou varios locais. As unidades xurídicas poden ser persoas físicas ou persoas xurídicas con existencia legal independente da dos seus propietarios

Esperanza de vida ao nacer

É o número medio de anos vividos por unha xeración de nacidos baixo unhas condicións de mortalidade dadas.

Establecemento (empresas)

Empresa ou parte dunha empresa sita nun lugar delimitado topograficamente, no que se realizan unha ou varias actividades económicas ás que dedican o seu traballo unha ou varias persoas por conta dunha mesma empresa. Se polas propias características da actividade esta non se realiza nun lugar fixo, o establecemento é o lugar dende o que se organiza ou coordina tal actividade. Non se contabilizan como establecementos os almacéns e as sedes sociais ou os domicilios legais dos titulares das empresas no caso de que existan unicamente como soporte xurídico das actividades.

Excedente de Explotación Bruto (EEB)/Renda mixta

Corresponde á renda que obteñen as unidades da utilización dos seus propios activos de produción. É o saldo da conta de explotación. No caso das empresas non constituídas en sociedades correspondentes ao sector fogares fálase de renda mixta.

Idade media á maternidade

Media das idades ás que as mulleres teñen fillos ponderada polas taxas específicas de fecundidade por idade.

Idade media da poboación

É a media aritmética da variable idade agrupada en idades simples

Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF)

É un tributo de carácter directo e natureza persoal que grava, segundo os principios de igualdade, xeneralidade e progresividade, a renda das persoas físicas de acordo coas súas circunstancias familiares e persoais. Constitúe o obxecto deste imposto a renda do contribuínte, entendida como a totalidade dos seus rendementos, ganancias e perdas patrimoniais, así como as imputacións de renda que se establezan por lei. O IRPF aplícase en todo o territorio español, sen prexuízo das especificidades normativas das que gozan o País Vasco e Navarra en base aos seus réximes tributarios especiais, Canarias, Ceuta e Melilla.
O tipo de gravame do imposto divídese nunha tarifa estatal e outra autonómica. O IRPF está cedido en parte ás comunidades autónomas. O importe da cesión concrétase na recadación resultante da aplicación do tipo autonómico ás rendas producidas nos territorios autonómicos. Ademais, as administracións autonómicas dispoñen de competencias normativas no que se refire ao cálculo da escala autonómica aplicable á base liquidable xeral, o importe dos mínimos persoal e familiar no cálculo do gravame autonómico e as deducións na cota íntegra autonómica.

Índice de envellecemento

Relación entre a poboación maior de 64 anos e a poboación menor de 20 anos expresada en %, é dicir, o número de persoas de 65 ou máis anos por cada 100 menores de 20 anos.

Índice sintético de fecundidade (número medio de fillos por muller)

Representa o número esperado de fillos por muller ao longo da súa vida fértil (de 15 a 49 anos). Obtense como a suma das taxas específicas de fecundidade por idade.

Inmoble

Por regra xeral, un inmoble é toda parcela ou porción de solo de natureza urbana, enclavada nun termo municipal e cerrada por unha liña poligonal que delimita o ámbito do dereito de propiedade dun propietario ou de varios pro indiviso, e no seu caso as construcións emprazadas en dito ámbito.

No Censo de poboación e vivendas un inmoble é cada un dos ocos que configuran os edificios, xa sexan vivendas ou locais.

Nacemento

No campo demográfico o concepto de nacemento identifícase co concepto biolóxico de nacido con vida.

Número de bens inmobles de uso residencial por 1.000 habitantes

É o cociente entre o número de bens inmobles de uso residencial e a poboación, extraída do Padrón municipal de habitantes, expresado en tanto por 1.000

Número de bens inmobles de uso residencial por km2

É o cociente entre o número de bens inmobles de uso residencial e a superficie, expresado en tanto por km2

Número de empresas por cada 1.000 habitantes

É o cociente entre o número de empresas e a poboación, expresado en tanto por mil.

Número de empresas sen asalariados por cada 1.000 habitantes

É o cociente entre o número de empresas sen asalariados e a poboación, expresado en tanto por mil.

Número de establecementos no sector servizos por cada 1.000 habitantes

É o cociente entre o número de establecementos con actividade no sector servizos e a poboación, expresado en tanto por mil.

Número de establecementos por cada 1.000 habitantes

É o cociente entre o número de establecementos e a poboación, expresado en tanto por mil.

Padrón municipal de habitantes

É o rexistro administrativo onde constan os veciños do concello. Os seus datos constitúen proba de residencia no concello e do domicilio habitual nel.

Paro rexistrado

Este concepto, establecido na Orden ministerial do 11 de marzo de 1985, está constituído polo total de demandas en alta existentes a fin de mes, excluíndo, entre outras, as que correspondan ás seguintes situacións:

  • Pluriemprego: demandantes que solicitan outro emprego compatible co que exercen.
  • Mellor emprego: demandantes que, estando ocupados, solicitan un emprego para cambialo polo que teñen.
  • Colaboración social: demandantes perceptores de prestacións por desemprego que participan en traballos de colaboración social.
  • Xubilados: demandantes que son pensionistas de xubilación, pensionistas por grande invalidez ou invalidez absoluta e demandantes de idade igual ou superior a 65 anos.
  • Emprego conxuntural: demandantes que solicitan un emprego para un período inferior a 3 meses.
  • Xornada < 20 horas: demandantes que solicitan un traballo con xornada inferior a 20 horas semanais.
  • Estudantes: demandantes que están cursando estudos de ensinanza oficial regrada sempre que sexan menores de 25 anos ou que, superando esta idade, sexan demandantes de primeiro emprego ou ben demandantes asistentes a cursos de formación profesional e ocupacional, cando as súas horas lectivas superen as 20 á semana, teñan unha bolsa polo menos de manutención e sexan demandantes do primeiro emprego.
  • Demandas suspendidas: demandantes con demanda suspendida en canto permanezan nesta situación.
  • Compatibilidade prestacións: demandantes beneficiarios de prestacións por desemprego en situación de compatibilidade de emprego por realizar un traballo a tempo parcial.
  • Traballadores eventuais agrícolas subsidiados.
  • Rexeitamento de accións de inserción laboral: demandantes que rexeitan accións de inserción laboral axeitadas ás súas características segundo se establece no artigo 17, apartado 2 do Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

A posta en marcha do novo Sistema de Información dos Servizos Públicos de Emprego (SISPE) en maio de 2005 produce unha ruptura da serie de paro rexistrado que se viña publicando ata o momento. A implantación deste novo sistema afecta a estimación do paro rexistrado, non porque cambie a definición, senón pola actualización e xestión automatizada da información e porque se corrixiron os erros que se viñan cometendo con certos colectivos.

Paro rexistrado de menores de 25 anos por 1.000 habitantes

É o cociente entre as persoas menores de 25 anos inscritas nas oficinas públicas de emprego como parados e a poboación de 16 a 24 anos, expresado en tanto por mil.

Paro rexistrado por 1.000 habitantes

É o cociente entre o número de persoas inscritas nas oficinas públicas de emprego como parados e a poboación de 16 a 64 anos, expresado en tanto por mil.

Pensións non contributivas da Seguridade Social

Son prestacións periódicas vitalicias ou de duración indeterminada a favor de persoas que non cotizaran nunca, ou ben non o fixeran o tempo suficiente para acadar prestacións de nivel contributivo pola realización de actividades profesionais. As clases de prestacións son invalidez e xubilación

Pensións non contributivas por 1.000 habitantes

É o cociente entre o número de beneficiarios de pensións non contributivas da Seguridade Social, de axudas de emerxencia social ou da renda de integración social de Galicia e a poboación, expresado en tanto por mil.

Persoas afiliadas á Seguridade Social

A afiliación ao Sistema da Seguridade Social é obrigatoria para todas as persoas incluídas no campo de aplicación da Seguridade Social e única para toda a vida do traballador ou da traballadora e para todo o sistema, sen prexuízo das baixas, altas e demais variacións que con posterioridade á afiliación poidan producirse. É dicir, o traballador ou a traballadora afíliase cando comeza a súa vida laboral e se dá de alta nalgún dos rexímenes do Sistema da Seguridade Social. Esta situación denomínase alta inicial. Se cesa na súa actividade será dado ou dada de baixa pero seguirá afiliado ou afiliada en situación de baixa laboral. Se retoma a actividade producirase unha alta denominada alta sucesiva a efectos estatísticos, pero non terá que afiliarse novamente, dado que, como xa se indicou, a afiliación é única para toda a vida do traballador.

  • Na Mostra continua de vidas laborais contabilízanse o número de traballadores e traballadoras que estiveron afiliados e afiliadas en alta laboral nalgún momento do ano de referencia.
  • Para as táboas de afiliacións á Seguridade Social facilitadas polo Ministerio de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones contabilízanse o número de afiliacións. Hai que ter en conta que o número de afiliacións non se corresponde necesariamente co de traballadores e traballadoras, senón co de situacións que xeran obriga de cotizar. É dicir, a mesma persoa contabilízase tantas veces como situacións de cotización teña, xa sexa porque ten varias actividades laborais nun mesmo réxime ou en varios.

Porcentaxe de afiliacións por conta propia

É a porcentaxe que supoñen as afiliacións por conta propia (réxime de autónomos e réxime do mar por conta propia) sobre o total de afiliacións á Seguridade Social. Os datos refírense ao 31 de decembro de cada ano.

Porcentaxe de afiliacións por sector de actividade

É a porcentaxe que supoñen as afiliacións á Seguridade Social de cada sector de actividade económica sobre o total de afiliacións. Os datos refírense ao 31 de decembro de cada ano.

Porcentaxe de afiliacións segundo grupos de idade

É a porcentaxe que supoñen as afiliacións á Seguridade Social de cada un dos grupos de idade considerados sobre o total de afiliacións. Os datos refírense ao 31 de decembro de cada ano.

Porcentaxe de poboación estranxeira

É a porcentaxe que representan as persoas con nacionalidade estranxeira sobre o total, segundo o Padrón municipal de habitantes

Porcentaxes de poboación por grandes grupos de idade

Relación entre os grupos de poboación seguintes e o total de poboación: menores de 20 anos, de 20 a 60 anos e de 60 e máis anos.

Prestacións sociais (D.62) (Base 2005)

Son transferencias aos fogares destinadas a cubrir unha serie de riscos ou necesidades de carácter social. Estas transferencias poden estar organizados colectivamente por unidades das administracións públicas. En particular, as prestacións sociais inclúen:

  • Prestacións de seguridad social en efectivo (D.621). Son as prestacións a pagar aos fogares polas administracións de seguridade social (excluídos os reembolsos) e que se proporcionan no marco de sistemas de seguridade social.
  • Prestacións sociais de sistemas privados con constitución de reservas (D.622). Son prestacións (en efectivo ou en especie) a pagar aos fogares polas empresas de seguro ou outras unidades institucionais que administran sistemas de seguros sociais privados con constitución de reservas.
  • Prestacións sociais directas dos empregadores (D.623). Son prestacións (en efectivo ou en especie) a pagar aos seus asalariados, ás persoas a cargo destes ou aos seus superviventes, polos empregadores que xestionan sistemas de seguros sociais sen constitución de reservas.
  • Prestacións de asistencia social en efectivo (D.624). Son prestacións pagadas aos fogares por unidades das administracións públicas ou das ISFLSF, co fin de atender as mesmas necesidades que as prestacións dos seguros sociais, pero que non se enmarcan nun sistema de seguros sociais con cotizacións sociais e prestacións de seguros sociais.

Prestacións sociais sobre a renda dispoñible bruta

É a razón entre as prestacións sociais e a renda dispoñible bruta, expresada en tanto por cen.

Prestacións sociais sobre os recursos

É a razón entre as prestacións sociais e o total de recursos das contas de asignación primaria e de distribución secundaria da renda dos fogares.

Ratio cotizacións sociais sobre prestacións sociais

É a razón entre as cotizacións sociais (consideradas con signo positivo) e as prestacións sociais.

Remuneración de asalariados sobre a renda dispoñible bruta

É a razón entre as macromagnitudes remuneración de asalariados e renda dispoñible bruta, expresada en tanto por cen.

Remuneración dos asalariados (D.1)

Comprende toda a remuneración en efectivo e en especie a pagar polos empregadores aos seus asalariados como contrapartida do traballo realizado por estes durante o período contable. A remuneración dos asalariados desagrégase en:

  • Soldos e salarios, xa sexan en efectivo ou en especie (D.11)
  • Cotizacións sociais a cargo dos empregadores (D.12)
Na conta de explotación figura a Remuneración de asalariados "inventario" como un emprego dos sectores residentes, mentres que na conta de asignación da renda primaria, aparece a Remuneración de asalariados "rexional" coma un recurso dos fogares residentes.

Renda de integración social de Galicia. RISGA

É unha prestación económica asistencial que trata de garantir un mínimo de subsistencia persoal a cidadáns entre 25 e 65 anos, que aínda que teñan idade laboral e non teñan causa legal de incapacidade física ou psíquica, non teñen os recursos mínimos necesarios para cubrir as necesidades máis urxentes. Pretende a reinserción social e laboral das persoas

Renda dispoñible bruta (B.6)

É o saldo da conta de distribución secundaria da renda. Obtense a partir do saldo de rendas primarias sumando as prestacións sociais e as transferencias correntes que son un recurso para os fogares; e restando os impostos sobre a renda, as cotizacións socias e as transferencias correntes que son un emprego para os fogares.

Renda dispoñible bruta por habitante

É o cociente entre a renda dispoñible bruta (en euros) e a poboación de referencia.

Rendas mixtas sobre a renda dispoñible bruta

É a razón entre as macromagnitudes rendas mixtas e renda dispoñible bruta, expresada en tanto por cen.

Rendemento medio declarado no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF)

É o resultado de sumar, en termos xerais, os rendementos reducidos netos do traballo, do capital mobiliario, capital inmobiliario e das actividades económicas do modelo 100 da declaración de IRPF, dividido polo número total de declaración presentadas no exercicio ao que fai referencia a información

Saldo de rendas primarias (B.5)

Este saldo é a suma do excedente de explotación bruto, a renda mixta, a remuneración dos asalariados e o saldo das rendas da propiedade (que poden constituír un recurso ou un emprego para o sector fogares), isto é, o saldo da conta de asignación primaria . As rendas primarias son as rendas que perciben as unidades residentes pola súa participación no proceso de produción (excedente de explotación bruto, renda mixta e remuneración de asalariados) e a renda a cobrar (ou pagar) polo propietario dun activo financeiro ou dun activa material non producido por poñelo a disposición de outra unidade institucional (rendas da propiedade). . A renda primaria é un indicador da capacidade dos fogares residentes dunha rexión de xerar renda como empresarios, asalariados ou perceptores de rendas da propiedade. Indica a capacidade para xerar renda antes da intervención do Estado no proceso de distribución de renda.

Saldo de rendas primarias bruto sobre a renda dispoñible bruta

É a razón entre o saldo de rendas primarias bruto e a renda dispoñible bruta, expresada en tanto por cen.

Taxa bruta de mortalidade

Número de defuncións por cada 1.000 habitantes.

Taxa bruta de natalidade

Número de nacementos por cada 1.000 habitantes.

Taxa de mortalidade estandarizada

Media ponderada das taxas específicas de mortalidade por idade onde as ponderacións proceden dunha poboación de referencia, neste caso o poboación de Galicia.

Taxas específicas de fecundidade

Cociente entre o número de nacementos dunha determinada cohorte de nais e o total de mulleres nese grupo de idade.


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo