Definicións

Afiliados á Seguridade Social

A afiliación ao Sistema da Seguridade Social é obrigatoria para todas as persoas incluídas no campo de aplicación da Seguridade Social e única para toda a vida do traballador e para todo o sistema, sen prexuízo das baixas, altas e demais variacións que con posterioridade á afiliación poidan producirse. É dicir, o traballador afíliase cando comeza a súa vida laboral e se dá de alta nalgún dos réximes do Sistema da Seguridade Social. Esta situación denomínase alta inicial. Se cesa na súa actividade será dado de baixa pero seguirá afiliado en situación de baixa laboral. Se retoma a actividade producirase unha alta denominada alta sucesiva a efectos estatísticos, pero non terá que afiliarse novamente, dado que, como xa se indicou, a afiliación é única para toda a vida do traballador.

  • Na Mostra continua de vidas laborais contabilízanse o número de traballadores que estiveron afiliados en alta laboral nalgún momento do ano de referencia.
  • Para as táboas de afiliacións á Seguridade Social facilitadas polo Ministerio de Empleo y Seguridad Social contabilízanse o número de afiliacións. Hai que ter en conta que o número de afiliacións non se corresponde necesariamente co de traballadores, senón co de situacións que xeran obriga de cotizar. É dicir, a mesma persoa contabilízase tantas veces como situacións de cotización teña, xa sexa porque ten varias actividades laborais nun mesmo réxime ou en varios.


Censo electoral

Contén a inscrición das persoas que reúnan os requisitos para ser elector e non estean privadas, definitiva ou temporalmente, do dereito de sufraxio. É a suma de todos os censos electorais previstos para cada proceso electoral:

  • Eleccións xerais: CER + CERA (desde as eleccións xerais de 1986, unha vez aprobada a LOREG en 1985).
  • Eleccións municipais: CER + CERA (desde as eleccións municipais de 1987 ata as municipais de 2007) + CERE (desde 1995). Dende as Eleccións Municipais de 2011: CER+CERE
  • Eleccións ao Parlamento Europeo: CER + CERA + CERE (só electores da UE).
  • Referéndum: CER + CERA.


Cooperativa

É unha sociedade con capital variable e con estrutura e xestión democráticas que asocia, en réxime de libre adhesión e baixa voluntaria, a persoas con intereses e necesidades socioeconómicas comúns. Esta sociedade desenvolve actividades profesionais ao servizo da comunidade para satisfacer estes intereses e necesidades comúns, imputándose aos socios,unha vez atendidos os fondos comunitarios, os resultados económicos en función da actividade cooperativizada.


Defunción

O concepto estatístico de defunción utilizado tradicionalmente en España comprendía a todos os falecidos con máis de 24 horas de vida. A partir de 1975 o concepto ampliouse coa incorporación dos nacidos con vida falecidos durante as primeiras 24 horas. Con este cambio adóptase o criterio recomendado polos organismos internacionais.


Edificio

Construción permanente, fixa sobre o terreo, separada e independente, concibida para ser utilizada con fins residenciais e/ou para o desenvolvemento dunha actividade


Educación infantil

Ensinanza de réxime xeral, de carácter voluntario. Comprende ata os seis anos de idade. Estrutúrase en dous ciclos: o primeiro ata os tres anos e o segundo desde os tres ata os seis anos de idade.


Educación primaria

Constitúe o primeiro tramo da educación obrigatoria. Comprende seis cursos académicos, agrupados en tres ciclos de dous cursos cada un e abarca desde os seis ata os doce anos de idade.


Educación secundaria obrigatoria

Completa a educación básica e comprende catro cursos académicos, entre os doce e os dezaseis anos de idade.


Emigración

Para un ámbito xeográfico determinado é aquela migración que ten orixe nese ámbito e destino fóra do mesmo. Fálase de emigración interna cando o destino é outro concello de Galicia e emigración externa cando o destino é outro concello do resto de España ou o estranxeiro.


Empresa (Directorio de empresas e unidades locais)

É a unidade xurídica que proporciona cobertura legal ás actividades que se realizan nun ou varios locais. As unidades xurídicas poden ser persoas físicas ou persoas xurídicas con existencia legal independente da dos seus propietarios


Idade media á maternidade

Media aritmética das idades ás que as mulleres teñen fillos, en grupos quinquenais, ponderada polas taxas específicas de fecundidade de cada grupo de idade.


Idade media ao primeiro matrimonio

Media aritmética das idades ás que os solteiros contraen matrimonio, en grupos quinquenais, ponderada polas taxas específicas de nupcialidade dos solteiros.


Idade media no 1 de xaneiro

Media aritmética das idades dos individuos que compoñen unha poboación.


Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF)

É un tributo de carácter directo e natureza persoal que grava, segundo os principios de igualdade, xeneralidade e progresividade, a renda das persoas físicas de acordo coas súas circunstancias familiares e persoais. Constitúe o obxecto deste imposto a renda do contribuínte, entendida como a totalidade dos seus rendementos, ganancias e perdas patrimoniais, así como as imputacións de renda que se establezan por lei. O IRPF aplícase en todo o territorio español, sen prexuízo das especificidades normativas das que gozan o País Vasco e Navarra en base aos seus réximes tributarios especiais, Canarias, Ceuta e Melilla.
O tipo de gravame do imposto divídese nunha tarifa estatal e outra autonómica. O IRPF está cedido en parte ás comunidades autónomas. O importe da cesión concrétase na recadación resultante da aplicación do tipo autonómico ás rendas producidas nos territorios autonómicos. Ademais, as administracións autonómicas dispoñen de competencias normativas no que se refire ao cálculo da escala autonómica aplicable á base liquidable xeral, o importe dos mínimos persoal e familiar no cálculo do gravame autonómico e as deducións na cota íntegra autonómica.


Impostos directos

Son aqueles impostos que gravan a posesión dun patrimonio ou a obtención dunha renda, en canto reflictan directamente a capacidade económica do individuo.


Impostos indirectos

Os impostos indirectos someten a tributación manifestacións mediatas ou indirectas da capacidade económica, como ocorre coa circulación ou o consumo da riqueza.


Índice de envellecemento

Relación entre a poboación maior de 64 anos e a poboación menor de 20 anos expresada en %, é dicir, o número de persoas de 65 ou máis anos por cada 100 menores de 20 anos.


Índice sintético de fecundidade ou número medio de fillos por muller

Representa o número esperado de fillos por muller ao longo da súa vida fértil (de 15 a 49 anos). Obtense como a suma das taxas específicas de fecundidade por idade.


Inmigración

Para un ámbito xeográfico determinado é aquela migración con destino este ámbito e orixe fóra do mesmo. Fálase de inmigración interna cando a orixe é outro concello de Galicia e inmigración externa cando a orixe é outro concello de España ou o estranxeiro.


Matrimonio

O concepto estatístico de matrimonio empregado é o do matrimonio inscrito no Rexistro Civil.


Nacemento

Aínda que o Código Civil no seu artigo 30 di "só se computará nacido o feto que tivera figura humana e vivira vintecatro horas enteiramente desprendido do seno materno", no campo demográfico o concepto de nacemento identifícase co concepto biolóxico de nacido con vida.


Obra de nova planta

Obra maior que dá lugar a un novo edificio, con independencia de se existiu demolición total previa doutro edificio ou non. Non inclúe as obras menores que non precisan licenza de obra nin aquelas outras que se realizan sen solicitar a autorización municipal


Padrón municipal de habitantes

É o rexistro administrativo onde constan os veciños do concello. Os seus datos constitúen proba de residencia no concello e do domicilio habitual nel.


Paro rexistrado

Este concepto, establecido na Orden ministerial do 11 de marzo de 1985, está constituído polo total de demandas en alta existentes a fin de mes, excluíndo, entre outras, as que correspondan ás seguintes situacións:

  • Pluriemprego: demandantes que solicitan outro emprego compatible co que exercen.
  • Mellor emprego: demandantes que, estando ocupados, solicitan un emprego para cambialo polo que teñen.
  • Colaboración social: demandantes perceptores de prestacións por desemprego que participan en traballos de colaboración social.
  • Xubilados: demandantes que son pensionistas de xubilación, pensionistas por grande invalidez ou invalidez absoluta e demandantes de idade igual ou superior a 65 anos.
  • Emprego conxuntural: demandantes que solicitan un emprego para un período inferior a 3 meses.
  • Xornada < 20 horas: demandantes que solicitan un traballo con xornada inferior a 20 horas semanais.
  • Estudantes: demandantes que están cursando estudos de ensinanza oficial regrada sempre que sexan menores de 25 anos ou que, superando esta idade, sexan demandantes de primeiro emprego ou ben demandantes asistentes a cursos de formación profesional e ocupacional, cando as súas horas lectivas superen as 20 á semana, teñan unha bolsa polo menos de manutención e sexan demandantes do primeiro emprego.
  • Demandas suspendidas: demandantes con demanda suspendida en canto permanezan nesta situación.
  • Compatibilidade prestacións: demandantes beneficiarios de prestacións por desemprego en situación de compatibilidade de emprego por realizar un traballo a tempo parcial.
  • Traballadores eventuais agrícolas subsidiados.
  • Rexeitamento de accións de inserción laboral: demandantes que rexeitan accións de inserción laboral axeitadas ás súas características segundo se establece no artigo 17, apartado 2 do Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

A posta en marcha do novo Sistema de Información dos Servizos Públicos de Emprego (SISPE) en maio de 2005 produce unha ruptura da serie de paro rexistrado que se viña publicando ata o momento. A implantación deste novo sistema afecta a estimación do paro rexistrado, non porque cambie a definición, senón pola actualización e xestión automatizada da información e porque se corrixiron os erros que se viñan cometendo con certos colectivos.


Parque de vehículos

Está constituído por todos os vehículos con motor, agás ciclomotores e vehículos especiais, que teoricamente circulan. Deste xeito, inclúen todas as matriculacións que houbese durante todos os anos, menos as baixas producidas e as modificacións debidas ás reformas.


Pensións non contributivas da Seguridade Social

Son prestacións periódicas vitalicias ou de duración indeterminada a favor de persoas que non cotizaran nunca, ou ben non o fixeran o tempo suficiente para acadar prestacións de nivel contributivo pola realización de actividades profesionais. As clases de prestacións son invalidez e xubilación


Produto interior bruto (PIB)

É o resultado da actividade produtiva das unidades de produción residentes.Nas contas económicas estímase por tres vías: oferta, demanda e rendas.

  • Suma do valor engadido bruto (VEB) das ramas de actividade, máis os impostos netos de subvencións sobre os produtos (oferta).
  • Suma da demanda final de bens e servizos das unidades institucionais residentes máis o saldo exterior de bens e servizos (demanda)
  • Suma de remuneración de asalariados, impostos sobre a produción e as importacións netos de subvencións, renda mixta e excedente de explotación bruto (rendas).


Saldo vexetativo

É a diferenza existente entre os nacementos e as defuncións ocorridas durante un período de tempo definido.


Sociedade anónima

Neste tipo de sociedade, o capital, que está dividido en accións, intégrase polas achegas dos socios, os cales non responden persoalmente das débedas sociais. O capital social non pode ser inferior a 60.101 euros.


Sociedade de responsabilidade limitada

Neste tipo de sociedade, o capital, que está dividido en participacións sociais, intégrase polas achegas de todos os socios, os cales non responden persoalmente das débedas sociais. O capital non poderá ser inferior a 3.005 euros e dende a súa orixe está totalmente desembolsado.


Taxa bruta de mortalidade

Número de defuncións por cada 1.000 habitantes.


Taxa bruta de natalidade

Número de nacementos por cada 1.000 habitantes.


Taxa bruta de nupcialidade

Número de matrimonios por cada 1.000 habitantes.


Unidade local

Empresa ou parte dela (taller, fábrica, oficina, mina, depósito,...) emprazada nun lugar no que se realizan actividades económicas baixo a responsabilidade do seu titular. A unidade local, segundo o regulamento comunitario relativo ás unidades estatísticas de observación e análise, pode agrupar actividades auxiliares exclusivamente. Por tanto, as sedes sociais ou os domicilios legais dos titulares das empresas serían unidades locais, aínda no caso de que existan unicamente como soporte xurídico das actividades. A unidade local así definida non coincide por tanto coa clásica de 'establecemento'. O establecemento sería unha unidade local na que estarían vencellados de modo inequívoco actividade e territorio. Poderíase entender un establecemento como unha unidade local 'con local', fronte a unidade local 'sen local' propia das actividades de profesionais ou colectivos con forte presenza de minifundismo empresarial, actividades que non se exercen nun lugar fixo e que en moitos casos teñen o domicilio particular como único referente estable para a organización da produción


Compartir: