Información a medida

Ademais da información estatística dispoñible na nosa páxina web ou nas diferentes publicacións, o Instituto Galego de Estatística pode realizar explotacións a medida onde se facilitan cruces de variables máis específicos.

Procedemento

Facer a petición

A petición ten que ser realizada por escrito (fax ou correo postal) ou a través do formulario. Na petición debe especificarse o nome e apelidos do peticionario así como un enderezo postal para poder enviarlle a resposta. A petición non é vinculante, polo que se o prezo ou as condicións da petición non fora do agrado do usuario, este non tería ningún compromiso co Instituto.

Orzamento

Unha vez recibida a petición elabórase un orzamento onde se recolle o custo que suporía a explotación solicitada. O tempo que se tarda en elaborar este orzamento depende da complexidade da petición pero por termo medio o Instituto respóndea en dúas semanas. Os prezos das explotacións a medida están regulados na orde do 17 de marzo de 2004. Este orzamento enviase ao peticionario xunto coa folla autoliquidativa e cunha carta onde se especificarían as limitacións da información, se as tivese, o tempo de dispoñibilidade da información e as instrucións de cómo proceder se está de acordo co orzamento.

Así, se o usuario quere a información pode efectuar o pago a través de dúas vías:

  • Utilizando os impresos autoliquidativos en calquera entidade financeira colaboradora. Unha vez efectuado o pago debe enviarnos o exemplar correspondente Para a Administración.
  • A través de Internet por medio das entidades financeiras actualmente autorizadas. Para iso deberá acceder á páxina web da Consellería de Facenda (http://www.conselleriadefacenda.org). No apartado de "Trámites on-line" deberá seleccionar a opción "tributaria" e acceder aos servizos de acceso libre. A partir desta páxina entrará na "oficina virtual" e poderá realizar o pago telemático da taxa pulsando no enlace "taxas, prezos, multas e sancións" no menú da marxe esquerda.
    Para efectuar o pago vía Internet deberá introducir os seguintes códigos:
    Consellería: Consellería de Facenda 05
    Delegación: Servizos centrais 13
    Servizos: Instituto Galego de Estatística 002
    Cód./clave taxa: Explotación datos estatísticos. IGE 363700
    Unha vez realizado o pago correspondente deberá imprimir o xustificante de ter aboado o prezo e enviárnolo por correo.

Envío da información

Unha vez o IGE reciba o xustificante correspondente procederase a elaborar a explotación e enviaráselle o resultado da mesma ao peticionario, xeralmente por correo electrónico. O tempo de entrega da información é inmediato a non ser que se especificase outra cousa no orzamento.

Compartir: