Estudo de salarios / Salarios nas fontes tributarias

Estudo de salarios. Salarios nas fontes tributarias

Introdución

Neste apartado utilízase a estatística "Mercado de trabajo y Pensiones en las fuentes tributarias" realizada pola Axencia Tributaria para facer unha análise dos salarios dende a óptica do perceptor, utilizando como variables de clasificación a provincia e a Comunidade Autónoma, o sexo, a idade, a rama de actividade e os tramos de salario.

A estatística ten carácter censual e está baseada nas declaracións anuais do Modelo 190 que presentan todas as persoas físicas, xurídicas e demais entidades que, estando obrigadas a reter ou ingresar a conta polo imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, satisfagan ou abonen algunha renda no ano de referencia da estatística.

Esta estatística permite coñecer o perfil demográfico da poboación asalariada por sexo, a masa salarial por tramos de idade e polo tanto, o salario medio para cada tramo. Ademais, tamén proporciona a clasificación dos asalariados para 10 ramas de actividade co seu correspondente salario medio.

Á hora de interpretar os resultados debe terse en conta que nesta estatística ao longo do ano as persoas poden obter percepcións salariais de máis dunha empresa e dous ou máis tipos de percepcións1. Ademais o número de asalariados anuais calcúlase como a suma de persoas que ao longo do ano tiveron algunha percepción salarial; e o salario medio anual como a suma dos salarios anuais dividida polo número de asalariados. En consecuencia, o salario medio anual tende a ter un nesgo á baixa en comparación con outras estatísticas nas que o denominador é o número de asalariados calculado como media anual. Un incremento da temporalidade, por exemplo, fará que o salario medio calculado neste apartado diminúa máis que un salario por hora traballada, por exemplo.


1Os asalariados poden clasificarse segundo o grupo de poboación ao que pertencen. Estes grupos son os seguintes: poboación que só percibe salario, poboación que percibe salario e pensión, poboación que percibe salario e prestación por desemprego e poboación que percibe salario, pensión e prestación por desemprego. Para cada un destes grupos pode calcularse o salario medio anual.

Salario medio anual. España e Galicia

No ano 2018 rexístrase o salario medio anual máis alto nesta serie tanto en Galicia (19.159 euros), como en España (19.809 euros). No período 2001-2018, o salario medio anual en Galicia e en España amosa un perfil similar cunha diferenza significativa en canto ao nivel: estas diferenzas, favorables ao salario medio no conxunto de España, oscilan entre 1.344 (ano 2007) e 650 (ano 2018) euros anuais. É dicir, o último ano da serie é no que a diferenza de salario medio anual entre Galicia e España é menor.
Desde o ano 2014 o salario medio medrou, tanto en Galicia como en España, porén o crecemento do ano 2018 foi máis intenso en Galicia (696 euros) que en España (637 euros). O ano 2014 foi o último ano con decrecemento do salario medio e, desde esa data, o salario media anual medrou máis en Galicia que no conxunto do Estado.

As diferenzas por sexo son destacables, aínda que en España son máis elevadas: no ano 2018, en termos absolutos, a diferenza entre o salario medio anual dos homes e das mulleres en España ascendeu a 4.915 euros/ano, mentres en Galicia esta diferenza é de 4.572 euros/ano. As maiores diferenzas situáronse no ano 2007 en España (6.182 euros) e en 2008 en Galicia (5.076 euros). Se examinamos as diferenzas de salario medio por sexo en Galicia e en España, obsérvase que o diferencial é maior en España. É dicir, o salario medio das mulleres galegas, aínda que é máis baixo que o español, aproxímase máis ao da media de España que no caso dos homes.

Salario medio anual segundo o sexo. España e Galicia
Euros

Salario medio anual. Ambos sexos. España e Galicia
Euros

Salario medio anual segundo o sexo. España e Galicia
Euros

Percepcións salariais segundo o grupo de poboación ao que pertencen os asalariados. Galicia

Da poboación que recibiu rendas salariais en Galicia, máis de 835 mil galegos recibiron en 2018 só este tipo de rendas. A porcentaxe de asalariados que só reciben rendas salariais supera á do ano 2008 (79,9% fronte a 76,8%). Esta porcentaxe aínda é inferior á do ano 2001 (82%), pero é a porcentaxe máis alta desde 2007.

No ano 2018 un 15,2% da poboación que recibiu algún salario, recibiu tamén unha prestación por desemprego (159.299 persoas), mentres 46.818 persoas recibiron salarios e pensións, e 4.340 recibiron salarios, pensións e prestacións por desemprego no ano 2018. Nos catro grupos a retribución media anual é superior á de 2008.

Retribución anual media procedente de salarios e tipo de retención. Galicia
Euros, porcentaxe

Asalariados segundo o grupo de poboación ao que pertencen. Galicia
Porcentaxe

Asalariados, percepcións salariais e retencións segundo o grupo de poboación. Galicia
Persoas, euros, porcentaxe

Salario medio anual por ramas de actividade. España e Galicia

No ano 2018 o maior salario medio rexístrase no sector das Entidades financeiras e aseguradoras e o menor nos Outros servizos persoais e de ocio. Con respecto a 2017 todos os sectores tiveron crecemento, coa excepción das Entidades financeiras e aseguradoras. Os maiores crecementos rexístranse no sector industrial cun crecemento do salario medio anual do 8%, superior ao crecemento en España (3,7%).

Desde 2013 todos os sectores rexistran crecemento do salario medio anual, tanto en Galicia como en España. Destaca o crecemento na Agricultura, gandería, silvicultura e pesca. Pola contra, tanto os Servizos Sociais como os Servizos ás empresas rexistraron os crecementos máis baixos.

En canto ás diferenzas de nivel no salario medio por sectores, Galicia supera a España no sector Construción e actividades inmobiliarias, nos Servizos sociais e no sector primario (no que o emprego asalariado ten pouca entidade en Galicia). No resto de sectores o salario medio anual é superior en España, e as maiores diferenzas prodúcense en Información e comunicacións e Entidades financeiras e aseguradoras.

Salario medio anual por sectores. España e Galicia
Euros

Salario medio anual por sectores. Galicia
Euros

Salario medio anual por sectores. Ano 2018. España e Galicia
Euros

Lenda dos gráficos; CNAE-2009:

  • 1: Agricultura, gandería, silvicultura e pesca (A)
  • 2: Industria extractiva, enerxía e auga (B, D, E)
  • 3: Industria (C)
  • 4: Construción e actividades inmobiliarias (F, L)
  • 5: Comercio, reparacións e transporte (G, H)
  • 6: Información e comunicacións (J)
  • 7: Entidades financeiras e aseguradoras (K)
  • 8: Servizos ás empresas (N, M)
  • 9: Servizos sociais (P, Q, O)
  • 10: Outros servizos persoais e de ocio (I, R, S)

Asalariados e percepcións salariais por grupos de idade. España e Galicia

Pirámide coa comparación do volume de asalariados e a masa salarial por sexo e grupos de idade. Ano 2018. Galicia
Porcentaxe

Pirámide coa comparación do volume de asalariados e a masa salarial por sexo e grupos de idade. Ano 2018. España
Porcentaxe

Coa representación en forma de pirámide de idades da masa salarial e dos efectivos de asalariados por sexo, preténdese amosar nunha imaxe fixa as diferenzas estruturais demográficas entre Galicia e o conxunto de España na composición da poboación asalariada por idades e sexo e o correspondente reparto da masa salarial entre os grupos de asalariados.


As observarcións máis salientables resúmense nos seguintes puntos:

  • A poboación asalariada galega está máis envellecida que a española. A proporción da poboación asalariada que ten máis de 55 anos supera á media española en un punto porcentual. En contraste, os novos (menores de 36 anos) teñen maior peso en España que en Galicia: un 32% fronte a un 29%.

  • Na poboación nova asalariada (menor de 36 anos) existe unha gran diferenza entre o peso da súa masa salarial e o peso poboacional no conxunto dos asalariados: en Galicia 10 puntos e 11 en España. En Galicia implica que o 29% da poboación asalariada recibe o 19% da masa salarial.

  • No resto de grupos de idade a proporción de masa salarial supera á de poboación, sendo o grupo de 46 a 55 anos o que presenta unha situación máis favorable: o 25% dos asalariados absorben o 30% da masa salarial.

  • Por sexos, no grupo de 36 a 45 anos as mulleres (15% da poboación asalariada) perciben o 13% da masa salarial.

  • Pola contra, no grupo de 46 a 55 anos, os homes (13% da poboación asalariada) perciben o 18% da masa salarial.

Salario medio anual por sexo e grupos de idade. Galicia

Salario medio anual por sexo e grupos de idade. Galicia
Euros

Por idade, obsérvanse dous colectivos claramente diferenciados no seu comportamento: os dous grupos de idade máis novos (ata os 35 anos) experimentan perdas no salario medio anual do ano 2008 ao 2018, sendo particularmente importante no grupo de 18 a 25 anos, cun descenso dun 20%. No outro extremo está o grupo de idade máis alto cun incremento do salario medio do 4,7%. .

Salario medio anual por grupos de idade. Ambos sexos. Galicia
Euros

Por sexo, no período 2008 - 2018, o salario medio, no caso das mulleres, só diminúe no grupo de menor idade. No caso dos homes tamén é inferior no grupo de 25 a 36 anos. O resto de grupos de idade, tanto no caso dos homes como das mulleres, xa recupera os niveis do ano 2008.

Salario medio anual por grupos de idade. Homes. Galicia
Euros

Salario medio anual por grupos de idade. Mulleres. Galicia
Euros

Datos provinciais

Salario medio anual por provincias

O perfil da evolución do salario medio anual é similar nas catro provincias: forte crecemento ata o ano 2008, moderación nos anos 2009 e 2010 e diminución ata o ano 2013, no que o salario medio se estabiliza con lixeiras variacións á alza ou á baixa. Desde 2015 rexístranse crecementos nas catro provincias e no 2018 en todas elas o salario medio medrou máis do 2,9%. A provincia da Coruña rexistra o maior crecemento en 2018 (4,3%).

A Coruña é a única provincia na que o salario medio supera á media galega; séguelle a bastante distancia Pontevedra, sendo os niveis medios de Lugo e Ourense inferiores. No caso de Pontevedra no ano 2001 o salario medio aproximábase moito á media galega (unha diferenza de 189 euros anuais), no ano 2018 a diferenza amplíase ata os 630 euros e a distancia coa Coruña supera os 1.850 euros anuais.

Salario medio anual. Galicia e provincias
Euros

Evolución do salario medio anual. Galicia e provincias
Euros

Evolución do índice do salario medio anual (Ano 2000=100). Galicia e provincias
Euros

Salario medio anual por grupos de idade e por provincias

Da evolución do salario medio anual por grupos de idade en Galicia, España e nas catro provincias destacamos os seguintes puntos:

  • No ano 2018 o salario medio medrou en todas as provincias e grupos de idade.
  • O salario medio en España supera ao de Galicia en todos os grupos de idade, agás no primeiro (de 18 a 25 anos), no que a partir do ano 2008 o salario medio galego é superior ao español.
  • Por provincias, A Coruña supera en salario medio ao longo de todo o período ás outras tres en todos os grupos de idade.
  • Con respecto ao ano 2017, a provincia de Pontevedra é a que evoluciona mellor en todos os grupos de idade, excepto no grupo de 56 a 65, no que Coruña ten un cremenento superior.
  • En termos xerais, o patrón predominante na evolución temporal consiste en que ao redor dos anos 2009 ou 2010 comezan a apreciarse os efectos da crise nos salarios con perdas que afectan con máis intensidade á poboación máis nova. Neste grupo, as perdas no salario medio anual no período 2008-2017, sitúanse en torno ao 20%. Nos anos 2013, 2014 e 2015, agás nos dous primeiros grupos de idade, os salarios moderan a caída e incluso nalgúns grupos obsérvanse incrementos no salario medio anual, como ocorre no último grupo de idade, no que as catro provincias experimentan incrementos entreo o 2% e o 5%. No ano 2016 o crecemento por grupo de idade era xeralizado e en 2018 rexístranse subidas do salario medio en todos os grupos de idade.

Evolución do salario medio anual. Asalariados de 18 a 25 anos. España, Galicia e provincias
Euros

Evolución do salario medio anual. Asalariados de 26 a 35 anos. España, Galicia e provincias
Euros

Evolución do salario medio anual. Asalariados de 36 a 45 anos. España, Galicia e provincias
Euros

Evolución do salario medio anual. Asalariados de 46 a 55 anos. España, Galicia e provincias
Euros

Evolución do salario medio anual. Asalariados de 56 a 65 anos. España, Galicia e provincias
Euros

Tramos de salario. Índice de Gini por sexo e por provincias

A curva de Lorenz amosa graficamente a concentración do ingreso ou da riqueza dun espazo determinado (o máis usual é o conxunto de persoas ou fogares dun país ou rexión). Canto máis cerca esté a curva da recta que une os puntos (0,0) e (100,100), máis igualitaria será a distribución da renda, sendo o caso extremo cando a distribución coincida coa recta, na que todos os individuos percibirían a mesma renda.
Cos datos obxecto de análise, relaciónanse as porcentaxes acumuladas de poboación asalariada coas porcentaxes acumuladas de masa salarial nun ano.

A partir da curva de Lorenz calcúlase o índice de Gini, que proporciona unha medida cuantitativa do grao de concentración dos ingresos (ou da riqueza) dun determinado país, rexión ou grupo social. Este coeficiente varía entre 0 e 1, onde o 0 indica a igualdade máxima e o 1 cando un só individuo acapara todo o ingreso. Polo tanto, este coeficiente permítenos facer comparacións no grao de desigualdade entre os grupos obxecto de estudo e a súa evolución no tempo.

Curva de Lorenz. Ano 2018. España e Galicia

Coa información relativa aos 13 tramos de percepcións anuais por salario, determinados como múltiplos das percepcións mínimas interprofesionais anuais, calcúlase o índice de Gini para ter unha aproximación ao grao de desigualdade no tempo e no ámbito territorial (Galicia e provincias).

En primeiro lugar represéntase a curva de Lorenz de Galicia e de España. A imaxe das dúas curvas superpostas indica que a distribución salarial en España é lixeiramente máis desigual que en Galicia.

Se comenzamos polos salarios máis baixos, vese que en Galicia hai un 30% da poboación asalariada que percibe un 7% da masa salarial (en España o 33% dos asalariados percibe o 8% das rendas) e que o 66% absorbe o 36% dos salarios en Galicia, e en España o 64% dos asalariados o 32% da masa salarial.

Se nos situamos nas rendas salariais máis elevadas, en Galicia un 11% dos asalariados reciben o 31% da masa salarial, en cambio en España un 13% dos asalariados recibe o 38% dos salarios totais.

As rendas salariais están máis concentradas en España que en Galicia, é dicir, a distribución do ingreso é menos desigual na nosa Comunidade autónoma.

Como se deduce do gráfico no que se representa o índice de Gini referido ao ano 2018, a desigualdade nos ingresos por salarios, é maior nas mulleres que nos homes nas catro provincias, sendo Lugo a que rexistra a diferenza máis elevada. Ou dito doutro xeito, as diferenzas salariais son máis elevadas nas mulleres asalariadas que nos homes asalariados.

Por provincias o maior grao de desigualdade rexístrase nas provincias de A Coruña e Pontevedra e o menor en Lugo.

En canto á evolución temporal, o grao de desigualdade diminúe no ano 2018, continuando a tendencia mostrada en 2017.

Índice de Gini segundo o sexo. Ano 2018. Provincias

Evolución do índice de Gini en Galicia.

Definicións, fontes e máis información

Definicións

Descarga de datos

Fontes de información

Axencia Tributaria. Mercado de Trabajo y Pensiones en las fuentes tributarias


Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal.
Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies
     De acordo
Compartir: